Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

Amosando publicacións coa etiqueta Maeva. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Maeva. Amosar todas as publicacións

07/04/17

Abejas

Ultimamente a editorial Maeva sorpréndenos gratamente con cada novo álbum que edita. Este que vos traio hoxe merqueino para a biblioteca porque é importante dar a coñecer e transmitir a importancia das abellas, por iso leva por título Abejas, sendo de Piotr Socha. Impresionantes ilustracións para lembrarnos que son imprescindibles para a nosa supervivencia e que están nun momento crucial. Polas súas páxinas veremos como o ser humano se beneficia do seu traballo, dándonos asemade información sobre a súa estrutura social, a súa linguaxe, o seu xeito de comunicación... As abellas son responsables da polinización, e mediante esta fecúndanse as flores e dan froitos e sementes. Semella pouco, quizais, pero é importantísimo para a nosa propia supervivencia. Por iso hai que protexelas. E para darnos conta de, entre outras cousas, todo isto, temos este álbum xenial de gran tamaño.

06/12/10

Departamento Q. La mujer que arañaba las paredes

Cando Colmeiro de Follas Novas me "manda" mercar un libro sei que vai acertar. Este venres, ao entrar, púxomo nas mans. Como sei que non podo nin protestar, merqueino. Terei que lle comentar que unha vez máis tiña razón; medo me dá!
Nesta ocasión a novela negra vén de Dinamarca (non saímos do norte), da man de Maeva e da pluma de Jussi Adler-Olsen. Polo visto, será unha serie, como adoita suceder coas novelas negras, xa que o título é Departamento Q. La mujer que arañaba las paredes, pero logo engaden "El primer caso del Carl Morck y su departamento especial Q". Como boa novela negra engancha desde o principio. Neste caso desde o a primeira liña, pois quedas con ganas de indagar que ocorre. E ademais da trama, da acción, dos personaxes, a min encántame o sentido do humor que ás veces destila, arrincando máis dun sorriso, mesmo algunha gargallada, ao lector. Porque o personaxe do axudante é realmente bo. E porque o protagonista subinspector ten unha sorna do máis peculiar.
Quizais saibades dende pronto quen é o asasino. É o de menos, posto que non sabes como vai rematar. E iso é un aliciente máis.
Se vos gusta a novela negra non a deixedes pasar.



09/01/09

Y además saben pintar


O bo de que os Reis sexan unha mesma é que sempre se acerta co agasallo. Tal é o meu caso: foron tan xenerosos que me deixaron este libro de Donald Friedman, Y además saben pintar, da editorial Maeva.
Neste libro podemos contemplar a relación entre escritura e pintura, desde Dostoievski ata García Lorca, algúns debuxos impresionantes e outros bastante malos, creo. Pero para min foi un auténtico descubrimento pois non coñecía esta faceta de case ningún deles.
Agúns quizais puidesen ser pintores famosos de telo proposto. Outros non estarían aquí de non seren escritores de renome. Pero resulta sorprendente a capacidade de traspasar as artes deles e delas. Un libro fermoso que nos ensina a pequena fronteira entre palabra e imaxe.
Aquí podedes ver algúns dos cadros que atopamos nos libros.
Nas biografías que acompañan as obras gráficas, podemos saber máis sobre os literatos e a súa relación coas artes visuais, tal como afirma o autor do libro "percorrer a súa obra gráfica permite coñecer unha parte do eu escritor diferente á que aporta a súa literatura; outra dimensión da súa psicoloxía que o fará aos nosos ollos máis real, máis presente, máis humano".


09/09/08

Los gritos del pasado

E seguimos, como non, con novela negra (estoume convertendo nunha experta), e por suposto coa que nos vén do norte. Este é o segundo libro de Camilla Läckberg, da que afirman que é a raíña da novela negra sueca, pero que a min segue a me parecer que está a menos altura cós seus veciños. Xa vos falei de La princesa de hielo. Esta segunda novela, Los gritos del pasado, centra máis a atención nun dos protagonistas, por causas evidentes ante o crime, quen se erixirá no principal investigador dos crimes. Parece ser que en posteriores libros retomarase o protagonismo feminino, que aquí deixa aparcado. Unha lectura fácil e amena que che deixará resolvar por ti mesmo quen é "o malo".

