Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

Amosando publicacións coa etiqueta La Galera. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta La Galera. Amosar todas as publicacións

30/09/25

La Maleta



 Precioso álbum este publicado por La Galera de Chris Naylor-Ballesteros: La Maleta trata o tema da emigración que está baseado na solidariedade e na esperanza. Porque esta é a que destaca sobre todo o álbum e o que o fai realmente especial. 

En forma de fábula, onde os animais son os protagonistas, este álbum ilustrado comeza cun animal que debe fuxir do seu fogar e debe traer con el todas as súas lembranzas agochadas metaforicamente nunha maleta. O xeito de estar contado espertará sen dúbida ningunha o corazón das persoas, máis nestes tempos tan difíciles nos que a extrema dereita está a maltratar aos inmigrantes. Destaca a bondade e a empatía ante todo destes animais que acollen sen fisuras ao recén chegado.

As ilustracións son sinxelas, coloridas sobre fondo branco, utilizando asemade diferentes tipografías para cada personaxe. Ideal para contar entre varias persoas e para entender o conflito da emigración



"Un día llegó un animal extraño. Estaba sucio, cansado, triste y asustado. 
Cargaba con una maleta grande" 

26/04/20

Kokoro; El corazón de las palabras

Tiña hai tempo este libro onda min para vos falar del. Creo que non hai mellor momento ca este. Quen me coñece, sabe a razón.  Sandra de la Cruz recolle en Kokoro; El corazón de las palabras, publicado por La Galera:

las experiencias y emociones vividas en su viaje a Japón a través de poemas, de pinturas y de 27 conceptos nipones que no tienen traducción en nuestro idioma, como Sakurafubuki, la lluvia de pétalos de flor de cerezo; Iki, que define la sensualidad elegante y sobria; o Kokoro, la unión entre la mente, el espíritu y el corazón. 
La experiencia de un viaje revelador al Japón más ancestral.
 
Un libro con haikus, ilustracións, textos que reflexionan sobre o amor, a tristura... a carón de proverbios xaponeses, de citas que fan referencia a Xapón, de palabras xaponesas sen tradución... Vale, tedes razón, é un libro especial para min... Pero se non vos gusta, dicídemo. Coido que é imposible.
Ollo! As ilustracións poden hipnotizarte!




19/04/17

Refugiada. La odisea de una familia

Este álbum ilustrado que nalgunhas páxinas achégase ao cómic,  Refugiada. La odisea de una familia,  é obra de Tessa Julià  coas ilustracións de  Anna Gordillo publicado pola Editorial La Galera, un libro solidario xa que unha parte dos seus beneficios son para a ONG de rescate de refuxiados Proactiva OpenArms. Chama a atención polas súas ilustracións, moito azul, algún branco e moita escuridade, que repasan a vida dos refuxiados protagonizados por unha nena sen nome que fala da dureza do camiño de fuxida, das rabietas que como nena sente por verse despoxada daquelo que tiña, da estrañeza de atopar tantas caras coñecidas na súa fuxida, e sobre todo as súas propias necesidades como nena: queres xogar? Unha obra dura e necesaria que repasa os sentimentos de millóns de persoas, procurar vivir nun novo fogar que vén a ser un teito precario e un lugar inexistente.



29/06/15

Este monstruo me suena...

Gabriela Keselman e Emilio Urberuaga son os artífices deste álbum publicado por La Galera: Este monstruo me suena... é unha divertida historia dun neno que xoga cun monstro que, aparentemente, non dá medo ningún. Ao final saberemos a causa. En realidade, en ningún momento o álbum pretende dar medo ao lector ou lectora, xa que a intención do mesmo é lembrar que os monstros non existen, e por iso a lectura é humorística, a pesar de que as ilustracións son escuras para crear un ambiente máis misterioso... e nunca vemos o verdadeiro monstro, ata o final.




