Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

Amosando publicacións coa etiqueta Pop-up. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Pop-up. Amosar todas as publicacións

17/07/18

Océano


Precioso pop-up publicado por Libros del Zorro Rojo de Anouck Boisrobert e Louis Rigaud: Océano é un libro medioambiental, un libro para gozar do seu despregue e da defensa a ultranza das profundidades marítimas, esas que están a ser castigadas unha e outra vez pola man humana. O libro fai fincapé nas dúas vidas diferentes que podemos ver -ou non- nos océanos, a que se observa a simple vista porque estamos arriba, riba dun barco, ou a que se nos oculta aos nosos ollos cotiás e que é unha auténtica marabilla natural; unha marabilla estragada polos millóns de residuos humanos que botamos cada día sen control. 
Un libro para concienciar ao lectorado máis novo sobre o coidado dos océanos mentres goza da beleza do pop-up.

 


19/06/18

La declaración universal de derechos humanos

Xa sabedes, vexo un pop-up... e para casa! Así me pasou con este libro publicado por Kókinos: La declaración universal de derechos humanos. Un libro sinxelo que nos lembra cales son eses dereitos mentres observamos como se desprega cada páxina.

16/05/18

Un viaje por el mar

Xa sabedes da miña paixón polos pop-up. Así que aínda que tento resistirme, polo seu prezo, non sempre o consigo. Pasoume con este Un viaje por el mar de Gérard Lo Monaco que publica Blume. Estes libros son verdadeiras obras de enxeñería, commoa este que nos amosa barcos de diferentes tamaños: un transatlántico, un veleiro, un buque faro...
Para mirar e remirar, para abrir con coidado e deixarse fascinar pola enxeñería...




03/11/16

Antes estaba el mar

Novo e fermosísimo álbum que publica Barbara Fiore: Antes estaba el mar de Éleonore Douspis. Un libro que xoga co texto e a estrutura do mesmo, coas páxinas despregables, con todo canto se pon ao alcance do protagonista, xa que este deberá recuperarse dunha traxedia para sobrevivir e seguir adiante. Esta é unha das grandes capacidades do ser humano: loitar e perseverar. Só así poderemos mirara un futuro que nun principio semellaba non existir. Que ocorrería de non termos esta capacidade de supervivencia? 
Neste libro temos unha historia e ademais metaliteratura, xa que o neno percátase de que vive no libro e procurará as limitacións deste para superalas.




23/09/16

360° Book. Mount Fuji

Pois si, teño este librooooo!!!


360° Book. Mount Fuji from On printed paper on Vimeo.

18/04/16

El jardín de las mariposas

Publica Kókinos esta gozada de pop-up de Philippe Ug, El jardín de las mariposas conta a transformación que sofren estes bechiños dende que nacen ata que medran, convertendo cada páxina nun espléndido xardín orixinal no que procuramos os pequenos detalles.

02/04/16

Un jardín

Isidro Ferrer e Maria José Ferrada son os autores deste fantástico traballo que se converte nun álbum ilustrado despregable que vén de publicar A buen paso: Un jardín é un libro co que mergullarnos na natureza; co formato que presenta, podemos ir descubrindo a un tempo ilustración e texto, e observaremos un escenario natural cheo de pólas, follas, flores e animais. O resto é poesía. Porque o noso protagonista convértese cada noite en cada un dos seres que poboan ese xardín. E con estas transformacións, aprenderao todo. Porque a vida é un continuo percorrido que nunca para, ata o final contundente.

 




Por las mañanas el señor Wakagi
era solo un señor.
Pero por las noches
era todos los seres
que habitaban su sueño.

19/03/16

9 meses





Xa sabedes que teño predilección polos álbums ilustrados pero polos pop-up teño paixón. E foi ver este 9 meses de Jean-Marc Fiess publicado por Kókinos e namorar, claro! Pero que chulada de libro!!! Din na contracapa que son "9 meses para agardarte, para buscarte un nome..." eu creo que son 90 anos para gozar abrindo este libro de cando en vez. Non cómpre estar agardando un fillo para telo nas mans e deixar que o noso maxín voe en cada páxina despregable, xa que ha tal sensibilidade detrás que é imposible non sentila; nas súas páxinas hai un bosque onde se agonchan os medos y ata hai un xogo de espellos. 
Precioooosoooo!



