Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

Amosando publicacións coa etiqueta Adriana Hidalgo. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Adriana Hidalgo. Amosar todas as publicacións

05/04/18

Profesión: cocodrilo


Xa sabedes que devezo polos álbums sen palabras. Ás miñas mans chega este Profesión: cocodrilo de Giovanna Zoboli e Mariachiara di Giorgio publicado pola editorial Adriana Hidalgo, na colección Pípala. Con este álbum-cómic acompañaremos ao señor Cocodrilo por un día da súa vida: erguerse cedo, saudar os veciños, facer as compras, almorzar... e traballar. 
Se dicimos que é un álbum-cómic é porque mestura ambos xéneros, hai páxinas onde se realiza un xogo de planos, outras onde se xoga cos tamaños dos encadres... e o álbum é un paseo humorístico en si.

19/08/17

La esposa del conejo blanco

Gilles Bachelet é o artífice deste álbum publicado por Adriana Hidalgo en gran formato: La esposa del conejo blanco conta a vida en forma de diario -escrito por ela mesma- da cónxuxe do famoso coello do libro Alicia no país das marabillas. Así saberemos como non está satisfeita coa vida que ela, estresada pola carga doméstica e familiar, facendo fincapé no machismo da situación -estamos na época vitoriana- e lembrándonos que a aparición de "Alicia" non é do seu agrado polo seu continuo cambio de tamaño.
Pero se o texto fala do traballo cotián e da vida escrava que leva a nosa protagonista, as ilustracións non deixan lugar a dúbida, xa que a realidade que amosan é ben peor que a poderiamos imaxinar pola lectura, engadindo asemade un toque humorístico e de frescura. Ás veces, o texto é coma un pé de foto para dar máis significado ao que vemos. Desde logo, debemos dedicar especial atención ás ilustracións, non só polo dito, senón pola mestura que nos ofrece con referencias constantes ao mundo de Alicia no país das marabillas
Se o álbum era divertido por si só, ten a xenialidade de engadir unha “Nota del autor”, que lle aporta unha nota humorística e que nos conquistará xa de vez.




18/08/15

El pájaro bigote

Nicolas Schuff e Claudia Degliuomini son os artífices deste álbum ilustrado publicado por Adriana Hidalgo na súa colección "Pípala": El pájaro bigote é un libro moi poético que fala de soidade e de amor. Porque hai moito amor nunha historia en que o bigote e as palabras son protagonistas, en que os seres únicos, os paxaros raros, procuran un niño onde agocharse.
Unha historia delicada, como as ilustracións que a acompañan.
(Por certo, mirade o paxaro mostacho na natureza)



26/12/14

Rosa-Luna y los lobos

Adriana Hidalgo editora publica este orixinal álbum de Magali Le Huche, Rosa-Luna y los lobos. Un libro sobre os prexuízos da sociedade, esa que en conxunto é quen de botar unha muller por ser muller, de despreciala por selo e por defenderse, de botar a quen sexa diferente e se afaste das "normas" que inventamos hai tempo e non sabemos de onde viñeron. A historia está contada coma se fose unha lenda, e como é costume hai dúas claves, a paixón e a intolerancia. 
Verdade que esta muller pode converterse en Lúa?:

31/01/14

Alba Blabla y yo

Publicado por Adriana Hidalgo editora temos este curioso álbum de Cousseau, Alex y Boutin e Anne Lise: Alba Blabla y yo conta como un rapaz perde a súa boca e con ela a posibilidade da fala. Así que chega a entender o necesaria que é dun xeito completamente surrealista. Personaxe sen nome, personaxe sen boca, que se atopan. Metáfora visual, metáfora onírica, fábula fantástica. Ao mesmo tempo, xogo creativo: procurade a boca perdida ao longo das ilustracións que agochan detalles: nubes, follas... De fondo, o xogo do silencio.