01/03/15

El Regalo

Onte recibín un Regalo. Especial. Porque se chama así. E vén dunha persoa a quen vexo ben poucas veces, coa que resulta un agasallo da vida estar. Falo de El Regalo de Grabriela Keselman e Pep Montserrat, publicado por La Galera. Un agasallo e unha alfaia.
Un álbum que reflexiona sobre o materialismo, que incide no feito de que pensamos que os nenos e nenas necesitan moitas cousas materiais cando o que máis aprecian de verdade é o cariño, a compaña de seus pais, que estes xoguen con eles e elas e que os fagan partícipes da vida cotiá. Un abrazo vale máis ca mil... obxectos. A historia é sinxela, pero o libro é espectacular xa que xoga coas ilustracións, os tamaños destas e das letras e coa tipografía, ademais de ofrecer as páxinas despregables para desenvolver as reaccións e pensamentos dos pais; con todo isto o álbum convértese nun libro-obxecto deses que tanto nos gustan e atesouramos. Marabilloso.



26/03/13

Pergamino

Fantástica novela xuvenil publicada por La Galera: Pergamino. El hijo del cazador de libros é de Sergio A. Sierra e conta coas ilustracións de Meritexell Ribas (autores de Pincel de zorro). Novela na que destaca sobre todo o amor polos libros, xa que estes poden falar e son personaxe importante ao longo da lectura. Personaxes entrañables, viaxe iniciática, secundarios pervertidamente cómicos, mitoloxía, cultura tradicional eslava... unha historia que estaba lendo e que maxinaba no cine proximamente. Todas as aventuras xiran arredor dunha fin: devolver o goce da lectura e da palabra. Non paga a pena?
E de cando en vez, ilustracións. Perfectas. Mergulladoras de historias, dominando a técnica do grattage, oníricas, misteriosas. Ogallá tivese máis!

 
 
"Su padre lo había llamado upiro. Había leído sobre aquel nombre, también conocido en otras lenguas como vrykolakas, tympaniaios, strigoi, vrolok; había una palabra siniestra para designar a aquella criatura. Upiro. Vampiro. Todos poseían el mismo significado funesto y terrible."


 
"Su padre lo había llamado upiro. Había leído sobre aquel nombre, también conocido en otras lenguas como vrykolakas, tympaniaios, strigoi, vrolok; había una palabra siniestra para designar a aquella criatura. Upiro. Vampiro. Todos poseían el mismo significado funesto y terrible."




10/05/12

La gramática del amor


Desta volta é Cristina Núñez Sanmartín, unha alumna de 2º de ESO, quen nos quere recomendar esta súa lectura: La gramática del amor é de Rocío Carmona e está publicado pola editorial La Galera.

Fermosísimo e romántico son as palabras que mellor definen este libro. Gustoume moitísimo, é ao mesmo tempo doado de ler e imposible de deixar a súa lectura mentres non o rematas. Gustoume o final, a felicidade debe ser para quen a merece... cando menos nos libros!
Converteuse nun dos libros que máis me gustou de todos cantos teño lido.
 

14/06/10

El niño gris


Con texto de Lluís Farré e ilustracións de Gusti, El niño gris (editado por La Galera) fala da importancia das emocións, algo que xa nos transmiten as atrevidas ilustracións que acompañan un texto e unha historia tenra pero diferente. Tan diferente como o seu propio comezo, cunha dúbida sobre a paternidade do rapaz. Non vos parece audaz que nun álbum ilustrado se fale disto? Un ser gris por dentro e por fóra que ten que aprender a valorar os sentimentos para ser persoa, para desenvolverse "humanamente".
O conto foi primeiado co Premio Hospital Sant Joan de Deu do ano 2006 e co Serra D'Or.


23/03/10

Artistas insólitos


Daniel Monedero e Óscar Pérez asinan este inesquecible Artistas insólitos publicado por La Galera. Catálogo de pintores extravagantes e extraordinarios que sorprenden en todas e cada unha das súas páxinas. Un catálogo tan diferente que non será preciso ir a un museo, posto que as palabras que retratan a cada artista son suficientes para delectarnos coa ilustracións que as acompaña.
Un álbum delicioso dos mesmos autores de La Gran Orquesta de los Animales.


Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.