Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

14/11/07

Sempre hai un lugar para a poesía (XXV)

Hoxe non só está Anxo de aniversario, senón que tamén o está unha das nosas lectoras-comentadoras máis activas. Por tanto, para ela tamén un poema de felicitación e xuventude, esa maxia que algúns non queremos perder aínda que transcorran os anos. Estar no futuro, regresar ao presente que semella pasado. Quen seremos? Quen seremos sen as lembranzas dos demais?
Para hoxe, un poema de William Butler Yeats, "Cuando seas vieja":

Cuando seas vieja, y canosa y vencida por el sueño,
y dormitando junto al fuego, tomes este libro,
y lentamente leas, y sueñes con la dulce belleza
que tus ojos tuvieron antaño, y con sombras
profundas;

Cuántos amaron tus momentos de alegre donaire,
y amaron tu belleza con amor falso o sincero,
Pero sólo un hombre amó en ti tu alma peregrina,
y también las tristezas de tu rostro cambiante;

Y cuando inclinada junto a las barras candentes,
murmures, con ligera tristeza, de cómo el Amor
huyó
y anduvo allá arriba por los montes
y escondió su rostro entre un tropel de estrellas.



Matemáticas para Anxo

Xa que hoxe é un día especial para o meu querido amigo, compañeiro, socio e demais, e porque el si pode (aínda é moi noviño) celebrar un ano máis, vou viaxar ao mundo das Matemáticas, sen que sirva de precedente! E vouno facer grazas á axuda inestimábel do blog Iguales en la Tres Mil, fonte de datos sobre a loita pola Igualdade.
E así, falaremos das Mulleres e as Matemáticas. Sabiades que un grupo de profesores e profesoras constituído no CPR de Gijón elaborou un Cd-rom titulado "Mujeres y matemáticas" co obxectivo principal de dar a coñecer a todas aquelas mulleres que destacaron en matemáticas ao longo da historia? A súa estrutura é temporal, dividida en períodos históricos e cun apartado especial adicado ás mulleres españolas; nestes apartados ofrécese a situación xeopolítica, a sociedade da época e a situación da muller, os avances científicos, a relación das mulleres coas matemáticas e as mulleres matemáticas. En pdf tedes diferentes fragmentos da obra:
.- Estrutura
.- Idade Moderna en España
.- Idade Contemporánea en España

Dixamósvos, especialmente a Anxo, un vídeo máis que recomendábel sobre Mulleres matemáticas. Comeza coa cita da matemática rusa do século XIX Sonia Kovaléskaya: "O poeta debe ser quen de ver o que os demais non ven, debe ver máis profundamente. E o matemático debe facer o mesmo". Se queredes sabes algo máis sobre a relación entre as mulleres e as matemáticas acercádevos aquí.




E se vos parecen poucas Matemáticas, o Blog de Nosolomates creou un vídeo que é un repaso dalgúns dos moitos homes e dalgunhas mulleres que tiveron especial relevancia nas Matemáticas:



Esta é a lista dos “elixidos”:
Thales de Mileto (640 A.C.-540 A.C. aprox.), Pitágoras (580 A.C.-500 A.C. aprox.), Euclídes (365 A.C.-300 A.C. aprox.), Arquímedes (287 A.C.- 212 A.C.), Hypatia de Alejandría (370-415), Al Khwarizmi (780-850), Fibonacci (1170-1250), Nicolás Copérnico (1473-1543), John Napier (1550-1617), Galileo Galilei (1564-1642), Johannes Kepler (1571-1630), René Descartes (1596-1650), Pierre Fermat (1601-1665), Isaac Barrow (1630-1677), Isaac Newton (1643-1727), Gottfried Wilhelm von Leibnitz (1646-1716), Guillaume de L’Hôpital (1661-1704), Brook Taylor (1685-1731), Leonart Euler (1707-1783), Joseph-Louis Lagrange (1736-1813), Pierre-Simon Laplace (1749-1827), Paolo Ruffini (1765-1822), Joseph Fourier (1768-1830), Sophie Germain (1776-1831), Carl Friedrich Gauss (1777-1855), Simeon Poisson (1781-1840), Bernard Bolzano (1781-1848), Augustín Louis Cauchy (1789-1857), Niels Henrik Abel (1802-1829), George Boole (1815-1864), Karl Weierstrass (1815-1897), Bernhard Riemann (1826-1866), Gaston Darboux (1842-1917), Sonia Kovalevsky (1850-1891), Henri Poincaré (1854-1912), David Hilbert (1862-1943), Albert Einstein (1879-1955), Emily Noether (1882-1935), Srivinasa Ramanujan (1887-1920), Werner Heisenberg (1901-1976), Alan Turing (1912-1954), Benoît Mandelbrot (1924-), John Forbes Nash (1928-).

13/11/07

Non á violencia contra as mulleres (XVI)

Até agora non abordamos os datos, pero ás veces temos que recurrir a eles para amosar a dura realidade que vivimos.