“Dicen que quienes tartamudean nacieron dos veces y que es por eso que repiten las cosas al menos dos veces. Yo, que he perdido la lengua, siento como si hubiera muerto por primera vez”.


26/11/13

Niñas


 Publicado por Adriana Hidalgo hai xa tres anos, este álbum de Jimena Néspolo e Marta Vicente titúlase Niñas porque é un auténtico catálogo de nenas, pequenos relatos de crías que non queren medrar, pero que ademais semellan estar tristes porque quizais saben que son única e por tanto incomprendidas. Ou porque se medrasen deberían cambiar para vivir en sociedade. Retazos, postais, breves historias e textos efémeros ilustrados por delicados lapis nos que vemos a alma de cada rapaza. Unha galería de personaxes que parece máis sinistra ca real pola súa soidade e polas ilustracións que parecen retratar pantasmas. Un álbum que semella triste, un álbum ben diferente que non agocha as diferenzas. Un álbum que parece doutra época.





27/08/13

El color de la nieve


Con texto de Matilde Méndez e as ilustracións de María Elina, temos este fermoso álbum El color de la nieve publicado por Adriana Hidalgo. A fermosura das imaxes case nos impide ler o texto. Con elas nos recreamos nun primeiro momento, ata que decidimos achegarnos ata o texto para saborealo novamente xunto as ilustracións. Porque en si é unha beleza de libro. Pero non podemos deixar caer no esquecemento o texto, sería un craso erro. A ilustradora crea un escenario pleno para as palabras, xa que a historia deixa o seu pouso nas imaxes, buscando o seu propio branco e a súa propia linguaxe.
Un texto que fala, no fondo, da procura dun mesmo, dese abandono do fogar inmediato e definitivo, da ruptura das regras, da difícil comprensión de regras que non teñen lóxica e de como as diferenzas poden unir e non afastar.


17/03/13

Día de pesca

Este é outro álbum sen palabras deses que tanto me gustan. Publicado por Adriana Hidalgo, Día de pesca é de Laurent Moreau. No que semella un día agradable para practicar a pesca, o protagonista colle a súa bici para chegar ao mar, pero durante o traxecto atopa moitos atrancos, de tal xeito que ata o lector sente os pitidos e as queixas da xente que, apresurada, vive un día normal na cidade. Un álbum que semella que teñamos unha cámara fotográfica para ir acompañando ao protagonista no seu paseo, cunhas ilustracións que amosan unha fermosa riqueza visual que contemplaremos unha e outra vez para non perder detalle.
 


29/12/12

La casa de los cubos


Supoño que lembrades este título porque foi unha curta fermosísima que colgamos aquí ("La maison en petits cubes") e que mereceu o Óscar no ano 2009. A verdade é que souben hai tempo que existía o libro pero non o dei conseguido até agora, un ano despois. E pasa a ser un dos meus predilectos.  Kunio Kato e Kenya Hirata son os autores de La casa de los cubos publicado por Adriana Hidalgo editora, preciosa metáfora visual sobre a importancia das lembranzas e das raíces, un álbum cheo de tenrura que fai que tamén nós nos acheguemos a aquilo que cremos esquecido ou que preferimos esquecer porque nos provoca unha dor que podemos reconverter en esperanza.
Deixádevos seducir pola alegoría e a poesía que encerra este álbum para mergullarvos vós tamén neste mundo asolagado.
As ilustracións, plena delicadeza e morriña, merecen unha atención especial.




04/01/12

Una lluviosa mañana de domingo


Con texto de Sooni Kim e delicadas ilustracións de Mia Sim, Una lluviosa mañana de domingo está publicado por Adriana Hidalgo. É un fermoso conto dos bos días, aquel que se le mentres a cidade aínda non espertou. Ocorrerá o mesmo noutros lugares do mundo? Un xeito de achegarse ao resto do mundo dende o máis pequeno, interrogándonos sobre o que está a acontecer ou en que momento do día estarán. Grazas a todas estas preguntas comprenderemos o pequenos que somos.


Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.