Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

Amosando publicacións coa etiqueta Glénat. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Glénat. Amosar todas as publicacións

02/01/14

Prosopopus

Curioso cómic sen palabras de Nicolas de Crécy este Prosopopus publicado por Glénat. Un relato de violencia con monstro vingador incluído que resulta ser un prodixio de maxinación gráfico e narrativo. Un monstro brutal -que se forma dende o sangue dun home, o fume dun cigarro, o seme dunha prostituta, o ar cheo de polución da cidade- que conseguiu coarse entre os meus soños desa noite, algo realmente sorprendente e significativo: é un libro que non deixa indiferente. Porque este monstro permite ver conexións onde non tería que habelas, convertendo a lectura nunha viaxe alucinante.




15/01/13

El coche de Intisar

Pedro Riera e Nacho Casanova son os autores de El coche de Intisar. Retrato de una mujer moderna en Yemen publicado por Glénat. Unha historia que nos lembra o que algunhas mulleres deben loitar no seu día a día por vivir nun mundo feito por e para os homes. O autor recrea a historia dunha moza iemení a partir de anacos de historias que lle contaron diferentes mulleres naquel país, podendo contemplar así como elas non están conformes coa vida que os homes lles dan sen cuestionarse a aceptación delas, xa que elas non poden controlar a súa vida en ningún ámbito, todo baixo un lema relixioso tamén inventado ao servizo da manipulación e do dominio absoluto.
Moi aconsellable subir a este coche e apredermos máis de realidades afastadas que ás veces nin vemos nin queremos ver. Polo tanto, máis que recomendable.


05/03/11

Entre las sombras


Chama a atención sobre todo deste cómic a súa estética. Entre las sombras, publicado por Glénat, é de Arnaud Boutle, conta a vida dun único supervivente despois dunha misteriosa apocalipse, da que nada sabemos. O único que nos interesa é a vida en soidade dese home, a súa procura de sustento e sobre todo o sometemento dos recordos: o amor como constante -en branco e negro- mentres percorre os lugares habitados en tempos mellores. O que máis estraña é, quizais, esa loita diaria por seguir vivindo; para que ou por que nos aferramos á vida aínda nesas circunstancias?
Como xa dixen, a min chamoume a atención polos debuxos. Predominan os verdes no presente, posto que semella que unha especie de árbores xigantescas ocupan todo e van destruíndo edificios, combinadas co branco e negro cando nos ocupan as lembranzas e o pasado, o que suxire unha certa nostalxia máis que entendible e que aporta coherencia á narración.
Gustoume.

09/02/10

Un buen hombre

Impresionada quedei coa lectura deste fantástico cómic colectivo, Un buen hombre, baseado nos sucesos REAIS que tiveron lugar ás aforas do campo de Mauthausen; con el, sabemos como recrutaban para oficiais da SS analfabetos máis manipulables e convencidos das súas condutas abominables. Só a portada é chamativa: un título así coa foto de Hitler presidindo. Porque estes nazis estaban convencidos, ademais, de seren "bos homes", aqueles que non só non cuestionan as regras senón que as acatan impertérritos matando ou destrozando a quen sexan, aínda sendo da súa familia.
Unha estupenda incorporación ás lecturas en banda deseñada que iniciara o inesquecible "Maus" para este tema. Sobre todo, lembremos, non é unha historia máis sobre o nazismo, senón que é unha nova visión sobrecolledora da deshumanización da filosofía do poder.
O prólogo da obra corre a cargo de Rosta Toran, historiadora e Presidenta de Amical de Mauthausen e outros campos de concentración e exterminio. O equipo artístico está integrado por Daniel Acuña, Toni Carbos, Carlos, Sofía Espinosa, Bernardo Muñoz, Javier Fernández, Alfonso Zapico, Javier Navarro Barreno, Fernando Baldó y Rubén del Rincón, dirigidos todos por Javier Cosnava.



Que nadie piense que este infierno no podría vo
lver a repetirse bajo suelo europeo. Hoy en día lo sufren en otros continentes, y nadie nos asegura que el ser humano no vuelva a vivirlo en nuestra tierra, sobre todo en estos tiempos de desinformación e involución. El conocimiento de lo sucedido es importante, aunque sea para no volver a repetirlo jamás. Recordadlo cada vez que miremos a alguien y le veamos diferente o menos que nosotros...


Tedes que lelo.

08/12/09

El fotógrafo

Desde que souben da súa existencia, andei detrás destes cómics e por fin puiden lelos: imprescindibles en calquera biblioteca. Grazas, Mario, polo préstamo!

Tres tomos nos que vivimos a expedición dun equipo de Médicos sen fronteiras a Afganistán en plena guerra entre os soviéticos e os mujahidin (1986) , contado polo fotógrafo que os acompaña. Unha historia real que combina as fotografías que este realizou xunto coa historia contada en banda deseñada.
Unha historia dura, real, que merece ser lida para relembrarnos unha vez máis a ferocidade das guerras e as feridas, a dor, a morte, que aquelas causan. E ademais, as pequenas alegrías -e os moitos sensabores- da expedición, do valor destes médicos que arriscan as súas vidas para salvar as dos demais. De como aprenden a convivir, a respectar e ser respectados, a renuncia mesmo. Unha historia que nos devolve a fe na raza humana. Polo menos, nunha parte.

Encantoume a combinación experimental que os libros fan para contar unha historia tan dura e interesante xa que permite mesmo tocar a realidade grazas as continuas fotografías intercaladas que deixan testemuño de todo o acontecido, da precariedade, da anguria, da vida cotiá.

Escrito por Emmanuel Guibert xunto con Didier Lefèvre (o fotógrafo) e Frédéric Lemercier, (maquetación e cor) El fotógrafo -en tres tomos- está editado por Glénat.






31/07/09

León el Terrible

Non sei moi ben que dicirvos deste cómic. É algo tan... surrealista, un protagonista tan absurdo que non sei se podo asegurar se me gustou ou non.

León el terrible, que naceu en Holanda en 1976, de Wim T. Schippers e Theo Van Den Boogaard acode a uns mecanismos humorísticos clásicos e tremendamente bastos. Desde logo, non é unha lectura que pasa desapercibida, e as tiras creo que estilisticamente son boísimas; outra cousa é o humor, cun personaxe principal, León, que causa estragos vaia por onde vaia; peor que o "Rompetechos" de cando era pequena... porque xa na portada avisa que este é un cómic "Só para adultos": as relacións sexuais explícitas sucédense nas súas páxinas, así como os comentarios chocarreiros do protagonista. En fin, un libro rei do politicamente incorrecto, unha suma de humor do máis variopinto.

Se o ledes, xa me contaredes. Eu tratarei de me aclarar.


16/07/09

La isla sin sonrisa

Unha fermosura de cómic tanto polo trazo como pola historia é La isla sin sonrisa de Enrique Fernández. Metaforicamente, fálanos da soidade e da tristura, da necesidade de fantasía e felicidade, todo isto mesturado dun xeito moi especial: un guión que engancha e que se le rapidamente. A illa na que se desenvolve a acción é un espazo que se move entre a realidade e a fantasía, con seres que non sabemos se son reais ou son produto do maxín, e cun xeito de enfrontar a vida -e a morte- diferentes. Existe a maxia?
En canto ao debuxo, seica é cor aplicada a ordenador mediante Painter; isto non o sei, o que si vos podo asegurar é que é impresionante. De feito, cando o vin na libraría, merqueino porque me chamou moito a atención: o papel, as cores, o debuxo... son fermosísimos.


Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.