Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

Amosando publicacións coa etiqueta Premio Xerais. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Premio Xerais. Amosar todas as publicacións

10/11/25

Mulleres que viven xuntas

 


Abril Camino é a autora deste libro que recibiu o Premio Xerais 2025: Mulleres que viven xuntas. Unha novela que eu definiría como "tenra", sobre todo, pero coido que resulta excesiva esta mención. É, si, un libro sinxelo, doado de ler, cheo de amabilidade cunha historia que chega ao corazón, un tema interesante polo que ten, asemade de común, cun amor ben "bonito". Pero ata aí. Emprega, claro, unha fórmula de éxito xa que é un tema de moda e básico hoxe en día. Ao seu favor incluiría que a relación que se reflicte é tan afectuoso e próxima que nos conmove.

Porque non profunda. Porque hai moitos momentos da vida das personaxes principais que descoñecemos. Porque ás veces ata ignoramos algunhas razóns fundamentais e porque semella que todos os temas DEBEN estar, pero sen máis.

Mesmo ás veces case amosa unha ínfulas entre a simplicidade que nos sorprenden: "Unha estrela fugaz cruzou a miles de anos luz de distancia, pero a elas pareceulles que case podían tocala. E tamén lle pareceu que elas eran máis calor e máis velocidade e máis luz ca aquelas estrelas".

Eu, particularmente, recomendaríaa ao meu alumnado máis novo, se estivese mesmo na colección "Fóra de xogo" cadraría ben. É, sobre todo, unha lectura áxil, amena e fluída. 

20/05/22

Os seres queridos


 P
remio Xerais de novela, Berta Dávila conquístanos con Os seres queridos. unha reflexión sobre a maternidade, sobre a afectividade, e sobre os sentimentos que nos explican como seres humanos, os que ás veces nos sosteñen e os que outras veces nos aflixen; sobre todo, unha volta ao sentimento universal que nos venderon tan ben como "ser nai" e que ata agora era imposto sen darnos opción a repensar ou a aproximarse a esa decisión.

Falamos necesariamente, tamén, de coidados, un tema que debemos enfrontar sen impostura, tendo en conta que normalmente acontece o esquecemento do autocoidado, tan necesario. Este esquenzo tradúcese en coidar dos demais, permitíndonos caer na rotina e mesmo na perda, fabricando sen sabelo cicatrices que algún día pedirán puntos para ser fechadas e deixar de supurar, o que non sempre será doado.

A importancia deste libro sobre a maternidade radica no arrepentimento e a infelicidade. Porque a condición da maternidade veunos dada dende sempre como un cambio de identidade que vén parella a unha felicidade que non sempre é real. As mulleres deixamos de ser nós para ser a "a nai de", con todo o que iso conleva. A carón deste feito, o libro transita pola dúbida, pola amizade, polas lembranzas, polo amor e o desamor. Por todo canto sentimos e tantas veces non formulamos. Porque a vida é permanente dúbida.



08/05/22

Un elefante na sala de estar


 Gustoume e pareceume moi interesante esta proposta de Berta Dávila que obtivo o XIII Premio Jules Verne de Literatura Xuvenil da editorial Xerais: Un elefante na sala de estar ten como fío condutor un suicidio; por iso digo que me interesou, porque é un tema do que non se fala (semella que hai un pacto social para non debater sobre algo tan importante: os centros educativos abrimos protocolos de suicidio todos os anos!!!) e gustoume porque os personaxes adolescentes son tratados con respecto, como seres que con intereses, preocupacións, cavilacións... é dicir, como persoas normais e reais, e é algo que nos importa ás persoas que exercemos a docencia. Así que ademais do tema e do tratamento do mesmo, gustoume a estrutura coral para ir colocando novos matices e xiros e para lograr unha carga emocional que nos tiña en vilo dende o principio; sen querer revelar nada, direivos que este libro pasa a formar parte do "vestíbulo da igualdade" do meu centro, e por algo será. Para min, un gran acerto da nosa autora, que sempre dá bos motivos para a súa lectura. E un libro para un próximo club de lectura, será para o próximo ano, supoño. 
Por certo, non quededes coa pestana de "xuvenil". Tamén é para maiores.


