Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

Amosando publicacións coa etiqueta Cómic. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Cómic. Amosar todas as publicacións

15/11/21

Animalia 3. Azul


 L
ogo das dúas primeiras entregas deste cómic, temos arestora un terceiro, Animalia 3. Azul,  que nos leva ata os océanos para ver as peripecias de peixes e animais que viven no mar, xunto co perigo dos seres humanos e o lixo que alí bota. Xosé Tomás segue a liña anterior para denuciar, a través do humor, a situación que se vive no mar e tamén para contarnos algunhas das circunstancias que estes animais viven. Un cómic moi recomendable para o lectorado máis novo que cumpre unha función especial: encher o gran oco que existía neste xénero en galego como lectura para a infancia. Divertido, irónico e transmisor cultural, unha oferta para non perder.

Publica Xeraishttps://www.xerais.gal/libro.php?id=6485308.

12/11/20

Bok Love


Este libro de Debbie Tung é imprescindible para calquera amante dos libros. Claro está, o título xa o di todo: Book Love. ¿Te gusta leer? . Se a resposta é si, abre por calquera páxina e sentiraste indentificadx. Un cómic que fala de nós de xeito divertido e moi recoñecible, con diversas situacións efecto espello que nos levarán a máis de unha gargallada e un sorriso agochado. Sobre todo, cando somos compredorxs compulsivxs sabendo que non imos dar feito a ler todo aquilo que atesouramos. Pero dá igual: amamos os libro e o seu olor, amamos as librarías e o tacto, e as portadas, e os títulos...

Publicado por Bridge .



02/11/20

Depresión ou victoria

 


I
nteresoume moito este libro de Meritxell Duran, por razóns obvias, aínda que non topei o que buscaba. Aínda así, resulta moi interesante esta aproximación á loita contra a depresión que nos ofrece este Depresión ou Victoria. Crónica de una batalla: un libro que combina texto e ilustración, unha en cada páxina, e ambas necesarias xa que son complementarias, posto que vemos como é a depresión: un monstro que devora as persoas por dentro, e a medida que devora vai consumindo a personaliade e a vida. Por iso axuda a entender como se senten as persoas que a padecen.



03/09/20

Lendas de recreo

 



C
omo cada publicación de El Hematocrítico, un acerto. Agora temos estes dous en galego, coa colaboración de Albert Monteys, publicados por Xerais: A media hora dos heroes e Campións do mundo. En formato cómic (creo que por vez primeira) en colaboración con Albert Monteys, ambos libos sitúanse nesa hora de lecer do colexio, onde o autor sitúase novamente con toda liberdade e coñecemento cheo de humor nas mentes infantís, ben para "recuperar" un fanático do fútbol ou para xogar ás agachadas cun campión ben entrado en anos (lembremos os "Guinnes").

Unha boa achega para o mundo do cómic na nosa lingua.



06/06/20

O derradeiro libro de Emma Olsen

Gustoume a novela no seu momento e gustoume o cómic que agora vén de adaptar Pablo Prado da orixinal de Berta Dávila e que publica Galaxia co mesmo nome: O derradeiro libro de Emma Olsen. A verdade, parecíame un libro ben difícil de adaptar a cómic e o autor soubo resolvelo ben: saltos temporais, monólogo... adáptanse a recursos visuais dun xeito que semella "doado". Por exemplo, as cores e a súa viveza, máis vivas para o pasado (idealizado) e máis grises para o presente (derradeiro); mesmo o uso das tonalidades verdes para falar do cancro parecen ben axeitadas.
Como sabemos, o libro fala, entre outras cousas, das emocións e da dificultade da súa expresión verbal que sente a protagonista cando escribe. Estas emocións reflíctense arestora graficamente. E chégannos, que é o importante. O que supón un bo traballo, claro está. Falar da homosexualidade e do que supón esta nunha vila pequena reflíctense asemade mesmo cun esputo sanguento, o que provoca que o cómic nos dea novos detalles que non nos ofrecía a novela orixinal, polo que estamos ante unha adaptación pero tamén ante unha reescritura: ambas pagan a pena.




