Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

Amosando publicacións coa etiqueta Tradución. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Tradución. Amosar todas as publicacións

15/10/25

O amigo


A editorial Rinoceronte tráenos esta tradución realizada por Moisés Barcia de Sigrid Núñez, O amigo. Un libro tenro que trata do dó, e do amor aos animais. De feito, a relación da protagonista co cadelo do seu amigo desaparecido é o fío condutor da novela e, asemade, é o máis interesante da lectura. As persoas que amamos os animais sentíremonos preto das emocións que agasalla o libro pola relación entre os personaxes principais. Prodúcese por isto unha identificación dende a escritura co lectorado con botar de menos a quen se foi e con querer coidar o animal que quedou atrás coma se se coidase del. O resultado son páxinas cheas de delicadeza.
Por outro lado, hai outra parte no libro que resulta máis fallida, a que ten que ver coa creación literaria, co obradoiro de escritura da protagonista e co maremagnum de citas que ofrece (e que resulta un abuso). Esta parte é a que menos interese ofrece. Aínda así, hai unha reflexión catártica sobre a función da literatura, esta que é unha ventá para ollar dende a distancia ou dende a ironía, un xeito de poñer distancia ou proximidade á vida cotiá. 

"Tes que entender que non podes esperar consolarte da túa dor escribindo"


27/02/22

E logo por que? Virus e bacterias


 Un deses libros que deben estar en todas as bibliotecas escolares, un libro de ciencia na nosa lingua, sempre tan necesario, e de divulgación sinxela para aprender sobre os virus e as bacterias de xeito ameno e doado, nun formato de preguntas e respostas que de seguro contestan as dúbidas que sempre nos fixemos sobre estes temas. Publícao Xerais  e é de Jordi Font Barris.

 

14/11/21

Vaia cabuxiño!


 Segue Xerais ofrecéndonos as traducións dos libros infantís de El Hematrocrítico, desta volta con Vaia cabuxiño! con ilustracións de Mar Villar. Unha demostración da importancia da intelixencia, que vence sempre á forza bruta, por moita que se exerza. 

O autor revisita algúns dos contos clásicos onde o Lobo é moi malo dándolles unha volta. Desta vez está o conto do lobo e os tres porquiños, e o lobo e os sete cabuxiños. Grazas á intelixencia e astucia do cabuxiño protagonista, os contos teñen un final tan feliz que o lobo é un lobo tan bo que nin sequera é feroz.



31/10/21

Poemas bestas e outros bechos


 L
embro que me encantara no seu momento Bechopoemas e outras bestas. Así que agora quedo feliz con esta especie de segunda parte, Poemas bestas e outros bechos,  que nos agasalla Leire Biblao con ilustracións de Maite Mutuberria, igual que acontecía no primeiro libro. Publica Kalandraka, claro. Volvemos ter como protagonistas dos seus versos a criaturas que viven na terra, ou na auga ou que voan. E volvemos ter ganas de ler en voz alta para non sentir a soidade, como 

A medusa necesita agarimo,

persegue os bañistas na auga

para darlles apertas e bicos.


Aí queda iso!

Quen non quere ler poesía?


03/10/21

Campo de plumas


C
elebramos a publicación deste libro en Sushi Books: Campo de plumas. Poemas LGBT+ para a mocidade dende a Antigüidade ata hoxe, unha escolma e tradución de Jesús Castro Yáñez. Unha antoloxía dende a Antiga Grecia (con Safo) ata Gloria Fuertes, incluíndo a sor Juana Inés de la Cruz ou Wal Whitman. Unha compilación que se dirixe á mocidade, pero non só. Lémbranos o escolmador que a homosexualidade non aparece con ese nome ata a seguna metade do século XX, ao igual que o termo heterosexualidade, xa que a sexualidade -anteriormente- non se correspondía cunha identidade, senón que era o resultado dunha serie de actos ou posicións. 

Deses libros apropiados para clubs de lectura!




24/09/21

Un espléndido mundo novo


 L
in hai moitos anos este libro de Aldous Huxley e sempre constitúe un agasallo necesario telo na nosa lingua. Publica Kalandraka esta tradución de Alejandro Tobar dun dos libros fundamentais da historia da literatura contemporánea en forma de distopía.  Un espléndido mundo novo é un libro arquicoñecido como para falarvos del. Publicado en 1932 como un aviso aos totalitarismos, presenta un futuro afastado onde o mundo é feliza grazas a un único lema: "Comunidad, identidade, estabilidade". Para cumprir estas tres premisas, existen os grandes controladores, pero mesmo así poden existir fallos do sistema...

20/09/21

Chofer de sandías


 Divertido álbum rimado de Antonio Rubio e Emilio Urberuaga publicado por Kalandrakahttps://www.kalandraka.com/chofer-de-sandias-galego.html: Chofer de sandías é un canto contra o cambio climático porque fala precisamente da ledicia da natureza; unha ledicia e unha ollada verde que vén, por suposto, dirixida dende a infancia, a que precisamente está máis comprometida na loita contra o cambio climático. E porque esta loita é necesaria, necesaria é a lectura de álbums coma este, que cren nun futuro máis verde dende un presente máis negro.



