Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

Amosando publicacións coa etiqueta Océano Travesía. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Océano Travesía. Amosar todas as publicacións

05/10/21

Un millón de puntos


 E
n Océano Travesía podemos atopar este Un millón de puntos de Sven Völker. Os números substitúen as letras para contar unha historia aritmética; a través de sumas e restas existe unha trama que se basea na visualización dos resultados destas operacións. 

Ideal para profesorado de Matemáticas.



23/08/17

Pregúntame

En Océano Travesía podemos atopar este álbum de Bernard Waber con doces e máxicas ilustracións de Suzy Lee: Pregúntame é tenro, unha viaxe paternal dunha soa tarde onde pai e filla gozan xuntos dun paseo por un parque, cunha complicidade marabillosa demostrada nun diálogo constante con preguntas e respostas, destacando a intelixencia da pequena e facendo fincapé en que o pai quere sobre todo manter esa relación especial coa filla. Un pai activo nun álbum onde a nai, en contra do que normalmente ocorre, non aparece por ningures.



29/04/17

Regreso a casa

Antes de falar das ilustracións, o cheiro do libro xa namora; logo, xa digo, as ilustracións, que sobrancean sobre o texto e non precisarían del: parecen un filme antigo, dos mellores do branco e negro, capaces de levarnos de paseo por mundos oníricos, lenes e doces, que transmiten un sosego espectacular. Pechar o libro supón pechar os ollos para seguir soñado, cun sorriso nos beizos, porque sentimos unha paz deliciosa. De que libro falamos que sexa capaz de transmitir tanta tenrura? De Regreso a casa de Akiko Miyakoshi, publicado por Océano Travesía. 
Despois de lelo, é inevitable desexarvos "boas noites"...


30/11/15

Una caperucita roja


Tiña este pequeno álbum coma un tesouro agochado e o outro día, no curso da Bibliotecas Escolares, lembráronnolo. E eu acordei que non estaba neste blogue, algo imperdoable, por outra parte.
Falo de Una caperucita roja de Marjolaine Leray publicado por Océano Travesía. Despois de coñecer a Carapuchiña de toda a vida, é imposible non namorar desta tan espilida nena cun final traste que nos fará escachar coa risa. O máis chamativo do álbum é que parece demasiado sinxelo, sen complicacións, cunhas ilustracións en vermello e negro coma se fosen apuntamentos. Pero é un logro total.



16/09/15

El maravilloso sombrero de María

 O recoñecido autor xaponés Satoshi Kitamura ofrécenos un álbum ilustrado con algo máis de texto do que é costume nas súas obras a través de Océano Travesía: El maravilloso sombrero de María reparte o peso entre ilustracións e texto para procurar un canto á liberdade do maxín. Porque este é o verdadeiro protagonista, que se serve de María para pasear polo libro ofrecéndonos un portento de cor: formas que se adaptan a calquera momento sen importar o tamaño nin a silueta. Cada persoa ten a súa propia imaxinación e todas elas son igual de importantes, porque serán un xeito de reflectir o desexo e a personalidade propia, aquela que sente curiosidade ou inquedanza por múltiples temas diferentes.


15/08/15

El secreto de la flor que volaba

Excepcional álbum de Océano Travesía que conta con texto de Demián Bucay e ilustracións de Mauricio Gómez Morin: El secreto de la flor que volaba é unha fábula sobre a liberdade, unha reflexión sobre a tiranía do poder e asemade unha indicación sobre a futilidade dos nosos desexos ante as leis da natureza. Se o texto é fermoso non sei como denominar as ilustracións, que na parte central desenvólvese en catro páxinas despregables; ademais, no resto do libro ocupan case toda a páxina, deixando un espazo debaixo para o texto. As ilustracións están realizadas de tal xeito que semellan tridimensionais, cheas de simbolismo e de detalles onde predominan as cores escuras cando se fala da opresión e que deixan paso a cores alegres e diversas cando hai unha solución.