02/06/20

A proba de auga

Interesante cómic científico para rapazallada este que nos propón Xerais: A proba de auga de Anémona de Río mereceu o I Premio de Banda Deseñada O Garaxe Hermético. Se non sabemos nada de antemán, toparemos moitas sorpresas, como o feito de que estamos ante unha viaxe polo interior do ser humano, e de aí a súa frescura e interese. Por se isto fose pouco, temos un apéndice que nos ensina algo máis sobre o corpo , os glóbulos vermellos, as neuronas, os leucocitos... un xeito de aprender divertíndose que resulta ameno e ben construído. Un deses cómics que cando les pensas "por fin hai algo deste tipo", é dicir, unha lectura científica, na nosa lingua (e non tradución) pensada para a rapazallada e en formato cómic, cuns debuxos preciosos e unha letra moi doada de ler. Aventuro que terá unha grande proxección nas nosas bibliotecas.       

02/03/20

Palimpsesto

Un cómic que non deixa indiferente, así é este Palimpsesto de Lisa Wool-Rim Sjöblom que publica Barbara Fiore. O título dános unha pista importante: un Palimpsesto é un manuscrito antigo que conserva pegadas dunha escritura anterior borrada artificialmente; así é a historia de nenos e nenas adoptadxs,  realidades que non coinciden coas historias que sempre lles contaron.
A autora sorprende cos tons empregados para realizar o libro, ademais do propio texto, ás veces excesivo para un cómic, para contarnos a súa propia historia, unha historia baseada nunha mentira, xa que descobre que non foi adoptada por ser orfa, senón que outra é a realidade. De aí que o libro conte a investigación chea de dor que a autora e protagonista vive para entender a súa propia historia emocional. Algo que converte a lectura en desgarradora polas políticas corruptas que se agochan detrás das adopcións internacionais que xogan coa vida dxs máis desfavorecidxs.
E mentres nos mergullamos na súa lectura, pensamos en tantas persoas achegadas que queremos e poderían vivir estas mesmas emocións e sentimentos encontrados.

26/09/19

Benzimena

Chamoume poderosamente a atención este cómic na libraría, así que deixei que me atrapase sen saber nada del. E atrapoume, de que xeito! Benzimena é de Nina Bunjevac, publicado por Reservoir Books. Leo que é unha adaptación do mito de Artemisa e Sipretes. Nin idea. Investigación: no mito grego Artemisa converte en muller a Sipretes, un mozo cretense, despois de que tente violala. No noso libro convérteo en Benny, o protagonista da historia, un neno cun problema grave: non sabe controlar os seus impulsos sexuais; a súa vida estará marcada polo escándalo que o reclúe na súa casa ata que topa un traballo no zoo. Un mozo raro que sabe pasar inadvertido... ata que se desata.
A obra é escura, inmensamente escura -tanto que hai páxinas completamente negras-, como o tema. Os debuxos, sobreexpresivos, resultan perturbadores -tamén en branco e negro-. Ás veces non sabemos se lemos en clave onírico ou críptico, pero nos sobrecolle o seu contido sexual que pretende xogar connosco adentrándonos na psique dun obseso sexual e que nos deixa sen alento ao final. Cando falo do final falo da nota da autora que fai que entendamos todo o libro e que saibamos o que non queriamos, no fondo, entender. Por desgraza, resulta tan duro que pechamos o libro e tentamos esquecelo. Tentamos pensar que o ser humano non pode ser así, que é un mito, unha fantasía, literatura ao fin e ao cabo.
Pero non poderemos durmir.
Porque as ambigüidades, as emocións, a turbación... é enorme.
"Este libro está dedicado a todas las víctimas olvidadas y sin nombre de la violencia sexual". "Que encontréis la paz, que encontráis la luz y hagáis disipar la oscuridad que os rodea".





