Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

Amosando publicacións coa etiqueta Obituario. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Obituario. Amosar todas as publicacións

20/08/20

Un ano sen ti

 Un ano xa! 365 días nos que andamos a te procurar, a falar contigo agardando unha resposta que non sempre obtivemos. Seguimos véndote pola rúa, sempre co teu sorriso pícaro e luminoso. Seguiches aquí, nos corredores do Laxeiro, poñendo paz, bailando harmonía.

365 días nos que moitas cousas antes impensables ocorreron. Cantas veces me sorprendín falando contigo, preguntándoche que opinabas nese momento. Cantas veces te botei de menos: cada día ao saír das aulas, porque xa non tiña un compañeiro que me agardase na volta á casa (cargando cos libros ademais!!!). Cada día ao entrar no instituto e saber que non podía cruzar a porta para preguntarche por novos cotilleos do noso prezado alumnado. Cada día, ao mirar o xornal e saber que xa non ías facer o sudoku mentres me acompañabas na biblioteca. Cada fin de semana, cando xa non ías ver o futbol con eles. Cada día, coa túa familia. 

Botámoste de menos todos e cada un destes 365 días que pasaron. Eras tan, tan grande, que nada nin ninguén poderá encher ese enorme oco que sementaches no noso corazón. Ás veces paréceme verte aí, convertido nun trasno rideiro e traste, facendo algunha falcatruada... pequeniña, porque o teu corazón é tan xigantesco que es incapaz de facer dano nin por un segundo. Segues aquí, porque así é como queremos terte arestora: nos nosos corazóns, disposto a facernos cóxegas para sentirte. Unha cóxegas doces e amargas que nos lembran, unha e outra vez, a túa ausencia real. 

365 días de abandono. A luz da biblioteca non brillou coa mesma intensidade. Os corredores foron marcados sen as túas alancadas. A árbore de nadal non tivo anxiño. A beirarrúa non foi pisada polos teus pasos. E o acivro camiña lento ao ceo na túa procura.

Coido que estás nas galaxias ollándonos. Orgulloso da túa Lucía, a quen tanto queremos. Tentando que elas, sempre elas, sintan a túa man silenciosa, agora opaca, sempre presente. Ás veces as bágoas non deixan verte con claridade. Maldita a tristura desta nostalxia infinita!



17/11/19

De altura

Onte foi un deses días temibles. Dende o comezo de curso estaba na miña mente, dolorosamente presente. Porque este curso non era coma os demais. Un curso no que cada día había unha bágoa por unha lembranza, unha ollada discreta a unha porta que se respira diferente, un paso silencioso por quen xa non está.
Dende que comecei os meus pasos polo ensino, esta profesión que adoro, teño organizado moitos, moitos actos, moitas actividades. Teño pasado moitas noites sen durmir. Moitos nervios e estrés. Pero organizar unha homenaxe a un amigo e compañeiro, que tanto me axudou (iso sabémolo ti eu mais eu) e por quen sinto un amor inconmensurable, resultou ser moito máis complicado e doloroso. Non sei nin explicarvos canto. Todo tiña que saír perfecto. Perfecto? Como unha homenaxe de dor pode saír perfecta? Como explicarlle á familia, a Luísa, a Lucía, a Pachí, a Marta, a Sofía, a Julio... que nós tamén sentimos esa perda infinita, esa tristura sen límites??? Como atopar o ton axeitado? Como saber que o correcto é o correcto?
Foi difícil. Pero... sabedes? Que sorte pertencer a esta comunidade educativa. Que sorte saberse acompañada por unhas persoas que tamén elas queren dalo todo. Nunca houbo tantos músicos no escenario. Nunca houbo tantas actuacións. Nunca houbo tantas plantas. Nunca tantas mans. Compañeirismo cóbado con cóbado. Non houbo soidade en ningún momento. Porque a organización veu dende todas as direccións e, a pesar das miñas dores de cabeza e das miñas noites sen durmir, cada día chegaba ao centro para recibir unha aperta de ánimo.
Luís, estarías tan orgulloso do Laxeiro! Onte vía o teu sorriso pícaro dende o fondo do salón de actos, coma sempre que fixemos un "acto destes grandes que ti organizas", para tranquilizarme, sabendo que todo saía como se agardaba. Porque, que luxo de alumnado temos. E canto lles soubeches dar!



Sigo agardando a que aparezas pola porta da biblioteca para meterte comigo e queixarte que somos uns pringados por estar abaixo... Paréceme verte na rúa, esperándome para axudarme co morico de libros que tanto pesan, e logo a mediodía para volver á casa. Esa nosa beirarrúa segue a me doer e crúzoa, porque é moito máis longa cando a camiño sen ti.  





20/08/19

Cada día contigo

Hai uns días daba por terminado o meu "annus horribilis". Falei demasiado pronto. Pensei que a morte ía darnos unha tregua, que ía dirixirse por outros camiños afastados. Pero non. Seguía por aquí rondándonos. Seguía a causarnos dor. Unha dor inmensa. Porque non cómpre ser da familia para amar. Non cómpre levar os apelidos nin compartir reunións familiares.
Sempre digo que tiven a sorte de herdar as amizades que me deixou o meu compañeiro de vida no IES Laxeiro. Un centro non que sempre me sentín querida. Pero agora, ese piso de abaixo que compartía contigo, Luís Gustavo Rodríguez Taboada, esa biblioteca que a ti che deixaba converter en corredor, doe. Como volver a entrar? 


Cada día contigo 

Sempre diciamos que eras tan grande coma bo. Que non servías para xefe de estudos porque non eras quen de enfadarte. Pero vaia se servías! Alumnado e profesorado adorábate. Dabas miles de oportunidades, estas que a ti che foron denegadas, porque a morte non quixo darche nin unha pequena tregua, esa que podía advertirche que nos rondaba pero que aínda podiamos seguir canda ti. Quedamos un pouco máis orfos no noso camiñar, quedamos sen ese "osiño de peluxe" xigante que adoitabamos dicir que eras. 
Agora, os corredores do IES non contarán os teus pasos, a biblioteca permanecerá agardando a túa visita para facer os sudokus, para corrixir exames, para contar que ías facer a recuperación da recuperación da recuperación... Entrar no vestíbulo mirando a porta de enfronte, sempre aberta, sempre disposta a nos recibir, a nos escoitar, xa non será posible. Imposible entrar na cafetería para meternos contigo e o teu "colacao". Imposible que a vida siga igual. Toda a comunidade educativa botará en falta a túa bonhomía e a túa capacidade infinita de perdoar. 
Esta vida tan inxusta foino onte máis ca nunca. 
Non hai neste mundo tantas boas persoas coma ti. Agora, só temos o teu recordo. Inconmesurable e agradecido.
Eu quedo co teu último sorriso pícaro de tarde de fútbol. Quedo coa nosa mesa arredor da tortilla e as nosas conversas. Quedo coas nosas reunións bibliotecarias dos luns polas tardes. Quedo con ese amor que derrochabas para a túa familia. Quedo co teu exemplo.

 https://www.farodevigo.es/portada-deza-tabeiros-montes/2019/08/20/fallece-jefe-estudios-ies-laxeiro/2157616.html?fbclid=IwAR2fVoGGm-NSfvzQAAtQLXCuRuUHMBPAsi86WD-EPpXucBUtzBwZTEpSB8U

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.