Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

Amosando publicacións coa etiqueta Nubeocho. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Nubeocho. Amosar todas as publicacións

22/03/20

La ola de estrellas

Fermoso álbum de Dolores Brown e Sonja Wimmer publicado en Nubeocho: La ola de estrellas ten o sabor dos contos tradicionais e é un álbum tenro que conleva historias de mariñeiros e piratas, con sabor a mar salgada. De fondo, o libro fala dos cambios que nos poden suceder na vida e que podemos loitar para revertelos.


24/02/20

Daniela y las chicas pirata

Un deses álbums imprescindibles para educar na igualdade e que vén a ser como unha segunda parte do álbum Daniela Pirata, Susanna Isern e Gómez amosan en Daniela y las chicas pirata  a sororidade a liberdade da nenas. Unha historia de empoderamento que demostra que as nenas poden ser e facer o que elas queiran, sen etiquetas preconcibidas pola sociedade patriarcal que limitan a creatividade e a personalidade das nenas. Aquí hai igualdade total: as mozas piratas comparten a súa profesión con mozos piratas e todas e todos son iguais de valentes e válidxs na profesión. Asemade, neste álbum hai outro aspecto a descubrir que non había no anterior: a competitividade, que claramente deixará paso á cooperación, que o verdadeiro tesouro. Teño que recoñecer que nun principio non entendía eu moi ben que reinase a competitividade no álbum ata que se disiparon todas as dúbidas coa solución final.
Publicado por Nubeocho.
Así que un libro moi recomendable para a rapazallada pequena, e grazas a Monse Vilar por descubrirme a primeira parte!



01/05/18

Me llamo Pecas

Publica Nubeocho Me llamo Pecas de Raquel Díaz Reguera, un álbum pola igualdade, unha reflexión sobre o sistema patriarcal dunha sociedade que indica diferentes xogos, diferentes cores, diferentes costumes... para nenos e nenas. A protagonista do álbum non logra entender a causa desta separación. Nin ela nin nós. Por iso amamos este libro. Porque fala de querernos como somos, de non aceptar etiquetas, de non aceptar os uniformes sociais, de non aceptar que debemos estar cortadxs polo mesmo patrón, senón que debemos respectar as nosas diferenzas e sobre todo debemos chegar a entender que nenos e nenas teñen exactamente os mesmos dereitos. 
Moi interesante o feito de que a ilustración non defina nunca se Pecas é neno ou nena. Un xogo que convida.





13/07/17

El animal perfecto


Raquel Díaz Reguera publica na editorial Nubeocho este divertido álbum, El animal perfecto. Un fermoso libro que reflexiona sobre iso que procuramos nos humanos, ou nos animais, coma neste caso, e que en realidade non existe: a perfección. Por iso a nosa protagonista terá que buscar unha mestura de todos aqueles rasgos que sobresaen nos animais, posto que todos eles teñen tanto que ofrecer. Asemade, todas as páxinas ofrecen unha información "sorprendende" sobre o animal en cuestión.
Gústame moito esta ilustradora, desta volta cunhas ilustracións doces e tenras ao mesmo tempo que divertidas, nun álbum que vén a nós cheo de forza optimista e que nos lembra que todos temos cualidades esenciais e que nas diferenzas está o mellor da natureza, o que nos enriquece.

03/05/17

¿Qué le pasa a Uma?

Cheguei con moita ilusión a este libro de Raquel Día Reguera porque teño que recoñecer que me encanta e porque fala de acoso escolar. ¿Qué le pasa a Uma? está publicado por Nubeocho, editorial comprometida con todos estes temas. Pero tras a lectura síntome decepcionada. Dubido que o tema estea ben tratado, coido que precisamente trata de "rara" á nena protagonista, e tampouco me gustou a solución da mestra, ríndose dese "todos los demás" e individualízandoa a ela, algo do que preciasamente debería fuxir, menosprezándoos, case. E si, gústanme as ilustracións, por suposto, pero o texto coxéame; estamos ante un tema moi difícil e achegarse a el resulta ben dificultoso, pero aquí foxe por entre as liñas.
O positivo desde o meu punto de vista é como fala do acoso en canto á exclusión. Moitas veces pensamos que o acoso é só violencia e non é así, por iso este libro gústame dende ese punto de vista: a marxinación. Que pode ser tanto ou máis dura que a violencia visible, porque é daniña e reconcome á persoa que o sofre. Que os demais fagan o baleiro a unha persoa é un tipo de acoso que moitas veces pode resultar máis invisible que outros.