22/05/19

Animalia 2. Branco

Segue a me encantar esta serie comiqueira que escribe Xosé Tomás e que publica Xerais: Animalia 2. Branco lévanos ao mundo polar, á neve, ao frío, ao xeo, con historias diferentes para cada páxina -ás veces a páxina enteira é ocupada por un só fotograma- que nos fan sorrir constantemente e para comprender que moitos comportamentos humanos son máis animalescos do que quixeramos supór. Tamén serve para denunciar o cambio climático e para aprender. Unha morea de cousas que implican asemade clases de idiomas!

Buscade "Nunca oístes falar da crioxenización?" !!!

02/12/18

O puño e a letra

Xenial iniciativa esta de Yolanda Castaño en Xerais: O puño e a letra conta coa colaboración de Norberto Fernández, Alberto Taracido, Cristian F. Caruncho, Jano, Fran Jaraba, Xulia Pisón, Paula Esteban, Fran Bueno, Xulia Vicente, David Rubín, Miguel Robledo, Manel Cráneo, María Ferreiro, Alicia Jaraba Abellán, Víctor Rivas, Kike J. Díaz, Xosé Tomás, Anxo Cuba, Los Bravú (Dea Gómez & Diego Omil), Yupiyeyo / María Álvarez Hortas, David Pintor, Kiko da Silva, Miguelanxo Prado, Roberta Vázquez, Xan López Domínguez, Siro, Xaquín Marín, Rubén Mariño, Pepe Carreiro, Santy Gutiérrez, Martín Romero, Ramón Trigo, Brais Rodríguez, Miguel Cuba, Cynthia Alonso, Abraldes, Miguel Porto, Dani Xove, Tokio, Fernando Iglesias «Kohell».
 A novidade do libro consiste en poñer a conversar a poesía co cómic, nun novo xénero  coñecido como "Comic Poetry" ou "Cómic Poético". De aí que estes 40 autores reinterpreten en viñetas 40 poemas de Yolanda de todos os seus libros con absoluta liberdade, agás o espazo: unha soa páxina. É un pracer estético e literario percorrer cada folla deste libro que temos nas mans, por un lado o poema, por outro, a súa interpretación comiqueira. Páxinas polas que paseamos entre o erotismo, a ironía, o onírico, o corpo, as convencións... interaccionadas coa banda deseñada.


17/10/18

Una hermana

En Diábolo edicións podemos atopar este cómic de Bastien Vivès: Una hermana. Unha pequena xoia que fala da fascinación dun mozo responsable por unha moza algo maior ca el pero que está moito máis experimentada tanto física como emotivamente. E comeza unha relación emotiva que conleva a perda da infancia para entrar na adolescencia plenamente. Son personaxes sinceros e reais que ollan o mundo e nolo ensinan dende a perspectiva do protagonista. Vemos o que el ve, sentimos o que el sente. E amamos canda el.
O debuxo é en branco e negro, pero aínda así é claro, luminoso. Os trazos son sinxelos, pero detallistas. De diferentes tamaños, xogando coa páxina. 
E todo el cun ritmo pausado sen chegar a ser lento.
Fascinante.

15/09/18

Fun Home. Unha familia tráxica

Unha boa nova para a nosa lingua: publica Rinoceronte Fun Home. Unha familia tráxica de Alison Bechdel.
A historia que conta é moi interesante, aínda que non me acabe de convencer a súa lectura, non sei se por ter unha prosa demasiado densa ou pola inxenuidade dos debuxos. Aínda así, é unha obra a ter moi en conta, polo interese que supón a historia en si mesma (o descubrimento da propia sexualidade, a relación con seu pai, a oculta homosexualidade deste...) e polo amor pola lectura que respira a obra. Isto destaca dende un principio: a autora amósanos personaxes lectores continuamente; os libros son e serán case o único vínculo con seu pai e serviranlle á protagonista de explicación para que o lector poida entender o carácter ben difícil da figura paterna.
E como todo, TODO, está nos libros, o suicidio do pai está en Camus, a sexualidade da moza está en Colette e a relación filiopaternal en Wilde. E isto é posible porque a literatura é a vida.
Xunto ao amor á literatura está o compoñente argumentativo principal que xira arredor dun pai que resulta ser o que non se pensaba; a autora consegue presentarnos o complexo mundo no que vive con sinceridade absoluta e cunha reflexión necesaria que se fai dende a honestidade e a procura de coñecerse a un mesmo e aceptarse. O que non sempre é doado.

