Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.
27/11/25
La curiosa librería
Atoparalo en Álbum ilustrado, Libros, Pastel de Luna, Recomendamos
20/11/25
Genealogía
Fermosísimo álbum-banda deseñada-poema que vén da man de Libros del Zorro Rojo con texto de María Teresa Andruetto e imaxes de Santiago Guevara. Un texto que é unha historia familiar pero que podería ser unha historia colectiva, esa dos migrantes europeos a América na procura dunha vida mellor: a resistencia do ser humano pola propia supervivencia. As imaxes, en sepia e sen piedade, lémbranos esas vidas que buscan oportunidades, un pasado de tantas persoas que ían alá pero tamén a dos migrantes africanos actuais que chegan a Europa tamén explorando esa imaxe prometida de sorrisos doados aínda que a brusca realidade chegue de fuciños. Crúa é a realidade actual; crúa foi tamén anteriormente. Porque as clases sociais, e a migración, existiu dende sempre. Porque a dor interpélanos dende o pasado e dende o presente; tememos que tamén dende o futuro. E este libro así nolo indica.
Atoparalo en Álbum ilustrado, Lectura, Libros, Recomendamos, Zorro Rojo
13/11/25
A panadería
Kalandraka publica este fermoso álbum de Lucía Belarte e David Lorenzo baixo o título de A panadería. Ademais da historia, unha desas que tanto nos cómpren e que afondan na empatía, na tolerancia, no respecto aos demais, chaman a atención as ilustracións, profusas en gris, sen faltar detalle, elaboradas con grafito, que reforzan a comunicación do texto.
Un texto que promove e procura unha sociedade mellor mediante unha fábula protagonizada por unha familia de lobos que non son ben mirados por seren diferentes, ata que demostran que son coma os demais e que tan só queren vivir e traballar canda o resto da xente.
Atoparalo en Álbum ilustrado, Kalandraka, Recomendamos
30/09/25
La Maleta
Precioso álbum este publicado por La Galera de Chris Naylor-Ballesteros: La Maleta trata o tema da emigración que está baseado na solidariedade e na esperanza. Porque esta é a que destaca sobre todo o álbum e o que o fai realmente especial.
En forma de fábula, onde os animais son os protagonistas, este álbum ilustrado comeza cun animal que debe fuxir do seu fogar e debe traer con el todas as súas lembranzas agochadas metaforicamente nunha maleta. O xeito de estar contado espertará sen dúbida ningunha o corazón das persoas, máis nestes tempos tan difíciles nos que a extrema dereita está a maltratar aos inmigrantes. Destaca a bondade e a empatía ante todo destes animais que acollen sen fisuras ao recén chegado.
As ilustracións son sinxelas, coloridas sobre fondo branco, utilizando asemade diferentes tipografías para cada personaxe. Ideal para contar entre varias persoas e para entender o conflito da emigración
Atoparalo en Álbum ilustrado, Dereitos Humanos, La Galera, Recomendamos
16/06/22
Paleta planeta
Un álbum ilustrado dun tándem que xa coñeciamos: Yolanda Castaño e Xosé Tomás. Ambos asinan o álbum Paleta planeta, publicado por Baía, que nos achega poesía e ilustración, fórmula máxica que nos conquista. Un xogo de cores combinadas con sensacións e imaxinación, coa ollada posta na natureza e na irrupción do fantástico, mesmo no onírico, todo preparado para un camiño senlleiro, o das emocións. Un camiño que non queremos esquecer e si agrandar porque aí está a natureza, o pacifismo, a paixón. Sobre todo, está o respecto, ese don esquecido: non hai máis que os últimos lumes para lembralo.
Atoparalo en Álbum ilustrado, Baía
11/06/22
Quen son? Crias de animais. Australia
De Tándem Seceda e Ester García. Publicado por Kalandraka, temos unha nova entrega de Crías de animais. Quen son? Desta volta viaxamos a Australia. Sete crías marabillosas preséntanse a si mesmas e ás súas curiosidades así como as circunstancias nas que se defenden. Canguro, Koala, cucaburra, ornitorrinco, equidna, diaño de Tasmania, petauro do azucre (deste nin idea, pero encántanlle os doces coma a min!!!) son os poboadores deste libro e de Australia.
Para non se cansar de ollar! Desexando levarllos ao netiño!
Atoparalo en Álbum ilustrado, Kalandraka, Recomendamos
10/06/22
Quen son? Crias de animais. América
Fermosísimo. Non podía ser doutro xeito, porque xa coñeciamos esta serie de Quen son? Crias de animais. Sete crías que se presentan nunha páxina dándonos pistas para que adiviñemos a que especie pertencen. Na seguinte páxina, a solución ao enigma. Difícil non sabelo polas marabillosas ilustracións que semellan fotografías pintadas. Textos rigorosos que plasman a realidade e nos dan valiosas e sinxelas informacións e curiosidades. O mapache, o tucano, o armadillo, o xaguar, o preguiceiro, a vicuña e o can das pradarías protagonizan este libro. Ao final, unha reflexión importante para compartir coas crianzas, futuro do planeta.
