Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.
Amosando publicacións coa etiqueta Alba b>. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Alba b>. Amosar todas as publicacións
21/04/20
Todo lo que no te conté
Se queredes que vos recomende un libro sen dubidar, aquí o tedes. Todo lo que no te conté de Celeste Ng publicado por Alba, foi unha aposta dunha amiga, Luz, que sempre acerta. Tíñao na biblioteca do centro, pero non apostara tan forte ata que unha chamada telefónica mo rescatou. Así que, novamente, grazas, Paramio, porque gustoume moito... non, moitísimo. Non sei que vou ler despois desta marabilla! Porque, iso si, a sensación de afogamento familiar aínda me vai durar... A verdade, non comprendo como se pode dicir que este libro é un "thriller": desde o meu punto de vista nada máis afastado da realidade. O libro fala das relacións familiares, das relacións matrimonimais, das relacións filiais... e despois tamén do rexeitamento social se es diferente. Un drama familiar que nos absorbe e nos desgarra, que vai pouco a pouco soltando segredos en continuos flas-back e pasearemos de crequenas entre soidade e frustración para chegar á dor e á desesperanza, aínda que sempre quede, quizais, unha raiola de sol. Emocións contidas e palabras presas nos beizos, sentimentos latentes que non se permite que saian á superficie, dificultades sociais que enganamos co ruído do corazón batente, lugares inesquecibles que se agochan intermitentemente, personaxes nus que permiten que sexa o lectorado quen os xulgue... Xa digo, o libro está agardando por vós. Lédeo, e se vos defrauda, avisádeme, por favor.
Atoparalo en Alba, Lectura, Libros, Recomendamos
25/08/17
No, mamá, no
No, mamá, no de Verity Bargate, publicado por Alba na súa colección "rara avis", é un libro cando menos sorprendente, dende o principio ata o final. Sorprende e apaixoa por igual, por iso, como boa novela curta, déixase devorar. Unha protagonista que desexa ter fillas e no seu lugar ten fillos, e iso non o acepta. Como non acepta un matrimonio que está acabado dende hai moito. Unha depresión que profunda máis e máis e nos tira canda ela, caendo nun abismo insondable, pouco a pouco, a cámara lenta, porque a protagonista ten moi pouco ao que aferrarse e nós sentimos ese baleiro. E destaca algo moi curioso: a alianza dos homes fronte á incomprensión, fronte á unha muller que está á deriva. Unha deriva provocada pola maternidade non desexada, pola soidade, polo baleiro existencial.
De fondo, o intento de salvación da protagonista por medio da lectura: Orlando de Virginia Woolf, En Grand Central Station me senté y lloré de Elizabeth Smart, El fin del romance de
Graham Greene... relacionados co propio motivo argumental desta novela curta.
Unha pequena xoia, moi diferente.
Atoparalo en Alba, Lectura, Libros, Recomendamos
22/01/17
Pequeños grandes gestos por la tolerancia
Na editorial Alba podemos atopar este libro ben necesario en todas as bibliotecas escolares: Pequeños grandes gestos por la tolerancia de Francisco Llorca e Elena Hormiga está publicado pola editorial Alba, e ofrécenos un monllo de exemplos de individuais e colectivos ben importantes para a Historia da Humanidade para que esta sexa un pouco máis humana e mellor. Se non aceptamos as diferenzas dos demais, deshumanizámonos. Non o permitamos.
11 historias reais que seguro non coñecedes, non todas cando menos!
11 historias reais que seguro non coñecedes, non todas cando menos!
