Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

Amosando publicacións coa etiqueta Lumen. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Lumen. Amosar todas as publicacións

19/03/20

Mis últimos 10 minutos y 38 segundos en este extraño mundo

Encantoume. Se de algo está servindo esta praga que estamos a vivir, é para reencontrarme coa lectura. Sobre todo grazas a libros coma este. Compreino para a biblioteca coma un impulso, sen saber nada del, e foi dos mellores acertos. Nin sequera sabía que ía formar parte do vestíbulo da igualdade! E ao lelo, irá para alí nun lugar de honor. Mis últimos 10 minutos y 38 segundos en este extraño mundo é de Elif Shafak e está publicado pola editorial Lumen. É unha novela dura e sensible, por momentos sobrecolledora, por momentos tenra, por outros conmovedora... ou quizais todos estes momentos teñamos que xuntalos e sentir todo a un tempo, porque eses minutos e segundos que na novela asegura que os humanos seguimos pensando aínda despois de mortos, son un percorrido vital... e que percorrido tan tremendo! Paseando por un Estambul non soñado, un Estambul duro, unha cidade feroz que dá voz arestora ás persoas máis maltratadas, ás apestadas, ás que senten máis dor. E as páxinas transforman en dor en beleza: a beleza da literatura. E esta beleza tamén deixa pegadas críticas, tan tremendas á situación da muller islámica que nos deixa sen alento. Porque esta muller non ten acceso á liberdade, nin sequera á liberdade máis simple e esencial, a máis cativa. Que necesidade de dar voz a estas mulleres!
Deixádevos seducir por esta autora, deixádevos conducir polas súas páxinas, deixade que vos debuxe a cidade de Estambul, coa súa corrupción e deshumanización, pero sobre todo deixade que as personaxes protagonistas entren nas vosas vidas, facédelle un oco onde non tiveron antes lugar. Deixade que o amor, a inxustiza, a dor, a pobreza, pero sobre todo o dereito á dignidade do ser humano entre nas vosas vidas.


16/02/20

El placer

María Hesse consegue en El placer publicado por Lumen un libro redondo, case mellor podería dicir un libro orgásmico, polo pracer que consegue cando o lemos e contemplamos. Ademais da lectura, é un deses libros que eu denomino "libro ventá" porque nos abre camiño a outros libros. Asemade, bota unha ollada a mulleres que poboan a nosa historia, dende Lilith, a primeira muller que abandoou Adán segundo a tradición xudía: a poeta grega Safo de Lesbos; Colette, a escritora de principios do século XX que falou da bisexualidade; Anaïs Nin ou Simone de Beauvoir... Mergullámonos na cuestión do pracer feminino nomeando o silenciando mediante palabras e ilustracións.
De xeito autobiográfico, a autora conta como foi o seu camiño cara ao espertar sexual, un camiño sementado de culpa e de vergoña (imposible non identificarnos as mulleres de certa idade) e que se pode percorrer porque somos curiosas e queremos explorar e descubrir tantos misterios que se nos presentan. Por iso a liberdade sexual é tan importante, porque nos deixa rexeitar o que non nos gusta, permite decidir se SI ou NON, e sobre todo chama a atención de que esta liberdade sexual non se acolle na educación nin na familia, deixando que sexa o porno, de fácil acceso, que nos "maleduque". O libro tamén denuncia problemáticas asociadas á tradición como a mutilación xenital feminina.


09/02/19

El jardín de los sentimientos

Fermoso álbum en verso onde destacan as ilustracións, El jardín de los sentimientos de Janna Carioli e Sonia M. L. Poseentini publicado por Lumen é un repaso non alfabético por diferentes sentimentos, non todos eles positivos, pois fálase da liberdade, pero tamén da covardía ou do egoísmo. Imposible non emocionarse coas magníficas ilustracións que acompañan os textos e que asolagan as páxinas, para permitir que nos perdamos nos seus detalles mentres lemos os poemas.