01/05/21

A folla azul


 E
ncantoume este libro de Andrea Maceiras, gañador do Premio Merlín de Literatura Infantil 2020 que outorga a editorial Xerais. A folla azul achéganos, sobre todo, á necesidade de comungar e respectar a natureza. Lémbranos que a vida neste planeta non pode ter futuro se non a coidamos. Con infinita delicadez, a autora lévanos ao encontro coa maxia do afastado, do diferente; con ela, percorreremos a Amazonia fóra de estereotipos e prexuízos para acadar a crenza de que só a nosa fouteza pódenos salvar. E esta fouteza debe vir acompañada, como non, do coñecemento, da cultura, da educación, na súa máis ampla versión. Se non contemplamos todo canto temos ao noso arredor, non poderemos respectalo. Se non ollamos desde a nosa humildade, non poderemos aprender. 

Un libro para recomendar unha e mil veces: precisamos libros coma este que nos leven á singularidade de pobos que non coñecemos e precisamos coidar o noso planeta máis ca nunca.

Con ilustracións de Sonia García.


03/11/19

Xelís, o guieiro das botellas de mar

Engaiola unha vez máis Rosa Aneiros coa maxia que posúe a súa escrita, unha maxia que serve para crear conciencia ecolóxica -desta volta- e para lembrar a importancia do coidado do noso planeta. Xelís, o guieiro das botellas de mar, premio Merlín de Literatura Infantil, 2019 publicado por Xerais, e ilustrado por Andrés Meixide,  volve dar no cravo da escrita para a xenta máis nova, e non tanto: a lectura non ten idade, pero si a ten o noso planeta. De aí que o noso soñador protagonista teña que falar coa súa perna ausente (cun nome que tampouco deixa indiferente) e lidiar coa simboloxía de canta catástrofe o ser humano ten creado.
 Guieiros para tormentas, ondas, aires, botellas... que tentan manter o equilibrio do planeta ata que descobren unha illa de plástico. Xelís terá que mandar mensaxes a todos os nenos e nenas do mundo cunha soa misión: loitar contra a contaminación. Unha vez máis, o noso futuro está nas súas mans, e esas mans saberán salvar o único que de verdade posuímos: un planeta onde vivir.
E ao final, información para facer personaxes e xogar... ou non tanto, senón que e sobre todo, poderemos saber que facer para salvar os océanos.


02/11/18

Kusuma

Encantoume Kusuma, o libro con que Héctor Cajaraville gañou o Premio Merlín de Literatura Infantil que convoca a editorial Xerais e que publica coas xeniais ilustracións de María Lires. Sabe o autor manexarse coa rapazallada e constrúe unha fábula necesaria sobre a inmigración e a solidariedade, sobre o medio ambiente e o seu coidado, sobre as consecuencias perigosas que supoñen especies invasoras e sobre o respecto á natureza. Todo isto nun libro que se le dunha sentada e que se deleita con cada palabra. Ao mesmo tempo nos lembra a invasión dos eucaliptos na nosa terra e con esta a nosa riqueza. Vaia, un libro completísimo onde o autor non deixa escapar ningún elemento necesario para a educación medioambiental e do respecto aos dereitos humanos.

12/10/18

Aplicación instantánea

Creo que xa teño dito máis veces que se non existise Carlos Negro habería que inventalo. Mellor aínda, todas as LIX necesitan un Carlos Negro. Un poeta que leva a poesía ás aulas dos institutos. Resulta tan enriquecedor chegar emocionada a unha aula de 2º de ESO cun libro de poesía nas mans, comentarlles que o lin a noite anterior e seguro vailles gustar, lerlles un poema... e que sigan pedindo máis, que os comentemos, que nos dea para falar... e que voe a hora de clase con esa satisfacción de tela aproveitado moito máis que cando falamos do substantivo!!! A Carlos Negro gústalle apostar, si, pero faino sabendo que vai gañar, que esa aposta ten unha ficha segura nun xogo que se chama poesía. E nese xogo entran moitos xogadores e xogadoras que beben inmediatamente do mel dese triunfo poético.
Xoga Carlos Negro coa linguaxe literaria en Aplicación instantánea, en Xerais. E xoga coa actualidade, xa que neste libro podemos escoitar catro voces que son catro avatares con catro perfís psicolóxicos que se corresponden por tanto con catro personalidades con voz propia. Con elas haberá trazos feministas, trazos rebeldes, trazos galeguistas... pinceladas de crítica social e poemas que rachan con estereotipos; poemas que saen redondos e poemas que saben deliciosos.
Como en todo libro de poemas, hai algúns que me gustan especialmente e outros que non tanto. En todo caso, estou emocionada e desexando ver o alumnado lelo e saber a súa opinión e o seu goce.
Así que Carlos, se me les, que saibas que Lalín é o primeiro lugar ao que terás que acudir para falarmos deste teu libro. 

