Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

Amosando publicacións coa etiqueta Trifolium. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Trifolium. Amosar todas as publicacións

12/06/16

Al otro lado

Na editorial Trifolium podemos atopar este álbum en gran formato de Moisés Yagües, Al otro lado. Un libro enormemente visual -con ilustracións en branco e negro, en collage e xilografías-  que fala da emigración e das fronteiras con moi poucas palabras, desas fronteiras que o ser humano empéñase en trazar sobre o seu territorio, pensando aínda que poder ser de seu, cando vivimos nunha globalización que precisa cruzar fronteiras e que estas se vaian desdebuxando no tempo, porque non as precisamos, porque o ser humano debe poder percorrer o mundo sen elas. Porén, aínda están aí eses muros que precisan ser derrubados, eses montículos que necesitan ser achaiados, e namentres quen está do outro lado cre que alí sitúase o paraíso e sente a necesidade de procuralo. E veñen os conflitos sangrantes, innecesarios, un espellismo no que o ser humano sae sempre mal parado.
Así o vemos reflectido neste álbum.



18/12/15

Parar o mundo



Por fin volvo gozar dos libros e da lectura. E a miña volta ao mundo dos libros é unha celebración por todo o alto con este Parar o mundo, álbum ilustrado que vén de chegar ás miñas mans, asinado por María Canosa coas ilustracións de Marcos Viso -xa dixen hai pouco que este home ía dar moito que falar en breve e este libro vén a reafirmarme- en coidada edición da editorial Trifolium. Un álbum de adultos, breve e intenso, poético e onírico, ás veces inquedante, que se reforza cunhas ilustracións que destacan en todas as páxinas, enchéndoas, dándolles vida a cores apagadas con imaxes que non deixan indiferente; o ser humano como protagonista total de case todas elas ata que esmorece ou desaparece para deixar paso a símbolos que falan de soidade e desesperanza.





11/03/14

Suleiman y Salúa

Vale, nunca pensei que este álbum fora así de "apabullante". Polo tamaño, pola disposición horizontal, polas ilustracións, pola edición,  pola forma... polo prezo. Tiña curiosidiade: un álbum de Francisco X. Fernández Naval, en castelán, publicado pola editorial Trifolium. As ilustracións de Ali Ali, de orixe siria, reveláronme o porqué dun texto que tamén está en árabe grazas a Yassin Swehat: Suleiman y Salúa é unha alfaia, unha obra de arte.
Unha historia tradicional do país do ilustrador, Siria, quen lle contou ao escritor relatos da súa nenez e que este foi fiando ata dar con este álbum: unha serea habitante dunha illa extraordinaria que namora dun pescador pero que, tras un tempo de intensa paixón, ve como o seu amor remata por mor da imposibilidade de conciliar os seus tan diferentes mundos de orixe. Mitoloxía antiga de sereas que vén xa do mundo árabe, ensoñación e fantasía.
Chama dende logo a atención a edición deste libro: a tipografía, as cubertas, as cores, as ilustracións, absolutamente todo está coidado con mimo e detalle. Unha auténtica pasada.


Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.