Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

Amosando publicacións coa etiqueta Club de lectura. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Club de lectura. Amosar todas as publicacións

18/03/18

El proxeneta

Este foi o libro elixido para a nosa reunión do Club de Lectura Feminista: El proxeneta de Mabel Lozano (publicado por Al Revés) é un libro tan impactante como necesario para coñecer de primeira man o mundo da escravitude feminina do século XXI. A lecura provoca noxo e indignación, a certeza de que vivimos nun mundo salvaxe e que miramos para outro lado. Con el, vermos como as mulleres son explotadas para enriquecer un negocio que non debería existir. As mullers son compradas, trasladadas, usadas e intercambiadas mentres son ameazadas. Unha vida que non é vida, un inferno na terra. E uns homes que son conscientes do que están a comprar. Porque os que acoden alí son os verdadeiros culpables. E é que a prostitución é trata de seres humanos. Nin máis nin menos. Rematemos co mito da liberdade e do traballo de prostitución voluntario; debaixo hai coacción, ameazas, violencia extrema, opresión.
Algunhas compoñentes do club contaban que o libro non lles gustaba porque non estaba ben escrito. Eu creo que precisamente iso está buscado, porque as palabras son as dun proxeneta arrepentido. O que fai a autora é unha transcrición consciente dese testemuño desgarrador que nos impacta e nos enfada, por moi arrepentido que arestora estea.
Que clase de goberno e gobernantes temos? Estes que permiten que isto ocorra. Que isto se perpetúe.
Si, resulta unha lectura salvaxe.

“Fui tratante de mujeres durante más de veinte años. Las compré y vendí como si fueran ganado, para explotarlas salvajemente en nuestros clubes, sin compasión”

Para rematar, vimos este vídeo:


30/05/17

Arredor do fotolibro

Non temos máis que pasear polo noso arredor para aprender; hai que andar paseniño, olleando aquí e alá, para nos sorprender cada día co traballo dos nosos compañeiros e compañeiras. Na Biblioteca do IES Fiz Vergara Vilariño veñen de realizar unha experiencia ben interesante que desexo recoller aquí, unha experiencia de Club de Lectura sobre o fotolibro como fenómeno editorial e creativo:

 No estado español experimintouse unha explosión editorial deste tipo de máquinas creativas da man de autores e autoras coma Cristina de Midel, Ricardo Cases, Julián Barón ou Miren Pastor.


O propósito de fondo é, fundamentalmente, testar a posibilidade de crear un club de lectura baseado nos fotolibros para desenvolver outros modos de lectura e cinguir o club a un proxecto didáctico máis extenso e derivado.

Pareceume unha idea ben interesante e innovadora. Parabéns!

21/06/16

Labrego con algo de poeta



O pasado xoves 16 visitounos no Clube de Lectura da Biblioteca Municipal "Castelao" de Silleda, Mercedes Queixas, autora da biografía de Manuel María Labrego con algo de poeta publicado pola editorial Galaxia.
Esta exitosa publicación foi editada hai uns meses por Galaxia co gallo das Letras Galegas dedicadas en 2016 ao poeta da Terra Chá e nela, @s lectores deste clube, atopamos un estupendo exercicio didáctico non só pensado en divulgar a figura, o pensamento e sentimentos do poeta chairego, se non que tamén unha atractiva provocación para indagar na súa lírica, a cal reflicte a historia e o presente da nosa Galiza contemporánea.
Os versos sinceramente limpos, as coherentes vivencias e a paixón pola Patria, axúntanse neste percorrido para nos descubrir a alguén que tomou a función de poeta como un oficio da realidade social do País ou un radiografo etnográfico do lar, da casa, do pobo, da vida do noso e d@s nos@s con vocación atemporal e permanente.
Coincidimos con Mercedes Queixas en que o o obxectivo de tentar popularizar o autor máis prolífico literatura galega e a súa obra comprometida e veraz foran acadados. E, sobre todo, agradecémoslle que conceptualizase deste xeito a súa obra para interpretar a súa vida, porque isto lle deu un resultado brillante e esclarecedor.