Xa tardabas, ho.
En canto unha moza che leva a contraria,
disparas.
Pero non creas que me arredo.
Porque aprendín a vivir noutro idioma
e cando ti me chamas zorra
coma quen cospe un esgarro
eu entendo adrede outra cousa
e subo lixeira
nese carriño con esquís
que me leva montaña abaixo
lonxe
moi lonxe 
de ti,
como unha Heidi feliz
que non precisa dun Pedro feroz.





29/10/17

A arte de trobar

Recoñezo que case o lin dunha atacada e que agardaba outra historia diferente, xa que non me fixei na contracapa, ansiosa como estaba da súa lectura e de saber se podería recomendalo en 3º de ESO, ao fío das explicacións que andamos a dar na aula sobre o trobadorismo. Así que mergulleime na  lectura d' A arte de trobar de Santiago Lopo, premio Xerais de novela 2017,  para degustala e paladala, xa que é unha novela curta, entretida e mesmo suxestiva para achegarse a un mundo afastado, o medieval. Canda ela poderemos pasear por castelos, poderemos cantar cantigas, poderemos ter medo á Inquisción e poderemos saber algo máis dos cátaros e dos provenzais, mesmo poderemos escoitar música que convida ao baile; asemade, volveremos tremer coa fraxilidade das linguas. E presumiremos de personaxes femininas, xaora!
Situémonos, pois, no século XIII, aínda que non en Galiza: Cruzada albixense da igrexa católica e o goberno de Francia contra os cátaros. Cruzada da Inquisición por rematar, entre outras cousas, cos textos sagrados en linguas que non sexa o Latín (unha volta de reflexión á que nos empurra o texto,  a situación da nosa lingua). As ciencias ocultistas e os libros de nigromancia. Amais das cruzadas, as cantigas, os versos de noso e os provenzais, os códices, os produtores das cantigas e a súa difusión. Realmente, este é o grande marco no que situar a acción, esa que ten dous eixos fundamentais arredor dunha protagonista, esa que nos conquista coa seu papel e que premoniza a importancia da cultua. Benvida a un mundo que non só foi escuro na Idade Media, Elvira-Martine. Seguimos precisando da luz.


(fala María Balteira) “Farta estou de que se rían de min e me critiquen nas súas trobas. As súas risas ebrias supoñen unha barreira infranqueable para as miñas creacións. Xamais respectan o que fago, nunca admiran as cancións que eu compoño. Róubanmas e din que as escribiron eles (...) Cansa estou, amiga, cansa estou de ser nai, amante e criada de todos eles" (p.109)

Fóra da aula, o prestixio da lingua de Oc decaía fronte ao francés falado polos mestres e estudantes foráneos. O occitano levaba camiño de converterse nunha fala de campesiños” (p.154)