Atoparalo en Alba, Álbum ilustrado, Recomendamos
06/01/16
Ritos funerarios
Encantoume este libro, absolutamente, polo conmovedor, tenro e mesmo pola súa solidez: Ritos funerarios de Hannah Kent está publicado pola editorial Alba. A historia é real e sabemos dende un principio cal é o final: a última muller decapitada de Islandia; un lugar tan pobre que a moza tivo que ser custodiada nunha casa, onde o prioritario era facer que o xélido frío non acaparase o fogar. Arredor da vida nesta casa e con esta familia, iremos destecendo a historia da protagonista, Agnes, con tres narradores diferentes. Non só quereremos saber esta última historia, senón que tamén nos faremos cos habitantes da casa, e quizais é aquí onde frouxea momentaneamente a novela, posto que os personaxes quedan un pouco abandoados para centrarse nos sentimentos da protagonista -a novela gañaría moito máis se despregase o abano de posibilidades que presenta-. Ao pasar as páxinas, iremos apreixando cada palabra e sentimento de todas e todos eles, desgranando a verdade de canto aconteceu e a inxustiza social que sempre arremete contra os máis desfavorecidos. E aquí reside a fascinación que provoca a novela, nese sentimento que logra arrancarnos a uns lectores que sabendo que se foxe do sentimentalismo en todo momento e sen caer nel, abrumándonos cun final que sabiamos dende o principio, pero aínda así rexeitabamos nunha especie de esperanza desesperada por procurar unha xustiza inexistente. Aquí reside a grandeza dunha novela que vos recomendo, na sinxeleza dunha historia baseada en feitos reais que nos atrapa e conmove. Porque o fondo ferve tras esa friaxe que arremete non só no espazo propio da novela senón nas páxinas impresas que temos na man.
Asemade, cada capítulo comeza con fragmentos de documentos oficiais sobre o caso. E saberemos tamén que na Islandia de finais do século XVIII o alfabetismo era xa de case o 100% da poboación. O mesmiño que aquí!
Atoparalo en Alba, Lectura, Libros, Recomendamos
22/10/14
Pequeña y grande Coco Chanel
A editorial Alba comeza unha interesante colección de álbum ilustrados sobre mulleres que souberon entrar na Historia dos homes facéndose un oco. O primeiro título é Pequeña y grande Coco Chanel de Ana Albero e Mª Isabel Sánchez Vegara. Gustáronme as ilustracións, como moi de época, aínda que coido que o texto queda algo coxo por no profundar o suficiente: sendo un álbum ilustrado as posibilidades de xogo amplíanse. Agardaba máis, xa que a colección promete e segue a ser moi necesaria. Agardo que os próximos títulos me gusten máis.
Atoparalo en Alba, Álbum ilustrado, Igualdade, Muller
25/08/14
Y las cucharillas eran de Woolworths
A editorial Alba na súa colección Rara Avis tráenos libros e autores inéditos ou pouco coñecidos en España. Precisamente a esta colección pertence Y las cucharillas eran de Woolworths de Barbara Comyns. Un libro que paga ben a pena, xaora!
Desde logo, a sombra de Dickens pulua polas súas páxinas. É máis, hai tintes autobiográficos esenciais, tanto que a propia autora sinala que capítulos son reais. A primeira frase coa que se abre a novela é unha declaración de intencións (“Le conté mi historia a Helen y se fue a casa
llorando”) e o resto do libro non defrauda estas expectativas iniciais. Porque non só son os acontecementos o interesante, senón tamén o ton que emprega a autora para contárnolos: frases curtas, linguaxe directa, estilo fresco.
A protagonista é unha personaxe difícil de esquecer e de catalogar, porque nela hai todo tipo de claroescuros, onde non falta a autocrítica máis exacerbada. Asemade, consegue crear unha atmosfera fatalista que serve de pano de fondo para a obra. Claro que a familia política axuda e moito!!! A maldade pode resultar ben obscena. E o marido, coprotagonista, é dun infantilismo inquietante.
Quizais, a verdadeira protagonista do libro non sexa a moza, senón a pobreza, a miseria, a falta de esperanza. E a culpa. Será todo isto un castigo divino?
Pero o final devolvénos un atisbo de futuro.
Atoparalo en Alba, Lectura, Libros, Recomendamos
Subscribirse a:
Publicacións (Atom)
Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.










