Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

Amosando publicacións coa etiqueta A buen paso. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta A buen paso. Amosar todas as publicacións

31/03/19

Los días felices

Tiven moita sorte: unha persoa especial agasalloume un libro ben especial: Los días felices de Bernat Cormand (autor que xa me manorou con El niño perfecto) publicado por A Buen Paso. Un álbum con dous protagonistas, dous nenos, que encontran o un no outro o compañeiro ideal; hai amor, amor inocente, o primeiro amor. Ata que chega a marcha, o abandono, a dor. E a ledicia das lembranzas, a importancia que estas posúen. Falar das características deste amor con suavidade, cunha ilustracións delicadas nas que non caben ningún tipo de estridencias cromáticas, está tan ben conseguido que o álbum nos envolve e recolle no seu seo. E nese seo o lectorado atopa as respostas do respecto. Do Amor.


04/11/17

Postales para un año

En A buen paso topamos esta preciosidade de Giusi Quarenghi e Anna Castagnoli que baixo o título Postales para un año ofrécenos unha colección de momentos que comenzan na primavera, cun cheiro doce e agradable para pasar á calor do verán co mar de fondo e á sega no outono coas súas cores douradas que volve a traernos o frío e a choiva para pasar ao inverno, un inverno frío onde procurar a lúa entre as nubes. Postais que falan de estacións pero tamén de sentimentos, un libro que se poder "trocear" para repartir, mesmo para franquear, porque soñar é máis doado se viaxa connosco unha postal que contén un par de versos e que nos convidar a ler e a escribir. Sobre todo, a soñar.

19/05/17

Dorothy. Déjale entrar

En A buen paso sorprendente álbum de Javier Sáez Castán e Pablo Auladell: Dorothy. Déjale entrar (Premio Concurso Internacional de Álbum Ilustrado Biblioteca Insular de Gran Canaria en 2016) abráianos en cada nova páxina polo surrealismo da historia e o realismo das ilustracións, que confunden ao lectorado e que ao mesmo tempo divirte e nos transporta a un mundo onde as referencias literarias e cinematográficas son tan importantes que levan a historia ás súas páxinas. Son dous puntos de vista ante unha mesma circunstancia, pero son antagónicos, tanto que mentres lemos non intuímos cal pode ser o desenlace.



08/05/17

Un día perfecto

Como é o día perfecto? Nada máis sinxelo para sabelo que abrir as páxinas deste que nos propón a editorial A buen paso: Jennifer Yerkes ten claro cal é o seu: Un día perfecto é unha sinfonía de verán, tormenta incluída. E é que este álbum, dirixido a un lectorado moi pequeno posto que está editado en todas as súas páxinas para ser manipulado por eles, con cartón duro, estimula o goce da música e o sabor do verán, repetindo sons e voces.


 

04/04/16

El vuelo de la familia Knitter

Guia Risari e Anna Castagnoli son as autoras deste precioso e máxico álbum que publica A buen paso: El vuelo de la familia Knitter lembra os relatos orais onde o onírico mestúrase co real para facernos voar canda os seus personaxes. A fantasía como reclamo e como clave dun relato magnífico onde a esencia da liberdade é a protagonista absoluta e onde nos replantearemos se paga a pena aquilo que semella o cotiá e o seguro ou aquilo que nos sorprende e que non saberemos valorar ata rematalo. As ilustracións evocan precisamente ese anhelo de voar que todas e todos gardamos no noso interior, sendo case etéreas, deixándonos esvarar sobre elas con dozura e guiándonos por unha viaxe feliz cara ao descoñecido, é dicir, cara á aventura. E quizais, quizais tan só, poidamos saber o final. Porque o final das vidas nunca é coñecido. Quizais.




03/04/16

Una historia verdadera (el cuento de los guisantes)


Juan Arjona pon o texto e Rocío Araya as ilustracións para este relato que semella un conto de fadas ou un un relato que vén do máis estrito espírito do realismo máxico para contarnos unha excelsa historia de amor en Una historia verdadera. El cuento de los guisantes que publica A buen paso. O amor todo o pode, aínda que se produza entre dúas persoas tan diferentes como as protagonistas deste álbum, onde un voa e a outra permanece sentada, pero será quen poida salvar dos perigos só por amor á outra persoa.


