Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

Amosando publicacións coa etiqueta Ilustración. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Ilustración. Amosar todas as publicacións

04/11/21

Os Minimortos. O Día dos Vivos

 


Tiña que ter falado deste libro hai unha semana, pero o transcorrer do curso e o traballo que conleva apenas deixa tempo para andar por estes lares lectores. Se onte falei do anterior libro desta saga, hoxe volvemos cos Minimortos que celebran O día dos Vivos, por suposto. Non van celebrar eles e elas o Día dos Mortos!!! que para iso estamos ante unha especie de espello do noso mundo e viaxamos grazas a Ledicia Costas ao Outro Barrio sen medo ningún. Realmente para a rapazada ten que ser un pracer este tipo de libros que fala do que normalmente son temas tabú con toda liberdade e valentía. Porque gozar con esta panda de nenos e nenas é ben sinxelo! Sobre todo, procurando un traxe apropiado para o Samaín, cousa nada doada se non entendemos as regras dese lugar!

Publicado por Xerais.

03/11/21

Os Minimortos. Escola de salvaxes

 


S
egue Ledicia Costas deleitándonos coas aventuras destes nenos e nenas que viven ao outro lado de nós, os Minimortos. Desta volta o subtítulos que acompaña esta entrega é Escola de salvaxes e fai alusión a unha nova mestra que chega á escola desta rapazada. Pero a escola non pode ser divertida cunha mestra chamada Sinistra que os obriga mesmo a falar en rima... Coma sempre, non todo é o que semella no mundo de ultratumba.

Publicado por Xerais.

01/11/21

A nai sombra


 Promesas e novos comezos. A nai sombra é isto e moito máis. A portada, tan só, chama. Logo collémolo e non queremos soltalo. Non sabemos se o libro ten unha maxia especial ou é que o libro é máxico por si só. Pero algo ocore. Porque as palabras e as ilustracións son tan fermosas que non queremos rematalo; por non querer, non queremos abrilo demasiado non se nos vaia estragar. Así ocorre coas xoias, supoño, que aínda sabemos que non van desaparecer por moito que as admiremos, temos tanto temos a que suceda que queremos ollalas constantemente. 

A nai sombra, texto de Seán Virgo e ilustracións de Javier Serrano Pérez (algunhas páxinas pensei que pertencían ao meu prezado Cobas) publicado por Kalandraka. Non perdades ocasión de adquirilo.

Ás veces topamos sal nas súas páxinas, a humidade do mar, a brétema que o rodea. Topamos tristura. Topamos delicadeza. Topamos unha man que nos envolve acolledora. E o que máis nos envolve é a melancolía que atrapa o relato, a sombra. Porque aínda que a historia é bastante fatalista (infelicidade e engano) cun pesar mudo que enche cada palabra, é tal a sensación que nos transmite o libro que non rematamos chexs de tristura pero si nunha atmosfera sen palabras da que tardaremos en saír.

 


31/10/21

Poemas bestas e outros bechos


 L
embro que me encantara no seu momento Bechopoemas e outras bestas. Así que agora quedo feliz con esta especie de segunda parte, Poemas bestas e outros bechos,  que nos agasalla Leire Biblao con ilustracións de Maite Mutuberria, igual que acontecía no primeiro libro. Publica Kalandraka, claro. Volvemos ter como protagonistas dos seus versos a criaturas que viven na terra, ou na auga ou que voan. E volvemos ter ganas de ler en voz alta para non sentir a soidade, como 

A medusa necesita agarimo,

persegue os bañistas na auga

para darlles apertas e bicos.


Aí queda iso!

Quen non quere ler poesía?


29/10/21

El vuelo infinito

 


F
ran Pintadera
anímanos a voar. Algo que sempre quixemos, claro! Pero agora poderemos realizar o noso soño cos seus versos e as ilustracións impresionantes de Alejandra Acosta que publica Kalandraka baixo o título de El vuelo infinito. Infinito porque non desexaremos baixar do ceo nin pretenderemos deixar de voar, agora que aprendemos. Emigraremos e volveremos, sempro polo ar. Que sentir durante a travesía? Haberá perigos constantes, riscos e problemas, pero triunfaremos. Liberdade, de verdade, que nos envolve na inmensidade do ceo. Un ceo de versos onde os poemas son as ás.