03/10/15

Musicando sentimentos lectores

O mes de outubro comezou. De que maneira! Os dous primeiros días foron tan intensos e emocionantes que fixeron que ao terceiro día enfermase. Pero isto é o de menos. Que gusto dá que saian ben as cousas!
Dicimos que comezou o mes de outubro. Pois ben, canda el comezamos asemade o club de lectura.

Xa sabedes que me gusta experimentar. Desta volta propúxenlles ao alumnado do club de lectura pola Igualdade do Laxeiro que lesen tamén Un animal chamado néboa e que se xuntasen ao club de lectura de Adult@s de Silleda. Aceptaron. Dábame un pouco de medo pola idade das pequenas. Pero ao mesmo tempo aproveitaba para que viñeran algunhas mamás e visen "in situ" como se desenvolve unha sesión dun club de lectura. E "picalas" para que lesen elas tamén.
Un resultado fantástico: demos no cravo.
Porque, está claro, o libro paga moito a pena. Todos e todas concordaron en que era unha auténtica pasada e que a pesar da súa dureza cumpría lelo e aprender. Ledicia Costas acompañounos coma sempre, con esa dozura que a caracteriza e a firmeza das súas palabras.

E houbo un broche de ouro. Un auténtico luxo que quero compartir con todos e todas vós: coñecín a Issiris en 3º de ESO, cando levaba en Galicia menos dun ano; estaba exenta da Lingua Galega, pero pedíame libros para estudar e lía todo canto lle daba; tiña máis interese ca ninguén. Logo, apuntouse ao club de lectura que daquela formei no instituto de Silleda. E vina medrar. E madurar.
Agora está en 2º de Bacharelato. Ademais de ser unha moza que ten moi claro o que quere ser e o que quere facer, canta e toca a guitarra. E cando un libro lle chega ao corazón, é capaz de compoñer. Desta volta, o libro de Ledicia conseguiu tocarlle esa febra que consegue mover o corazón e as cordas de Issiris. Así que, agora, Un animal chamado néboa ten banda sonora. E aínda que a gravación foi caseira e non estabamos preparados para esta sorpresa, sei que vos vai encantar. Como a Ledicia. Que marchou leda de Silleda.

08/04/15

Boletín “Club de lectura”, de Kalandraka

 Tardei uns días en falar del, pero a verdade é que estou ben emocionada. De portada, a miña nena Ana Colmeiro, nunha foto que lle fixera seu pai para me mandar de despedida do club de lectura o curso pasado cando me deron traslado de Silleda. Foi ben difícil marchar dun centro no que deixaba nenas coma esta. Pero a vida é xenerosa e ela e as súas compañeiras seguen comigo, no club de lectura de adultos e adultas da Biblioteca Municipal de Silleda e nas esporádicas ocasións nas que podemos vernos.
Estou a falar de boletín informativo que publica a  editorial Kalandraka no que falan do noso club de lectura e no que tiveron a ben recoller algunhas das opinións de distintos integrantes que estes anos pasaron polas nosas lecturas. Unhas opinións que recabei a final do curso pasado cando dende a Asesoría das Bibliotecas me pediron que falase do papel de mediadora na reunión que mantivemos os e  as coordinadores dos clubs de lectura dos institutos galegos.


03/07/14

VII Xornada dos Clubs de Lectura

 Dende as Bibliotecas Esoclares de Galicia poñen á nosa disposición os materiais e os vídeos coas ponencias daquel día. E por alí andaba eu, como podedes comprobar (e si, xa sei que quedei de colgar o texto!!!)
Mesa de experiencias na VII Xornada dos Clubs de Lectura, (Compostela, 6 de xuño de 2014), na que participan as coordinadoras dos clubs de catro institutos de ensino secundario de Galicia:
- Mª Jesús Sarmiento. IES San Mamede (Maceda, Ourense)
- Susana Losada. IES de Melide (Melide, A Coruña)
- Gracia Santorum. IES Pintor Colmeiro (Silleda, Pontevedra)
- Ana Belén Durán. IES Gregorio Fernández (Sarria, Lugo)

Unha visión sobre as lectoras e os lectores dos clubs e o papel da persoa mediadora from Bibliotecas Escolares de Galicia on Vimeo.
 