De Tándem Seceda e Ester García. Publica Kalandraka
Atoparalo en Álbum ilustrado, Kalandraka, Recomendamos
14/05/22
Avoa de arriba e avoa de abaixo
Tenrísimo este álbum de Tomie de Paola que vén de publicar Kalandraka: Avoa de arriba e avoa de abaixo é un relato sobre a perda, e faino de xeito tan natural, sen ningún tipo de dramatismo pero cunha historia chea de amor que nos enriquece e nos devolve ás nosas propias avoas perdidas no tempo. Este libro foi publicado por primeira vez en 1973 e é autobiográfico.
Deses libros clásicos que debemos ter en todas as bibliotecas.
Atoparalo en Álbum ilustrado, Kalandraka, Recomendamos
13/05/22
Verme
Un deses libros que me volven tola de amor: un libro acordeón! Xa tiñamos un semellante dos mesmos autores, Federico Fernández e Germán González, Balea, e agora toca namorar con Verme, publicado tamén por Kalandraka. Creo que sobran as palabras; só dicirvos que vaiades por el, antes de que se esgote. Porque se non se esgota, este mundo está moi mal.
Verme é un dispositivo mecánico que pode cavar a terra ao tempo que consegue fertilizala. Os operarios que traballan nel viven asemade un mogollón de aventuras. Só temos que mirar e poñer nós as palabras. Diso se trata, de crearmos nós as historias.
A traballar!!!
Atoparalo en Álbum ilustrado, Kalandraka, Recomendamos
17/04/22
Unha cor propia
Cada libro de Leo Lionni é unha celebración. Unha celebración de cor, de vida, de dozura, de sensibilidade. Desta volta Kalandraka tráenos Unha cor propia, unha fábula que nos lembra a importancia de ser un mesmo e de compartir os nosos sentimentos. O camaleón cambia de cor, como sabemos. Pero o noso protagonista non se sente moi de acordo con esta muda, por iso decide vivir nunha folla para ser sempre coma ela; pero co que non contaba é con que tamén a folla varía, e o animaliño tamén o fará canda ela: todo depende das estacións do ano. Cando coñece outro da súa mesma especie, xúntanse para viviren as emocións do cambio da cor ao mesmo tempo: cando se comparte, todo na vida sabe mellor, mesmo a muda da cor!
Atoparalo en Álbum ilustrado, Kalandraka, Recomendamos
16/04/22
Rizos de Ouro e os tres osos
Encantoume esta proposta que nos convida a gozar a editorial Kalandraka dun clásico renovado grazas a Olivier Douzou, Rizos de Ouro e os tres osos. Un xeito de estimular a ollada sobre o álbum e unha invitación ao xogo, para que nenos e nenas se acostumen a observar tamén grazas ás ilustracións, o simbolismo e a abstracción; así, o 0 amarelo é Rizos de Ouro... e os outros números tamén son símbolos a descubrir. Ilustracións rompedoras creadas a partir da xeometría conseguen que este clásico da literatura infantil se convirta nunha aposta suxestiva que propón unha reflexión sobre a liberdade e a curiosidade.
Atoparalo en Álbum ilustrado, Kalandraka, Recomendamos
20/03/22
Dous osiños
Delicioso e tenro álbum publicado por Kalandraka, Dous osiños de Cailla Koffler, Ylla, foi publicado inicialmente en 1954 como "fotoliteratura". Resulta que a autora foi un referente na súa época, considerada coma unha das mellores fotógrafas de animais no século XX. Unha historia de dous irmáns osos que saen a descubrir o mundo esquecendo a recomendación da súa nai. O marabilloso deste libro é que está feito a partir de fotografías que fan un percorrido polo bosque e encontrándose con outros animais cos que interaccionan na procura da súa nai.
Atoparalo en Álbum ilustrado, Fotografía, Kalandraka, Recomendamos
13/03/22
A nota
Este agasallo de Kalandraka é deses que me deixan un sorriso debuxado durante todo o día! Moitísimas grazas por iluminar un día gris! Isto non é un álbum ilustrado... é un despregable! Xa sabedes canto me gustan este tipo de libros... pero é que ademais lelo e chegar a un final tan "riquiñez" superou as miñas expectativas. A nota de Pilar Serrano Burgos e Daniel Montero Galán é un libro ideal para cando vos apeteza ter un detalle a alguén que apreciades e que necesita lembrar que non está só/soa e que debemos sorrir ante a vida porque é o noso don máis prezado.