14/01/17

Bogo Quierelotodo

Encantoume este Bogo Quierelotodo que publica a editorial Nubeocho de Susanna Isern con ilustracións de Sonja Wimmer. A historia dun raposo descontento que quería telo todo, todas as cualidades dos demais animais, todo aquilo que a natureza non lle deu, pensando que el nada tiña. Unha lección de vida, xa que cadaquén conta coas súas propias cualidades e hai que saber quererse a un mesmo, o cal tamén é importante. Como o é o valor da amizade, outra das cousas que o libro valora.

12/01/17

El niño semilla

Na editorial Nubeocho podemos atopar un dos mellores álbums deste ano que vén de rematar, El niño semilla, de Levi Pinfold. Un libro fermosísimo non só pola historia senón tamén polas ilustracións, deses álbums que prenden no recordo pola intensidade que desprenden cando se miran. Un argumento de defensa da Natureza con sabor a conto clásico que agocha sobre todo o respecto que debemos ter co planeta e co agasallo que nos ofrece e que tantas veces esquecemos, de maneira que somos nós quen nos encargamos de destruílo. Somós nós os convidados a vivir aquí e non ao revés. Obremos en consecuencia.
Precioso e necesario.



10/01/17

Sin agua y sin pan

Luis Amavisca e Guridi son os responsables deste imprescindible álbum ilustrado no que colabora Amnistía Internacional e que publica a editorial Nubeocho: Sin agua y sin pan é unha historia de solidariedade escrita en clave irónica que axuda a reflexionar sobre o drama que están a vivir millóns de persoas refuxiadas que apenas teñen que levar á boca e que viven separadas por arames construídos dende o egoísmo e a insolidariedade. Unha historia sinxela pero contundente, con poucas palabras porque non cómpren máis e con ilustracións de trazos sinxelos e pouco colorido que reforzan a mensaxe que nos dirixe en cada páxina.
Como xa dixen, un libro imprescindible en todos os fogares.

 


08/11/16

Pum Pum hice daño a la luna

Un álbum pacifista este que nos propón a editorial Nubeocho de Luis Amavisca e Esther G. Madrid: Pum Pum hice daño a la luna é unha metáfora do perigo que pode supoñer o feito tan simple de xogar con armas de fogo e a educación como base para a paz; asemade trabállase o tema da solidariedade e o traballo en equipo como exemplo de cooperación necesaria e fructífera.
Paréceme un moi bo libro para a infancia.


10/04/16

La leyenda de Zum

Teño moitos ilustradores fetiche, e cando me achego a algún álbum que é deles, xa o quero inmediatamente. E con este pasoume o mesmo, claro, se está ilustrado por Roger Olmos! La leyenda de Zum conta con texto de Txabi Arnal e está publicado por Nubeocho. Unha lenda sobre a que se asenta o relato, e algúns aspectos que destacan, como a maxia, a existencia do destino -ou daquilo que non podemos evitar-, a importancia da amizade, os heroes anónimos e valentes... Con este álbum viaxamos a lugares fantásticos onde non todo é así senón que hai acontecementos terribles... polo menos cada cinco anos!

12/03/15

Carlota no dice ni pío


José Carlos Andrés acompañado das ilustracións de Emilio Urberuaga son os artífices de Carlota no dice ni pío publicado por Nubeocho. Unha nena que pode saír airosa de calquera situación sen ter que falar. É coma ter un súperpoder, porque só coa mirada, todo o mundo sabe que está pedindo, que necesita, que opina. Ao seu carón, un gran amigo, o rato Tom. Que pode ocorrer cando a situación mude? Agora, neste momento, o álbum pode semellar un algo terrorífico que dará ata medo. Aí reside a forza do libro, no suspense que os seus creadores saben utilizar, e que logo serán tamén quen de nos arricar un sorriso. E a protagonista demostrará que ser valente significa superar os propios medos, utilizando os recursos que se teñen máis a man.


04/03/15

Buscar



Olga de Dios proponnos Buscar en Nubeocho. Un emotivo álbum sobre a posibilidade ás veces esquecida de topar aquilo que buscamos sen velo cando en realidade témolo ben preto; só hai que saber mirar, por iso non é necesario sequera buscar. Porque xa o temos, pero non o apreciamos. Como ocorre tantas veces!

28/12/14

No he hecho los deberes porque...