10/11/18

Las niñas serán lo que quieran ser

Segue Raquel Díaz Reguera un camiño iniciado xa hai un tempo cos seus álbums ilustrados de empoderamento das nenas. Como esquecer o marabilloso e necesario Yo voy conmigo??? ou Cuando las niñas vuelan alto??? Agora tráenos este título tan pouco suxestivo pero tan identificativo, Las niñas serán lo que quieran ser, publicado por Lumen. Un álbum para lembrar que por moitas pedras que ás mulleres non poñan no camiño (aquí baixo o nome de "Noloconseguirás"), todas somos quen de perseguir os nosos soños e sermos aquilo que nos propuxemos. Porque se queremos, podemos. E non hai máis.




30/06/18

Macbeth

Sorprende Jo Nesbo co seu Macbeth publicado por Lumen, nova versión do clásico shakesperiano, proposta da editorial Hogarth de reinterpretar as obras do autor universal para o mundo actual. O resultado é unha acción escura que acontece en Capitol, un lugar gris arrasado pola corrupción e as bandas criminais onde a opresión da choiva e do ambiente cala no lectorado. Como debe ser, a historia é unha historia de ambición e sangue, ascenso e caída, tal como Shakespeare pensou; unha obra sobre a ausencia de moralidade, a procura de escusas que nos permitan seguir co mal sen remorsos. Un protagonista que nun principio admiramos para logo trocar e amosar o seu lado máis escuro: ese que fala da ambición máis desmesurada. E arredor desta o amor.
En si mesmo, o libro amosa o máis retorto do ser humano, o que é terrible e escuro, pero tamén fráxil. Hai moita reflexión psicolóxica baixo unha acción trepidante que converte a fammosa historia nunha novela negra, propia de Nesbo. 400 anos despois, podemos deleitarnos con Shakespeare reconvertido e -quizais- mellorado por Nesbo.

13/12/17

Cuando las niñas vuelan alto

Proponnos Raquel Díaz Reguera en Cuando las niñas vuelan alto publicado por Lumen o empoderamento das nenas, a forza necesaria para sermos o que nós queiramos ser, sen impedírnolo polo mero feito de nacer mulleres. Por iso, debemos tirar as pedras que polo camiños as diferentes trampas sociais nos van poñendo, e seguir o noso camiño igual de lixeiras. Porque temos os mesmos dereitos, porque podemos chegar a onde queiramos, loitemos por facer os nosos soños de futuro realidade. Iso é o que aspiramos.
Precioso


01/11/17

En estado salvaje

Lumen publica o libro de Charlotte Wood En estado salvaje. E eu lino con absoluta congoxa e un nó no estómago, novela moi dura que converte a lectura, en ocasións, en límite, en ganas de marchar do libro, pero resulta imposible porque queremos saber que acontecerá logo. A situación é ás veces irrespirable e sentimos a mesma sensación de afogamento que as protagonistas. Dez protagonistas sobre as que destacan dúas, polo que non é unha novela coral xa que a voz vana ter estas dúas mozas, que representan o sufrimento e a humillación á que se ven sometidas todas elas. Pero o carácter delas fará que destaquen. E tamén destacará o lado máis mesquiño do ser humano, a maldade por riba de todo, pero tamén a lealdade, o compañeirismo, a sororidade. E mesmo a necesidade da supervivencia. Sempre me chama a atención este factor, tan visible nos momentos máis nefastos da nosa historia. Sexa como sexa, queremos vivir. Esta será unha parte esencial do libro, a necesidade de sobrevivir.
Pero asemade, o que atopamos é o terror. A degración da muller, brutal. O nexo de unión entre todas elas é un suposto escándalo sexual, o que nos leva a preguntar en se ese é un delito... porque ameazan a homes poderosos. E iso significa que a muller sempre é culpable. Chama a atención a indeterminación das mulleres, porque iso lévanos a pensar que a escritora procuraba precisamente iso, facernos reflexionar que esas poden ser calquera, que a sociedade patriarcal castiga sempre á muller. Unha sociedade patriarcal que nos ten tan "ben" educadas que as propias mulleres tamén nos xulgamos. E esta é a outra parte fundamental da novela: as culpas e os delitos femininos. Os roles. A cosificación da muller e os estigmas que sobre nós caen.
Non busquedes ningún tipo de suavizante entre estas liñas. Só, como indica o título, salvaxismo sen concesións.