 Vídeo resumo da VII Xornada dos Clubs de Lectura: 
 
 

23/11/12

Persépole

Publicou Rinoceronte recentemente este boísimo cómic de Marjane Satrapi do que xa falaramos aquí cando o lemos en castelán. Agora, a súa versión en galego serviu para dalo a coñecer ao noso alumnado do club de lectura, un club que xira arredor da igualdade. E teño que confesar que non houbo nin un só alumno nin alumna que non gozase con esta lectura, un libro que nos axudor a falar de totalitarismos relixiosos e diferenzas que veñen só motivadas por ser muller. Foi curioso como lles costaba comprender que estivesen lendo unha obra autobiográfica que resulta ser ao mesmo tempo un importante testemuño histórico e unha boa documentación sobre mundos, culturas e relixións que lles son alleas.
Unha lectura imprescindible.


26/10/12

O diario violeta de Carlota

O primeiro libro escollido para iniciar o Club de Lectura deste ano é o O diario violeta de Carlota de Gemma Lienas, publicado pola editorial Galaxia. O argumento condutor de todo curso será a Igualdade, polo que este nos viña moi ben como libro introdutorio sobre o tema. O diario violeta de Carlota achega un montón de situacións cotiás caracterizadas polo vesgo do machismo, algo que nin vemos polo acostumados que estamos a convivir con elas. Creo que é un bo xeito de lles abrir os ollos e de dar pé ás novas lecturas que vaiamos confrontando.

24/01/12

Ninguén

Xa a nosa colaboradora Rosa recomendara este libro, pero non quero deixar pasar a ocasión de facelo eu tamén. Tiven a oportunidade de ler Ninguén de Fran Alonso, publicado pola editorial Xerais, co club de lectura virtual Falemos de lecturas este mes que me correspondía a coordinación. En contra do esperado, pola carga que me supuña este traballo, gocei dobremente: non só porque a súa lectura é atraente e máis que recomendable, senón tamén porque a xenerosidade do seu autor fixo posible un diálogo constante entre lectores e escritor que enriqueceu a visión do lido e as opinións dun xeito incrible. Non hai máis que comprobar o número de comentarios orixinados. A pena que me queda é que non participase máis xente.
Unha das cuestións que abordabamos ao inicio da lectura de Ninguén foron os "hoax" que intercalan as historias, unha especie de ponte entre elas. Fran deixóunolo claro: constitúen, sobre todo e principalmente, o fío condutor do libro, coma se fosen a liña continua dunha estrada que vai marcando un camiño. Un fío condutor e deconstrución da narración.
Ninguén convértese nun libro novidoso, moi acorde coa nosa sociedade actual, fragmentaria, urbana, ás veces antisocial, ás veces suplicadora de relacións, ás veces chea de ruídos que sobran. Todos e todas estamos alí, en pequenos fragmentos, identificándonos nalgúns aspectos, créndonos lonxe doutros, loitando por non estar naqueloutros que máis nos disgustan. Pero tamén reinterpreta o destino da sociedade que estamos a crear, a nosa evolución.
Un libro que nos fai reflexionar e mirarnos con outros ollos, sentindo que moitos dos movementos que damos están nos personaxes que crea Fran Alonso. E os espellos adoitan ser duros.

07/01/12

Sombreiro

Cantas cousas pode ser un libro? Moítisimas!



