Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

Amosando publicacións coa etiqueta La Cúpula. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta La Cúpula. Amosar todas as publicacións

01/09/16

Último sábado de soledad

Que fermoso este pequeno cómic de Jordan Crane que publica a editorial La Cúpula! Último sábado de soledad é un cómic sen palabras -para que?- en formato de peto, con dúas viñetas por páxina e uns debuxos tan expresivos que obrigan a reflexionar... e de que xeito! Un home que perde á súa amada, a quen lle escribe cartas -cartas físicas- e que lle leva flores... e que segue amando despois da morte... Fermosura e tenrura a partes iguais. Paga a pena relelo e demorarse nel, contemplalo, deixar que o pracer da lectura nos asolague mentres a morriña poida acompañala.
Todo un descubrimento. A emoción da lectura en viñetas.

24/03/15

Sally Heathcote : Sufragista



Interesantísimo cómic sobre a loita das mulleres por conseguir o dereito ao voto. Publicado pola Cúpula, Mary M. Talbot, Kate Charlesworth e Bryan Talbot constrúen en Sally Heathcote: Sufragista  a historia dun grupo de mulleres que abren ventás polas que entrará unha brisa que nunca antes estivera permitida. Pero non foi unha loita nada doada, unha loita na que mesmo se puxeron as súas vidas en perigo; estamos na Inglaterra eduardiana e os Dereitos Humanos das mulleres non existen. Que é iso da igualdade? Así, veremos conformar á protagonista, unha moza de pelo vermello que destaca ao longo de todo o libro, que será a cabeza visible do movemento National Women's Social And Politican Union aínda que a obra é basicamente coral porque o que importa é contarnos a loita da que se fala e o tremendo e decisivo período histórico que revivimos. A desobediencia civil, a estratexia política, a aprendizaxe da acción e a reivindicaicón na rúa e a loita case imposible serán os fíos que vaian levando á protagonista e ao lectorado a entender canto lle debemos a esas persoas para que as xeracións posteriores tivesen algo que nunca lles fora dado.
Iso si, o final é tremendamente hiperrealista e demoledor. Dá para pensar!



13/02/15

Paseo Astral


Onte tiven o pracer de coñecer a Max (Francesc Capdevila), que xa me gustaba pero que agora encántame posto que me pareceu un home humilde, e sobre todo, descubridor de novas linguaxes comiqueiras. É desas persoas das que sentes envexa (sa) cando afirma que conseguiu dedicarse xusto ao que el quería dende ben pequeno. Aproveitei para ler esta obra publicada por Ediciones La Cúpula, Paseo Astral. Un cómic diferente -outro máis deste autor-  que crea unha historia para ser exposta: 46 pranchas e un mural que Max debuxou en trinta día que contaban como soporte primixenio as páxinas dun exemplar dun xornal de "El País". O tema é a inspiración, as musas que guían a creatividade, o soño que leva ao personaxe central a coñecer diversos personaxes que buscan solucións para o seu problea, sempre coa páxinas do xornal de fondo. Creador e obra manteñen un diálogo aberto durante toda a obra, que amosa características propias do autor como o simbolismo e as referencias mitolóxicas.
A edición do libro paréceme boísima, xa que está realizada a gran tamaño, e mesmo inclúe unha lámina aparte que pode enmarcarse.




22/07/14

Croqueta y Empanadilla

 Croqueta y Empanadilla
Ana Oncina publica en La Cúpula Croqueta y Empanadilla, un cómic sobre o amor e a convivencia, situacións humorísticas sobre a vida en parella. Personaxes antropomórficos rodeados de humanos que adoptan animais, coicñan, van de baile... recollidos nunha compilación de historias curtas que aportan unha lectura áxil e simpática. Imposible non topar de cando en vez unha situación vivida ou un trazo similar nun dos dous personaxes principais.

