Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

Amosando publicacións coa etiqueta Alfaguara. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Alfaguara. Amosar todas as publicacións

21/09/21

Las Doncellas


 A
lex Michaelides
é o autor de Las Doncellas, publicado por Alfaguara. Un libro que me defradou, debido ás expectativas postas na súa lectura. O máis interesante é o enfrontamento que se produce entre os personaxes principais do libro, Fosca e Mariana, xa que lle dá á lectura un interese especial, aínda que este non sexa suficiente como para dicir que estamos ante un gran libro. Si, déixase ler, como precepto obrigatorio de novela negra, pero nada máis. Quizais o final sexa desconcertante, pero tampouco chega a ser suficiente como para ter este libro nos andeis dos nosos preferidos de novela negra.



19/04/21

El Rey

 


O
malo das triloxías é que pasa demasiado tempo entre a lectura dun libro e outro e aquí tamén fai acto de presenza miña mala memoria. De aí que ao principio me custase tanto situarme na acción de El Rey, terceira parte de No está solo e El Ángel, de Sandrone Dazieri, publicado asemade por Alfaguara, libros que me atraparan de vez: pero, claro, xa pasaron dous anos. Iso si, é imprescindible telas lido para ler este. 

Xa pasou ano e medio dende os terribles sucesos acontecidos no anterior libro. A protagonista pretende vivir afastada do mundo, preocupada tan só pola vida do seu amigo. Pero as cousas complícanse. A partir dese momento, o ritmo da novela irá in crescendo, sen descrición superfluas e cun suspense e unha tensión que nos acompañará en cada páxina. Un libro que medra a medida que imos avanzando páxinas e ímonos poñendo en situación. Porque, xa digo, ao principio custa -ou a min custoume-retomar a historia. Por suposto, tal como acontecía nos anteriores libros, o autor sabe manternos co libro aerto, con moitos ángulos e paredes polas que rubir. E cun final que consegue un golpe de efecto. Por suposto, o libro constitúe un broche perfecto, aínda que considero que non é a mellor novela das tres, é moi recomendable se vos gusta a novela negra. Por suposto, ao dúo protagonista, ou ámalo ou non: non hai termo medio.


16/03/20

Kim Ji-young, nacida en 1982

Cho Nam-joo cóntanos en Kim Ji-young, nacida en 1982, publicado por Alfaguara, a diferenza que existe na sociedade coreana entre nacer home e nacer muller, pero sobre todo como medrar sendo de diferentes sexos. O libro conta a historia dunha muller calquera, e así o recalca dándolle un nome moi común en Corea, porque o que procura é incidir en que o que lle ocorre a ela é algo normal no seu país, e por iso non quere que o lectorado se identifique co personaxe feminino protagonista, senón con calquera muller coreana. Chama a atención tamén que o libro non sexa só unha novela, senón unha especie de híbidro entre novela e crónica, dando datos reais e aportando as fontes oficiais destes datos: estatísticas, datos contrastados, fontes xornalísticas, denuncias oficiais... argumentos que ninguén poderá botar por terra. Así, é unha labazada a esta sociedade, pero non só a ela, xa que o endiosamento dos homes non está restrinxido á sociedad coreana. Canda este tema, o aborto selectivo se dunha nena se tratar, a relegación do papel da muller ao ámbito familiar (aínda que sexa máis intelixente e así o demostre ca o seu esposo), a discriminación en todos os ámbitos, a violencia, o machismo, a misoxinia...
Interesantísimo este libro que nos lembra que as mulleres cometemos erros porque somos humanas, non porque sexamos mulleres.

08/02/20

Elena sabe

Collín este libro porque foi Premio Pepe Carvalho de Novela Negra 2019 e supuxen que a estas alturas viríame ben unha novela negra desta autora, Claudia Piñeiro, quen xa coñecía. A miña sorpresa foi que de novela negra non ten absolutamente nada, cando menos o que eu entendo como "novela negra". Máis ben poderiamos encadrala dentro dun tipo de narracións de dramas de enfermidade, porque a verdadeira protagonista deste libro é unha puta enfermidade chamada Parkinson. Si, agobioume moito porque vin reflectida en moitas ocasións os últimos meses da miña nai, e aínda así seguín lendo agardando algo que non topei, agás unha sesación asfixiante provocada polos síntomas ben descritos desta enfermidade.O mellor do libro é sen dúbida ningunha o final, que é cando se precipitan os acontecementos, que en realidade non existen, pero é cando averiguamos a triste realidade que se fora entretecendo entre os falsos movementos que esta enfermidade deixa realizar, un final categoricamente irreemprazable. Desde logo, non é lectura apta para hipocondríacxs. Porque é unha puñada directa coa súa crueza e a súa recreación continua nos síntomas e consecuencias de padecer a enfermidade.
Elena sabe está publicada por Alfaguara.