27/10/21

Escritos en la guerra


 A
guerra con ilustracións de Federico Delicado. Podedes imaxinalo? Xa coa portada sabemos que queremos este libro. Logo, veñen os nomes das persoas que asinan estes relatos, nomes importantes que admiramos: Elvira Menéndez, Rosa Huertas, Antonio García Teijeiro, Mónica Rodríguez, Carmela Trujillo, Gonzalo Moure, Daniel H. Chambers. Sete nomes para sete relatos que evocan outros sete nomes importantes das letras universais. De marco, unha guerra. Calquera guerra, porque... que diferenza hai entre unha guerra e outra? A crueldade? O afastamento? A morte? A tristura? A destrución? Sexa cal sexa a guerra, o resultado é o mesmo. Por iso, estas páxinas falan da importancia que ten a historia, lembrala para non repetila, recordala para fuxir do innecesario.

 Escritos en la guerra  está publicado por  Kalandraka.

10/10/21

Inesperadas

 


P
ublica Barbara Fiore esta marabilla de libro de poesía: Inesperadas. Antología de poetas imprescindibles, unha selección de Paula Carbonell cun poema visual da ilustradora Alejandra Acosta. Unha viaxe de séculos para coñecer mulleres que foron silenciadas por ser iso, mulleres.

Este libro namora pola edición, polo coidado, polo contido, pola delicadeza. Un libro para agasallar e para autogasallar, para ler e para volver a el de cando en vez a el. Como obxecto e como lectura.

35 autoras máis descoñecidas e máis coñecidas comparten páxinas para ser degustadas con atención e deleite.





23/04/21

Fahrenheit 451

 


O
bviamnete non vos vou falar deste famosísimo e imprescindible libro que todx vós coñecedes de Ray Bradbury, Fahrenheit 451, senón desta edición ilustrada por María Corte que publica Reservoir Books, que me chegou vía unha "amiga visible" o Día do Libro. Non coñecía esta ilustradora nin esta edición, pero paga a pena achegarse a este libro potente e convincente da man desta edición.

06/04/21

Kashtanka


 F
alar de Antón Chéjov é falar dun dos autores rusos máis importantes de relatos de finais do século XIX. Neste fermoso libro recuperado por Kalandraka, con ilustracións de Rebeca Luciani, cóntanos a historia dun cadeliño que semella un raposo perdido nunha rúa no medio do frío invernal. Esta escusa é a historia dunha aventura marabillosamente estraña que levará a que este cadeliño de nome Kashtanka viva e coñeza lugares inesperados. Seguramente xa coñezades esta historia ou cando menos coñezades o autor; se non é así, tedes arestora unha oportunidade de ouro: procurade este magnífico libro presentado agora nunha boísima edición, tal como Kalandraka nos tes acostumadxs, con coloridas ilustracións acompañando un relato absolutamente delicioso.

Publicado en castelán.

 


16/03/21

Coplas por la muerte de su padre


 Temos debilidade polas publicacións de Nórdica na súa sección de Ilustrados. Non podía ser doutro xeito! Desta volta, traémosvos a coidada edición de Coplas por la muerte de su padre de Jorge Manrique baixo a ollada contemporánea de Antonio Santos: unha auténtica gozar reler este clásico acompañado das súas ilustracións, que fan que o libro non só sexa atractivo, senón gozoso

11/03/21

A mestra corremundos


 Paseemos por Ourense da man das irmás Pura e Dora Vázquez Iglesias. Arancha Nogueira, xunto coas ilustracións de Ana Varela, rende unha fermosa homenaxe a estas dúas mulleres afoutas e escritoras que creron no noso país, no ensino e na escrita. Publica Cuarto de Inverno este A mestra corremundos, biografía de ambas autoras aínda que en primeira persoa, xa que é a voz de Dora a que nos guía, unha voz que atravesa espazos e tempos para homenaxear á súa irmá, Pura; unha homenaxe non só á poeta, senón tamén á mestra e á persoa; unha homenaxe á amizade e á querencia por riba de todo das dúas irmás.