02/04/16

Un jardín

Isidro Ferrer e Maria José Ferrada son os autores deste fantástico traballo que se converte nun álbum ilustrado despregable que vén de publicar A buen paso: Un jardín é un libro co que mergullarnos na natureza; co formato que presenta, podemos ir descubrindo a un tempo ilustración e texto, e observaremos un escenario natural cheo de pólas, follas, flores e animais. O resto é poesía. Porque o noso protagonista convértese cada noite en cada un dos seres que poboan ese xardín. E con estas transformacións, aprenderao todo. Porque a vida é un continuo percorrido que nunca para, ata o final contundente.

 




Por las mañanas el señor Wakagi
era solo un señor.
Pero por las noches
era todos los seres
que habitaban su sueño.

24/01/16

Ya. Nunca

Un deses libros que te namoran a primeira vista é este Ya.Nunca de Grassa Toro e Cecilia Moreno publicado por A buen paso. A primeira vista, porque a propia portada ofrece unha primeira intriga, unha simetría nunha ampla ventá dentro dunha casa que ten as chemineas a todo gas e cun título ben curioso, dous adverbios de tempo antagónicos. Ao abrir os libros, xogo de tipografías: os adverbios do título destacan en negriña e en tamaño, ademais de seren maiúsculas, e unha primeira contradición: NUNCA NACERÉ. Como é posible. No medio, separando da próxima páxina, outro xogo do papel, unhas ramas e unha silueta calada. Así pois, a primeira páxina atrápanos irremediablemente nun seu xogo particular: preguntas eternas, misteriosas, que nos convidan a reflexionar, a pensar, a seguir adiante neste libro que se fixo connosco. Un libro que prosegue en todas as súas páxinas utilizando estas dúas palabra (alternando os tempos verbais segundo sexa unha ou outra) e o xogo das ilustracións coa súa superposición de imaxes. Un libro que é coma un poema.
Un poema que namora.







21/01/16

El árbol de las cosas

María José Ferrada e Miguel Pang Ly publican en A buen paso El árbol de las cosas fala daqueles misterios que nos fan a vida máis fermosa. Nun xardín hai unha árbore tan, tan especial que é a árbore da vida, onde florecen nubes, estrelas, peixes e cousas únicas, estrañas. Porén, todo isto desaparece na primavera. E todo é maxia, vida. Aínda que non topemos sempre as respostas.
Fermoso e poético texto. Líricas ilustracións.


18/01/16

El río de los cocodrilos

En A buen paso podemos atopar este libro de Gustavo Roldán, El río de los cocodrilos, un divertido e intelixente pequeno álbum onde o ser humano se enfronta á lóxica máis ca apabullante dos animais e o seu hábitan natural, neste caso un río e uns crocodilos. E é que o que parece un absurdo argumento -un home que merca un río e pretende "colonizalo"- pode chegar a ser unha realidade máis que comprobada. Así que si, un libro que semella pequeno e sinxelo pero contén unha verdade natural e ben clara -o respecto pola natureza e quen a poboa-, chea de enxeño e humor, cunha crítica velada ao poder e aos cartos. Mesmo podemos falar da defensa da dignidade, neste caso dos animais. Son os humanos os que se sobrevaloran a si mesmos e ao seu poder.
As ilustracións rebordan expresividade dentro da súa sinxeleza. 



21/12/15

El deshielo


 Gustoume esta nova proposta que nos fai a editorial A buen paso: El deshielo de Riki Blanco fala, ante todo, de Paz, o que o converte nun libro moi axeitado para traballar nas aula o próximo 30 de xaneiro, Día da Paz. Este álbum sobre o sensentido da guerra e a solución pacífica dos conflitos pode dar moito xogo, xa que fala, ante todo, de sentido común. E este leva aos habitantes das dúas vilas enfrontadas no libro a rematar cunha inimizade que nin sequera se sabía de onde viña. E é que ao final, todos e todas somos ben parecidos... Outra cousa serán os reis, que andan "á súa bola" diario.
As ilustracións, do mesmo autor,  son detallistas, evocadoras, humorísticas, delicadas: constrúen escenas cinematográficas en cada páxina que foxen da crueldade da violencia para evocala; moi acaídas para este álbum que nos dará, seguro, moito xogo.