Dous factores altamente provocadores para a miña persoa: Editorial Nubeocho e o autor Davide Cali. O resultado non pode ser outro. Aquí está o pequeno álbum que ambos publican con ilustracións de Benjamin Chaud: No he hecho los deberes porque... amosa máis imaxinación que o meu alumnado cando non me sabe contestar a cal é a causa de non ter feito os deberes. Un libro divertido de principio a fin onde cada páxina é ocupada por unha extraordinarias ilustracións que case a enchen e un pequeno texto que dá voz a un neno que pretende convencer á súa profesora da razón de non facer o que lle mandaron. Así que polo medio haberá monstros, invasións extraterrestres... mesmo poderemos falar de metaliteratura en estado sinxelo. 
Iso si, o final aínda será máis divertido.
Se algún dos meus alumnos ou alumnas está a lerme, aviso: non poderedes usar estas escusas porque xa as coñezo eu tamén!
Ah! E os maiores poderiamos usalo para "Non fun traballar porque...", xa que estas desculpas ben nos poden valer!



     "- Así que... dime, ¿por qué no has hecho los deberes?
     - No he hecho los deberes porque...
       Un avión lleno de monos aterrizó en nuestro jardín..."




25/12/14

El perro negro

Nubeocho é unha editorial que aumenta o meu interese pouco a pouco polo tipo de libros que publica, unha serie de libros que procuaran a Igualdade e a reflexión. Desta volta, quedei con El perro negro de Levi Pinfold, premio Kate Greenaway 2013. Un libro sobre o medo e a perspectiva con que miramos o mundo. E é que o álbum fala de algo ben sinxelo: o medo está en nós mesmos, e é a nosa mente quen pode agrandalo ou empequenecelo, só nós temos esa misteriosa forza e esa posible superación. Porque o tamaño do medo depende de cada persoa.
As ilustracións, asemade, son categóricas e efectivas.

" No había nada por lo que tener miedo, ¿sabéis?"

 


 

12/10/14

Creador de sueños

Delicado álbum de Luis Amavisca con ilustracións de Fernando Gutiérrez que publica Nubeocho: Creador de sueños: "Antes de ir durmir, non contemos ovellas; contemos animais fantásticos". Un libro fermosísimo para os máis peques da casa, xa que ten imaxes que brillan na escuridade e a lectura é con letras maiúsculas, é dicir, moi apropiado para primeiros lectores.


 

09/07/14

Los Gulinos

 
Collín este álbum tan só porque a ilustradora era Noemí Villamuza. E foi toda unha sorpresa ecoloxista! Con texto de Luis Amavisca e publicado por Nubeocho, Los Gulinos son uns alieníxenas que coma, na terra, teñen habitantes despreocupados polo seu medio ambiente e que acabarán destrozando o seu propio planeta. Sóavos?



29/05/14

El pirata de la pata de pata

José Carlos Andrés e Myriam Cameros Sierra publican en edicións Nubeocho este álbum: El pirata de la pata de pata é un álbum divertido sobre o medo e o feito de perdelo, iso si, cheo de humor, ao igual que as ilustracións, que resultan moi divertidas.


12/05/14

Una caja

 img-int unacaja
María José Ballesteros é a autora de Una caja publicado por Nubeocho. O poder do maxín sobre todo e por riba de todas as cousas. Uns nenos que soñan, crean posibilidades, maxinan... con todas as posibilidades que ofrece unha caixa que nunca se vai abrir. Ilusión ou decepción? A curiosidade pon límites?


 

28/02/14

El árbol de los recuerdos

Publica Nubeocho este precioso álbum de Britta Teckentrup: El árbol de los recuerdos trata o tema da morte e ensina a superala, porque só na lembranza perduran os seres queridos. Realmente, fermoso e necesario.


31/08/13

Mi papá es un payaso

Mi papá es un payaso 








O terceiro e o último álbum que vos traio hoxe da editorial Egales é este de José Carlos Andrés e Natalia Hernández: Mi papá es un payaso é un fermoso libro, a verdade, dun neno con dous papás, un pallaso e un médico, que nos fala das súas profesións e da felicidade que sente por ter esta familia. A priori era o libro que menos me gustaba pero agora case diría que o que máis me gusta, pola súa sinxeleza e esas ilustracións tan atípicas, como feitas por un neno, e só usando de cor a vermella, o resto é branco, negro e gris. Non sei, é moi diferente.

El otro día, en el cole,
un compañero se enfadó conmigo y me dijo:
–¡Payaso!
Yo le di las gracias, y un beso.
Él no entendía nada, pero
volvimos a ser amigos.

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.