21/01/15

Siembra un beso

portada rosenthal beso oceano
Precioso álbum de Amy Krouse Rosenthal ilustrado por Peter H. Reynolds que publica Océano Travesía: Siembra un beso. Un libro que fala da importancia do amor e da xenerosidade que este conleva, todo isto a través dunha metáfora onde o beixo é unha semente que xermola. Así, a capacidade do amor é tal que é inesgotable, xa que a súa natureza é totalmente marabillosa. O libro está publicado con purpurina brillante de cores, con textura gomosa, que lle aporta un bonus táctil á obra



05/12/14

El monstruo de los monstruos


Sen marchar de onda os monstros, Patrick McDonnell crea un monstro, baseándose claramente nas súas ilustracións en Frankenstein, tenro e doce que dá as grazas constantemente, deixando aos seus creadores totalmente pampos en El monstruo de los monstruos publicado por Océano Travesía. Cómpre precisar que os seus creadores eran á súa vez tres monstros que non se poñían de acordo en cal deles era o máis malo, aterrador e horrible. Así, ese enxendro, debería cumprir unha función que non chega.


27/03/14

Letras robadas

Triunfo Arciniegas e Claudia Ruedas son os creadores de Letras robadas, álbum publicado por Océano Travesía. Fantasía e amor pola lectura dunha nena que comeza a mirar a vida e todo o que nela ocorre. Ilustracións delicadas e lenes, cheas de maxia. Lecturas diferentes cheas de chiscadelas mentres paseamos por un mercado cheo de sorpresas. Un mundo infantil que ás veces está demasiado afastado e ao que é san volver de cando en vez.




26/02/14

Denver

 

Publica Océano Travesía este álbum de David MacKee (autor de Elmer): Denver, home rico, vítima da envexa e da malediciencia, sabe superara as difucultades e ser un home feliz e realizado. Un libro sobre a autorrealización, sobre a riqueza pero tamén sobre a sociedade en xeral. Como somos e como nos comportamos?



30/05/13

Dos personas

Publica Océano Travesía este álbum de Iwona Chmielewska Dos personas, un libro tenro, emocionante e con ilustracións preciosas. Para falar das relacións de amor e de desamor de dúas persoas, o libro achega un texto poético que dende as "guardas" chama a atención, e que creo que é un álbum de adultos. O texto é conciso e as ilustracións lembran a Magritte, case surrealistas, complementándose á perfección e ofrecéndonos un fermoso álbum que nos ofrece exemplos simbólicos, como parellas que son como muros, outras que son como rodas...






"Convivir con otra persona hace que la vida sea más fácil, y más difícil.

Dos personas que conviven se parecen a una llave y una cerradura. 

Entre tantas cerraduras, sólo una puede ser abierta con esta llave
y entre tantas llaves, sólo una puede entrar en esta cerradura.

A veces la llave desaparece.
A veces la cerradura deja de funcionar."

08/05/13

¿Un mundo? Muchos mundos

Álbum despregable publicado por Océano Travesía de Gastón Hauviller e Roberto Gatti: ¿Un mundo? Muchos mundos é un fermoso libro sen palabras sobre a convivencia. Dúas especies diferentes comparten unha casa sen sabelo, pero un vive de día e outro vive de noite, e as súas vidas son ben distantes nunha realidade que é a mesma pero depende do punto de vista.



19/04/13

¿¿¿Pippiloteca???

É Oceano Travesía a editorial responsable de poñer nas nosas mans ¿¿¿Pippiloteca??? Unha biblioteca maravillosa de Lorenz Pauli e Kathrin Schärer: un libro perfecto para falar da lectura e das bibliotecas cun sorriso nos beizos. E é que a relación que se establece entre un raposo, un rato e unha galiña virá marcada pola maxia da lectura. Quen se pode resistir despois de lermos este álbum a non seguir lendo? Imposible!

18/02/13

Martes

Outro libro -case- sen palabras que topei na miña pescuda foi este Martes de David Wiesner publicado por Océano Travesía. Resulta un álbum fascinante en tanto á precisión das ilustracións e á imaxinación desenvolvida. Unha lectura de imaxes fantástica que se mergulla en soños e realidade. Que ocorre cada martes? A resposta tena cada lector/a.