28/05/15

Buñuelos de Huracán


Publica a editorial A buen paso este orixinal álbum de Pep Bruno e Carla Besora con formato apaixado -como unha caixa de bombóns- e historia maxinaria: Buñuelos de Huracán é a historia dunha pasteleira que posúe o segredo dunha receita ben especial, uns buñuelos que poden transportar a quen os coma a un lugar ao que sempre se quixo ir para topar a felicidade.  O libro ten un pequeno texto ao comezo e ao final, mentres que o resto pousa a súa forza nas ilustracións: son elas as que nos levan pola man ao onírico, a forza dos soños sobre a realidade e a meta para alcanzalos.




10/05/15

Desde los ojos de Lucas

Sorprendente álbum de Juan Carlos Quezadas e Arianna Vairo que publica A buen paso: Desde los ojos de Lucas. Nun principio, o lector/a tende a pensar que se o argumento é futbolístico, mal imos. Logo, a volta é de 180 graos e o autor sorpréndenos cun segredo que se nos mantivera oculto e que convirte o libro nun álbum ben especial. E con este segredo a revelación da forza da palabra, esa que dá vida e forma á nosa autoconsciencia, a que nos permite identificarnos como ser humanos e que nos afasta dos outros mamíferos: esa que nos permite unha comunicación de pensamento. Desde los ojos de Lucas fala do poder da palabra, da fabulación, do relato oral. De como esta pode infrinxir e rachar a soidade. De como esta ten unha fouteza que permanece invicta.

02/05/15

Con el ojo de la i


Agardando a visita de Mar Benegas, chego a este seu último libro que publica A buen paso: Con el ojo de la i, onde novamente desprega as súas dotes poéticas de xogo infantil para ofrecernos un divertido percorrido polo mundo das letras. Imposible non aceptar entrar neste mundo ao que nos convida a autora. Aínda que o libro nos ofreza unha viaxe, dános igual permanecer na casa: quen nela queda tamén pode participar; dende logo, para quen vaia de viaxe esta será máis curta, doada e pracenteira: as palabras cobran forma, vida, enigmas, trábanse, agochánse, míranse ao espello, desparecen... Cada lector/a será un detective na procura de novos significados, poderá utilizar o libro cun lapis, deberá recitar e mesmo pórse a proba. De todo hai!
O libro está estruturado en varias partes. Unha primeira -"Viajeros al tren"- na que atopamos xogos visuais; na segunda -"Lenguajes secretos y otros misterios en los vagones"-  resolveremos misterios e claves secretas; na terceira -"Cambio de vías, trinos, trabalenguas y otros traqueteos"- teremos trabatempos para que o tempo non nos pareza interminable; a cuarta xa é o despiporre... con este nome, que poderemos agardar?: "¿Hablamos can las vacalas?"; pero todo o bo remata e nesta parte teremos que estar ben atentos para non errar: "Canciones para elegir quién se levanta por el zumo".
Un libro de poesía. Un libro de xogos. Un libro de imaxes. Un libro de descubrimentos. As palabras agochan imaxes. As imaxes agochan palabras. Cantas cousas agocha este libro?
As ilustracións de Olga Capdevila son compañía perfecta nesta viaxe detectivesca arredor da palabra imaxinativa.

01/05/15

Tienes un vestido blanco

 Publica a editorial A buen paso este curioso libro de María José Ferrada e Arianne Faber: Tienes un vestido blanco ten como protagonista o vestido dunha nena, como ben indica o título, un vestido ben especial porque a súa brancura permitirá que por el se desenvolvan moitas posibilidades do universo e do xogo infantil. Este vestido recolle o que a nena toca e o que a nena ve, pero tamén o que a nena maxina. E así, o vestido semella converterse nun mapamundi de posibilidades e descubrimentos do que nos rodea.
De fondo branco, a ilustración é sinxela e redúcese ao esencial, utilizando a cor naquelas páxinas que o precisan, medindo a súa utilización; pero a ilustración é valorada de xeito que moitas das páxinas non conteñen palabras para vermos a transformación que o vestido vai dixerindo segundo os acontecementos. O que non resta o valor da maxia e da ledicia infantil que o libro consegue transmitir facilmente.






