Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

Amosando publicacións coa etiqueta Ekaré. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Ekaré. Amosar todas as publicacións

19/08/21

Madre Medusa

 


U
n álbum que lle dá a volta a historia: Madre Medusa de Kitty Crowther, publicado por Ekaré. Por que dicimos que a historia é diferente? Porque en lugar de falar da mamá marabillosa, o que constrúe aquí a autora é unha nai demasiado posesiva, unha nai sobreprotectora, que ten que aprender a dar corda á filla. E será esta quen llo teña que demandar. Ante este requerimento, o final é sorprendente.


04/04/20

Pueblo frente al mar

Minas de carbón en Cabo Bretón, Canadá. 1950. Este é o argumento deste insólito álbum ilustrado que publica Ekaré: Pueblo frente al mar de Joanne Schwartz con ilustracións de Sydney Smith. Un neno (8, 9 anos?) goza do seu último verán antes de ir traballar ás minas, porque ese é o seu destino, a herdanza do seu pai mineiro; o rapza goza durante o día e ofrécenos a liberdade do ar para contrastalo coa claustrofobia da mina. No libro non se propón ningunha outra alternativa, de aí a tristura que destila. É unha homenaxe a todos os homes que traballaron nas minas baixo o mar en condicións ínfimas, deplorables; eses mesmos homes que se sindicalizaron par pedir mellores soldos e que foron pioneiros na súa loita. Unha homenaxe calada que nos deixa unha sorte de abandono na alma. Porque "as cousas son así".
As ilustacións xogan coa dobre páxina, con viñetas diferentes, e son quen de dar ritmos diferentes á narración, porque son elas as que nos mandan deter na lectura, as que nos mandan seguir. Non son as palabras, senón elas, as que imprimen de negro ou de cor a lectura. O negro da mina ou a cor da luz de fóra.




18/02/17

Filemón y Baucis

En ediciones Ekaré podemos atopar este pequeno álbum de Lemniscates, unha versión dun relato das Metamorfosis de Ovidio: Filemón y Baucis é un fermosísimo relato de amor, de compaixón, de reflexión, de solidariedade. Un magnífico xeito, asemade, de achegarse aos mitos e obras antigas, xa que este libriño é claro, directo e sinxelo. As ilustracións semellan gravados en branco e negro, con algo de vermello, feito que confire dinamismo, xa que as imaxes son moi narrativas.
Moi recomendable.




13/01/17

El armario chino

En Ekaré podemos atopar este curioso álbum de Javier Sáez Castán: El armario chino chama a atención, de entrada, pola súa forma: ten capa exterior que protexe o álbum e é esvelto como o protagonista do mesmo; logo abraiaremos pola proposta de lectura que nos fai, dende o comezo -un prólogo- que pode ser un epílogo ata a propia narreción que pode comezar por un extremo ou polo outro. E o protagonista, sen dúbida, ese armario misterioso do século XIX que só se pode abrir desde dentro. Se todo isto fora pouco, o texto sostense baixo dúas tiras de viñetas contrapostas pola cor, vermella e azul, que relatan a mesma historia en dirección inversa, amosándonos sobre todo o misterio do cotián e a exaltación da imaxinación que nos permite viaxar a outros lugares que non teñen por que ser reais.




02/01/17

Monky

Dieter Schubert é o responsable deste álbum sen palabras que publica Ekaré: Monky é a historia dun moneco que se perde e que pasa de man en man ata un reencontro que semellaba imposible e impensable. Un álbum tenro que precisa de toda a nosa atención para ser mirado con delicadeza e non perderse ren, porque esa é a maxia dos álbums ilustrados sen palabras, que debemos prestar máis atención. Porque xa as propias guardas ofrecénnos información: un camiño, un estanque, un bosque. E logo, un neno que chorará por unha perda. Namentres, miles de aventuras que case acabarán co moneco ata ser recomposto. As viñetas da historia cambian de tamaño de tal xeito que ata podemos ter 4 por páxina, segundo o ritmo do que se nos conta e mesmo os perigos que haxa en cada unha. Por iso é un álbum cinematográfico, cheo de detalles, cambios de perspectiva, ilustracións detalladas...