Unha nota que viaxa de man en man para ledicia de quen a recibe nun barrio moi concurido. E por que non?
Atoparalo en Álbum ilustrado, Kalandraka, Recomendamos
20/02/22
Chuvisca
Fermosísimo álbum de Fernando Pérez Hernando que publica Kalandraka: Chusvisca é un canto á familia e á oportunidade de enriquecemento que aporta cada persoa a un conxunto. Non sei se realmente pretendía o autor realizar unha metáfora da sociedade individualista que temos, pero ben o consegue a partir dun pequeno detalle: as letras. E con este xoto dunha letra por paxaro chegamos ás cinco vogais e a poder aprendermos e falarmos con todas elas. Por iso o libro é asemade un xogo, un deses que me lembra a infancia de "Canda Farnada sátama asaba pantalán" e que tiñamos que recrear con cada vogal por separado. Arrincoume máis dun sorriso con esa tenrura que desprende e cun final aínda máis evocador.
E as ilustracións, xogando cun escenario case único, coido que son perfectas e acaídas para conseguir o obxectivo proposto.
Xenial.
Atoparalo en Álbum ilustrado, Kalandraka, Recomendamos
14/11/21
Vaia cabuxiño!
Segue Xerais ofrecéndonos as traducións dos libros infantís de El Hematrocrítico, desta volta con Vaia cabuxiño! con ilustracións de Mar Villar. Unha demostración da importancia da intelixencia, que vence sempre á forza bruta, por moita que se exerza.
O autor revisita algúns dos contos clásicos onde o Lobo é moi malo dándolles unha volta. Desta vez está o conto do lobo e os tres porquiños, e o lobo e os sete cabuxiños. Grazas á intelixencia e astucia do cabuxiño protagonista, os contos teñen un final tan feliz que o lobo é un lobo tan bo que nin sequera é feroz.
Atoparalo en Álbum ilustrado, Recomendamos, Tradución, Xerais
07/11/21
Selva
Un álbum que recibe o XIV Premio Internacional Compostela de álbum ilustrado sempre é ben recibido, pero se aínda por riba non ten palabras, xa me conquista a priori. Selva é de Marina Gibert, publicado por Kalandraka, e conta un paseo incrible dun neno por lugares que semellan moi afastados... ou non tanto. Porque nada é o que parece e de aí a súa orixinalidade, que esperta no lectorado unha curiosidade especial por saber que hai detrás das cores e da xungla, xogando coa perspectiva e cun final totalmente imprevisto que nos leva a un espazo cotián que é quen de albergar todos os espazos.
Atoparalo en Álbum ilustrado, Kalandraka, Recomendamos
06/11/21
A paso de tartaruga
Kalandraka agasállanos cun novo conto tradicional africano adaptado por Boniface Ofogo con ilustracións de Rebeca Luciani: A paso de tartaruga é unha fábula protagonizada polo animal máis sabio e persevarante, que neste caso consegue salvar a todos os animais. Asemade, o conto lémbranos como a supremacía irrereverente do ser humano, que exerce dende que o home é home, conleva a destrución de canto ten ao seu arredor, ultraxando deste xeito a convivencia e o equilibrio coas demais especies e coa natureza. Á vista está.
Atoparalo en Álbum ilustrado, Kalandraka, Recomendamos
09/10/21
Viaxes
Está claro que este libro vai viaxar a Xapón. Antonio Rubio e Óscar Villán publican en Kalandraka Viaxes, un libro en cartoné ideal para a máis tenra infancia. Xogando cos nomes de tres nenos e nenas diversos, o autor converte unha pequena rima nunha viaxe en diferentes medios de transporte, dun xeito ameno e lúdico. Un xeito marabilloso de viaxar!
Atoparalo en Álbum ilustrado, Infancia, Kalandraka, Recomendamos
08/10/21
Xoguetes
Antonio Rubio e Óscar Villán publican en Kalandraka este Xoguetes versificado con nenos e nenas protagonistas e xogos tradicionais para @s máis pequerrech@s. Un libro ideal para compartir con eles e elas cando comezan a coller os libros e contárllelos mentres os miran!
Atoparalo en Álbum ilustrado, Infancia, Kalandraka, Recomendamos
06/10/21
Oh!
Reedita Kalandraka nun novo formato este libro marabilloso de Josse Goffin do que xa falei hai anos: Oh!
Deses álbums imprescindibles en toda casa e biblioteca que se precie. Un libro de descuberta e de arte. Xoga cos dobres sentidos e as adiviñas visuais. As páxinas sen despregar ofrecen un obxecto anticipado na ilustración
anterior permitindo que as imaxes estean encadeadas e convidando a que o
lector prevea o que vai vir pero cunha nova sorpresa.
Atoparalo en Álbum ilustrado, Kalandraka, Recomendamos
Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.





















