Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

Amosando publicacións coa etiqueta Roja & Negra. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Roja & Negra. Amosar todas as publicacións

27/07/17

La sed

Jo Nesbo nunca decepciona, e desta volta tampouco o fai con La sed, publicada por Roja & Negra. Seguro que non é o seu mellor libro (Petirrojo segue a ser o meu predilecto) pero está entre os mellores. Un libro altamente adictivo que mantén o lectorado aferrado ás súas páxinas ata a última letra, porque ese "Fin" resulta ser, asemade, ficticio (un final aberto que promete). E deste xeito, volveremos a pensar cal será o libro que nos entristeza co final da saga, coa morte do protagonsita, coa despedida. Seguimos a ter un Harry Hole cheo de conflitos persoais, que teme á felicidade coa que remataba a anterior novela, por non saber conservala, que cae nos infernos para tentar saír continuamente e ás veces logralo; pero tamén temos moitos outros personaxes fascinantes, xa non tan secundarios, que seguen a desenvovler unha vida propia nesta saga. O mellor da historia é, novamente, que sexa tan impredicible, que nos soprenda con cada novo xiro, en cada reviravolta... e hai unhas cantas.
Unha gozada, está claro.

“Se dice que lo que lleva a matar son los celos y se habla de celos mórbidos, del síndrome de Otelo, pero en realidad es la ambición”

12/04/16

Policía


Cando volve Jo Nesbo, eu estou a agardalo. Non pode ser doutro xeito, tenme enganchada coma poucos. E desta volta gustoume máis cós últimos libros. Policía, publicado por Roja & Negra, é a continuación do anterior Fantasma. Sorprende nun principio a evolución que tomaron os acontecementos entre ambas novelas. Pero desta volta hai que recordar ben como rematou a anterior para entender esta. E atopamos un Harry Hole diferente, recuperado, namorado e encargado de dar aulas. Ata que ten que volver ao seu, a aquilo para o que naceu. Respiramos con ledicia cando nos percatamos, despois de tantas dúbidas, que o noso escritor non o matou, senón que se permite ata darlle tantos momentos de felicidade que sempre lle foran negados. A ver que acontece con el na próxima entrega, porque imos de sorpresa en sopresa. De momento, con esta novela quedamos suxeitos ao papel sen poder movernos ata saber como remata, porque en case cada páxina hai un sobresalto que nos atenaza e nos conmove. Iso si, temos a esencia eterna do noso prezado policía, un home que se move polo seu afán de xustiza ante todo, aínda tentando priorizar os seus sentimentos, a procura da verdade e a detención dos asasinos sempre será a súa prioridade. E a súa intelixencia e capacidade de observación non require máis que as páxinas dun libro para conquistarnos.

11/03/16

Los bastardos de Pizzofalcone

Hai autores dos que non podo fuxir. Un é este, Maurizio de Giovanni, e cando vexo un libro seu é territorio obrigado. Así que cando entrei na libraría e descubrín que había novo libro, xa tiña lectura, a pesar de que na miña mesiña amoréanse libros e libros. Pero hai prioridades! Así que mergulleime na lectura de Los bastardos de Pizzofalcone, publicado por Roja & Negra, unha nova entrega deste inspector de policía que saíu á luz con El método cocodrilo. Giuseppe Lojacono ten agora novos compañeiros e compañeiras, e seguimos as súas andanzas entre amizades que poden ser amores e novas investigacións, cun final medio aberto onde a filla semella que vai cobrar máis protagonismo; a ver que ocorre nas próximas entregas. De momento, gústanos este xeito de investigar calmo  e concentrado onde se procura sobre todo pórse no lugar das vítimas, e tamén dos agresores para dilucidar o misterio. A obra ademais introduce ao lectorado nas miserias e logros deste novo equipo de policías que vivirán na comisaría, regalando historias interesantes das que queremos saber máis, co cal o libro convértese máis nunha historia coral que nun traballo de investigación único. O estilo poético do autor segue presente nestas vidas cos seus agochos propios, e tamén na descrición da corrupción e a súa sordidez.
Así que si, seguirei agardando as novas entregas deste autor con este policía... e con outro calquera. Gústame.


10/01/16

El método del cocodrilo

Debo recoñecer a miña debilidade por Maurizio de Giovanni e o seu triste detective Ricciardi; por iso foi unha sorpresa que neste El método del cocodrilo publicado por Roja & Negra Maurizio de Giovanni nos ofreza un novo detective ben diferente do anterior: Giuseppe Lojacano. Cambia de protagonista e de tempo e espazo; situámonos agora en Nápoles no momento actual, e, por suposto, cun protagonista atormentado por unha acusación falsa. Novamente estamos ante unha narración áxil cun punto melancólico e poético. O desenlace dramático -agre, desde logo- dálle maior verosimilitude a unha novela que a pesar de todo deixa un pouso de esperanza e a cidade é unha protagonista máis, así como un elenco de secundarios que prometen. Ofrécenos mergullarnos nas emocións máis profundas e no amor que pais e nais sentimos por fillos e fillas, algo insuperable.
Gústame este escritor e este novo policía coido que promete. A ver o que da de si!