23/02/17

La niña del faro

Flipando quedei coa lectura de La niña del faro de Jeanette Winterson que publica Lumen. Que prosa! Que sensibilidade tan extraordinaria! Que uso da linguaxe! É unha auténtica marabilla que debo á prezada Luz Paramio, quen namorou dela antes ca min. Normal. Porque o libro é maxia, pura, das de verdade, desa maxia que se topa moi de cando en cando. E o importante non é o que conta, senón como o conta, xa que abraia a luz que transmite, a metáfora feita arte, o estilismo da súa prosa. Por iso, a súa lectura conmove, avisa, presiona, apreta, e solidifica no teu interior. O que si provoca, sen dúbida ningunha, é seguir lendo máis desta autora, porque o lectorado quedará coa intriga de saber se é posible repetir xoias escritas. Esta alfaia lévanos ao mar, ao amor, á soidade, ás historias, aos libros, á poesía. E sobre todo, a raíña do libro é a delicadeza.

Cuéntame un cuento, Pew
¿Qué clase de cuento, pequeña?
Uno con final feliz.
En el mundo eso no existe.
¿Un final feliz?
No, un final.

Jamás debes dudar de la persona a la que amas.
Pero puede que no te diga la verdad.
No importa. Dile tú la verdad.
¿Qué quieres decir?
No puedes ser la honradez de otra persona, pequeña, pero sí puedes ser tu propia honradez.
Entonces ¿qué debería de decir?
¿Cuándo?
Cuando ame a alguien.
Deberías decirlo.




Es cierto que las palabras se desvanecen y a menudo
las cosas realmente  importantes no se dicen.
Las cosas importantes se aprenden en los rostros, en los gestos,
no en nuestras lenguas encarceladas.
Las cosas auténticas son demasiado pequeñas
 o demasiado grandes, o en cualquier caso,
no tienen el tamaño adecuado para encajar
en el templo llamado lenguaje

15/01/17

Mamá, quiero ser feminista

Antes de lelo, olleino e souben que este era o libro indicado para comezar o novo Club de lectura Feminista que puxemos en marcha na Biblioteca pública de Lalín, grazas á xenerosidade da Concelleira de Cultura, Lara Rodríguez. E foi este porque na primeira reunión observei que había moita rapazallada, máis da que imaxinara, e moitas persoas maiores que seguramente non pensaran nunca participar nunha cousa así. 
Un libro cunha lectura amena e lúcida, mesmo tersa, ilustrado (maxistralmente) por Malota, de Carmen G. de la Cueva, publicado por Lumen. Mamá, quiero ser feminista é unha especie de biografía onde a autora vainos contando a necesidade de procura persoal nas lecturas de mulleres ao longo da súa vida, como apoio e como base para a súa propia concienciación persoal. Paseando polas súas páxinas, a autora cóntanos como a través das referentes feministas cambiou a percepción da vida, ou afianzouse esa percepción diferente que ela mesma intuía pero non sabía darlle voz. 
Ninguén ensina á muller o dereito a ser libre, o dereito a ser igual. Témolo que ir aprendendo pouco a pouco. É máis, observamos que mesmo nolo queren impedir. A sociedade pretende que sexamos as vítimas dunha historia inxusta que só escriben os homes. De aí a importancia do feminismo, a importancia de querenos a nós mesmas, a importancia da nosa loita, a importancia de berrar todas xuntas e tamén por aquelas que non puideron facelo. 
O libro dános a coñecer nomes importantes e as súas obras, por iso tamén é idóneo para o comezo do club de lectura, aínda que nos falten os nomes da nosa Literatura e seremos nós quen completemos esa lista. Así, falaranos de Simone de Beauvoir, Virginia Woolf, Jane Austen, Caitlin Moran, Svetlana Alexiévich ou Virginie Despentes. Por iso considero que é unha boa elección, porque asemade aprendermos máis sobre o movemento feminista e as súas defensoras.