Ana Oncina - Croqueta y Empanadilla





21/07/14

Planeta Tierra

 Planeta Tierra

En ediciones La Cúpula atoparedes este sorprendente cómic de Aisha Franz, Planeta Tierra, que vai dende a claustrofobia e a obsesión ata os extraterrestres, mesturando realidade e ficción en debuxo a lapis e pequenas viñetas -e pequeno libro, por certo-. O tamaño está, quizais, relacionado coa intimidade que suxire o cómic, ao mesmo tempo que moitas das súas páxinas resultan unha especie de confesión dalgunha das tres personaxes femininas que contén o libro: unha nai que se sente fracasada, a filla maior que quere fuxir da amargura da vida adulta, e a filla pequena que sente o abnadono dos maiores e debe descubrirse a si mesma a través duna... alieníxena. Estas tres mulleres enfróntanse soas (e o/a lector/a faino con elas) ao destino e as súas propias decisións. Escenas oníricas e fantasiosas mestúranse na collage de sentimentos e sensacións das tres mulleres, que falan, ao fin e ao cabo, de madureza sexual e experimentación.


28/05/14

Conversación de sombras en la villa de los papiros

 Conversación de sombras
Pareceume súper-orixinal esta proposta que mestura cómic e texto de Max e que publica La Cúpula: Conversación de sombras en la villa de los papiros é, como digo, unha novla gráfica en viñetas e a aportación de textos básicos nesta historia: a carta de Epicuro a Meneceo -que condensa os puntos máis importantes da súa filosofía- e dúas carta de Plinio o Novo a Tácito onde conta a morte do seu tío na explosión do Vesubio. O mérito do libro está, pois, nesa conxunción e na cesión a  voces orixinais da época: “La muerte nada es para nosotros, pues mientras no somos, la muerte no está presente, y cuando la muerte se presenta, nosotros no existimos”. Na primeira parte do libor, aquela que é novela gráfica, o autor preséntanos un filósofo maior e un estranxeiro recén chegado que desexa iniciarse na filosofía epicúrea, un diálogo que se pecha bruscamente polos acontecementos históricos que significaron a desaparición de Pompeya e Herculano.
Unha proposta magnífica.

22/05/14

Espíritu maligno



Peer Meter e Gerda Raidt son os autores de Espíritu maligno publicado pola Cúpula, un cómic magnífico sobre a nostalxia dos recordos. Os autores cóntannos unha historia sobre o que supón recordar, sobre a infancia e como esta é decisiva na formación humana. E é que en contra do que poida parecer, este cómic é moi realista e foxe dos contos de pantasmas aínda que aquí os haxa. Retrato humano que se forma en páxinas formalmente fermosas e ilustradas magnificamente. Presente e pasado mesturánse perfectamente e unha vella libraría é o contrapunto ideal para a recreación da historia. Unha historia que, por outra parte, está chea de silencios, onde tan só a delicadeza e a forza das imaxes son as que contan esa historia que lemos sen palabras e sentimos plenamente.





25/04/14

Tiempo de canicas

Ediciones La Cúpula achéganos este cómic de Beto Hernández, Tiempo de canicas. Un cómic sobre a infancia e os seus sentimentos. Un protagonista e varios personaxes que se conforman ao seu arredor: pelexas de maiores que pequenos non entenden, as coleccións de cromos -que os pais desprezan-, os irmáns menores a quen hai que aturar, as rapazas que non entenden aos rapaces, os novos e gamberros amigos, os xogos, as series de televisión.... Un microcosmos que sucede na infancia e que os adultos gardamos na nosa memoria, miles de anécdotas que nos van formando ata facernos maiores. E o máis importante: no cómic non aparecen adultos. Eu creo que aí tamén reside a súa eficacia: é capaz de transmitir os sentimentos da infancia onde os maiores berran, castigan, chaman e ordenan... sen velos. Porque o libro está pensado precisamente para iso.
Un cómic sinxelo tamén no debuxo, que pretende asemade plasmar a inxenuidade desa idade, un mundo onde domina o maxín e non a maldade. Sinxelamente, é un libro que apela á nostalxia, é unha homenaxe á infancia, é unha lembranza. Non temos que nos sentir identificados co que alí ocorre (o autor escolle unha trama lineal propia) pero si que veremos reflectida a sensación da felicidade da nenez. E iso abonda.