28/12/15

Fantasma

O Fantasma de Jo Nesbo, publicado por Roja & Negra, é unha novela que deixa un sabor de boca amargo polo final que se lle depara ao noso protagonista, o admirado e xa ex-policía Harry Hole, e polos flocos que deixa abertos, maxino que con intención de pechalos nunha nova novela. Pero amosa boa literatura cando mestura os diferentes puntos de vista e os distintos personaxes que acadan a súa propia voz e cando nos ofrece un revoltallo de xiros dramáticos que semellan non ter fin; ao mesmo tempo hai moitos personaxes sen profundidade psicolóxica que aparecen e desaparecen sen sabermos nin o porqué. Asemade, parece que o autor quere suavizar os tratamento da violencia ofrecéndonos menos "espectáculo" cruento. Iso si, o que nos conta dos baixos fondos de Oslo, é tremendo:  lonxe desa aparencia de tranquilidade na que cremos que viven os nórdicos. O que máis me segue a gustar é o propio protagonista, pola súa inestabilidade e porque non é un ser perfecto, iso si, é un policía e non o pode evitar.
A trama xira arredor dunha nova droga máis potente cá heroína que sacode o mundo dos estupefacientes e das persoas que a proban, converténdoas no que cumpra. De paso, a corrupción política (vaia, alí tamén hai corrupción).
De todos os xeitos, sigo a dicir que Petirrojo é a súa mellor novela, con diferenza, e iso que Némesis tamén é unha obra mestra. Jo Nesbo gústame, pero está moi lonxe daquelas novelas nas que a profundidade psicolóxica era enorme e facía da novela unha lectura moito máis ca interesante. Agardo que a próxima entrega sexa mellor.

10/07/15

El murciélago

A que foi primeira entrega (data de 1997) de Jo Nesbo co seu detective Harry Hole vén de ser publicada non hai moito por Roja & Negra: El murciélago ten, como non, un ritmo trepidante que engancha dende a primeira liña ata a última, pero con sabor a literatura ben feita. Con esta entrega, coñecemos o detective máis profundamente xa que nos dá as claves da súa personalidade. 
A acción desenvólvese en Sidney e ten como pano de fondo o racismo e os aboríxenes explotados polos brancos nun continente tan afastado como é Australia. Un caso que será complexo e que nos irá ofrecendo datos e curiosidades sobre o xeito de vida dunha cidade e dun país diferente, da súa fauna e das súas lendas. Con el aprenderemos a pasear por unha fermosa cidade que se prepara para as Olimpíadas, pero tamén que as peculiaridades do país manteñen tan só na aparencia unha cohesión cultural e racial que, ao pouco de rañar, non existe. Asemade, o pasado do protagonista aflorará de cando en vez para que comprendamos a súa personalidade.
Destacar, claro está, que se nota ben que o libro é o primeiro e que o autor foi gañando co paso do tempo. É correcto, pero non é unha obra mestra -como é para min Petirrojo-. Pero saber da vulnerabilidade do noso detective ten o seu aquel, aínda que falten os diálogos e as reflexión éticas do resto das entregas.




29/10/14

El leopardo

Como este mes foi de traballo intensto, nin sequera era coñecedora de que Jo Nesbo tiña nova novela. Así que a miña sorpresa foi maiúscula cando o descubrín o outro día na libraría; por suposto, veuse canda min para a casa! El leopardo está publicado por Roja & Negra e segue tendo como protagonista ao noso adorado detective Harry Hole. Estamos ante unha novela brutal, sen concesións, onde o asasino utiliza calquera tipo de tortura para cometer os seus crimes. Difícil ou imposible adiviñar o resultado das pescudas, interesante pola subtrama que nos presenta: disputas internas entre as diferentes forzas da orde... nese país!!!), demos e drogas, e un protagonista que loita contra o seu propio destino. O malo é, coido, o final, demasiado estirado e un pouco esaxerado. Pero Nesbo é Nesbo, e a min conquistoume para sempre con Petirrojo.
Agora ben, agardo que respecte a Hole, porque con cada libro vai destruíndoo un pouco máis, meu pobre!.



24/03/14

¿Y tú qué clase de madre eres?

 
Chegou no momento oportuno, a verdade. Porque o devorei e necesitaba algo así, unha lectura lixeira, atraente, e que ademais recórdanos o estrés e a hipocresía que vivimos arredor. Paula Daly ofrécenos en ¿Y tú qué clase de madre eres? publicado por Roja & Negra unha reflexión sobre o papell da muller, a procura dunha perfección que non existe e un tempo que é limitado. Arredor da desparición dunha mociña, a trama desenvólvese fresca da man de dous narradores: Lise, a protagonista, angustiada e ao mesmo tempo divertida que saberá debuxarnos máis dun sorriso; unha muller normal e imperfecta que "peca" e non confesa porque pode producir unha hecatombe; unha muller que se sabe "defectuosa" e que tenta sobrevivir o mellor que pode. Unha máis, coma calquera de nosoutras. Logo temos á policía investigadora. Unha muller que é, ante todo, unha boa profesional. Pero unha muller de carne e óso. Soa e cun problema físico que a atormenta.
A outra voz narradora é un narrador omnisciente. En cursiva asemade leremos os pensamentos do pederasta, nauseabundos, que non nos permiten esquecer que estamos ante unha novela negra.
Ten algúns defectos de construción e de solución de conflitos.
Hai moitos máis ingredientes. Xa digo, o bo que ten é, unha vez máis, que atrapa. Que ten un final inesperado. Que goza de sentido do humor. Que transpira crítica social. Que fai reflexionar.
Ben é certo que non é redonda nin perfecta. Desde logo, non é un libro dez pero cumpre a súa función: a de que o lector ou a lectora non sinta o paso do tempo inmiscida na lectura. E iso xa é algo. Moito, creo eu. A min, cando menos, veume moi ben!

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.