17/02/21

Os Minimortos. Criando malvas

 
N
ova entrega de Ledicia Costas con estas aventuras dos Minimortos. Desta volta, publicado por Xerais, Criando malvas é o subtítulo que acompaña a este libro que conta novamente coas ilustracións de Mar Villar. Unha segunda entrega que nos fai crer que Ledicia vai converter nunha saga literaria onde falar sen ambaxes da morte, e duns nenos que viven as súas aventuras no alén mentres agardan a que algún día cheguen os seus pais, que seguen vivos. 

Sempre foi un tabú falar da morte coa rapazada. E Ledicia, curiosamente, consígueo con humor e tenrura, dun xeito tan estrañamente doado que aínda resulta moi chocante para as persoas adultas. Lembro que cando estaba a ler a primeira entrega, alguén ollou a miña lectura e comentou "que desagradable" ou "que inapropiado" e eu retruquei "non tes nin idea". Si, non é doado derrubar tabús e temos unha autora que o consegue por medio da Literatura. Vaia, que a Literatura volve a demostrar unha vez máis que calquera tema ten cabida se hai unha autora (e témola) que sabe como enfrontarse a un tema tan doloroso.

Nesoutra vida calquera cousa estraña pode pasar!


12/01/21

Canción negra


 Permitídeme que siga recomendándovos libros de poesía ilustrados. Desta volta quen chama a miña atención e amor é Wislawa Szymborska, e volve a ser a editorial Nórdica quen me conquista con este seu libro titulado Canción negra con ilustracións de Kike de la Rubia. Un libro que nunca antes vira a luz en castelán e que agora podémonolo agasallar. Neste libriño recóllense poema de xuventude da autora, poemas sinxelos que anuncian a ironía que a caracterizará posteriormente para falar do cotián, da bondade do ser humano, da humilade e do humor, tanto propio como alleo. O seu compromiso cívico, afastada de calquera dogma, é o seu sinal de identidade.



11/01/21

Yo voy soñando caminos


 U
nha recomendación para amantes de libros ben editados: Nórdica, marabillosa editorial -máis na súa colección ilustrada, por motivos obvios, para min- ofrécenos ler a poesía de Antonio Machado ilustrada por Leticia Ruifernández; un percorrido polas cidades nas que viviu o autor, con 40 poremas seleccionados por Antonio Rodríguez Almodóvar, e cun epílogo de Julio Llamazares. Vaia, que máis non se pode pedir. Así que xa sabedes, é hora de reler a Machado gozando visualmente dos seus poemas.




06/01/21

O perfil da boca

 


U
n libro que namora por fóra. Sen previo aviso, sen tocalo sequera, queremos posuílo. Tanta é a fermosura que transmite! Abrímolo con coidado, con discreción mesmo, marabilladas ante as ilustracións que nos agasallan as primeiras páxinas. Agardamos, contemplando a beleza, antes de seguir; logo virá a lectura demorada, tenra, emocionante. Cánticos ligados á infancia, á aldea. A avoa como eixo. Eu, que non a tiven, añóroa. Porque este libro é unha homenaxe a todas as avoas (e eu agora tamén o son), unha homenaxe que se transforma en demostración de afecto, en expresión de vida, en defensa dos sentimentos. A voz poética lévanos por terreos vizosos que nos transmiten cheiros e sons e que nos leva a infancia, a súa e a de moitas persoas, a unha infancia que non se debe esquecer.

O perfil da boca, de Lorena Conde, editorial Urutau.

 

Criáronnos aquí os palíndromos das aves
que se repiten desde as estremas.
Criáronnos os labores, as estacións,
a fronde do tempo, comer terra.
Comer terra e coa boca chea
repetir os nomes dos ríos e os golfos,
coller coas mans redondiñas saltóns
- dos das ás de vidreira e dos pequenos-,
escaravellos das patacas,
zapateiros verdes,
acariñar con prudencia
a casca de grafito das vacalouras,
facer coroas e colares de pampillos
e comer as mazás en cuartos
que o avó estona coa navalla e reparte.
Criounos no salvaxe María
e medrounos a sombra nun paraíso

12/12/20

Ariel

 
Fermosísimo libro publicado por Nórdica, Ariel de Syliva Plath, foi publicado postumamente en 1965 e editado polo poeta Ted Hughes, quen incluíu vaiors poemas que a autora escribiu pouco antes da súa morte. Neste libro podemos ler poemas tan fermosos como o que lle dá título ao libro, poemas intesamente expresivos, delicados, metafóricos e deliciosamente fermosos que con esta edición de Sara Morante gaña en fermorsura, converténdose nun libro alfaia deses que paga a pena ter na casa para ollalo de cando en vez, e como ocorre con todos os libros de poesía, ler un poema tamén.