Nun fragmento dunha entrevista dise que:
Läckberg indaga en el potencial asesino que se esconde dentro del ser humano, algo que su país no es tan extraño: «Quizá influya la falta de luz que vivimos en mi país. Sí que somos un poco depresivos, de hecho hay muchísimos escritores de novela negra en Suecia, aunque, en general, nos gusta mucho escribir».


17/07/08

La princesa de hielo

Sigo con novela negra, entretida, e para máis inri, de autora sueca. E non o fago a propósito!. La princesa de hielo é de Camilla Läckberg, quen nos amosa a súa vila natal ademais de -coma na última novela da que vos falei- acometer problemas tan graves como os malos tratos e a violencia sexual. Novamente. O bo deste tipo de libros é que mantén en vilo até o final, sen perderse en digresións banais. Ademais, a protagonista é escritora, que podería ser un alter-ego da autora e que lle serve para realizar algúns exercicios metaliterarios. Un elemento importante da novela consiste en tecer relacións familiares e descubrir segredos ocultos cos anos. Segundo a propia Läckberg, gústalle indagar no potencial asasino que se esconde detrás do ser humano, algo que no seu país non é tan estraño: «Quizá influya la falta de luz que vivimos en mi país. Sí que somos un poco depresivos, de hecho hay muchísimos escritores de novela negra en Suecia, aunque, en general, nos gusta mucho escribir».
En fin, xa sabedes, se vos gusta o xénero, outro bo libro pasar unha horas moi entretidas mentres vos torrades ao sol.


06/01/08

Existen!

Non só existen, senón que pasaron pola miña casa. E o bo de que exista como mínimo unha raíña maga (no noso caso) é que sempre acerta cos agasallos.

Desta volta, un par de libros:

.- Las mujeres que escriben también son peligrosas de Stefan Bollmann. Xa noutra vida, noutro espazo e noutro blogue vos falara dese marabilloso libro que se chama Las mujeres que leen son peligrosas, que eu non deixara de mercar para goce persoal. Pois ben, este do que agora vos falo vén sendo algo así como unha segunda parte.
Na portada, a cara afilada de Virgina Woolf, muller comprometida coa cultura do seu tempo e cunha visión rompedora da literatura. E logo, un repaso dalgunhas grandes escritoras... que tiveron que enfrontarse á sociedade por expresar os seus sentimentos ou, simplemente, por seren creadoras. Non están todas, pero son todas as que están.
Libros magnificamente ilustrados que son un agasallo para a vista e os sentidos.

.- Tamén quedou depositado -non sei se pola cheminea ou por unha fiestra- un segundo libro que temo non sei cando vou ler, a pesar das ganas: Las benévolas, de Jonathan Littell, que din que é o diario máis humano sobre o inhumano, un libro para ler co cerebro sen alma, de violencia extrema...
Xa está enriba da mesiña, formando unha montaña perigosa que poderá caer en calquera momento. Como dixen antes, a lectura pode ser perigosa...





12/09/07

Un libreiro contra os talibáns

Chámase Shah Muhammad Raís, pero un libro inmortalizouno como El librero de Kabul. A súa pequena libraría leva trinta anos ubicada no centro da capital de Afganistán: a maioría do tempo conseguiu permanecer aberta. Raís empezou o seu negocio na época da invasión soviética. Tras as guerras tribais que dividiron o país, porén, os muyahidines fixéronse co poder en Kabul e prohibieron todo libro que non fose relixioso.

Dúas veces coñecería Raís o horror dos cárceres afganos. En 1996, os talibáns saquearon a súa tenda, fixeron unha cacharela con todos os libros que contiñan imaxes e prendéronlles lume. Raís entendeu que a situación chegara a un límite e fuxiu coa súa familia a Pakistán. Pero non por iso abandonou a súa libraría: regresaba periodicamente a Kabul onde, baixo a coartada da venda de artigos relixiosos, facía circular tamén“libros prohibidos”.
Hoxe en día Raís está fortemente comprometido co renacer cultural da súa patria. Ofrece libros de todos os prezos e vén de organizar a primeira libraría-móbil do país: un autobús co que percorre aas provincias. Pese a obter unha boa acollida, lamenta que o desenvolvemento económico que arranca en Afganistán non se acompañe dunha inquedanza pola aprendizaxe.

A súa historia merecía ser contada. A periodista norueguesa Asne Seierstad pasou seis meses na súa casa e escribiu posteriormente El librero de Kabul, un libro que non satisfizo ao protagonista, pero que nós vos recomendamos para acercarvos a outras realidades e a outras culturas.


Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.