12/09/18

Matamoscas

Libros del Zorro Rojo tráenos este libro de Dashiell Hammett con ilustracións de Hans Hillman: Matamoscas é unha adaptación que supón marcar os inicos da novela gráfica, pero é ao mesmo tempo, unha homenaxe á novela negra, á novela de detectives. A trama fala con concisión e dureza dun detective sen nome que é contratdo polo pai dunha moza fuxida e logo asasinada. Pero este libro chama a atención polas ilustracións, polo impresionante traballo de Hillmann que nos trae o ambiente da novela negra coas súas abondosas ilustracións (estamos a ver cine mudo?) e que nos abraia pola súa minuciosidade e estética (a do cine negro americano daquel momento). De aí que este libro sexa unha auténtica alfaia.


15/08/18

Alter-nativo

Precioso cómic de Jorge Campos e preciosa edición de Airas para este Alter-nativo sen palabras que nos ofrece diversos universos e onde o lectorado é quen de escoller o seu propio camiño, un camiño alternativo. Porque as decisións son importantes e porque segundo estas a vida vai por un camiño ou por outro; que elixes?: subir unha montaña ou seguir camiñando pola praia? Elixe e segue lendo. De aí que o libro nos ofreza un labirinto alternante, un labirinto narrativo que a edición en forma de acordeón nolo fai máis doado. Mentres paseamos polas súas páxinas, referencias varias a libros e a autores, como Verne cou como Moby Dick. Interesan todas as historias, de aí que nos demoremos na lectura, posto que queremos achegarnos a todas as posibilidades que nos ofrece, esas fantásticas aventuras dun náufrago nunha illa deserta.
Non deixedes de lelo. Deixa sen palabras!


29/07/18

Estamos todas bien

Publica Salamandra este cómic de Ana Penyas: Estamos todas bien, un libro que dá voz a mulleres que non a tiñan, neste caso, as avoas da autora. Un xeito de entenderse a un mesmo e a canto ten arredor é saber o pasado, e nese pasado viviron mulleres que tiñan un rol único: seren mulleres. E sobre esta experiencia, baséase o cómic que temos nas mans. E precisamente por iso resulta ser tan comovedor. Porque con tenrura pasearemos polo salón ou pola cociña familiar, manterermos conversas cos maiores e darémoslles voz, unha fala en alto que non sempre estivo permitida pero que permanecía latente. Esta historia transmítese asemade pola cores, a cores familiartes, o universo dos rosas e vermellos, pero tamén, non podía ser doutro xeito, dos grises e dos ocres. Estamos antes dous tempos, dúas narracións, dúas avoas, o presente e o pasado de ambas. E non esquezamos: a ollada e a perspectiva nace dunha muller, dunha voz feminina e feminista, por iso é rotunda a súa voz cando convirte en palabras e en debuxos esa mirada: hai loita cotián nas súas viñetas.

14/06/18

Animalia 1. Verde

Xenial proposta a que realiza Xosé Tomás neste cómic para o lectorado máis novo: Animalia 1. Verde publicado por Xerais. O autor tráenos o mundo dos animais -tan semellante ás veces ao dos humanos- nunha historia diferente por páxina, e cada unha delas constitúe un motivo para sorrir ou para sorprenderse, en moitos casos tamén para aprender comportamentos propios da especie que temos diante, aínda que ás veces eses comportamentos lembren en demasía algún outro que convive connosco. E é que ás veces as reacción dos humanos semellas máis de animais, ou ao revés. Nas dúas primeira páxinas así o concreta o autor, que nos fai unha introdución onde asemade dá pequenas informacións sobre as características dalgúns animais.
Encantoume a páxina da mantis relixiosa!
Ou moito me equivoco, ou vai ser un dos libros máis prestados das bibliotecas escolares infantís.