 

PALABRAS

Hachas
tras cuyo golpe el bosque reverbera,
¡y los ecos!
Ecos que viajan
desde el centro como caballos.

La savia
aflora como el llanto, como
el agua que persigue
restablecer su espejo
sobre la roca

que cae y se sumerge,
cráneo blanco
comido por las algas.
Años más tarde
me las cruzo por el camino…,

palabras secas, sin jinete,
el ruido infatigable de los cascos.
Y mientras,
desde el fondo de la charca, estrellas fijas
gobiernan una vida.

01/12/20

As historias do Lobo de Area

 
Kalandraka tráenos este fermoso libro de Åsa Lind que coa protagonista Zackarina fala de amizade, de morte, de coñecemento... da vida. Unha nena afouta, protagonista da procura do seus propio espazo. A autora sabe poñerse perfectamente na pel dunha nena que non se ve sempre comprendida polos seus pais, afastados do seu mundo de ficción e imaxinación. Será que na idade adulta esquecemos a infancia e todo que conleva. De aí a necesidade dun amigo invisible, un cómplice e alguén que saiba dar resposta a tantas preguntas que na infancia xorden; un amigo que axude a comprender mellor o mundo.  As historias do Lobo de Area conta coas ilustracións de María Elina Méndez, e converten o libro nunha lectura atraente e poética, ademais de divertida.

 

20/11/20

A Señorita Bubble. Baixo cero


 Quizais Ledicia Costas teña unha variña máxica para a escrita dirixida á rapazallada. Estaba lendo o libro e imaxinándome nena. Que sorte ter unha Señorita Bubble! É deses libro que debería contar cun "merchandising" propio, e de seguro tería moito éxito. 

Esta segunda entrega, A Señorita Bubble. Baixo cero,   lévanos a descubrir que Papá Noel non é o bonachón que imaxinabamos e a nosa protagonista, xunto cun exército de pingüíns, terá que poñer as cousas no seu lugar axeitado. Mentres, a autora lémbranos a importancia da solidariedade, do medio ambiente... e sabe facelo sen caer no doutrinamento. Así dá gusto! Longa vida a esta protagonista afouta, independente, sensible e intelixente que nos abre as portas da ciencia e os ollos das heroínas.

O libro conta coas magníficas ilustracións de Andrés Meixide, unha vez máis. Publicado por Xerais

03/11/20

De ratones y de hombres

Seguramente todas as persoas que me ledes xa coñecedes este libro, De ratones y de hombres de John Steinbeck, polo que só vou falar da edición que vén de sacar Edelvives coas ilustracións de Rébecca Dautremer, que consegue revisitar este clásico dende unha ollada psicolóxica, posto que decide estudar e ilustrar as faces, os corpos, as expresións, os ambientes, as paisaxes. Asemade, intercala outro tipo de imaxes, como anuncios do momento ou debuxos soñados polos protagonistas. Por iso, a lectura deste libro é totalmente diferente ao feito anteriormente como novela, posto que agora se nos abre un abano de posibilidades a explorar totalmente novidosas. Tanto, que a novela é unha novela gráfica diferente.




25/10/20

Fábulas contadas


 L
embro que na miña infancia lía con devoción un libriño de fábulas que na miña casa había de Esopo, un libro ilustrado que prendeu na miña mente por ser lectura activa da nenez. Gonzalo Navaza recolle algunhas desas famosas fábulas para convertelas en verso e traelas agora á rapazallada galega, pequenos ralatos versificados que teñen como protagonistas a animais, agás dúas. Así que a editorial Xerais publica este libriño titulado Fábulas contadas con ilustracións de Orelí Pello e introdución de Antonio Reigosa, experto en literatura oral que nos recomenda viaxar por estas historias, xa que as fábulas foron (e seguen a ser) un instrumento contra os abusos e a estupidez. Vaia, que as fábulas foron e seguen a ser moi necesarias, será que houbo sempre moita parvada. Á vista está. O problema debe ser que pouco se aprense, a pesar da existencia das fábulas... e outras formas de cultura.



Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.