30/12/16

¡Paténtalo!

¡Paténtalo! El libro de los inventos útiles y disparatados de la Historia é un divertido e sorprendente álbum que está en todas as listas de mellores álbums deste ano que remata mañá. Publicado por Ekaré, é de Matgorzata Mycielska,  Aleksandra Mizielinska e Daniel Mizielinski. Inventos de todos os tipos, coñecidos ou non, incribles ou non, prácticos ou non. Polas páxinas do libro recrearemos nimios detalles, trasladarémonos ao momento histórico en que foron oideados os inventos, e sobre todo, sorriremos. Porque o libro desprende humor dende a propia portada. Máis ca un álbum, semella un cómic, porque emprega a técnica dos "bocadillos" e polo dinamismo aplastante que utilizan as páxinas.



 

28/12/16

Paso a paso


Topamos en edicións Ekaré este alegato pacífico contra as minas antipersoa que tantos estragos teñen causado e aínda causan, desta volta a vítima será un elefante que terá que aprender a vivir coa súa posterior perna ortopédica. Jane Jolly e Sally Heinrich son as artífices deste Paso a paso que vos recomendo para non esquecer xamais a tremenda realidade que noutros lugares se vive.



27/12/16

El Bosco

Thé Tjong-Khing é o autor desta marabilla sen palabras que publica Ekaré e que está considerado como un dos mellores álbums do ano: El Bosco. La extraña historia de Hieronymus, el gorro, la mochila y la pelota é un deses libros nos que te podes perder durante horas contemplando as súas ilustracións, que non deixan de abraiar o lectorado cada volta de folla. Semella moi arriscado que un álbum poida introducirnos nun mundo tan fascinante como é o do pintor; eu, que tiven a sorte de poder ver hai pouco en Madrid a exposición, gozo agora recreándome neste álbum cheo de criaturas extraordinarias onde nada é o que parece.
A obra deste ilustrador baséase en detalles de oito obras de El Bosco que están citadas ao final do libro, xunto coa ilustración da que seguramente é a súa obra de máis sona.








25/02/16

Animales domésticos


Curiosísimo álbum publicado por Ekaré de Jean Lecointre: Animales domésticos non deixa indiferente, tanto polas ilustracións como polo texto. O libro lembra o mundo dos cómics, con imaxes e textos ao pé, con aire dos anos 50, con collages. 
A historia é acumulativa, con personaxes particulares que veñen sendo animais humanizados e que ofrecen os seus servizos. E aí vén o humor, a fantasía, o absurdo. As ilustracións son tan sorprendentes que non saberemos nin para onde mirar: branco e negro, fotografías, debuxos, ilustracións... unha mestura incrible.
Vaia, ou encantaravos ou espantaravos. Indiferentes non quedaredes. Seguro!




04/01/16

Dadá

En Ekaré poderedes atopar este divertido álbum ilustrado de Germano Zullo e Albertine chamado Dadá: unha parella ben compenetrada formada por un mozo e o seu cabalo que son os reis nas carreiras de obstáculos. Ata que de súpeto pasa algo que non se sabe que é e que debemos averiguar: cal é o tormento do cabalo? É físico ou psíquico? A solución será máis doada do que pensabamos. As ilustracións axudan continuamente ao ton humorístico do libro en conxunto, posto que realmente nelas aséntase a base do humor; moi diferente sería o libro sen estas ilustracións.
Queda claro que o tándem perfecto tamén o son autor e ilustrador. Xenial.





29/12/15

Escarabajo en compañía


Na editorial Ekaré poderemos atopar estes estupendos contos de Pep Bruno ilustrados por Rocío Martínez: Escarabajo en compañía é unha homenaxe do autor a Arnold Lobel, Eric Carle, Leo Lionni, Milne e Jutta Bauer. Insectos que fan da amizade a súa razón de vida e será a solidariedade entre eles o que lles facilite a vida. Relatos curtos doados de contar que farán pasar un tempo delicioso entre os nenos e nenas que amen escoitar contos de animais. Quen se resiste?