16/08/19

La Red Púrpura

Non me resistín. Tan pronto souben que Carmen Mola xa tiña segunda entrega, alá fun. Desta volta publica Alfaguara La Red Púrpura, novela moi negra, que ten os mesmos protagonistas que a primeira e que terá como argumento unha rede que trafica con vídeos de violencia extrema e coa pederestia. O argumento de por si xa interesa, porén, non me gustou tanto como a primeira.
Como no primeiro libro, a novela é extremadamente cruel. Tanto, que impacta ata onde pode chegar a mesquindade do ser humano. Unha vez máis: sabemos que a realidade supera a ficción. Aínda así, que tétricos resultamos!
O que si está claro, é que non podemos ler esta segunda entrega sen ter lida a primeira. Non se podería comprender, xa que a historia comeza dous meses despois de ter rematada a primeira. A inspectora, Elena, volverá a situarse fronte a unha investigación que a involucra persoalmente. Ao longo desta investigación comprenderemos que os estatus sociais (o máis altos e os máis baixos) non viven afastados, senón que se retroalimentan. A investigación lévanos á Violencia máis chamativa e extrema, de aí que ás veces a lectura resulte pouco doado pola crueza e a ferocidade descrita. Chega a ser nalgúns momentos mesmo "gore", o que non sei ata que punto é axeitado. 
Como dixen, non me gustou tanto como "La novia gitana", nin pola descrición dos personaxes nin por algúns xiros demasiado febles, mesmo con algunhas situacións que "chirrían". Pero estamos ante unha historia potente que non vos deixará indifentes. E se lestes a primeira, estaría ben ler a segunda.


20/02/19

La novia gitana

Lina de contado, nunha soa palabra: brutal. Carmen Mola (pseudónimo) asina La novia gitana, publicado por Alfaguara. De lectura imparablemente áxil, mesmo trepidante, e a pesar da brutalidade e da crueza da lectura, resulta mesmo fresca, porque a pesar de que todo está inventado na novela negra, esta chega a ser curiosamente diferente e novidosa. Polas súas páxinas pasean temas como a violencia machista, a homosexualidade, o racismo... e aínda que hai algúns tópicos (semella case imposible) resulta orixinal e novidosa no seu conxunto. Así que se queredes lela, pensade en que non a ides deixar, polo que teredes que procurar unha fin de semana para ela... e para o voso goce.



08/02/19

El ángel

Papeino, literalmente. Imposible despegarse das súas páxina. E o final... deixoume buscando un terceiro libro que semella inexistente. Espero que por pouco tempo!
Falo de El Ángel de Sandrone Dazieri, de quen xa vos falei onte, publicado por Alfaguara. Un ritmo trepidante para unha negrura que non deixa nada ao destino. Todo está perfectamente calculado e medido, e xa dende as primeiras páxinas quedamos prendidas na lectura. A parella protagonista cobra aínda máis forza ca na primeira entrega, se cabe, e adúlanos por completo: queremos seguir canda eles en todos os seus pasos. E é que o libro -igual que o primeiro- conta con xiros e máis xiros e con golpes de efecto, xa que o autor domina moi ben este xénero. Asemade, consegue unha lectura fluída cos capítulos pequenos que rematan con pequenas doses e intriga que obrigan a seguir adiante.
Aínda por riba, o final.
Así que estou totalmente prendada deste autor. Teño que lle dar as grazas por conseguir que estivese pegada ao libro tanto tempo. Xa pensaba que era imposible!