24/01/16

Ya. Nunca

Un deses libros que te namoran a primeira vista é este Ya.Nunca de Grassa Toro e Cecilia Moreno publicado por A buen paso. A primeira vista, porque a propia portada ofrece unha primeira intriga, unha simetría nunha ampla ventá dentro dunha casa que ten as chemineas a todo gas e cun título ben curioso, dous adverbios de tempo antagónicos. Ao abrir os libros, xogo de tipografías: os adverbios do título destacan en negriña e en tamaño, ademais de seren maiúsculas, e unha primeira contradición: NUNCA NACERÉ. Como é posible. No medio, separando da próxima páxina, outro xogo do papel, unhas ramas e unha silueta calada. Así pois, a primeira páxina atrápanos irremediablemente nun seu xogo particular: preguntas eternas, misteriosas, que nos convidan a reflexionar, a pensar, a seguir adiante neste libro que se fixo connosco. Un libro que prosegue en todas as súas páxinas utilizando estas dúas palabra (alternando os tempos verbais segundo sexa unha ou outra) e o xogo das ilustracións coa súa superposición de imaxes. Un libro que é coma un poema.
Un poema que namora.







10/12/15

A casa enmeigada


 A editorial Patas de peixe tráenos esta marabilla clásica en pop-up: A casa enmeigada de Jan Pienkowski. Se non coñecedes o autor, non deixedes pasar esta oportunidade. A primeira edición data de 1979, e agora a editora galega recupérao na nosa lingua e en feminino!. 
Cada páxina desta casa esconde segredos e ruídos, olladas que producen pánico e sorpresas devastadoras. Cada páxina é un abraio, un novo xogo, unha nova inquedanza.
Un tesouro máis para poboar as nosas bibliotecas persoais. Aínda máis, as bibliotecas escolares.


27/06/15

Una rosa negra

Combel publica este libro moi sinxelo para que os máis pequenos coñezan personaxes destacados da nosa historia, como é o caso de Rosa Parks. Una rosa negra. Rosa Parks é de Montse Ganges e está ilustrado por Imma Pla nun pequeno pop-up con páxina despregable. Un texto moi sinxleo é o encargado de presentar un acto de resistencia pacífica que se convertirá no primeiro paso contra a segregación racial e nos aclarará en que consiste ser unha verdadeira heroína: non cómpren superpoderes pero si consegue facernos mellores.




28/04/15

La pequeña Amelia se hace mayor



Paula Bonet e Elisenda Roca son as artistas que fan posible este precioso pop-up que publica Combel: La pequeña Amelia se hace mayor. Un libro que fala sobre a aventura de medrar dun neno pero desde a voz dun adulto. Cada cousa é susceptible de se converter nun acontecemento. E o máis curioso é que os obxectos teñen diferentes tamaños segundo a nosa estatura vaia mudando!
A estética da ilustración é que lle é característica a Paula Bonet con grandes meixelas vermellas e delicadas que alcanza no pop-up o seu máximo esplendor. (E que a min encántame!!!)



17/04/15

Si usted volara...

Encantoume este sinxelo pop-up de Gustavo Roldán que publica Combel: Si usted volara... aclara que cadaquén pode perseguir o seu soño, xa que iso é algo moi común e pouco estraño. Pouco texto, moi pouco, moitas pestana para xogar e soprendernos, suxestivas emocións e maxia. Un libro alongado para voar e sobrevoar, porque coa imaxianción poderemos chegar a todas partes. Ben seguro!


11/02/15

Mi árbol de los secretos

Unha auténtica fermosura! Velo só dentro do plástico xa resulta emocionante, porque sabes que vas atopar un álbum deses que queres posuír para abrilo de cando en vez. Os artífices son Olivier Ka e Marine Perrin e a editorial que nos trae Mi árbol de los secretos é Kókinos. Antes da historia, está o obxecto, un pop-up con ventás que abren e pechan,  con segredos a descubrir, con texturas diferentes. A historia, tamén fermosa, xira arredor dos segredos que ten un rapaz, alguén que sabe que a súa árbore é quen de gardar os segredos máis profundos porque a árbore nunca o vai traizoar. Ademais, a palabra "segredos" na contracapa está en 20 idiomas.
Non o deixedes escapar!

"En lo más profundo de mi jardín
hay un gran árbol.
Y en ese árbol, están todos mis secretos".