Vía

03/12/11

Falemos de lecturas


Hai uns meses, un dos nosos comentaristas máis activos, chamado "anxoboiro" escribiu ao noso correo para comentar que lle apetecería moito crear un club de lectura virtual. Teño que recoñecer que non prestei demasiada atención á súa proposta, ata que un día me chamou por teléfono e pareceume tan envolvido pola suxestión, con tantas ganas de compartir lecturas, con tanto amor polos libros, e cunha voz tan doce, que me deixei levar. Nun principio, só quería convencelo para que fixese realidade os seus anceios. E non sei como, pero eu formaba parte deles (Logo souben que unha moza chamada Laura tamén!)
Así que... aquí estamos. Creando un club de lectura virtual para todos e todas vós, para quen queira, simplemente, ler un libro, reflexionalo, compartilo; saber o que pensan outras persoas desa mesma lectura; saber algo máis do autor.
De momento, Anxo, Laura e eu propoñemos un libro para cada mes: xaneiro, febreiro e marzo. Laura decidiu comezar por un dos grandes, Paul Auster, e cun dos seus libros traducidos ao galego: Sunset Park, na editorial Galaxia. E o segundo será a última novela de Fran Alonso, moi apropiada ademais para unha casa virtual...
Como participar? É moi sinxelo: non tedes máis que ir a este blogue, "Falemos de lecturas" e alí xa volo explicamos todo. Só hai que ler. Pensar sobre o lido. E, sobre todo, gozar coa maxia da lectura. O resto vén só.
Se non vos convencen os títulos suxeridos, tamén temos en conta as vosas opinións. Veña, animádevos!!!


03/07/10

Calcetando con María

A despedia dos encontros do club de lectura deste curso foi diferente: fomos a Vigo a encontrarnos con María Reimóndez tras a lectura do seu libro O club da calceta. Un día moi especial polo que supuxo: ir a un novo centro (grazas, Beni), a excursión, a despedida, os risos... e a amizade que os acompaña agora e da que me sinto particularmente orgullosa.
Déixovos as palabras de Carmen:

O encontro con María resultou particularmente esclarecedor. De cando en vez, agradécese que nos removan esas crenzas ou opinións que semellan tan obvias e asentadas que nunca as poñeriamos en tea de xuízo. Grande erro. O espírito crítico, a independencia de pensamento, o non dar nunca nada por sentado é un hábito moi saudable que non deberiamos perder.
María lembróunolo o outro día ao falarnos da súa experiencia coa ONG da que é creadora e que desenvolve a súa actividade en India e Etiopía. Non sempre as grandes e famosas ONG están acertadas nin nos seus plantexamentos nin á hora de coñecer as necesidades reais e a idiosincrasia de cada pobo (algo imprescindible para levar á práctica unha axuda verdadeiramente efectiva).
Por suposto que falamos da súa obra, e da desigualdade, e dos problemas das mulleres... pero o que marcou -cando menos para min- esta conversa foi unha sacudida intensa dirixida directamente á mente e á conciencia, ás veces tan compracentes e acomodaticias.


19/05/10

Con Begoña Caamaño

O pasado xoves 13 de maio compartimos club de lectura con Begoña Caamaño para falarmos do seu libro Circe ou o pracer do azul.
Esta é asepticamente a realidade. Agora ben, como enfrontarme a falar desta muller que me deixou totalmente "namorada"? Porque Begoña non foi só unha profesional, foi unha muller que falou como muller do que nos preocupa ás mulleres, unha muller que nos abriu o seu corazón e unha muller que non perdeu o sorriso nin un só segundo.
É difícil transmitir canto me fixo sentir. Cando a fun buscar, vina ao lonxe, sen recoñecela, coas súas trenciñas loiras e o vestido vaqueiro que semellaba máis unha das miñas alumnas que a escritora a quen eu buscaba. Pero prendeu en min deseguida. E en todas nós.