07/02/19

No está solo

Descubrindo autores de novela negra cheguei a este e con el quedei: papeime os seus dous libros aproveitando a miña gripe. Máis ben, era imposible dixar de ler. E agora que rematei o segundo que ganas me quedan de que chegue o terceiro! 
Falo de Sandrone Dazieri, publicado por Alfaguara. O primeiro libro titúlase No está solo, e pareceume boísimo, cheo de tensión dende o primeiro momento ata o último, con golpes de efecto totalmente inesperados tamén ao longo de todo o libro. Flashbacks, xiros... todo conleva unha lectura intensa e mortífera pola tensión que nos provoca.
Realmente ben conseguida a parella protagonista, seres traumatizados que foxen aínda así dos arquetipos e que nos fascinan inmediatamente. Son deses protagonistas cos que queres seguir, e mañá falareivos da segunda entrega. Eles dous son os piares das novelas, pero non o é menos o argumento e os outros personaxes que pululan nas súas páxinas.
Déixovos, porque teño que rematar a segunda. Mañá seguimos.




03/02/19

La forma de la oscuridad

E claro, seguín con Mirko Zilahy. O segundo libro chámase La forma de la oscuridad  -Alfagurara- e é, en efecto, novela ben escura que non deixa respirar, xa que sabe conxugar o seu autor  (esta segunda entrega paréceme mellor cá primeira) arte, relixión, mitoloxía e suspense. Novamente, nesa Roma descoñecida da primeira volta que agora se mestura con espazos coñecidos, mesmo museos; aquí percorreremos alcantarillas e lugares subterráneos conxugados co parque zoolóxico ou as termas de Diocleciano: o autor consegue que Roma sexa unha protagonista máis. Como dicía, chama a atención a trama enrevesada que Mancini ten que resolver, mentres -igual que sucede coa cidade- segue mesturando a súa vida tormentosa (agora non hai un detective que teña unha vida "normal"?) coa investigación. Unha investigación sen alento que -aí reside o mérito- mantennos pegadas ás súas páxinas. Que é real e que é imaxinario? Porque disto vai preciasamente o relato truculento que nos presenta: as alucinacións que unha mente "perturbada" sente. 
Recoñezo que unha das solucións que se nos propón non me acabou de convencer. Pero o libro cumpre a súa función: rescatarnos do noso propio mundo.






02/02/19

Así es como se mata

Que ben descubrir este autor de novela negra italiano (a pesar do seu nome). Sóubome enganchar nesta crise lectora, polo que xa merquei a senguda entrega, non quero perder o comisario Mancini de momento. Sabendo, iso si,  que todos os clixés do xénero están presentes. Pero sabe darlles forma.
En Así es como se mata -publicado por Alfaguara-, Mirko Zilahy, andaremos detrás da Sombra, asasino en serie na cidade de Roma. Unha Roma, por certo, afastada das guías turísticas porque o que nos ofrece é unha Roma oculta, descoñecida para quen visitamos a cidade e non somos de alí. Ou sexa, unha cidade moi real, chea de escuridade, na que non todo reloce. Por iso a ambientación está moi ben conseguida, porque paseamos por unha Roma gris -chea de auga- e opresiva, mesmo deprimente. O final está ben pechado, sen ser sorpresivo.
 O mellor do libro é que o resultado é unha novela negra moi negra, que segue o canon clásico onde o mal prevalece e nos leva da man por todas as páxinas.


24/07/17

La sustancia del mal

Procurando un libro que me enganchase cheguei a este anunciado como "o trhiller do ano": La sustancia del mal de Luca D'Andrea, publicado por Alfaguara. Recoñezo que non surtiu o efecto desexado, sendo un libro que se deixa ler e que destaca pola súa ambientación, xa que esta é unha personaxe máis do libro, as montañas nevadas e o seu perigo, a aldea que decide properar co turismo..., si a paisaxe de Dolomitas é esencial no libro e ocupa boa parte das súas páxinas. Por outra parte, utiliza frases curtas e capítulos pequenos, que axudan á axilidade lectora. Máis ca un Trhiller é para min unha novela psicolóxica, posto que o que desencadea a "investigación" (se se puidese chamar así) é un accidente mortal que provoca que o noso protagonista sufra diferentes episodios depresivos. E por aí tamén hai moito que explorar: a súa relación coa familia, cos amigos, cos veciños, todo isto é unha parte fundamental, máis que a resolución dun crime que tivo lugar hai bastantes anos, e que é un fío condutor, outro máis, do libro. Iso si, este non se cortará ata a última páxina, dándolle un novo interese a esta lectura que é, sobre todo, lixeira.


