Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

Amosando publicacións coa etiqueta Destino. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Destino. Amosar todas as publicacións

14/04/21

El lunes nos querrán


 G
ustoume moito esta proposta de Najat El Hachmi, Premio Nadal 2021 que publica Destino: El lunes nos querrán é unha longa carta que a protagonista dirixe á súa mellor amiga, unha carta que de xeito retrospectivo volve á adolescencia, a unha época de sufrimento pola educación recibida e pola cultura e relixión na que se crían. A procura da liberdade e o desexo de rachar coas tradicións que as converten en persoas de segunda, polo feito de seren mulleres, é o eixo sobre o que xira a historia. Unha historia que marca un abismo entre as posibilidades que ten calquera outra moza da súa idade e a delas. Aínda que nos enmarca nunha determinada cultura e relixión, o relato da discriminación de xénero ocupa toda a novela, xa que feminismo e identidade son os grandes temas argumentais que nos levarán a un desasosego profundo a medida que pasamos as páxinas e que comprobamos as dificultades polas que deben pasar as mulleres para loitar polo seu destino e para loitar asemade contra un sentimento de culpa que chega a ser tan grande como o anceio de liberdade.

Un libro que nos marca e que nos leva a reflexionar e caer na conta de que as mulleres non só son mulleres que loitan senón que a raza, a cultura ou a relixión poñen moitas máis pedras no camiño da igualdade. E isto indígnanos dobremente. De feito, a identidade da protagonista non é descuberta ata o final, porque o anonimato das mulleres é un xeito de facelas desaparecer


13/08/20

El cuarto mono - La quinta víctima - La sexta trampa

 



Recoñezo que o primeiro tomo non me encantou porque me resultou demasiado atroz pero o segundo e o terceiro papeinos, literalmente. De aí que fale xa dos tres ao mesmo tempo, xa que lin os tres seguidos sen interrupción. E que é imposible dividilos, posto que forman parte dun todo. Un totum revolutum que deseguida iremos comprendendo, a pesar das reviravoltas que dá a trama. Os tres libros caracterízanse pola acción trepidante, que nos sitúa durante toda a lectura nunha carreira contrarreloxo, xa que está sementada de xirons inesperados que mesmo conseguen sementar dúbidas na nosa mente do propio protagonista. Consegue despistarnos, ao mesmo tempo que engancharnos. Asemade, a acción contra cun revulsivo: o diario de Bishpo (este personaxe metéuseme de tal xeito que soñei con el e a súa crueldade) que é ao mesmo tempo un anecdotario dunha cámara dos horrores. Cada un destes libros ten as súas 600 páxinas -máis ou menos- que non chegan a nada porque a lectura semella unha dose de pílulas que enganchan como a mellor droga. Estas pílulas confunden, estrañan, desatinan e volven a conformar a opinión que tiñas formada. Todo vai cobrando sentido ata un final que é aínda máis incrible e crible porque non podía ser outro. É un final perfecto porque nada era o que parecía.



19/04/20

Las chicas de negro

Collín este libro sen saber moi ben por que, pero a verdade é que a súa lectura non só foi amena e entretida, senón que foi tan lene que nin me percataba do doado que era pasar as páxinas. Las chicas de negro de Madeleine St John, publicado por Destino, non é un libro que permanecerá na memoria, non é deses libros que deixan pegada nin que recomendas encarecidamente, pero resultoume unha lectura agradable que me sorprendeu porque está ben escrita e porque nos retrotrae a un tempo pasado que nos resulta tremedamente afastado e a un lugar tan descoñecido como Sidney. Un libro cun encanto especial, simple e eficaz para a evasión.

11/03/20

Si esto es una mujer

Un libro de doada lectura e que comeza unha nova saga, da man de Lorenzo Silva e Noemí Trujillo: Si esto es una mujer, publicada por Destino. O libro é unha exposición do sometemos das mulleres que sofren trata e escravitude sexual, a degradación e o deterioro total das humanas. Aínda que non é ningunha obra mestra, xa que falla en ocasións o ritmo e o gancho, pero é interesante polo argumento. Agardaremos tamén que da de si a inspectora Mauri, que nos ofece unha perspectiva interesante como protagonista, xa que non cae ben porque semella que vai de ególatra e de ser superior pola vida, pero creo que pode ser interesanta. A ver como evoluciona.
En fin, un libro que pode pasar desapercibido e que non enche.