 

16/12/16

Frida Kahlo, una biografía

María Hesse é a artífice deste precioso álbum sobre Frida que publica a editorial Lumen: Frida Kahlo, una biografía é un camiño ilustrado por unha vida apaixoante onde a dor e a arte conviven en primeira persoa, con ilustracións que veñen a ser unha alegoría metafórica da biografía da artista máis admirada nos últimos tempos, esa que ao final fixo o que quixo e se converteu nunha icoa feminista. Polas súas páxinas percorreremos a través da dor, da enfermidade, pero tamén do amor, da arte, e de toda contradición do ser humano que en Frida se manifestaba na dependencia versus independencia da súa propia loita. Quedan patentes nestas cores que nos regala o libro a ledicia de vivir que manifestaba a pesar de todo a pintora. Porque sufrimento e ledicia pasean da man para compensar un co outro.
Un novo libro para achegarnos a esta muller a quen admiradmos dun xeito pracenteiro. Porque ser, é precioso.




28/11/16

Las palabras (no) se las lleva el viento

Namorada fiquei deste álbum que ademais ofreceume un montón de ideas para as aulas. Falo de Las palabras (no) se las lleva el viento de David Aceituno e Ana Santos publicado en gran formato pola editorial Lumen. Unha reflexión sobre o poder das palabras e un xogo literario ao mesmo tempo; as palabras nos contos, as palabras mal usadas, as palabras importantes, as palabras que declaran.
As palabras que ofrecen múltiples posibilidades, porque son elas as que nomean e son elas as que nos declaran. E escollelas pode ser prioritario.
As palabras teñen poder.
E con ese poder pódese facer moito ben... ou non.

26/07/16

La niña perdida

Remato con nostalxia esta saga que me mantivo xunguida ao sofá nestes últimos días, un diario de vida, de vidas, de cidade. La niña perdida céntrase na dor da perda, pero tamén é unha descrición detallada de Nápoles, da corrrupción política, de reviravoltas do poder que podemos importar ao noso país; se no anterior libro falabamos de teorías feministas e políticas, neste falaremos tamén da cidade como espazo indivisible de canto suceda, de protagonista de corrupción, de morte, mais tamén de amor. É tamén un diario de tristura porque a amor dunha nai será sempre o máis grande. E é tamén a ilusión da amizade eterna. Supoño que é todo isto e moito máis.
Elena Ferrante pecha unha saga memorable con este La niña perdida que publica Lumen. Sei de feito que moitas destas personaxes veñen de apoderarse de min e permanecerán convivindo comigo durante un tempo. Porque deixa unha asemade unha sensación irremplazable de mudanza, de reflexión. E unha bocanada de pesimismo, porque non hai connivencia con personaxes de papel, senón que a vida é dura, e durá será a vida destas mulleres que tensan demasiado dun fío que non sempre é fiable. Por iso hai miseria humana, e tanto que a hai, por ser unha característica de noso que nos mergulla naquilo que tantas veces pretendemos evitar e non sempre somos quen de facelo.  Son moitas páxinas intensas como para esquecer facilmente a Lenu e a Lina.
Outra das cualidades que presenta este libro -xunto cos anteriores- é a evolución psicolóxica dos e das personaxes, dos cambios de opinión, das desavinzas interiores. A narradora que escribe, e se confesa ante o lectorado, quere crer nun amor romántico ao mesmo tempo que é consciente de que este non existe, é tan valente que confesa amar un home máis cás súas propias fillas, pero tamén é quen de evoluír e deixar atrás un conto de fadas do que xa non é protagonista. A maternidade, con todos os seus claroescuros, é peza reinante nas páxinas deste libro.
Outro tema fundamental é como a sociedade culpabiliza sempre á muller. Neste caso porque é ela a que pide a separación, porque é ela a que comete o adulterio... non é doado nunha sociedade tradicional como a italiana -ou a galega- dos anos setenta. O traballo da muller como tema está moi ben reflectido, a necesidade de ser autónoma economicamente, a sociedade que culpabiliza, o coidado dos maiores... hai moitos temas que ao longo das páxinas fanse importantes e non debemos desdebuxalos entre unha trama que, iso si, mantense apaixoante.
Coido que é, sobre todo, unha saga de mulleres. Son elas as protagonistas, e dentro dese coro de personaxes, son as mulleres quen toman iniciativas, quen fan e desfan, quen mandas e reprenden. Son elas as importantes, a pesar dos mafiosos -homes- que herdan, por certo, un libro vermello da súa nai. Elas teñen a voz e así nolo transmiten. Unha voz propia e intransferible.