28/10/15

El Bunyip

Jenny Wagner e Ron Brooks son os artífices de El Bunyip, publicado por Ekaré. Un álbum clásico -publicado por vez primeira en 1973- sobre a identidade e os prexuízos onde o protagonista vén a ser un animal moi existencialista -un animal mitolóxico australiano-. O texto consegue transmitir perfectamente os diferentes estadíos de ánimo do noso protagonista, mentres as ilustracións dan conta da perplexidade continua na que vive, da súa bondade, mesmo da soidade tremenda que sente, así como da decisión valente que toma e da emoción de, por fin, rachar con esa monótonona sensación de fealdade e rexeitamento. O máis importante, sempre, quererse a un mesmo.



25/10/15

Un perro en casa

Precioso e metafórico álbum publicado por Ekaré, Un perro en casa é de Daniel Nesquens con ilustracións de Ramón París. O que semella unha historia máis ou menos común (un chucho recollido na rúa e levado para a casa que precisa de inmediato pasar pola ducha) agocha un divertimento final ben curioso, unha transformación totalmente sorpresiva para o lector/a. Pero como bo álbum, debemos estar pendentes das ilustracións, que nos informan de moito máis do que o fai o propio texto, semellando que o ilustrador adquire unha relevancia absoluta e que atopou realmente un recurso gráfico maleable para xogar cos significados e deixarnos pampos -e iso que se nos fixaramos nas guardas deberiamos estar sobre aviso!-. Ademais, a importancia que adquire a ilustración neste libro vese reflectida no punto de vista que se nos ofrece, xa que vemos o mundo dende a perspectiva do cadelo, de aí que moitos adultos saian do campo visual. A tinta negra adquire tal importancia que chega a ocupar a páxina completa, nun xogo visual e metafórico rotundo e inesperado.



24/10/15

Una piedra extraordinaria

Leo Lionni é un dos grandes e calquera dos seus libros vai ser un acerto. Igual ocorre con este Una piedra extraordinaria que publica Ekaré. Este álbum xoga co lector/a no sentido de que este percátase deseguida o erro do narrador e dos personaxes, co que se provoca un xogo literario nunha fábula sobre a amizade e as diferenzas. Porque en realidade este álbum infantil reflexiona sobre un mundo de adultas que prexuíza e realiza constantemente suposicións condicionadas a calquera resultado posible.
Así pois, se xa andabamos namoradas de Mateo e Frederick, agora quedaremos desta Jessica, ra curiosa e exploradora que ten a capacidade de marabillarse con todo o que hai ao seu arredor. 







13/10/15

La jardinera

Precioso libro publicado por Ekaré, La jardinera é de Sarah Stewart e está ilustrado por David Small. Este álbum é moi orixinal e diferente, primeiro porque o que lemos son as cartas que a nena protagonista escribe á súa familia; é dicir, o xénero epistolar serve para explicar a historia. Así saberemos das dificultades económicas que pasa a familia e que serán a razón de que a nena teña que ir vivir cun tío que tampouco se debe sentir moi feliz porque nunca sorrí. Así que a nena, irredutible, terá un propósito inmediato: facer sorrir a seu tío. E non é labor doado! A nena representa a infancia máis pura: a ilusión por riba de todo -ese amor polas plantas- e o esforzo supremo por conseguir o obxecto do seu desexo. Isto farao organizando unha sorpresa especial que o texto non nos desvela pero si as ilustracións.
Unha nena consegue que todo cambie, que todo sexa máis positivo, e que o optimismo se teña como un valor. Precioso!
O álbum foi seleccionado entre a Lista de Honor Caldecott de 1998.