19/04/14

Lulú. Mujer desnuda



Encantoume este cómic. A verdade, tíñame moi boa pinta ao velo, pero gustoume aínda máis do que agardaba. Étienne Davodeau é o autor de Lulú. Mujer desnuda que publica La Cúpula. Non procuredes unha histoira fóra do común, máis ben ao contrario, estamos ante unha historia sinxela: o enfrontamento cotiá á realidade dunha muller que nun momento dado decide que non pode máis. E busca unha vida diferentes por uns días nos que tan só quere encontrarse a si mesma, saber quen é, que pinta nesta vida, se pode ser feliz ou non. E lendo o cómic veremos un filme onde todos os personaxes xiran arredor da decisión da protagonista: o porqué de todo, o comezo, o final. Ao mesmo tempo, o cómic é intimista, xa que nos fala do conflito interior no que a protagonista vive mergullada, asolagando canda ela a familia e amizades. Eu creo que sobre todo destaca a sensiblidade coa que se trata o tema, a familia, as relacións sexuais... xente normal que vive normal, que padece, que sofre, que ri. Xente normal que quere saber quen é. E nesa aventura cambiará de forma de ser, de sentir, de vivir. Ademais, hai sorpresas!




16/04/14

Rural. Crónica de un conflicto

Documental feito cómic propón Étienne Davodeau no seu Rural. Crónica de un conflicto publicado por edicións La Cúpula. E iso é precisamente o que supón o seu interese, algo que explica o autor no preámbulo: "ver, escoitar, contar e debuxar". Realmente, estamos ante un autor que sabe capturar os momentos para contárnolos.
A obra narra un conflito que sucedeu hai xa tempo pero sentimos tanta empatía e vémolo tan noso! O mérito do autor está en contarnos ese conflito a través das sensacións dos personaxes. A obra comeza cun acontecemento natural no medio rural: o nacemento dun animal. E remata cunha triste visión do mundo que vai quebrantando esoutro mundo rural. E iso é, desgraciadamente, o que acontece: non hai pesimismo, só retrato obxectivo, unha fotografía da realidade.



22/02/14

Jerusalén

Nick_Bertozzi_Jerusal_n_forro

Boaz Yakin e Nick Bertozzi son os autores de Jerusalén. Un retrato de familia publicado por Ediciones La Cúpula. A historia sitúase nos anos previos á independencia do Estado de Israel dos británicos e fala dos constantes conflitos xerados polas malas relacións entre musulmáns, xudeus e o exército de ocupación británico. Toda esta historia baseada nunha familia onde un pai nada fai por tentar resolver os problemas cotiáns, o que provoca que sexan os fillos quen tomen a iniciativa na loita diaria. E todos eles loitarán dalgún xeito pola independencia. Pero neste cómic de case 400 páxinas o punto de vista árabe non se toca, só sabemos deles que actúan con odio, o que provoca por tanto o odio dos xudeus.
No libro non hai heroicidades, hai historia, miserias da guerra, datas oficiais, dor. Curiosamente non hai relixión, algo que sabemos crucial no conflito. Pero é o lector quen debe xulgar os acontecementos e avaliar se o que hoxe sucede é o resultado daquelas contendas. Si queda claro o sufrimento dos civís, o sangue derramado entre familias por un anaco de terra. Dramatismo e tristura: o odio que alí existe é o que nos provoca. E non deixa de medrar!