28/10/19

El despertar de las musas

 Un agasallo que recibín este domingo pasado:

Beatriz Luengo escribe en El despertar de las musas de mulleres empoderadas que creron en si mesmas, realiza biografías de mulleres que tiveron capacidades que non lles quixeron recoñecer polo mero feito de ser mulleres. Biografías curiosas que veñen acompañadas por poemas e reflexións da autora sobre cada unha delas. A intención é, asemade, amosar como as mulleres debemos tirar todos eses muros que seguen a construírnos arredor nosa.
Publicado por Destino.

10/03/18

Cuentos de buenas noches para niñas rebeldes 2

Xa falaramos da primeira parte deste libro que tanto nos gustara no seu momento. Agora sae unha segunda parte, tamén en Destino, Cuentos de buenas noches para niñas rebeldes 2, cen novas historias de mulleres que cambiaron o undo da man de Elena Favilli e Francesca Cavallo. Beyoncé, J.K. Rowling, Madonna, Chimamanda Ngozi Adichie o Carmen Amaya son algúns nomes que trae este volume como símbolo de empoderamento e loita pola igualdade, nomes de mulleres que foron suxeridos por lectorado do primeiro volume, persoas que desexan coñecer historias de mulleres que deberon ser valentes para facerse un oco a carón dos homes. 
E de novo contamos con retratos destas mulleres realizados polas mellores artistas.


03/09/17

Cuentos de buenas noches para niñas rebeldes

Proliferan ultimamente estes libros que nos traen historias de mulleres, ás veces esquecidas, ás veces ocultadas, coma este do que hoxe falamos: Cuentos de buenas noches para niñas rebeldes. 100 historias de mujeres extraordinarias, publicado pola editorial Destino, de Elena Favilli e Francesca Cavallo. Este ten a peculiaridade de que en cada páxina, xunto cunha ilustración, a pequena biografía de cada muller está pensada como un conto tradicional, cun "había unha vez" e en lugar de princesas e trasnos temos unha historia real dunha muller que destacou nalgún ámbito. Unha biografía curta, pensada para ler antes de durmir, e para que nenos e nenas vaian coñecendo estes nomes que son importantes para a Historia da Humanindade pero que non sempre aparecen nos libros de Historia. Mulleres que non agardaron a que ninguén realizase os seus soños por elas, senón que tomaron a iniciativa e loitaron contra os estereotipos de xénero para cambiar a Historia.
100 mulleres valentes ilustradas por 60 artistas de todo o mundo. Un libro precioso.



09/08/14

Los cuerpos extraños



Foi tal insistencia da miña irmá que sucumbín. E non me arrepinto, claro está. Lorenzo Silva traza en Los cuerpos extraños publicado por Destino un ronsel de corruptelas políticas moi español e por desgrazas moi actual. Home, aquí chegan ata o homicidio, pero coido que pouco nos faltará, visto o visto. A degradación da política española é tal que nada pode sorprendernos xa. Por se quedaba algunha dúbida, o autor lévanos ao Levante español. Aí é nada. Así que esta novela podería ser un telexornal de varios días seguidos que tivese ao pobre camiñante español atado a unha televisión que tenta adozar un pouco tanta corrupción que nos rodea. Pero Lorenzo Silva decide atacala e solventala, o que non sei se xa é verídico. Cando menos, é reconfortante. E esperanzador.
O protagonista cada vez cae mellor. Dános unha idea -agardo que veraz- de como funciona a garda civil, a súa xerarquía e a súas relacións co poder xudicial. Reflexiona, escoita música, le... É un personaxe tranquilo que agrada, como agrada a súa acompañante que nesta entrega descobre un aspecto persoal importante. Agradan as súas maneiras e as súas reflexións. Agrada a súa humanidade. Quizais mesmo a súa "sapiencia".
Lemos unha novela negra, lemos unha novela realista, lemos unha novela estruturada temporalmente no ano 2013, é dicir, lemos unha novela actual. E percatámonos de que estes dous personaxes protagonistas van formando parte dunha nosa vida que reflicte a situación actual. E que van dándonos datos, asemade, da súa individualidade. Por iso a novela convértese nunha especie de espello -virtual- dunha sociedade analizada dende o punto de vista do autor. Un xeito de narrar que nos atrapa como nunca. Non sei se esta é a súa mellor entrega, pero é das mellores. Para min, moito máis cá anterior, aínda que recoñezo os meus prexuízos cara ao premio Planeta: non o podo negar.
Na novela fálannos dun libro que agarda nos meus andeis: Limonov, de Emmanuel Carrere. Agora aínda teño máis ganas de lelo. A ver cando toca.
Tamén se menciona ao noso querido German Coppini. Así que non hai nada mellor que escoitalo como tamén fai o protagonista:



El mejor momento no existe, criatura. La vida es ahora, siempre.

03/11/13

Lo que esconde tu nombre

Puntual coma sempre, Carme recoméndanos unha lectura que lin no seu momento. A ver se coincidimos!




De actualidade, por ser a recente gañadora do premio literario máis mediático, Clara Sánchez obtivo o Nadal no 2010 por Lo que esconde tu nombre (Destino). Unha novela escrita cun estilo espontáneo e fluído na que  coñecemos a Julián, quen adica toda a súa enerxía  a vingar o horror sufrido por el e milleiros de persoas máis nos campos de concentración nazis. Ese é o obxectivo que o leva desde a súa residencia na  Arxentina ata a Costa Azul, onde se lle aparecen, ás veces sen buscalo, distintas pantasmas do pasado.
                Neste camiño atopa a Sandra, quen, sen querelo, se verá envolta nun sarillo moi perigoso que acabará por permitirlle ordenar unha vida sen rumbo . Estas son as dúas voces que se alternan na novela, descubríndonos toda unha galería de personaxes, nos que sobresae os Christensen, matrimonio noruegués que acolle a moza na súa casa e  que tras a súa aparente docilidade, agochan verdades atroces que dan arrepíos só de pensar que traspasan a ficción.
                Mais, a pesar de ser unha lectura entretida pola acción e intriga, atopamos algúns “peros”, como a pouca distancia entre os dous discursos narrativos , algo que non resulta crible se temos en conta que un corresponde a un ancián de máis de oitenta anos e outro, a unha moza de trinta. Tamén se bota de menos un maior trazado psicolóxico dalgúns dos personaxes máis sinistros e información sobre a súa historia ata chegar ao Levante, ou as reunións secretas e a xerarquía que había nelas, aínda que isto implicaría cambios na estrutura narrativa da novela.
                Recomendable.

Salí del lugar prohibido con el corazón a mil por hora y dejé la puerta como la había encontrado. Fred seguía hablando solo y no se oía a Karin. Me metí en le servicio, oriné, tiré de la cadena y me lavé las manos. Y casi pegué un grito al abrir la puerta y encontrarme con Karin frente a frente.
-¿Te encuentras bien?
-Sí, muy bien-contesté extrañada.
-He retirado la tetera del fuego –dijo-, no paraba de pitar.
-El tiempo pasa volando, ¿verdad?-dije como explicación.
                La puerta de la salita continuaba como yo la había dejado, Karin no parecía haber reparado en ella y no la había cerrado.” (páx. 284)