07/10/15

Compota de manzana

Con texto e ilustracións de Klaas Verplancke, publica Ekaré este tenro álbum chamado Compota de manzana, que conseguiu o Premio ao Mellor Álbum ilustrado polo Gremio do Libreiro de Madrid.
Os lectores e as lectoras estamos bastante acostumad@s a ler álbums onde se enxalza o valor da maternidade, porén este libro fala da paternidade e da marabillosa relación que se establece entre un pai e un fillo. Un fillo que non só é protagonista, senón tamén narrador, e que nos conta a cantidade de posibilidades que lle agasalla o feito de ter un pai e facer actividades xuntos; aínda así, o pai tamén ten mal xenio e ata pode dar medo, pero os bos momentos sempre gañan e están por riba destes pequenos "despistes" paternos. E é que ter un pai, así, dende que se nace, é ter un olor especial a fogar.
Xunto co texto, as ilustracións percorren o mundo fantástico do narrador, sendo máis ca elocuentes, e provocando sempre sorrisos familiares. Porque a vida cotiá é fermosa, e así nola amosa este álbum.





03/10/15

Issun Bôshi


Precioso álbum que nos regala a editorial Ekaré de Icinori: Issun Bôshi. El niño que no era mucho más alto que un pulgar. Este libro é unha viaxe iniciática que nos leva da man por outros tempos e lugares, polos que nós pasearemos delicadamente e gozaremos con eles. Con eles e cun protagonista pequerrechiño que resulta ser tan valente que é quen de cambiar o seu destino. Porque resulta que estamos lendo unha adaptación dun conto tradicional xaponés. É dicir, estamos de novo gozando ante a cultura tradicional dos contos. Por iso, podemos equiparar esta lenda coa de "Pulgarcito", xa que son ben semellantes: uns pais desexosos de ter un rapaz ou rapaza, este que nace diminuto e un proceso de crecemento que supera o tamaño enfrontándose a calquera conflito. De fondo, a valentía da soidade e de que o tamaño non importa.
As ilustracións semellan serigrafías, cos cores fortes en laranxas e amarelos, e en azuis. Semellan antigas, como o conto no que se basea o texto. Ademais, reflicten o ambiente afastado da cultura xaponesa.





16/04/14

Concierto para escalera y orquesta

Chamoume a atención, polo título, pola forma, pola pinta... e non me defradou. Concierto para escalera y orquesta está publicado por Ekaré con texto de Antonio Orlando Rodríguez e ilustracións de Carole Hénaff. Historia humorística, absurda, chea de encanto, cun formato apropiado para a escaleira protagonista, quen provoca pola súa desaparición unha serie de acontecementos que á súa vez serán desencadeantes de provocar a exasperación na parella protagonista. Imaxinación e humor ao poder!

10/02/14

Siete ratones ciegos


Estupendo este álbum que me recomendou Anxos (non podía ser doutro xeito) de Ed Young (considerado como un dos dez mellores ilustradores do mundo) publicado por Ekaré: Siete ratones ciegos é unha fábula que capta a atención do lector dende a primeira páxina, impactado visualmente por un fondo negro onde destacan as cores dos personaxes. Uns ratiños que verán "Algo moi raro" e que non se poñen de acordo nas súas conclusións. A disposición ilustrada das páxinas crea sensación de movemento e espazo é un elemento máis, tan importante como a acción. Unha fábula que conta cunha "moraleja ratoneja" perspicaz e adaptable, porque, efectivamente, non hai peor cego que aquel que non quere ver. E non dicimos máis.

“Si sólo conoces por partes dirás siempre tonterías, si puedes ver el todo hablarás con sabiduría”. 





29/09/11

La composición



Precioso álbum publicado por Ediciones Ekaré, La composición é de Antonio Skármeta con ilustracións de Alfonso Ruano. Unha demostración de que o álbum serve para falar de calquera realidade política de xeito que calquera poida achegarse a ela, entendéndoa. As ilustracións son realistas, coa necesaria dramatización.
A historia desenvólvese nun país calquera latinoamericano, nos anos 70. Inevitable pensar en Chile, pero non hai ningún dato no libro que o especifique. Simplemente, o lugar dá o mesmo para falar de falta de liberdade, de intolerancia, de terror. Mesmo consegue momentos de tensión mentres non avanzamos na lectura. Está moi conseguido o retrato da intelixencia infantil, o feito de se percatar do medo, da inxustiza, da incomprensión. Porque un neno debe xogar e ser feliz, pero tamén observa e responde.





Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.