Centígrados y paralelos

Buscando álbums sen palabras cheguei a este Centígrados y paralelos de Víctor Solís publicado por Océano Travesía: fermoso álbum ecolóxico que nos instrúe sobre a degradación do planeta Terra seguindo a peregrinación dos pinsgüíns dende Arxentina até México nunha reportaxe gráfica. Esta peregrinaxe serve para facer unha crítica exacta da man do home sobre a natureza e dará moito que falar. Que é do que se trata!


19/01/13

La ciudad

Publicado por Océano Travesía, La ciudad é un sorprendente álbum ilustrado de Armin Greder. Un álbum para adultos, unha historia crúa, que non deixa indiferente. O paso da infancia á madureza, a soidade, a sobreprotección, o amor maternal, a morte, o sufrimento, a necesidade de amaro... Todo isto está presente nas páxinas deste libro sobrecolledor que se caracteriza por unhas ilustracións escuras que serán a súa nota predominante agás en contadas ocasións. Unha, o final luminoso: esperanza? Incrible a forma en que trata a ilustración xunto co texto.
Chama a atención a cuberta posto que logo non aparece nada semellante na historia.
Imprescindible nos nosos andeis.






10/01/13

Diapasón

Lin que este álbum está considerado como un dos mellores do 2012 e agora non me estraña en absoluto: é incrible. Publicado pola editorial Océano (que bos álbums está ofrecendo!), Diapasón é de Laëtitia Devernay. Recoñezo que para min xa ten un punto a favor por aquilo de non ter letra, é dicir, de servirme igualmente para a miña aula. Un libro cun título moi claro: se un diapasón serve para afinar instrumentos, con este deberemos afinar os nosos sentidos para entender e para interpretar a música da natureza.
Gañador dos premios Bologna Ragazzi Award 2011 e CF Picture Book Festival 2010.
Cal é o erro desta edición? Que non está publicado como un acordeón, tal como era o seu orixinal. Mágoa que a editorial non o respectase! Gañaría cen por cen. Se aínda así é fermoso, maxinade como sería de telo así:


02/08/12

Johanna en el tren

Se algo chama a atención deste álbum publicado por Océano Travesía e escrito por Kathrin Schärer é a relación que o texto establece entre o que se conta e quen o fai, xa que en Johanna en el tren o personaxe principal establece un diálogo coa súa inventora e pídelle o que debe facer e como debe continuar a historia, reinventala e evitar situacións que non lle son do seu agrado. Será porque nos contos todo é posible? Gústame que colla páxinas troqueladas para seguir con ese xogo inventor-invento que nos proporciona o libro.

“Señora dibujante, los personajes que inventas son más listos que tú”

22/06/12

Y vivieron felices...


Tan pronto vin esta portada  souben que estaba ante unha segunda parte, publicada agora por Océano Travesía, de El aprendizaje amoroso: Y vivieron felices... de Laëtitia Bourget e Emmanuelle Houdart lévanos a esa parte onde antes nunca nos levaban os contos. Que ocorre despois dese "e viviron felices"? Pois veñen as complicacións, os fillos, os problemas... pero todo se solventa con amor. Unha aventura cotiá que é a vida.
Aínda que me gustou menos có anterior, alucino sobre todo coas ilustracións, con ese coloridos e eses detalles florais. Paréceme un gran traballo!


18/06/12

El día más feliz del señor Pi


Publicado por Océano Travesía, Álvaro Alejandro coas ilustracións de Aleida Ocegueda achéganos o álbum El día más feliz del señor Pi. Un libro para reflexionar sobre a riqueza material e a insatisfacción que esta provoca, a busca da felicidade e do poder ou da posesión, o exceso de consumo e da propiedade privada. Un álbum que declara que a felicidade pode estar e está na ausencia de pertenzas a través do humor, procurando situacións absurdas que fan reflexionar sobre que é máis importante na natureza humana.
As ilustracións son fermosísimas, chaman a atención dende o momento de abrir o libro e quedaredes prendados delas, desprenden vivacidade.

El señor Pi tenía todo: casa, trabajo, novia e incluso un perro.
Sin embargo siempre sentía que algo le hacía falta.

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.