Logo falou. Falou de mitoloxía, do Álvaro Cunqueiro que cre nos mitos porque posúen enerxía, do fundamental que foron os mitos nos arquetipos femininos e a necesidade de reconstruír esa Mitoloxía para termos outros modelos de mulleres que Homero non debuxou.
Contounos que ela, nena lectora, necesitaba identificarse coas mozas protagonistas das novelas; pero leu A Odisea con 11 anos e non atopou con quen identificarse. De aí a relectura e a reescritura.
Algúns mitos nacen para xustificar o inxustificable. Como explicar senón que as mulleres estean sometidas aos homes? En Circe ou o pracer do azul non pretendeu a modernización da historia, para ela o reto foi conservar a historia dando voz ás silenciadas, contar o que nunca se contara anteriormente. Fiel a Homero, non hai heroínas: Circe quere demostrar como amar; Penélope quere un espazo onde poder vivir.
E quédome con esta frase coa que rimos un anaco: "Ulises foi o primeiro turista sexual da historia!". Tamén quixo reflexionar sobre a ética e os afectos. Ata que punto é lícito renunciar á ética pola paixón? A importancia de ser donas de nós.

Falou de Feminismo. Nós, as mulleres, somos educadas na competencia, xa que eles "son", sen máis; e isto crea entre as mulleres moita competencia. Somo vítimas da exclusión, construídas para sermos felices no momento en que o home nos ame. Ser Feminista inclúe a antirracismo, o anticapitalismo, a negación do Poder e a Opresión.



En fin. Pasamos horas coma se fosen minutos e desexamos que estes ficasen máis longos porque non nos chegou o tempo a nada. Quedamos con sede de escoitala e con fame de posuíla un pouco máis, porque máis quereriamos departir con ela sobre o divino e o humano, máis humano ca divino, que é o que nos proe.

Grazas, Begoña, mil veces.

06/05/10

Virtualmente marabillados

Cando hai meses me puxen en contacto con Agustín Fernández Paz non maxinaba a emotividade que ían producir as nosas palabras carteadas nin o noso encontro virtual que se produciu este martes día 4. Contestoume meses despois, e a súa carta deixoume tan impactada que eu mesma volvín tardar en responder. A partir de aí todo fluíu naturalmente.
Debido á imposibilidade de vir ao noso centro ofreceume realizar unha videoconferencia a través do Skype. Unha vez superados os problemas técnicos, realizamos o encontro. Que dicir del? Xa todos e todas sabedes da súa cercanía, da súa amabilidade, da súa enerxía positiva. Foi realmente extraordinario ver a todos os membros do club de lectura mirando a pantalla sen despegarse, escoitando atentamente para non perder esas palabras que ás veces, por mor da técnica, se nos esvaían nun espazo e nun tempo descoñecido. Falamos de Valados, claro, a obra lida, e falamos de toda a súa produción (toda non porque é imposible!) posto que cada un dos membros lera algunha outra obra del; falamos de literatura, falamos de música, falamos da vida e sobre todo falou el namorándonos coas súas palabras, coa súa amabilidade, co seu sentido do humor.

Se queredes saber algo máis, se queredes saber cal é a súa música e a súa literatura e outras sorpresas ide ao blogue do club: "Momentos de silencio compartido".

Para o meu ego, e para facerllo saber tamén ao meu querido compañeiro blogueiro, deixo algunhas das súas palabras, porque me encheron de orgullo e satisfacción:

" direiche que "Trafegando Ronseis" está no meu cartafol de "Imprescindibles", xunto con non máis doutros sete ou oito. O único problema (bendito problema!) é que non vos dou lido, tal é o ritmo das anotacións. Pero facedes un labor de divulgación e de reflexión extraordinario. Está ben que o saibades, estas cousas tamén hai que dicilas"


24/03/10

Con Rosa Aneiros

Realmente, non sei como calificar o noso encontro onte con Rosa Aneiros. Descubrila tan afectiva, tan próxima, tan locuaz, tan "riquiña"... non pararía de buscar calificativos positivos para describila. Porque tivemos a sorte de gozala durante un tempo que a nada soubo e que non esqueceremos.
Rosa chegou pola mañá. No salón de actos dirixiuse ao alumnado de 1º de Bacharelato que tiña lido Resistencia. Non moi falangueiros nun principio, Rosa sabía en cada momento que dicir, de que falar, como manter a atención para que todos e todas a seguisen durante o seu proceso de creación, durante o seu proceso de documentación, durante o seu proceso de escritura. Con constantes referencias ao cinema, desenvolveu unha sesión máxica chea de figuras literarias e feitizo poético.