18/01/15

Burro (el origen)


Juan Arjona e Luciano Lozano son os responsables deste delicioso álbum chamado Burro (el origen) publicado por A buen paso. Un libro que xoga co conto da "ratiña presumida" cunha graza inesquecible. Resulta ben simpático maxinar un burro disfrazado de diferentes animais, mesmo de formiga. Asemade, é un libro que conta cun heroe, con encantamentos e con aventuras. Un burro que se transforma, pasando de ser un personaxe amargado a ser un un animal cheo de virtudes e potencia. E converterase nun heroe silencioso.
As ilustracións son, tamén, graciosas, coloristas, acompañando perfectamente un texto fresco que nos agasalla un contundente final: “…cuando la cosa rebuzna mal, miramos hacia el horizonte esperando a que [Burro] aparezca”.


27/11/14

El libro de la suerte


Publicado por A buen paso este orixinal álbum de Sergio Lairla con ilustracións de Ana G. Lartitegui, El libro de la suerte é un álbum dobre porque podemos comezalo por diante ou por atrás; por un lado temos a historia do señor Buenaventura, un nome que dá idea do personaxe que imos topar, unha persoa ordeada e que toma a vida con optimismo, a quen lle van saíndo as cousas ben. Por outro lado temos ao señor Malapata; o nome non deixa lugar a dúbidas: sempre lle sae todo mal e sempre vive de mal humor, enfróntase a todo e a todos.
O curiosos é que viven no mesmo edificio, aínda que non se coñecen. E aínda máis curioso será que marcharán de vacacións ao mesmo lugar. Claro está: vivirán semellantes situacións pero antitéticas, con diferentes puntos de vista e sen saber canto comparten. 
E haberá que estar atento ás ilustracións, un prodixio de detallismo que nos pasean dunha historia a outra, dunha vida a outra. Xa dende a portada e a contraportada, sexa cal sexa unha ou a outra.
Sabemos botar a vista atrás e aprendermos?

05/11/14

Rasabadú

Outro pequeno álbum que publicou ultimamente a editorial A buen paso é este Rasabadú de Édgar Omar Avilés con ilustracións de Cristina Sitja Rubio: unha proposta totalmente orixinal que non deixa indiferente onde o protagonista é origami, é dicir, un dragón feito de papel esquecido nunha adega e na que convive con bechos varios. Pero... quen é en realidade este dragón de papel? Un ser cheo de dúbidas que se busca a si mesmo mentres as ilustracións nos fascinan completamente. Un libro que dá moito de si.

04/11/14

El intruso

Pequeno álbum ilustrado de Pablo Albo con ilustracións de Cristina Sitja Rubio que vén de publicar a editorial A buen paso: El intruso fala de medos e obsesións e chega a facerse case ata claustrofóbico na historia dun neno que contempla como o seu cuarto está "ocupado" por un xoguete que non se sabe de onde saíu e que non hai xeito de tirar de alí. Tanto poder ten este xoguete que chega a facerse amigo dos outros xoguetes e ocupa todas as ilustracións, mentres que ao neno, quen conta a historia, nin o vemos. Existe un claro contraste entre este texto -que nos leva case por camiños malditos- e as ilustracións, cheas de cor e ledicia. A quen debemos facer caso? 
Unha reflexión sobre o lugar que ocupamos.




03/10/14

Los cinco desastres



??????????



Publica A buen paso este gran álbum de Beatrice Alemagna Los cinco desastres. Un álbum que a pesar do seu tamaño ten pouco texto, aínda que este é ben suxestivo, e unhas ilustracións divertidas e atractivas. Son cinco personaxes desastrosos os que conviven baixo unha tea de sensación incómoda: aquela que apunta que non serven para nada. E é que son un desastre! E aí chega un novo personaxe, aquel que resulta perfecto, aquel que vén para lles indicar que como poden vviir así. Pero en lugar de admitilo, de tentar cambiar, que sería o esperado, os cinco personaxes percátanse de todas as súas cualidades, de que non lles cómpre nada máis.
Porque ninguén é perfecto. 
Porque ninguén é un desastre.
Porque temos que respectar as diferenzas. 
Porque debemos aprender a valorar aos demais.
A palabra clave: Aceptación.




Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.