29/07/12

Yo confieso

A pesar de que mo deixaron hai meses, tíñao "aparcado" por mor do seu grosor: preto das 900 páxinas tiraban para atrás (xa me parezo ao meu alumnado). Pero, finalmente, devoreino en pouco tempo. Jaume Cabré realiza en Yo confieso -publicado por Destino- unha filigrana literaria de mestura de tempos, accións, sentimentos e amor á cultura, todo isto nun mesmo parágrafo ou na mesma liña.
Se o personaxe central é Adrià, ao seu carón hai un centor de personaxes que xiran arredor da orixe dun violín moi especial, o storioni: o madereiro que sabe elixir a madeira que canta, o construtor que lle dá nome, as persoas polas que o obteñen... cidades diferentes, co nazismo de fondo, van completando a novela, unha lectura que precisa unha boa dose de concentración e que facilita unha gran dose de pracer literario.
E que hai no fondo?: a procura do mal. Poderemos entender toda a maldade das guerras, do nazismo na súa crueldade máis suprema, da guerra civil e posterior ditadura, da insaciabilidade do ser humano por posuír canto máis mellor? Pois nesta procura leremos da man de Cabré unha parte da historia europea da humanidade.
Veredes que na novela hai de todo, ademais dun traballo de documentación excepcional: humor, paixón, amor, cultura, historia, lingua... Pero se ata temos versos de Rosalía de Castro nas súas páxinas!!!
Non perdades a oportunidade de lelo. Se estades de vacacións, é o momento ideal. Coido que non vos defraudará!


16/08/11

Donde nadie te encuentre

Premio Nadal 2011, Donde nadie te encuentre de Alicia Giménez Bartlett, publicado por Destino, levoume, casualmente, por terras que coñecín hai unhas semanas, sobre todo o fermoso lugar de Norella.
Unha moi interesante novela sobre o mundo dos maquis, ben documentada, que nos achega a vida da moi famosa Pastora. Terribles momentos, terribles vidas, terrible desolación a dun país que vive ferido despois dunha guerra civil, a máis cruenta de todas as guerras, esa que enfronta irmáns e que tira o peor dos seres humanos.
O libro leva o lector da man polas zonas máis rurais de Castelló, pero asemade realiza un estudo psicolóxico dos personaxes, das feridas sen cicatrizar, da amizade e do desterro dos idealismos. Nada é o que parece e todos temos un prezo, por moito que custe admitilo. Porque o terror, o medo, e as ganas de vivir son independentes. Porque nunca saberemos quen somos se non temos que vivir en situacións estremas. Cinismo e indignación van da man, cada un cun personaxe detrás; eses que son os inventados pola autora, posto que a vida de Florencio, ou de Teresa, foi real, e resultaranos máis que interesante. Sendo como é a metada do libro que temos nas mans.
É un libro doado de ler, absorbente, atractivo. Un libro que trata con tenrura e sensibilidade a persoas desfavorecidas pero que, por riba de todo, tenta ser xusto con todas as miserias do ser humano, porque precisamente o feito de ser humano implica todo tipo de reaccións, de baixezas morais pero tamén de grandezas. Un libro de contrarios que acaban achegándose. Unha novela de acción e reflexión.


24/06/11

¿Dónde está güelita Queta?


A editorial Destino tráenos este álbum ilustrado, gañador do Premio Destino Infantil no 2010, para falar da morte: ¿Dónde está güelita Queta?; os autores son Nahir Gutiérrez e Álex Omist. Xa temos falado doutros álbums que tentan achegar este delicado tema aos máis pequen@s. Neste caso a perda á que se enfronta o neno é a da avoa, unha avoa que segue a estar aí porque sempre que se pense nela estará connosco. Con moita tenrura e con ilustracións sinxelas conséguese comunicar a perda dun ser querido como algo natural que non debe ateigarnos de tristura posto que o máis importante é levar esa perda dentro dun.


10/06/10

Lo que esconde tu nombre

Clara Sánchez gañou o Premio Nadal 2010 con esta novela, Lo que esconde tu nombre. Unha lectura que engancha desde a primeira páxina ata a última, e cando chegas a esta, sentes que remate, porque é moi entretida. Non é a novela da túa vida, está claro, non é sequera unha novela inesquecible que deixará un pouso na nosas vidas. Non. É unha novela amena, ben escrita, que mantén ata o final o desexo de seguir e de saber máis, aínda que cando remata un séntese un pouco estafado por algunha que outra obviedade e un xeito de finalizar un tanto etéreo.
Dun tema moi, moi trillado, o nazismo, a autora consegue darlle unha volta e presentarnos uns nazis xa maiores, vivindo tranquilamente na costa española os seus últimos días, sen deixar de ser quen son, ante todo. Quizais sexa un tema manido, pero faise aquí orixinal precisamente por ese cambio de terzo. Moi novelesca, demasiado, se se pode empregar esta palabra cando se fala dunha novela. Pero é a sensación coa que rematei o libro, e non podo deixar de plasmala. Creo que sobre todo o final, como moi apresurado, resta "pulcritude" á novela.
Vós diredes, se a ledes, a vosa opinión. Mª Luz, onde estás?????