18/09/21

Canto eu e a montaña baila


 A
ntes de tela nas mans na nosa lingua, xa tiña lido marabillas desta novela, así que cando a editorial Kalandraka a puxo nas miñas mans, levei unha evidente ledicia. Canto eu e a montaña baila de Irene Solà é unha sorpresa ambientada nunha zona dos Pirineos, entre Camprodom e Prats de Molló. Novela coral onde todos e cada un dos protagonistas teñen voz, sexan persoas ou non. Bebendo da tradición oral, as lendas conmoven dende a súa veracidade ou a súa verosimilitude: que importa que sexa lenda? Lendas que viven na quietude da natureza, no rural tranquilo que foxe da frenética actividad urbana. Nunha novela relativamente curta cabe de todo: ilusión, amores, relacións, erros, pantasmas, proxectos... e neste todo cabe -memo- unha experiencia lectora diferente. Mentres lemos cambiamos de forma como cambia quen narra, dá igual: é unha experiencia que non queremos que remate. Porque estamos en medio dun conto, e gústannos os contos. Porque estes proveñen da maxia. A maxia da lectura. E que nos parta un raio: as flores seguirán medrando!


 

08/04/21

A transformación


 Hai libros que son absolutamente imprescindibles para sabermos máis sobre a Historia da Literatura e mesmo para coñecer e comprender mellor o noso legado literario, como é o da Nova Narrativa Galega. Se un libro ten influído noutros, ese é A transformación, publicado en galego por Kalandraka con tradución de Laureano Araujo. A Kafka hai que lelo, aínda que teñamos que utilizar unha perífrase de obrigatoriedade que tan mal pega co fomento da lectura. É unha ledicia ter este libro nas mans, tan só 96 páxinas da literatura do absurdo, o confrontamento do home ante un mundo que o oprime e que o cuestiona. A soidade máis certeira.


21/03/21

Na cola para a arca


 Sorprendente e orixinal, cun final sorpresivo e que nos encanta. A verdade, nun principio temín o peor: unha recreación da escena bíblica!!! Como podía ser posible? E as páxinas foron cambiando a miña percepción ata chegar á traca final: un despregable que vén a ser a representación dunha obra de teatro!!!

Falamos do álbum publicado pola editorial Kalandraka, Na cola para a arca, de Antonis Papatheodoulou e Iris Samartzi, un formato precioso para un libro xenial que vén sendo unha homenaxe ao xénero teatral (que importancia cobra hoxe en día!) e asemade unha homenaxe ao humor cos dobres sentidos e os malentendidos -e as emocións que estes provocan-.



Elmer e Wilbur


 U
n clásico infantil que agora temos na nosa lingua grazas ao labor da editorial Kalandraka. Elmer e Wilbur de David McKee lévanos a unha selva onde un elefante é diferente aos demais grazas as súas vivas cores e que nos lembra que cada un de nós ten algo de especial e diferente das demais persoas. Nesta ocasión, agarda polo seu curmán, un elefanto moi cachondo que sempre fai moitas bromas e que tamén é diferente. Canda Elmer, andaremos na súa procura por lugares insólitos, xa que será moi difícil de topar. Que ben sabe agocharse!!!

20/03/21

O señor Ibrahim e as flores do Corán


  Celebramos a reedición deste fermoso libro na editorial Kalandraka: O señor Ibrahim e as flores do Corán, de Eric-Emmanuel Schmitt, traducido por Emma Lázare Rodríguez. Se non o lestes, facédeo xa: apenas 65 páxinas de boa literatura,  é un texto iniciático que apela ao multiculturalismo, á tolerancia e ao entendemento entre iguais. A súa lectura afortala a nosa confianza na especie humana, abrindo a porta a unha reflexión esperanzadora sobre o futuro do mundo no que vivimos.

Momo é un adolescente xudeu, desorientado e orfo de agarimo. Ibrahim é un tendeiro musulmán. Ambos viven rúa Azul, no París dos anos 60, e traban unha entrañable amizade que trascende as súas respectivas crenzas.

18/03/21

Un can


O
outro libro de similares características que nos trae desta volta a editorial Xerais do Hematocrítico é Un can, novamente un libro divertido sobre as diferenzas e o respecto. Asemade, un libro de primeira lectura con onomatopeas e humor, en maiúsculas para nenos e nenas que andan a facer ese traballo primeiro de aprender a ler. Con ilustracións de Alberto Vázquez.