27/10/17

Muriel

Tenrura cunha miaxiña de intriga é a fórmula que utiliza María Canosa para presentarnos unha obra merecente do Premio Merlín de Literatura Infantil 2017 que vén de publicar Xerais baixo o título Muriel, con ilustracións de Luz Cobo. Un libro brillante que convida a soñar, a sorrir, a crer. María Canosa consegue unha vez máis que cada palabra encaixe nun seu lugar para que o lectorado sexa seducido pola historia e pola imaxianación, pero sobre todo pola esperanza. É esa esperanza a que sostén a tristura da perda dun ser querido, dun ser especial que podería significar case a esencia da vida. Ás veces, pode resultar tan difícil vivir a vida! E isto... a calquera idade. Porque o noso protagonista é un neno, un neno que sofre e un neno que quere e ten que saír adiante, que amosa a súa afouteza entre a sensibilidade de acotío, esa que lle permite mirar o ceo, as nubes, os animais, os humanos, coa certeza de que se pode crer neles. E canto necesitamos crer! Necesitamos crer que hai algo máis, que cando cae -desaparece?- unha parte de nós a outra parte poderá revivila, sexa polo medio que sexa. Ás veces, este medio é un descoñecido, un misterio, unha luz; algo que escintila no universo e que ollamos coa insistencia da sedución. Esa que sostén un carballo. Que non nolo queimen. Que medre canda nós.
A superación da existencia. O esquenzo da tristura. O sorriso como forma de vida contaxiosa.



04/06/17

2017 Xerais

Un ano máis, o calor da illa de San Simón arroupou un acto emotivo, onde as bágoas sempre afloran e os sorrisos e as gargalladas sucédense. Emocionante porque escoitar as palabras dos gañadores, escoitar a María Canosa (por fin!, diría ela), a Manuel Lourenzo (triplete) e a Santiago Lopo (lembro con agarimo a súa visita polas miñas aulas),  non pode ser doutro xeito, e risos e bágoas porque os sentimentos sucédense entre amigos e amigas, a quen dá gusto volver a ver unha vez máis, na inmensa illa que nos permite pousar alí os nosos pés, testemuña de dores anteriores, de voces acaladas, de olladas de desesperación. Adoro esta illa, polo que supón e polo que representa, adóroa por ser memoria histórica e por ser arestora, grazas a Xerais, memoria de felices reencontros. Agora supón, por ende, lembrar o Mestre, a súa bonhomía e a súa dozura, ese noso Agustín que sempre estará connosco, coas súas palabras convertidas en libros (os seus títulos en cancións, que preciosidade labor esa da Banda dos Cueiros) e asemade nun novo libro que estreita novamente o corazón. Grazas, outra vez, á editorial Xerais. Polo mimo, o coidado, a xenerosidade.
E grazas, Xurxo Mariño, por conxugar ciencia e emoción, ciencia e poesía, ciencia e literatura. A ver se deixo de escoitar nas salas de profes iso de "escribe ti que eu son de ciencias". 

 No barco, camiño a.

 Xurxo ten estrela

 O glamour da edición. A poesía das abellas.

 Amizade e ledicia

 Quen dera ser bebé en Gondomar!

 Os mellores, un clásico

 Críticos que foxen das cámaras

A noite, a beleza, a saudade, a despedida

05/06/16

Nos Xerais 2016

Un ano máis puiden ir a San Simón, ese lugar tristemente máxico que por un día chega a se converter nunha espectacular festa literaria onde sorrisos e cariño prodíganse por todos os lados. Saudar vellos amigos e amigas, sentir a emoción do discurso de Ledicia, coñecer a  David Pérez, soltar as bágoas coa reflexión de Manuel Esteban e descubrir novas voces para a Literatua Galega como Iria Misa é unha gozada que podemos sentir unha vez ao ano nunha contorna única. Pasear San Simón, sentir as voces que nos agardan dende hai tantos anos, ocultas tras un veo de silencio, escoitar as novas voces que en galego enchen as pedras e as árbores, é un pracer. Cando as cousas están ben feitas, nótase. E esta celebración das Letras Galegas é un luxo ben preparado. Grazas á editorial Xerais e a todos os seus traballadores e traballadoras por esta noite inesquecible que podemos revivir cada ano: 2015, 2014, 2013, 2012, 2011.
Desde logo, quedo con moitas ganas de ler os libros premiados. Sobre todo a novela negra, evidentemente!
(Róuboulle as fotos a Helena Pérez. Desta volta non teño de meu)



(O peor, non teño a foto coa mellor bibliotecaria do mundo e o mellor ilustrador do ídem)

Por suposto, cada ano repito foto coa PAZ mundial. Desta volta tivemos un tractoriño no que apoiarnos:


31/05/14

Presumindo

Onte fun testemuña de excepción das deliberacións que a porta pechada realizaron os tres xurados dos Premios Xerais. Isto é porque fun acompañando a Mariña Castro Fontao, a miña nena, alumna do IES Pintor Colmeiro, quen formaba parte do xurado da VI edición do Premio Jules Verne de Literatura Xuvenil. Horas estiveron deliberando mentres eu puiden deleitarme coa contemplación do mar e as fermosas vistas que me asolagaron dende o Monte da Peneda. E é que a organización da editorial Xerais ten a ben realizar este encontros dos xurados no Castelo de Soutomaior, un lugar cheo de maxia que supoño que coñecedes, e que así de fermoso campaba:



O porqué deste post é sinxelo: fachendear desta rapaza que agardo teña sorte e poida ser valorada como merece no futuro. Non todos os anos o profesorado podemos contar con alguén así nos pupitres, con esta extraordinaria sensiblidade para a escrita e a lectura. E porque estou convencida das súas calidades, quero agradecer enormemente a Manuel Bragado a oportunidade que lle (nos) brindou para que ela estea aí, aportando o seu gran de area para os premios máis importantes do país.
Quero que coñezades a Mariña, por iso déixovos algunhas ligazóns que demostran o seu bo facer. Non esquezades que ten 14 aniños e cursa 3º da ESO!:

 




Pois si, quero presumir de vez,  ligazóns a algunhas das cousas que Mariña escribe:






Perdoade se me paso, pero é que son unha profesora ben presumida e lerchana.

E mirade que agasallo tan fermoso vén de recibir Mariña da editorial Xerais:



 Estou segura de que Mariña non esquecerá esta experiencia tan enriquecedora e especial. Para min é un honor acompañala nestes pasos que vai dando.
Reitero a miña gratitude á editorial Xerais.

10/06/12

Illa literaria

Por segundo ano consecutivo fun onte á Illa de San Simón para asistir a festa máis relevante das nosas Letras: os premios Xerais. Desta volta era unha convidada máis que podía observar sen ser vista; o ano pasado, no papel de xurado, era outra a percepción. Non sei se por isto gocei o serán máis intesamente, ou se foi porque realmente a velada resultou ser máis emotiva cá anterior. O recibemento de Celia Torres coa "alegría" do Xerais. A amizade de Helena e os compañeiros de xurado do ano pasado... O discurso de Marilar Aleixandre penetrou ben fondo, dende a pel ata as entrañas, porque o lume queima e os libros están feitos de ascuas. Ascuas que, certamente, seguen vivas ao espertar e sentir que as súas palabras bailan aínda nas miñas orellas reclamando novamente a súa lectura.
Se houbo emoción tamén houbo abraio: un premio compartido para pai e filla nunha novela que promete e que estamos desexando ler dende onte. Recoñezo que non me sorprendeu o premio Merlín, recollido por un magnífico Marcos Calveiro que nos fixo vibrar a tod@s coas súas palabras: morte e enfermidade ademais de amor, afecto e agradecemento inundaron o espazo no que nos encontrabamos onde só sobrou un "incluso".
Xurxo Souto fixo que batésemos palmas e cantásemos a coro, mentres logo asolagaba o local con Celso Emilio e o seu "Como un irmau che falo".
Emoción e risos: situarnos Fran Alonso no ano 19.. foi absolutamente entrañable, como é propio del. E o discurso de Manuel Bragado, con esa frase optimista que resumía a situación actual: "vivimos tempos mellores". Ogallá aqueles tempos encontren un oco no futuro máis próximo.
Ademais, poñerlle ollos a caras e nomes, esa sensación de "por fin", ese sorriso permanente de Rexina Vega que me cativou, esa amabilidade eterna de Paz Raña...
E agora, pechade os ollos e maxinade que a sensibilidade cobre vida e se convirta en brétema luxuriosa: así foi a noite. A brétema envolvía a ría e o barco para lembrarnos que a natureza é o único que non podemos dominar, con primas de risco ou sen elas. Será esta babuxa quen nos permita sentir e rebelarnos por fin? Porque "no mar tamén pode chover" podemos crer que os galegos seguiremos adiante na nosa lingua e na nosa cultura.
Grazas a todo o equipo de Xerais por facernos vibrar, por axudar a crer en nós e no noso futuro como país, e por me permitir compartilo in situ.


Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.