20/07/16

Las deudas del cuerpo

Sigo avanzando na saga de Elena Ferrante con este terceiro título Las deudas del cuerpo publicado por Lumen. Aínda que seguimos os pasos destas dúas mulleres camiñando pola vida adulta, resulta moi interesante o encadre do tomo, as revoltas sociais, a camorra, o fascismo, e sobre todo o feminismo. Descubrín moita información non sabida das revoltas sociais desta época en Italia, os movementos obreiros e estudiantís, o papel do comunismo e o da extrema dereita. Hai asemade moitas reflexións  sobre o papel da muller na sociedade. Como o libro non é meu, non puiden subliñar algunhas frases que me gustaría destacar e que agora non atopo, aínda que lembro unha que viña a denunciar "mientras los dos toros hablaban las vaquillas teníamos que escuchar", ou algo así, denunciando a invisibilización da muller e o estigma que sobre ela pesa e a súa intelixencia mesmo en círculos considerados cultos. Por iso esta cuarta entrega pareceume particularmente oportuna. Tamén o é o feito de que todos os personaxes evolúen, en cada entrega imos admirando como medran todos e todas elas, ninguén permanece tal cal se nos informara na anterior entrega literaria.
Segue a ser moi interesante esta loita de clases, ese querer deixar se pertencer a un determinado lugar, a unha determinada estirpe familiar. Pódese conseguir? Consegue Elena fuxir de si mesma e ter o seu propio espazo vital? Leremos con ela do seu sufrimento, da súa angustia, dese querer ser ela e non verse eclipsada por canto a rodea; e leremos sobre o machismo, como non, ese que non permite que unha muller teña luz propia e que esa luz poida brillar máis cá do seu cónxuxe; por iso Elena deberá apagarse no seu matrimonio, porque casa cun home temeroso de non ser máis intelixente cá esposa. E saberemos, claro está, da amiga, de Lina, non son nada a unha sen a outra, pero cada vez que unha brilla, a outra apágase.
Destacar tamén a ollada que deita a autora sobre determinados problemas sociais: o divorcio, o feito de ser unha nai soa, a soidade na que te mergulla unha sociedade que non permite fuxir das súas convencións máis primarias... Leremos que nesta época xa existía a pílula anticonceptiva (tamén aquí? nin idea), pero que precisamente a sociedade non permitía achegarse a ela con liberdade. Cantos pasiños temos dado!
Son moitos os aspectos destacables desta novela. Ansío ir pola cuarta e a ver que ocorre.


Este texto es una creación de Devoradora de libros y no está permitida su copia.