27/05/10

Las aventuras de un libro vagabundo

Se es editor, lector, amante dos libros... tes que ler esta novela. Un libro que nos conta a súa vida! Paul Desalmand achéganos en Las aventuras de un libro vagabundo unha deliciosa reflexión sobre o mundo da lectura e do libro, proporcionando ademais unha ollada diferente a ese obxecto que ás veces é considerado tan só como un conxunto de páxinas. Ao rematar a lectura, eses libros que ocupan os vosos andeis, serán un pouquiño máis persoas.
Coa ternura dun neno que vai medrando, o libro, protagonista, relata a súa autobiografía, como foi fabricado, como permaneceu nun almacén temendo ser devorado polos ratos, o seu paso polas librarías, quen os comprou, como o tratan, ata como é ferido e abandonado. E todo iso cun ton amable, divertido, filosoficamente sereno.
Se aínda non amabas a lectura, despois deste achádego, faralo.
Detalles curiosos: odia ter un código de barras porque séntese como un "camembert". Interesantes conversas entre libros. Observadores de axetreos humanos. Crítica de consumismos absurdos. Aprecio pola cultura.
Todo isto e máis nesta novela, curta, que vos encantará.
Editada por Destino.

15/03/10

La estrategia del agua

Hai escritores que deixan unha pegada indeleble cando un ten a honra de os tratar. Así me pasou a min con Lorenzo Silva, quen volve -e como!- con Bevilacqua e Chamorro en La estrategia del agua. Non poderei esquecer xamais aquela tarde en que nos visitou, a biblioteca chea, a ledicia compartida, os nervios, a ilusión, a posterior satisfacción da charla mantida... Non houbo unha soa fenda de desencanto, e iso é o que máis me (nos) marcou. Ademais, o meu fillo tivo este ano a mesma impresión.
Así que tan pronto souben que volvía, ataquei o libro. Agobiada, en plena época de exames, non puiden parar ata que rematei. Encantoume. Non son obxectiva, seino, pero creo que é un dos seus mellores libros. Rabiosamente actual, con chiscadelas á contemporaneidade que vivimos, con discursos vixentes... non aburre un só segundo. Desde o fermoso título que o acompaña ata a crítica ao sistema xudicial, a ruindade deixa paso á esperanza. Porque nunha sociedade depravada, onde as persoas poden moitas veces xogar ao seu antollo cos sentimentos dos demais, amparándose en leis que non funcionan, pelexan seres íntegros que buscan a verdade e que teñen a honestinade como bandeira e como estímulo. Nada está perdido se prevalece a verdade. Nada actual foxe das súas liñas: dende o ensino da ESO ata o cine, a lectura, a crise, o engano... Nada é o que semella. Podemos os seres humanos adaptar a estratexia da auga e como ela amoldarnos ás diferentes situacións?
Non sei se coñecedes o autor. Non sei se debo recomendarvos que, de non telo lido, comecedes pola primeira historia destes investigadores. Sei, si, que vos certifico que este libro non vos vai defraudar.

Lorenzo Silva. La estrategia del agua. from Culturamas on Vimeo.