jerusalen-un-retrato-de-familia-i1fs-komic-libreria1

11/09/13

La niña de sus ojos


 A escritora Mary M. Talbot e o debuxante Bryan Talbot unen esforzos para escribir este cómic publicado por Ediciones La Cúpula: La niña de sus ojos é unha historia de biografías que se mesturan, por unha parte as lembranzas da autora, filla dun escritor irlandés experto en James Joyce e por outra a vida de Lucia, filla do propio James Joyce. Nesta dobre narración radica a importancia do cómic, narrando a infancia da escritora despois da Segunda Guerra Mundial e a súa adolescencia nos anos cincuenta. Talbot fala dos desencontros cun pai distante e dos posibles desencontros de Lucia, quen pretendía abrirse un camiño no mundo da danza coa férrea oposición dos seus pais, establecendo así un xogo de espellos entre as dúas figuras paternas que dominan a narración. Aínda que veremos como a vida de Lucia vaise facendo dona do libro xa que semella, supoñemos que polo seu destino máis triste: a moza desenvolve tendencias suicidas e alterna diversos ingresos en sanatorios mentais de Europa.
A dobre narración vén marcada polo debuxo inequivocamente, posto que presenta un coloreado diferente en cada unha. Pero, coido, a semellanza entre ambas paréceme que está mantida por un fío case invisible que podería romper en calquera momento. Desde logo, non me gustou tanto como agardaba a priori.
 






21/08/13

Frances


Publicada por La Cúpula, moi interesante esta proposta en cómic de Joanna Hellgren: Frances é un libro sobre a perda, unha nena que perde a seu pai e que debe vivir nunha familia ferida por múltiples circunstancias. A última escena, esa ventá aberta ao destino, esa esperanza, é impresionante. A lectura é abondosa en analepses e flashback para percorrer a historia familiar anterior ao momento no que se iniciou a novela, e é unha procura do porqué do amor -ou desamor- maternal. O que si destaca é a melancolía continua que impregna o cómic, tanto pola temática como polos debuxos, fráxiles e tristes.
Creo que é unha gran obra.




18/08/13

Castilla Drive

Publicado por Ediciones La Cúpula, Castilla Drive de Anthony Pastor gañou o premio ao mellor cómic polar -de serie negra- do Festival do Cómic de Angoulême. Este estilo "polar" significa algo así como profundar no social e no anímico. Algo que eu descoñecía e que me encantou aprender coa lectura deste libro fascinante que non se pode deixar ata telo rematado. Non sei tampouco se dentro deste xéneo é habitual utilizar a cor no cómic, a min sorprendeume e gustoume, xa que ademais serve mesmo para realzar a sorpresa que supón pola dureza do contido, xa que o que agocha é mesquindade, protagonizada por xente normal. Gustoume tamén que a protagonista sexa unha muller detective, agobiada polo seu traballo dentro e fóra da casa, soa con dous fillos. Un relato sobrio que me fai degustar os bos cómics nos que ando metida ultimamente.




17/08/13

Los ignorantes

Poñéndome ao día en cómics, chego a estoutro que tamén me gustou moito, e que ademais lévame a moitos outros que pasarei a descubrir en canto me sexa posible. Los ignorantes está publicado por Ediciones La Cúpula con texto de Étienne Davodeau. Con dous protagonistas, o autor e o viticultor Richard Leroy: un experto en cómics e un experto en viños que intercambiarán coñecementos para que o autor os transcriba no papel para facernos testemuñas dese periplo que vai da ignorancia ao coñecemento. Ambos comparten un punto básico: a paixón polo seu traballo. Gustoume moito, e paréceme xenial que ao final do libro veñan dúas lista, unha de viños e outra de cómics. A min, particularmente, interésame máis a segunda, pero creo que é unha boa idea compartilas.