26/03/17

Recursos inhumanos

Comecei a ler este libro antes de ir ver a Pierre Lemaitre a Santiago esta semana, pero en época de exames pouco tempo teño para gozar da lectura e aínda agora veño de rematalo. Lemaitre non defrauda nunca, non podía ser doutro xeito, e en persoa encantoume.
Recursos inhumanos, publicado por Alfaguara, combina a novela negra coa denuncia social e atrapa o lector nunha voráxine de acontecementos dos que é díficil subtraerse; moito menos cruento que a saga do detective Verhoeven (extraordinaria) segue a poñer os pelos como escarpias nalgúns capítulos; e transmite a dor, esa dor dunha persoa que necesita traballar, que quere traballar, dese parado de longa duración que, desesperado, aferrarase a un cravo ardendo. Isto consegue que esteamos ante unha novela diferente, negra si, pero tamén social, que ás veces, sobre todo ao principio e mesmo cara á metade, decae un pouco pero que vai in crescendo; porque naquel momento semellaba que xa estaba todo feito, e o valor deste autor consegue precisamente iso, xirar cara ao inesperado, causar unha perplexidade maiúscula que atenaza a gorxa. A desesperación e a desesperanza son os eixos sobre os que se vertebra o argumento, os detonantes dunha loita desigual e sorprendente que retén a ira como tema da novela. A partir de aí, sempre Lemaitre, quen conxuga o rocambolesco ou o esaxerado coa realidade e a credibilidade.
Para min non é nin de lonxe o mellor del, pero segue convencéndome.

Nos robaron la confianza en nuestra propia vida, nuestra seguridad, nuestro futuro. Eso es todo lo que quería reconquistar.

06/02/17

Rey de Picas

Aínda que está anunciada como novela negra, non creo que se axuste totalmente a este xénero, aínda que si deixa claro a súa mestría ao escribir, unha vez máis, a súa autora Joyce Carol Oates con Rey de Picas publicada por Alfaguara. De todo un pouco ten esta curta novela, aínda que coido que se debe destacar a sátira implícita que se realiza ao ego de escritores e escritoras (¡!), ao gusto pola fama e tamén ao medo ao esquecemento posterior. Logo, vén a novela de suspense e a dobrez do personaxe principal, un escritor que se amosa misérrimo e envexoso. Será no descubremento das características deste onde o suspense psicolóxico irá en aumento, de aí a súa denominación como novela negra. Resulta moi interesante esta dobre vertente do escritor que nos propón a autora: un home bo, case perfecto, que ten certa fama como escritor meramente correcto, e a dualidade: tamén é un escritor maldito que usa a violencia e morbo e mesmo as súas vivencias persoais. Isto é o que máis nos vai interesar polo traballo psicolóxico: que é máis importante, o desexo ou a ética, que vai primar, o ben ou o mal? Porque unhas veces acturará como o primeiro personaxe, un bo home, e outras será o malo que dá pé a ese escritor ruín. 
Oates deixa claro que ten oficio, e moi bo, diría eu. Sabe impregnar dun ritmo equilibrado á narración, estruturándoa en capítulos curtos  con estilo elegante. 
Non decepciona.


19/11/16

Manual para mujeres de la limpieza

Un libro que non deberiamos deixar de ler é este Manual para mujeres de la limpieza de Lucia Berlin que publica Alfaguara. Do mellor do mellor, sen dúbida ningunha. Unha especie de biografía escrita en anacos, relatos nos que cun alento inquebrantable fala de si mesma, dende a súa condición de ser muller, para retratar o alcoholismo, a maternidade, o matrimonio, o fracaso, a adicción, a morte, os traballos diferentes de todas as condicións, os escenarios cambiantes, o caos... unha escritura real que non precisa de adubíos para ser literatura pura. Relatos reais sen artificios. Melancolía cotián. E sobre todo, magnetismo. Un imán que logra que o libro pouse aí, agardándote, sabendo que vas volver a el, que tes outros libros polo medio, pero que de cando en cando abrirás este Manual para rel e abraiarte cun novo relato, para pechalo novamente, e sentir que esa vida azarosa forma parte da túa, para prolongar a estadía desta convidada literaria que veu para quedar. E quedará, de seguro, para ser lido cun ritmo que ningún outro merece. Que vida a que agocha!