O meu irmono


 Volve o Hematocrítico da man da editorial Xerais, para gozalo asemade na nosa lingua. Porque ler calquera libro de o Hematocrítico coma este de O meu irmono é en si mesmo un goce. Desta volta, un libro para primeirxs lectorxs (pronto viaxará a Xapón, xaora) que fala das diferenzas dende o humor máis fabuloso. As ilustracións de Alberto Vázquez axudan a profundar neste humor e no valor do libro para nos falar precisamente do respecto a canto é nos semella diferente e aporta detalles á lectura infantil.

 


10/03/21

Akna

 


Os mariñeiros da terra de xeo
é o subtítulo de Akna, álbum ilustrado publicado pola editorial Galaxia de Peio Lopez-Hurri e Irati Merino Petralanda.  Un libro que conta a vida dunha nena inuit en Canadá hai uns séculos, que cando vai por vez primeira a pescar baleas co seu pai e a xente da comuniade, atópase con que un grupo de homes, baleeiros do País Vasco, chegan alí para esnaquizar o seu mundo. 

Unha reflexión sobre a procura do equilibrio natural dende a ollada infantil.

 


 


 

06/02/21

Eu son A


G
ustoume moitísimo esta proposta de Steve Tasane publicada por Kalandraka: Eu son A, un libro duro que consiste nun diario dun neno que vive nun campo de refuxiados, un territorio totalmente inhóspito no que semella imposible sobrevivir, a pesar dos esforzos que o ser humano realiza pola súa supervivencia. Ás veces pregúntome de onde sacamos tanta fouteza en momentos así. E pregúntome asemade como podemos permanecer impasibles ante tantas inxustizas. Porque o libro é duro, si, pero o único que fai é lembrarnos que isto é real, e que está a suceder aquí ao lado, ese lado ao que non ollamos. O neno protagonista chámase A porque non ten nin sequera nome, ao igual que os nenos e nenas que sobreviven sós e soas canda el, xa que non teñen a ningúen que os axude nin ampare, non teñen familia nin "libro de vida", un documento que acredite a súa existencia. Non son ninguén porque son invisibles, o que remarca a importancia da identidade, pero tamén da solidariedade e da esperanza. Son nenos e nenas que tentan ante todo lembrar, lembrar quen eran e o amor que sentiron coa súa familia, lembrar que a guerra e a inxustiza arrebatoulles o máis importante das súas vidas, pero que teñen que tirar cara adiante, e nunca cara a atrás.

 


06/12/20

A miña familia 3+1=7


 I
sha Bottin e Gaspard Talmasse
publican en galego este precioso álbum na editorial Verdemar (Alvarellos) con tradución de María Reimóndez: A miña familia 3+1=7 está inspirado na propia biografía da autora, e fala da tristura e da aceptación dos cambios familiares e xeográficos. Asemade, o valor do amor, da forza, do optimismo e da xenerosidade. É un libro precioso que non debería pasar desapercibido.




30/11/20

E un voou sobre o niño do cuco


 Celebramos a publicación deste clásico da Literatura de Ken Kesey na nosa lingua, un libro que pasou a un segundo plano polo éxito (xusto) do filme. Publicado por KalandrakaE un voou sobre o niño do cuco  é un relato sobrecolledor sobre os hospitais psiquiátricos da Norteamérica dos anos 50. Un libro que a pesar da súa dimensión de crítica social resulta ás veces divertido, e outras excesivamente crueis. E sobre todos estes momentos, planea unha especie de tenrura ante a rebelión, o sexo, a bebida... e os anceios de liberdade. Un deses libros que hai que descubrir e recomendar, aínda que tamén recomendemos a película... e isto sucede poucas veces, coido eu.



28/11/20

O espazo de fóra


 C
ando recibín o paquete da editorial Baía, flipei. Que libro era este? Que portada! Que pasada! Pensei que estaba ante unha Guerra das Galaxias. O libro como obxecto non deixa indiferente. Logo está a tradución de María Reimóndez, que de seguro conseguiu que o libro fose moito máis interesante que o seu orixinal, O espazo de fóra de Martin Sodomka. Un libro sobre a Física e a descuberta doutras dimensións, unha lectura engaiolante, atractiva e intelixente, con detalladas informacións científicas. Unha pasada!


27/11/20

O home dos círculos azuis


 F
red Vargas
é unha das miñas autoras preferidas de novela negra, así que levei unha inmensa ledicia cando vin que a editorial Kalandraka publicada O home dos círculos azuis, un dos primeiros libros que contan as aventuras do inesquecible comisario Adamsberg. Pero teño para min que este non é dos mellores libros, cando menos dos que eu tiven oportunidade de ler. Desde logo, non é o libro que eu recomendaría para engancharse á súa saga, pero coido que este libro axúdanos a coñecer o primeiro comisario, ese que vai evoluíndo pouco a pouco, tanto el como a súa famosa intuición. Gustoume lelo e coñecelo dende un principio, e desde logo, o libro non está nada mal, a pesar de que ás veces é un pouco pesado e reiterativo.

Ogallá sigan traducindo á nosa lingua a esta gran autora.

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.