14/12/09

Lo que el día debe a la noche

Rematei o libro con bágoas nos ollos. O amor, a guerra, a madurez, o rancor, a soidade, a amizade, a violencia, o extremismo, a opresión... todos os sentimentos teñen cabida neste fermoso libro mentres contemplamos (e aprendemos) a historia de Arxelia, o colonialismo e a independencia. Pero que non podes agardar dun título tan fermoso? Lo que el día debe a la noche de Yasmina Khadra engancha desde a primeira ata a última liña sen esmorecer un só parágrafo. É un libro conmovedor e melancólico, ben contado, que mantén o interese do lector en todo momento, envolvéndoo coas súas imaxes precisas.
Lo que el día debe a la noche é un relato que segue paralelo dúas historias, a do protagonista e a do seu país, nunha dobre relación de amor e confusión pola súa natureza e a súa educación. Porque a vida é complexa, así serán os acontecementos que viviremos no libro da man dun despistado Younes, ou Jonás, desde os anos 30 até a actualidade, nun país convulso onde mesmo ten cabida a emigración española, as festas e a tauromaquia, nun país que se desgarra como o propio protagonista.
Unha historia que cativa. Un autor -ollo! autor, que non autora, que debemos ter en conta.


25/08/09

Ulises from Bagdad

A nosa benquerida-esporádica-blogueira-aportadora-de-recomendacións-de-lectura, Rosa, mándanos unha última antes de marchar de vacacións. Trátase de Ulises from Bagdad.

Grazas, Rosa, unha vez máis (e que non sexa a última)

“Me llamo Saad Saad, que en árabe significa Esperanza, Esperanza y en inglés Triste, Triste”. Así é como se nos presenta o protagonista do último libro de Eric-Emmanuel Schmitt, Ulises from Bagdad. Nel cóntasenos coa delicadeza, a agudeza e a sensibilidade que xa nos mostrara o autor en O señor Ibrahim e as flores do Corán a particular odisea dun mozo iraquí desde que abandona o seu Irak natal, “liberado” xa por EEUU, ata que chega a Inglaterra. Trátase dunha odisea sen volta, só de ida, que se converte nunha profunda reflexión sobre o concepto da fronteira e a idea de exclusión que, irremisiblemente, conleva. Así o expresa un dos entrañables personaxes que aparecen na novela:

“En estos últimos siglos los europeos han estado un poco en todas partes, han fundado comercios un poco en todas partes, han robado un poco en todas partes, han excavado un poco en todas partes, han construido un poco en todas partes, se han reproducido un poco en todas partes, han hecho colonias un poco en todas partes… ¿y ahora se ofenden cuando alguien entra en su país?”

E a pesar da dureza do que se nos narra, hai espazo para o humor, a tenrura e mesmo para un pouco de esperanza. Só falta, daquela, que busquedes un pouco de tempo para a lectura.


20/06/09

La reina en le palacio de las corrientes de aire

Si, xa o lin. Hoxe á mañá remateino para poder dedicar a fin de semana a corrixir exames. Alédame telo rematado, e alédame que se remate a triloxía. Engancha, si, coma adoita ocorrer coa novela negra; non hai nada mellor que este tipo de literatura para fuxir do mundo real. Pero, desde logo, quedo con outras novelas e con outros escritores. A pesar da sona, da publicidade. E sigo a preferir o primeiro da triloxía.
En La reina en le palacio de las corrientes de aire Stieg Larsson riza o rizo, abonda en obviedades, pero segue a manter ese ritmo frenético que non permite deixar a lectura ata o desenlace. Así que seguramente sexa unha moda pasaxeira, pero de momento, lémolo e entretémonos un bo anaco, que ás veces, é canto pedimos á lectura.
O mellor é esa crítica social que subxace nas súas novelas, cun coidado especial e atento ao mundo dos malos tratos e abusos contra as mulleres. Así como un xeito de buscar delictos "oficiais" nos estados de dereito, ou terrorismo de estado. Bótase de menos que a protagonista sexa menos protagonista, e bótase de máis algunhas complexidades que sobran na trama. Pero como vos dixen, calquera dos tres libros engancha, constitúe unha lectura amena e o seu grosor non impide devorala en pouco tempo.
Pero en canto á literatura negra nórdica sigo a quedarme con outros títulos.