17/07/16

Un mal nombre

Segunda entrega da saga Dos amigas de Elena Ferrante publicada por Lumen que me ten atada ao sofá; Un mal nombre conta a vida destas dúas mozas no seu paso pola adolescencia e xuventude; atopamos a Lila infelizmente casada pero rica, e a Leu cursando uns estudos que a afastan do seu barrio para facela culta e capaz de escribir unha novela de éxito. Esta parte é moi interesante, ese interese por saír dun barrio extremadamente pobre e inculto que consegue que unha das protagonistas non atope o seu lugar no mundo, criada como está nunha situación tan afastada daquela que os libros lle permiten coñecer. Dende o meu punto de vista, esta situación é moi interesante, porque quere demostrar que a cultura, e a educación son as bases únicas para loitar contra a sociedade incivil e clasista que coñecemos. Pero conseguirao? Porque no fondo da novela está o intento de saír da pobreza, a loita de clases, a persistencia dun barrio marxinal do que hai que saír si ou si.
E segue a ser unha novela coral na que todos os personaxes, incluído a cidade de Nápoles é ben interesante. Todos e cada un deles resulta importante no desenvolvemento dunha trama na que a intelixencia e a actitude de Lila arrasa con todo e contra todos. Tamén o amor, o sexo, como partes integradoras dunha sociedade que oculta aquilo que é mellor non ver pero que existe dende sempre. O amor é nesta parte un eixo vertebrado arredor un mesmo home.
Por suposto, a amizade destas dúas mozas, como fío condutor de toda a trama, mantén ao lectorado pegado ao libro. As contradicións da súa relación, o amor-odio, a intolerancia dos seus respectivos destinos, é un dos temas máis atraentes do libro que lembra outras novelas que teñen falado deste tema con gran mestría. A vida das dúas tomas rumbos moi diferentes, pero o fío que as une non chegará a rachar xamais. Claro está, é o fío condutor desta saga que iniciamos nunha primeira entrega cando xa a narradora nos falou desta amizade que perdura dende a infancia. Unha amizade dende a que parten por camiños diferentes, o intelectual e o material. Son estes incompatibles?
Recoñezo que rematei este segundo libro e vinme impulsada a ir polo terceiro, xa que a autora, moi intelixentemente, abre a porta de tal xeito que inevitablemente ten que suceder así. De feito, xa o estou rematando. Teño vida desta xente na cabeza, dando voltas ao meu arredor porque apoderáronse de min. Aínda tendo presente que en toda a saga hai algúns parágrafos un pouco pesados sobre as opinións de cada un.

14/07/16

La amiga estupenda

Seguindo a recomendación da miña prezada Carme, comecei a tetraloxía de Elena Ferrante con este primeiro libro titulado La amiga estupenda publicado por Lumen. A verdade é que paga a pena deterse nas súas páxinas (en realidade é imposible deterse, xa que devóranse para saber que ocorre a continuación) e paga a pena cavilar nunha forma de vida dun barrio marxinal perfectamente ambientado, xa que a novela, ademais de se centrar nas dúas protagonistas, é unha novela coral -reflectidos todos dun xeito moi verídico e empático-, ademais de selo de iniciación. Está ben narrada e resulta máis ca entretida, así que resulta de doada lectura. O final déixate desexosa de saber que acontece despois, así que xa podedes maxinar que estou lendo a segunda parte.





Este texto es una creación de Devoradora de libros y no está permitida su copia.

11/04/16

Dibujos invisibles


Chamoume a atención este libro de Gerardo Troche que publica Lumen: Dibujos invisibles compaxina silencio e delicadeza, xa que nin unha soa palabra molesta a expresividade do debuxo; debuxos nos que domina a noite, a música, a choiva; a procura do ser humano na súa propia existencia como fío condutor deste libro que nos trae un reflexión, ese equilibiro necesario da vida, que nos agasalla pesares e ledicias, soños e nostalxias xunto con realidades e emocións.