"Un indio viejo y algo con unos Levi's descoloridos y un bonito cinturón zuni. Su pelo blanco y largo, anudado en la nuca con un cordón morado. Lo raro fue que durante un año más o menos siempre estábamos en la Lavandería Ángel a la misma hora. Aunque no a las mismas horas. Quiero decir que algunos días yo iba a las siete un lunes, o a las seis y media un viernes por la tarde, y me lo encontraba allí."

28/05/16

Mil hogares

Hoxe tráiovos un álbum algo diferente porque Carson Ellis constrúe en Mil hogares, editado por Alfaguara,  un muestrario de casas diferentes segundo os países, segundo o tamaño ou segundo a quen acubillen, xa que o libro vainos atrapar sen que haxa un argumento ou unha historia que seguir, tan só gozaremos paseando por entre as casas que nos amosa contrastándoas e podendo comparalas. E de paso que trata o tema da diversidade -algúns fogares dos animais son realmente fantásticos- fala asemade de emocións nun tratamento delicado das ilustracións en gran formato, a dobre páxina, coidando todos os detalles.
No remate, ata teremos un espazo para amosar o noso propio fogar, de querermos.




Carromatos, iglús, castillos, cuevas, tipis, chozas, rascacielos, nidos, cabañas, goletas, huecos de árbol... ¡y hasta una casita hecha de chocolate y caramelos! Este delicioso álbum  constituye un divertido catálogo planetario de viviendas, pues ilustra algunos de los muy diferentes espacios que humanos, animales y 'seres de dudosa procedencia' han adoptado según sus necesidades o -en el caso de los más afortunados- gustos. Austeras, lujosas, prácticas, cómodas, rodantes, imposibles... casi todas las casas tienen algo que las hace especiales y apetecibles, porque, a ver, ¿quién no querría conocer lo que se siente viviendo en las profundidades marinas -como los atlántidas-, en el cráter de la luna -como los selenitas-, o en la inconmensurable sabana -como muchos africanos-? Ciertamente, son infinitos los lugares interesantes para vivir, lo importante, salvado un cierto nivel de confortabilidad y de recursos, es hacer de una casa un hogar. - See more at: http://canallector.com/22769/Mil_hogares#sthash.DjlwQQ5e.dpuf

26/05/16

Camille

O último libro de Pierre Lemaitre chámase Camille e publícao tamén Alfaguara. Con Camille cérrase unha tetraloxía onde o protagonista é o detective Camille Verhoeven, un dos mellores personaxes que ten dado a novela negra actual, sen dúbida ningunha. O autor ten unha habilidad especial para a escritura, está claro, e se nas anteriores entregas chamaba a atención polo sadismo que nos ofrecía, nesta entrega cambia completamente de terzo para achegarnos unha lectura máis reflexiva que non defrauda en ningún momento. E como sabemos que o final agardamos o peor, quizais moito peor do que lemos ao rematar, pero si nos agasalla con imaxes inesquecibles e cun caso apaixoante que resolver.
Se amades o xénero, non esquezades este autor, coido que non me ides botar en cara a recomendación.


«El hombre que sostiene la repetidora se detiene, se da la vuelta, duda: es cierto que un disparo es la mejor forma de atraer a la poli antes de haber empezado, cualquier profesional lo sabe. Por un momento vacila sobre los pasos a seguir y, una vez tomada la decisión, se vuelve de nuevo hacia Anne y le lanza una larga serie de patadas. Ella trata de esquivarlas, pero incluso si hubiese tenido fuerzas se lo habría impedido la puerta contra la que está arrinconada. No hay salida».