26/12/08

El blog del inquisidor

Xa sabedes o que sinto por Lorenzo Silva. Telo no centro hai uns anos, manter aquela conversa tan entrañable, haber mantido mesmo outra por email, fai que non sexa obxectiva á hora de falar dos seus libros. Admíroo e punto. Pero, aínda coa boca pequena, este libro non me encantou. O autor fala de que "la soledad acarrea un par de cosas divididas en dos grupos: en los días malos te sientes muy solo o muy sola, en los días buenos te sienten muy libre. La libertad va asociada de manera intrínsica con la soledad". De soidades fala El blog del inquisidor, de tormentos, aparencias, xogos e manipulacións, de tristuras e de vidas.
A pesares do título, non estamos ante unha novela histórica, aínda que temos un capítulo enteiro dunha transcrición do século XVII. Tampouco é unha novela de intriga -xénero ao que nos ten acostumados-, xa que a Inquisición e o que acontence nese xuízo que serve de base para a novela é tan só un pretexto. É máis ben o reflexo dos chats e os blogues, das novas teconoloxías por tanto, onde os protagonistas falan con toques de enxeño. Hai, mesmo, un narrador apócrifo. O destacable é a relación estrañamente intimista que se establece entre dúas persoas grazas á era dixital; unha especie de reto no que se establece un vínculo que non acabamos de crer, con anacos interesantes como as reflexións do Inquisidor pero cunha protagonista feminina demasiado sinxela que non está á altura. E cun final que a min, particularmente, paréceme demasiado evidente e menos crible.

"He incumplido compromisos en el pasado, y esa experiencia, unida a una larga meditación posterior, me ha enseñado una lección que procuro aplicar a rajatabla: no te comprometas nunca a la ligera, pero una vez que lo hagas, revienta o rómpete antes de fallar. Porque lo peor de las deudas insatisfechas no es el menoscabo que uno pueda sufrir en la consideración del acreedor: del acreedor uno puede protegerse, apartarse, incluso borrarlo de la mente. La consecuencia más dañina de nuestros incumplimientos es que nos van empujando, de un modo tan imperceptible como inexorable, hacia el borde de nuestro propio abismo interior. No se trata de que los demás no se fíen de uno, sino de acabar no fiándose de uno mismo: llegados a ese punto, no hay manera de impedir el desastre".

Como sei que algúns de vós andades a lelo, agardo as vosas opinións.

01/12/08

La chica que soñaba con una cerilla y un bidón de gasolina

O malo do libro é que xa o rematei. O peor é que non chega ás 800 páxinas. O tráxico é que o autor só nos deixou un máis e teremos que agardar ata o 5 de xuño do ano próximo.
Cando se puxo á venda o día 25 (que data tan escollida!!!) e estabamos na libraría, alguén fantaseou con que quizais este non nos gustase; pero eu non contemplei esa posibilidade: o autor pechárase para denunciar os malos tratos que sofren as mulleres nesta sociedade tan "sensible" e "progresista", así coma os abusos do poder. E acertei. O libro déixase devorar palabra a palabra, liña tras liña, mantendo o interese até a derradeira páxina. Se o seu primeiro libro -do que xa vos falei- estaba ben, este gustaravos máis, se cabe. Que conste, que pretendía que me durase toda a fin de semana, pero o anceio por chegar ao final, por temer os acontecemento, facía que o libro se convertese nunha prolongación do meu brazo. Supoño que este é o mérito do libro e do seu autor: sermos incapaces de abandonar a súa lectura.
Que os personaxes sexan tan intrincados, que a trama sexa de pura novela negra, seguramente, é o esencial. Pero a denuncia que subxace é para min o alarmante. Se na primeira entrega ofrecía datos demoledores sobre a violencia de xénero, nesta conxuga o poder das matemáticas co tráfico indiscriminado de mulleres do este para seren prostituídas. Nun país que pensamos sempre como dunha das sociedades máis civilizadas do planeta, os datos son alarmantes.
Nesta segunda entrega entendemos o por que do carácter da protagonista. Unha personaxe que non nos deixa indiferentes, como non o fai ningunha das personaxes femininas que arrasan no libro. Este é outro mérito do autor: a crenza total na igualdade dos sexos, que se fai sentir detrás das características das que impregna as mulleres do libro.
Non vos conto de que vai por ser innecesario: podedes lelo na contracapa se tedes o libro a man ou buscando información del na rede. Só vos recomendo a súa lectura.



Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.