02/01/16

Inventario de los cuentos de hadas

Vén de publicar a editorial Lumen este álbum de Raquel Díaz Reguera chamado Inventario de los cuentos de hadas. E así é: todo un inventario dos segredos ata agora descoñecidos do que había detrás dos contos tradicionais: guisantes, atrezzos, personaxes, vestidores...
O libro está dividido en tres partes: "Cuentos del Palacio", "Cuentos del Bosque" e "Cuentos de la Fantasía" e cada unha delas está introducida por un poema longo que nos fala do que imos atopar logo no catálogo de cada parte. Así poderemos pasear por unha páxinas máxicas repartidas entre estas tres seccións dos contos tradicionais, coñecidos ou non.
Como todo o que fai esta ilustradora, un libro delicioso


PRÍNCIPES DE TODOS LOS TONOS DE AZUL: Siempre se los asocia con ese color, pero ¿de qué azul hablamos? Los hay azul marino, turquesa o celeste, cada uno con su propio estilo.
HABITANTES DE LOS BOSQUES: Duendes, gnomos, elfos... Las hadas no son las únicas que saben esconderse. ¿Seguro que ese ruido ha sido el viento?
OBJETOS ENCANTADOS: Ruecas, zapatos de cristal o espejos: si te encuentras con uno, sabrás quién lo ha perdido.
CASTILLOS DE ENSUEÑO: Torreones inaccesibles (para retener a princesas huidizas) y palacios de cristal (para complacer a las caprichosas).

28/07/15

La vida de las paredes

Incrible este libro de Sara Morante que publica Lumen co título La vida de las paredes, unha novela ilustrada onde texto e ilustración van da man para lectores e lectoras adultos. A historia dun edificio de principios do século XX onde as paredes teñen moito que dicir e os cadros cobran vida mentres sabemos dos seus conveciños e as súas falcatruadas e soidades. E de fondo, as gárgolas, como un perigo potencial maligno en toda a súa extensión. Unha novela coral onde nos mergullamos entre a poesía das palabras e das ilustracións que as acompañan, nun ton fantástico e por veces amargo que nos descobre a parte máis tremenda das vidas e das mentiras que vivimos. Tan só cinco días dunha semana calquera serán suficientes para saber dos seus inquilinos e das súas aspiracións, tamén dos seus sufrimentos.
É un libro que paga a pena posuír e mirar de cando en cando,  unha vez lida a historia teremos apreixadas as ilustracións para sempre.

«Entrar en el enorme portal número 16 de la calle Argumosa significa sumergirse en un mundo de silencios y secretos, percibir la tenue luz que entra por la vidriera emplomada y el fuerte olor a madera envejecida y a alcanfor. Franquear el enorme portal mirando de reojo a la minúscula portería, subir despacio las escaleras para observar sin disimulo en cada piso la difícil vida de sus habitantes por un agujerito, como ese por el que Fernando Ruballo espía a María la bordadora.
En el número 16 de la calle Argumosa conviven el sufrimiento, la belleza, la locura y el amor…»