13/12/14

La Gran Guerra

Impresionante (en dúas palabras): así é este libro que teño entre as mans. La Gran Guerra de Joe Sacco publicado por Reservoir Books. Un debuxo que se desprega en máis de sete metres de lonxitude e que se inspira nos tapices medievais. A edición conta cun ensaio do historiador Adam Hochschild e as anotacións orixinais do autor. O cómic presenta con precisión o primeiro día da batalla de Somme, o 1 de xullo de 1916, xornada na que os británicos sufriron 57.740 baixas. O escenario que nos amosa Sacco constitúe a batalla máis sanguenta na historia do Exército británico. Nin unha soa palabra é necesaria para transmitir con forza todo o horror da guerra, as imaxes son máis ca suficientes.
  "El cómic tiene una fuerza que no tiene ninguna otra forma de reportaje. Sus imágenes repetidas enfocan la realidad de manera más lenta, a veces silenciosa, a veces con bocadillos, y trabajan en la mente del lector que puede elegir su ritmo", ten dito Joe Sacco en varias entrevistas.
Deses libros sen palabras que deixan o lector sen palabras. Pero que enchen  de emocións.





20/11/13

Ver la luz

Cando o vin, namoreime. Como non podía ser doutro xeito! Este fermosísimo álbum despregable está publicado por Kókinos e é de Emma Giuliani: Ver la luz amosa sobre todo sensibilidade e beleza. Abrídeo con coidado, e deixádevos conmover pola beleza mentres o despregades: ao facelo, haberá unha eclosión de cor das flores que estaban en branco e negro.
Sinxelamente marabilloso!
"Nacer en un vasto universo. Vivir gracias al calor de otro, y después darlo también... "

17/10/13

Faunástico

Non sei se foi á mantenta, pero cando abrín o paquete coas novidades de Edelvives, o primeiro libro era este e a miña ledicia foi tal que alí fiquei, ollándoo incansablemente, aledándome de termos por fin un novo pop-up especial. Así é este Faunástico de Mikhail Yasnov e Sacha Poliakova: un tesouro. Deses que non quero emprestar, só ensinalo para ver como brillan os ollos dos e das lector@s. O mellor foi que llo estaba a ensinar a unha compañeira e viñeron varias alumnas a correr para velo, posto que lles chamara a atención. E iso si que é un pracer! Animais fantásticos que vos encantarán. Mirade, senón, a cariña deste cadelo da portada. Pois cada páxina é unha sopresa, con poema rimado e imaxe sobresaínte. Mágoa que non haxa máis!!!


21/04/13

Un pájaro hermoso


 Por fin conseguín este libro que vira neste blogue. Xa sabedes da miña debilidade polos pop-up: pois, ben, este vén da man da editorial Blume e o seu autor é  Philippe Ug, artista polifacético, que ademais de facer pequenas obras de arte, proponse crealas a un prezo asequible para o maior número posible de lectores. Un pájaro hermoso é un deses libros que entran polos ollos, prescindindo do texto, pois é a súa parte plástica a máis interesante, unha explosión de cor e de maxia da animación en papel. A historia é a dun paxaro que acaba por se converter nun fermoso exemplar.





22/04/12

en el bosque del perezoso

 Non é ningún segredo que me encantan os pop-up. Hoxe tráiovos un precioso, con texto de Sophie Strady e ilustración de Anouck Boisrobert e Louis Rigaud. En el bosque del perezoso está publicado pola editorial Hipotesi. Si, eu tampouco a coñecía.

Pero non é un pop-up calquera. É un libro para defender a natureza e o medio ambiente da agresión constante e salvaxe do home. Aquí fálase da ameaza constante dunha especie en concreto: o perezoso de tres dedos. Pero se o texto alerta da acción do home e da deforestación, tamén deixa lugar para a esperanza, unha esperanza provocada tamén pola humanidade, a única que pode impedir a deforestación.




 
«Todo está verde, la vida lo es todo, en el bosque del perezoso. Los pájaros gorjean, los felinos se ovillan a la sombra de las palmeras, los osos hormigueros sorben a los insectos como con una pajita… y el perezoso –¿lo ves?– se balancea tiernamente entre las hojas.»

15/02/12

Korokoro


Barbara Fiore publica Korokoro de Emilie Vast, un libro despregable dentro dunha caixa transparente que nos fala sen palabras da historia dun animal pequeno semellante a un ourizo que vai percorrendo camiños ata chegar a unha situación coa que non se contaba.
Korokoro en xaponés significa "rodar".


Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.