Página de 'Los ignorantes'

15/08/13

Trágame entera

Publicado pola editorial La Cúpula, este cómic de Nate Powell, Trágame entera, trata o tema da esquizofrenia infantil, a incomunicación familiar, o amor e a morte. Pero a pesar de que lin moi boas críticas, non é un libro que me encantase, quizais porque me resultou un pouco frío ou distante, e iso tocando os temas que toca. E non creo que sexa polo trazo nin polo argumento, que coido moi ben enfiado, pero non sei, supoño que me renxe por algún motivo que non sei explicar: o que si sei é que non me emocionou como debería. Tampouco resulta de doada lectura pola combinación constante do real coas alucinacións, o que esixe unha lectura de varios niveis. Chamoume a atneción o debuxo, con composicións paxinais diferentes.


26/05/13

Cinema Panopticum



 Non lle cómpren a este cómic as palabras, impresiona de igual xeito. Así é Cinema Panopticum de Thomas Ott que publica La Cúpula, un prodixio visual. A súa "lectura" resulta moi curiosa, posto que sentimos a necesidade de pasar vertixinosamente as páxinas para comprobar que ocorre mentres que ao mesmo tempo temos a necesidade de demorarnos na contemplación das imaxes para non perder detalle. Hai algúns debuxos que resultan, simplemente, hipnóticos. E maxino que esa era a intención do autor cando desenvolveu a historia: unha nena que mira imaxes nunha feira mentres nós a miramos a ela... e o que ela mira. Esa mirada será dende o "panóptico" e este lévanos a pesadelos diferentes e terroríficos que nos fan engruñar a fronte antes de seguir adiante. O final, intrigante, teremos que maxinalo. Non é difícil.


13/08/12

Río Veneno

Un cómic moi curioso é este Río Veneno de Beto Hernández publicado por La Cúpula. Costa lelo, pero é ao mesmo tempo unha lectura subxugante. Río Veneno é un melodrama, tal coma se estiveramos vendo un culebrón mexicano. Pero é moito máis. É denuncia social e é a historia dunha muller e de varias mulleres como motores do mundo. Luba, a protagonista, é un ser solitario que nos dá unha visión ben pesimista da realidade. Lacónica, coma todos os personaxes que a rodean, semella incapacitada para expresar os seus sentimentos nunha sociedade corrupta en todos os seus ámbitos. A medida que avanzamos na súa lectura, tal coma se estiveramos navegando por ese río que dá o seu nome ao libro, ímonos empapando dun mundo fatal que nos frustra e destrúe.





12/08/12

Ghost World

Aínda que goza dunha grandísima sona, este cómic de Daniel Clowes, Ghost World publicado por La Cúpula, non é precisamente que me encandilase. O libro é a historia de dúas mozas amigas que están a se converten en mulleres pero que aínda se atopan nesa terra de ninguén indefinida onde non sabes moi ben como definirte. Aínda que o tema é moi interesante, debo recoñecer que non me acabou de chegar, facendo constar asemade a súa mestría, con historias nas que non só son importantes os diálogos senón tamén os silencios, destacando ese uso da cor verdosa para resaltar imaxes e emocións.

31/03/12

Rosalie Blum




Hai tempo que tiña apuntado este cómic para ler e agora, grazas ao mes do Cómic no centro, tiven oportunidade de acceder a el. Son tres entregas as que realiza Camille Jourdy baixo o título de Rosalie Blumm publicado por Ediciones La Cúpula. Unha obra tenra, deliciosa, onde o lector vai deslizando suavemente a lectura mentres vai descubrindo as obsesiones e as verdades a medias que se ocultan tras os personaxes. Algúns personaxes secundarios son realmente apaixoantes, como a nai do protagonista, muller totalmente posesiva e escandalosamente fascinante. Con sorpresas e xiros, baixo unha historia aparentemente sinxela agóchase unha boa obra. E baixo esa aparente anomalía, o sentido e a eterna pregunta: Que a vida? Que fago con ela?
Iso si, pensade que hai que ler os tres tomos. Un só e quedariades totalmente descolocad@s e ansios@s...


Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.