22/05/18

¡Estoy estupenda!

Divertido e acertado cómic de Raquel Gu que publica Navona Gráfica: ¡Estoy estupenda! Que ya tenemos una edad y otras tonterías reflexiona sobre a nosa chegada aos 40 anos con humor, moito humor e moito acerto. Porque é imposible non vernos reflectidas nalgunha das viñetas que nos propón a autora (sobre todo iso de que preferimos quedar na casa a saír ou que cando saímos tardamos semanas en recuperarnos!!!). A autora asegura aquí que os 40 son unha idade estupenda. Pode ser. Quen xa a teña que xulgue por si mesma. Quen a pasara xa, que opine. Quen aínda non chegase, que dubide. Como diría o outro "asegún". O que si está claro é que este é un divertimento e como tal o lerás: cun sorriso continuo.

16/04/18

Todo lo que pudimos

Chamoume a atención na libraría e collino. E fixen ben. Todo lo que pudimos de Thi Bui, publicado por Kraken, é unha crónica dunha vida, ou de moitas vidas, de como as guerras e a acción humana rompe canto temos e canto desexamos ser. É a crónica dunha familia que debe deixar o seu país, é a crónica dunha familia de refuxiados. Neste caso, de Vietnam. Importa o lugar de procedencia? Cun libro cargado de emocións, exploramos os sentimentos -que poderían ser nosos- e percorremos as dificultades que vive esta familia, a anguria, o drama, e tamén a sensibilidade, pero sobre todo a fouteza. Porque esta é imprescindible para seguir adiante, para ollar un futuro posible, para reconstruírse e construírse, para saber máis dun pasado que non se debe esquecer. E para valorar canto temos.

09/04/18

Ío

Preciosa novela gráfica de Daniel Piqueras Fisk (coas pinturas de planetas de Pedro López) que publica Narval co título Ío: Hai moita vida aí fóra. Ío é o satélite de Xúpiter que lle dá título ao libro. A historia comeza cando unha nena descobre no faiado un libro e unha mensaxe nunha botella. Coas páxinas deste libro atopado chegamos ata a historia dun náufrago que viaxa polo sistema solar nun globo aerostático; coñece o amor, deixa a súa pegada na Lúa, goza coa liberdade e tamén sofre. Unha viaxe chea de chiscadelas. Pero sobre todo, de paixón, paixón que viviremos dende a nosa cadeira e desde a cadeira da nena que se emociona e fai emocionar. O universo enteiro nas nosas mans.
Todo isto, sen palabras. 
As palabras que poñemos nós son de admiración absoluta. Porque é imposible non devoralo dunha atacada para logo volver a ver a el e demorarse nas súas páxinas



05/04/18

Poémic

Encantoume esta proposta que realiza Laura Pérez Vernetti e Ferran Fernández: Poémic son 52 tira poéticas que contan cun prólogo de Jesús Jiménez e que está publicado por Luces de Gálibo. Como a propia contraportada afirma, estamos ante "un experimento sorprendente: poesía e cómic xuntos facendo poémic". A ilustradora Laura Pérez Vernetti aposta por esta innovación, e sáelle ben abofé; así, traduce a historiestas os poemas -visuais- de Ferran Fernández. Os temas son a política, o amor, o sexo. O personaxe principal é Tristan Tzara, vangardista que tratou de rachar coa lóxica da linguaxe. Con el, leremos poemas curtos, historias independentes que convidan á reflexión.
Unha nova posibilidade poética, que me encanta, por certo.


Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.