23/04/16

Eleanor y Park

Rainbow Rowell é o autor desta magnifica novela xuvenil (e non só) que publicou Alfaguara: Eleanor & Park é unha historia de amor (e non só) que non se le, devórase. Vaia, ten mérito. Como pode ser unha historia de amor tan boa? Porque non é cursi, porque afástase dos termos correntes en como se escribe unha historia de amor para presentarnos simultaneamente os sentimentos de dous personaxes case marxinais que non se namoran a primeira vista e que van superando dificultades aos poucos. E o final, aberto, chega a ser angurioso.
É un libro sensible, que agocha moito máis ca unha historida de amor, e ao mesmo tempo encántanos este amor adolescente imparable e trastornado. Mesmo anhelamos volver a sentir ese voo de bolboretas do primeiro amor. É un libro con alma, e isto non sempre se topa. 
Moi recomendable.




11/02/16

Alex

Sigo mergullada na novela negra e volvo a Pierre Lemaitre e o seu Alex publicado por Alfaguara. Este home é un "monstro" e a lectura dos seus libros non son aptos para persoas impresionables... custoume ler as escenas onde hai ratas... buf!!! E o libro... non hai xeito de deixalo. Menos mal que era entroido e podía andar con el debaixo do brazo, porque imposible aparcalo na mesiña e que agardase ata o día seguinte. Este libro é o segundo de Camille Verhoeven, e aínda que para min é o último -mágoa non respectar a orde, pero éche o que hai- este detective e a súa curta estatura tráenme de cabeza. É do mellor que hai na novela negra no panorama actual, coido. Aínda que non son especialista, paréceme que este Lemaitre é moito Lemaitre. Desta volta, os capítulos curtos, áxiles, onde se alternan a vida de Alex e a súa desaparición cos capítulos da investigación de Camille, son un prodixio á hora de manter ao lector e á lectora pegadiño ao libro. E que dicir dos compañeiros de Camille! Secundarios de luxo. En realidade, tanto a vítima como os investigadores amosan unha personalidades fascinantes. A novela constrúese in crescendo, con xiros inesperados, con desconcertantes desenvolvementos, mesmo convídanos a posicionarnos e cavilar de que parte estamos finalmente.
Se aínda non coñecedes a Lemaitre, convídovos a facelo. Con estómago, iso si.



02/02/16

Rosy & John

Pierre Lemaitre baixa a tensión -é que Irene e Vestido de novia son moito!- da súa novelística negra neste Rosy & John publicado por Alfaguara, que ten como orixe un "Folletín para smartphone". Novela curta, moi curta -lese en menos dunha tarde- segue a ser unha pequena alfaia, menos cruenta, pero moi orixinal, case impactante, que consegue terte apreixada ata un final totalmente inesperado e que se le nunha orde cronolóxica de infarto pola rapidez coa que se debe resolver todo, o que consegue novamente unha lectura vibrante. O autor, lembremos, construíu aquí un detective inesquecible, ese home de escasa estatura que xira entre melancolía e cólera é un acerto literario.





22/10/15

Irene


Cando me prestaron este libro, non pensei que ía lelo tan axiña. Pero é inevitable. Irene, de Pierre Lemaitre, publicado por Alfaguara, é unha homenaxe en toda a súa extensión ao xénero negro. Moi negro, diría eu. O protagonista, tan lonxe dos cánons, será un personaxe a quen acompañaremos dun xeito irrefreable, aínda que saibamos polo título que vai ocorrer o inevitable cara ao final do libro. Un libro que, asemade, está escrito por un amante lector da novela negra e que decide utilizala para recreala arestora nunha historia de violencia, moita violencia e de perdas, perdas insoportables.
Temos un asasino despiadado que realiza os seus actos brutalmente homenaxeando autores clásicos de novela negra: escenas profusamente violentas, sorpresas metaliterarias... o comezo do libro supón xa unha labazada inicial e a dor non mitiga nin no final. O ritmo, trepidante, a tensión, continua, aínda intuíndo que algo vai ocorrer con respecto a unha personaxe... pero non importa ren. Porque o autor consegue atrapar. Recoñezo que esa previsibilidade da que falo é un hándicap para que sexa unha novela perfecta, pero o feito de que a literatura sexa tamén protagonista no seu xénero de novela negra aporta un toque de beleza ao libro, para min, claro, que xa sabedes que peco de amor polos libros.
Moi recomendable. Aínda que creo que Vestido de novia era mellor.


Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.