Compartir comida e acordos, descubrirmos xente en común e gustos literarios afíns... para logo participar nunha sesión do club de lectura onde disfrutei coas caras apampadas das miñas nenas (incluído Mauro) escoitándoa, seducíndonos continuamente coas súas palabras, envolvéndonos coa súa solidariedade, a súa ledicia, o seu máxico sorriso que quedou por sempre debuxado nas paredes da biblioteca... Foi o primeiro encontro do noso club este curso co escritor do libro; recoñezo un certo temor meu a que as cousas non saísen ben e cúlpome agora por ese medo innecesario: tanto dunha parte coma da outra a sesión resultou tan fluída que o tempo, literalmente, botóusenos enriba. E Sol de Inverno permanecerá nas nosas memorias como unha primavera florecente da man da súa autora.



Grazas, Rosa, por todo. E, agora mesmo, por esa carta que acabo de recibir túa, que leo e releo sentindo a inmensiadade do soño oceánico.

10/01/10

Unha xornada moi especial

Non quería rematar as vacacións, ou comezar as clases, sen facer fincapé na xornada do club de lectura que realizamos o último día de clases do mes de decembro. Por que foi tan especial? Por dúas razóns: Porque non sentamos arredor dunha mesa para comentar o libro e porque puiden unir o club de lectura d'O Carballiño e o de Silleda do curso pasado (unha parte pequena, pero que se lle vai facer!). Desta volta, a lectura de A Esmorga levounos de excursión a Ourense para facer o roteiro que alí se contempla, seguindo os pasos da noite dos esmorgantes. O único impedimento foi a choiva, que chegou a ser de tal intensidade que tivemos que deixar de buscar o último enclave.
Pero foi, cando menos, unha experiencia totalmente diferente e deliciosa. Por suposto, a información, tanto esta como de todas as actividades e xuntanzas realizadas, está no blogue do Club, Momentos de silencio compartido, pero para min foi tan importante e especial que debía traérvola aquí.





Tentaremos repetir ocasións coma esta. De momento, xa temos lido o seguinte libro e a xutanza próxima está cercana. Levamos un ritmo!!!

27/12/09

Unha nova lectora (III)

E segue Andrea Rodríguez:


La Tribuna
Emilia Pardo Bazán

Fascinoume o feito de abrir o libro e nada máis comezar a ler sentirme paseando por Marineda, é dicir, A Coruña de finais do século XIX, poder descubrir como sentía a xente o paso do reinado de Isabel II ao Sexenio Democrático.
Sentinme decepcionada pola protagonista Amparo, porque pensei que sería unha moza máis diferente, aínda que ten certos rasgos que me gustan moito, adoptou aptitudes coas qeu non estou de acordo, pero entendo que naquela época non se podía esperar moito máis.
En definitiva, esta novela chegoume moito e estou desexando comezar coa continuación: Memorias dun solteirón.


Esa salvaje edad de piedra
Tenny Deany
RBA

Forma divertida e entretida de ver a prehistoria.
Hai datos curiosos moi interesantes que axudan a entender moitas cousas. Espero poder visitar algún día os lugares dos que fala.

26/12/09

A Soidade de Susana

A que sempre será unha das miñas lectoras preferidas, a miña nena, aínda que este ano non estea nas miñas aulas, Susana Cumbraos, mándanos a súa reflexión tras a lectura de La Soledad de los números primos, un libro do que xa falamos aquí hai un tempo.
Moitas grazas, Susana. Xa sabes que esta porta sempre está aberta para ti.