12/04/15

Y todo a media luz


De entrada, Maurizio Giovanni escribe novela negra con música de tango e con poesía. Cando menos, esa é a idea que permanece cando se remata a lectura de Y todo a media luz publicado por Lumen, un agasallo co que meu pai sorprendeume. 
Xa lera algún libro deste autor e desta saga, e teño que recoñecer que con cada nova entrega gústame máis. O autor vai facendo evoluír cada personaxe, non só o comisario-personaxe principal Ricciardi, senón todo o elenco, que por outra parte é ben atractivo. Tanto, que aquí cobra máis protagonismo, case, que a resolución do asasinato, tema que debería abranguer a parte principal do libro e que non o fai, artellado arredor dunha Italia fascista nos seus comezos ben interesante, e que proporcionará unhas cantas reflexións e sensabores. Estamos en 1932, en Nápoles, e o perigo respírase no ar.
O autor recrea unha atomosfera onde fame e amor sobrevoan sobre todos os actos. Estes son os dous eixos que coida o inspector que moven realmente á humanidade e son quen producen calquera tipo de asasinato. Asemade, outro elemento que a priori pode parecer arbitrario resultará fundamental: a gastronomía voa segundo os intereses dos personaxes desta novela, converténdose case nun personaxe principal.
Entrementres, a escrita medio poética fainos pasear con humanidade, con delicadeza, pola trama violenta. E este é, quizais, o maior mérito; nisto afástase doutras novelas negras, que sabe escribir con, como dixen ao principio, musicalidade poética. É brillante, áxil, doce. Deixa un sabor de boca perenne. E todo é grazas a este estilo que desenvolve con harmonía.  Nápoles vive nunha brétema temporal que queremos nós, lectorado, disipar.
Novela negra, si. Pero nela cabe a música, a poesía. 
De fondo, escóitase este tango.


03/04/15

Ladydi

Se Luz Paramio recomenda un libro, cómpre facerlle caso. Éche o que hai. E por iso non tardei en mercar este que hoxe nos ocupa: Ladydi de Jennifer Clement publicado por Lumen.


E por primeira vez, vou publicar o final para que saibades dende o primeiro momento de que vai esta lectura:

Ya estaban besando a mi bebé.
Mi madre dijo: nomás reza para que sea niño.

Case queda todo dito.
Aviso: non é lectura pracenteira. É lectura voraz, tremenda, áxil, tenra, obsesiva, anti-idílica... todo iso e máis. Porque estamos a ler sobre a trata de mulleres en México. Estamos a ler sobre a desgraza de nacer muller en países coma este. Estamos a ler sobre unha situación que non nos resulta estraña. Estamos a ler e estamos a sufrir, porque sabemos certa a historia, porque desexamos que exista esperanza, porque necesitamos combater a realidade.
Que temos? Marihuana, narcotraficantes, papoulas, soidade, montañas, pragas, mulleres, máis soidade, terra, deserto, formigas, bechos, escravitud sexual, desesperación, solidariedade, dignidade... A vida é terrorífica, a natureza é inimiga, a terra non produce máis que desolación, os homes marchan e non volven na maioría das ocasións, a escola é un reflexo malhumorado do estado, e as nenas deben medrar coma nenos para non delatarse. Onde está Deus? Rezar é pedir o que non se quere.
E aínda así, hai amor, amizade, risos entre a miseria, entre o pó que se mete por todas partes. E a vida, continúa. E as desgrazas, tamén. Os erros páganse moi caro. E o que non son erros tamén. O diñeiro é fundamental para saír de onde sexa. Coma sempre, poderoso. E sobre todas estas cousas, planea a violencia. As mulleres deberán converterse en asasinas para combater esa violencia que as aplasta, as viola, as retén, as fere. A violencia enxendra violencia. E entre toda esta violencia é posible que medren as flores en forma de inocencia.
Fixádevos na linguaxe, fermosísima, metafórica, harmónica, deliciosa, poética. No medio do máis feo que pode existir no mundo, dos crimes, dos asasinatos, da violencia máis extrema, hai lugar para a poesía da linguaxe. Que fermosura!
Aínda, aínda, é posible a esperanza.

«Me quedé muy quieta, quieta como cuando hay un alacrán blanco casi transparente en la pared arriba de tu cama. Quieta como cuando ves una culebra enroscada atrás del bote de café. Quieta como cuando esperas que el helicóptero suelte el herbicida ardiente sobre tu cuerpo mientras vas de la escuela a tu casa. Quieta como cuando oyes que una camioneta se desvió de la carretera y casi ruge como un león, aunque nunca has oído rugir un león

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.