Estou acostumada a ler libros nos que o protagonista se capte nas primeiras páxinas.... a que sexa alguén, ou ben, algo material... pero nesta ocasión non é así! Senón que o protagonista, pese a estar presente en todas as páxinas do libro, non é unha persona física, ou para min non o é. Para min a verdadeira protagonista da historia é a soidade que rodea aos personaxes do libro. Esa que fai posible a esencia deste.
Pois ben. Para min ler este libro foi como adentrarme un pouco en min mesma; por iso o quero recomendar. Porque creo encarecidamente que vale para todo tipo de persoas. Porque no fondo todos nos sentimos sós e incompredidos algunha vez. Porque nada é o que parece en nós e moitas veces o que as persoas extraen de nós é só fachada... Porque todos temos algo oculto que non damos rebelado no noso interior! Por todo iso penso que "La soledad de los Números Primos" paga a pena.

Unha nova lectora (II)

Andrea Rodríguez segue coas súas recomendacións:


A máquina do tempo
H. G. Wells

Un inventor inglés consegue desenvolver a máquina do tempo. Convida aos seus amigos para seren testemuñas. O viaxeiro do tempo chega a outros lugares onde a vida é moi diferente. A especie humana foise desenvolvendo en dúas moi diferentes, uns que viven sen preocupacións e disfrutando da vida e outros traballan moi duro en plena escuridade.



El árbol de la ciencia
Pío Baroja

Novela case autobiográfica onde se trata o tema existencial e a crítica a España. O protagonista busca un camiño persoal por diferentes vías: a ciencia, a filosofía... pero non o atopa. Soidade, vertixe... ata rematar no suicidio.


Non volvas
Suso de Toro


Unha muller sente como a súa familia lle é allea. Despois de sete anos dende a morte da súa nai decide volver á vila onde nacera a pesar de que a súa propia nai lle pedira que non o fixese. Alí vai obter moitos recordos e vai cobrar por fin a vinganza.


25/12/09

Unha nova lectora

Temos unha nova colaboradora deste blogue que pertence ademais ao club de lectura deste curso e que é unha imparable devoralibros. Grazas Andrea Rodríguez por compartir connosco as túas lecturas.


Edipo Rey
Sófocles
Clásicos Xuntanza


Comeza co pobo suplicando unha solución para a peste que hai en Tebas. A que se propón por parte do deus Apolo é desterrar ou matar o asasino de Kaio.
Tinesias dille a verdade a Edipo, pero como este non é capaz de vela acúsao de adiviño. Ao final, aparecen diversos mensaxeiros cunha testemuña e Edipo descobre a verdade. Ante esta, a súa esposa e nai suicídase, Edipo dánase os ollos quedando cega.


A Asemblea das mulleres
Aristófanes

As mulleres atenienses deciden disfrazarse dos seus homes para facerse co poder na Asemblea. E así o fan, establecendo un goberno comunista onde non existen os bens privados.



Antígona
Sófocles
Clásicos Xuntanza


Drama grego no que tras a morte de Edipo sucede unha guerra civil entre os seus dous fillos por mor de obter o poder. Ambos morren e pasa o poder ao seu tío Creante.
Este proclama que un deles será enterrado dignamente e o outro non. Ante esta situación a irmá de ambos, Antígona, négase. Finalmente, este suicídase e arrastra consigo ao seu namorado, que vén sendo fillo de Creonte.


El Eunuco
Terencio

Conta a historia de dous homes que aman a mesma muller. O irmán dun destes namórase dunha moza e para poder estar preto dela faise pasar por un eunuco grazas á axuda dun escravo. Cando están xuntos consuman o amor.
Finalmente o eunuco casará coa moza e os outros dous homes chegarán a un acordoo: ela vivirá cun deles e o outro, máis rico, veraa e manteraa.

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.