Catro mulleres por cada millón que viven en España morreron o ano pasado a mans das súas parellas ou ex-parellas, segundo datos facilitados polo Centro Raíña Sofía contra a Violencia. En total, 69 perderon a vida pola violencia de xénero, o que supón un incremento do 13,11 por centro respecto ás falecidas no ano anterior. Segundo o estudo, Andalucía sitúase á cabeza de mulleres asasinadas polas súas parellas nese ano 2006, cun total de 19.
Falando das vítimas, case un 45% das asasinadas sufrira previamente malos tratos, e máis dun 77% denunciara previamente ao seu agresor. Un de cada dez deles tiña unha orde de afastamento no momento do crime.
As mulleres entre 35 e 44 anos son as que máis asasinatos sufriron a mans das súas parellas ou ex-parellas, sendo un 70,59% españolas. Un 66,7% tiña un traballo non cualificado.
En canto a eles, tres de cada cinco tampouco tiña un emprego cualificado e catro de cada dez tiñan antecedentes policiais. Un 66,7% foron detidos tras cometer o crime.
En canto ao lugar dos feitos, até un 58,46% cometéronse no domicilio da vítima e a arma utilizada nun 44,78% dos casos foi a arma branca. E un 10,14% dos casos o asasinato perpetrouse en presenza dos fillos.
Foron máis mulleres as asasinadas no ámbito urbano ca no rural, especialmente nos meses de xullo e agosto.
O Centro Raíña Sofía da Violencia advirte que, contrariamente ao que podería desprenderse das informacións da prensa, a maioría dos agresores non se suicidan, senón que son detidos, polo que o informe recomenda cambios no modo de informar sobres estes feitos para que se reflicta máis fielmente a realidade.

Cinco anos despois

No ano 2002 o petroleiro Prestige, cargado con 77.000 toneladas de fuel Oil lanzou un SOS a unhas 28 millas de Fisterra. Isto deu comezo a unha das maiores catástrofes ecolóxicas da costa galega. Unha costa que segue contaminada cinco anos despois.
Un informe do Centro Superior de Investigacións Sociolóxicas alerta da presenza de hidrocarburos no sangue das crías de gaivotas nadas despois do verquido; as aves sofren danos en órganos vitais como o fígado e os riles. Isto indica que as substancias tóxicas do petróleo mantéñense na cadea alimenticia. Os investigadores advirten nas súas conclusións de que hai risco de subestimar o impacto dos verquidos de fuel nas poboacións das zonas contaminadas, pois pásanse por alto os efectos a longo prazo dunha exposición crónica.
Iso si, o goberno considera que fixo "todo o que está na súa man" para paliar os efectos da catástrofe, "tanto a nivel humano como medioambiental" e que puxo "máis e mellores" mecanismos de prevención.
As causas están na voracidade do capitalismo e da globalización, pero tamén no escaso peso político do goberno galego e no pouco respecto que ao goberno central lle merece Galiza como país diferenciado. O que nos tememos é que non variou ren.




Eles tamén poden

Por favor, dádeme un minuto. Mellor dito, ese minuto é para vós, porque vos aseguro un sorriso. Será que hai homes que están para comelos?
Voume dirixir a aqueles homes que me leades (Toño, ti tamén). Mirade o vídeo, pero non esquezades facer click aquí, si, aquí, para comprobar cantos de vós merecedes estar nunha lista "limpa". Esta é unha campaña publicitaria de "Puntomatic" para limpar as manchas que non están na roupa.
Sabedes? A muller adica 5 veces máis tempo que o home a tarefas domésticas.
Facede o test, e xa me contaredes. Pero sen enganos!!!


Nontodovanserlibros(XVII)

Hoxe empezamos a corresponder as peticións que nos foron chegando. Por suposto, podedes seguir asesorándonos nos vosos comentarios!!
A semana pasada Lucía (amiga da nosa Adelcisa) pedíanos que falásemos do grupo mexicano Maná. Aproveitando o momento, gustaríame dedicarlle isto tamén ao meu benquerido amigo Javier, fan do grupo, e co que tiven a oportunidade de ver en directo a esta banda (tremendo momentazo o “solo”de batería, verdade?).

A historia de Maná comeza a mediados dos anos setenta en Guadalajara, México, grazas a catro amigos que se unen para interpretar temas de Led Zeppelin, os Beatles e os Rolling Stones. Estes amigos crearon o grupo Sombrero verde cuns resultados bastante pobres en canto a ventas. Debido ao fracaso do grupo houbo varios cambios nos membros da banda, que finalmente quedaría composta por: Fernando Olvera (Fher), Alejandro González (Alex), e os irmáns Juan e Ulises Calleros (este deixaría o grupo anos despois para convertirse no mánager da banda). A partir de entón deciden mudar o seu nome artístico polo de Maná e utilizar ritmos máis latinos nas súas composicións.
Durante os primeiros anos daríanse a coñecer por todo o país, con máis de setenta concertos e varios premios e discos de ouro polo seu traballo. En 1992 editan ¿Dónde jugarán los niños?, gravado en Los Angeles. O disco convírtese nun superventas, non só en México, senón na maioría de países de fala hispana. A finais de 1993 entra Sergio Vallín, como cuarto membro da banda.
En 1999 Maná publica un novo disco, MTV Unplugged, no que fan un repaso en directo de todos os seus últimos discos e co que pechan un ciclo seis anos brilantes tanto en ventas como en calidade musical (nesa etapa publican os seus dous mellores álbumes ao meu xuízo Cuando los ángeles lloran e Sueños líquidos) A partires de aí, os discos de Maná son una mezcla de reggae, funk e algunha pincelada de música afrocubana e a temática das letras segue a reflexar profundos sentimentos acerca do amor, desamor e a nostalxia.

Discografía básica
  • ¿Dónde jugarán los niños? (1992)
  • Cuando los ángeles lloran (1995)
  • Sueños líquidos (1997)
  • MTV Unplugged (1999)
  • Revolución de amor (2002)
  • Amar es combatir (2006)



free music

12/11/07

Non á violencia contra as mulleres (XV)

Ante os malos tratos non deas unha segunda oportunidade, non gardes silencio...


O vicio de ler

En palabras de Antonio Muñoz Molina:

"Un non le para aprender, nin para saber máis, nin para fuxir. Un le porque a lectura é un vicio perfectamente compatíbel coa escaseza de medios, coa falta desa audacia que outros vicios requiren, e, máis importante aínda, coa absoluta preguiza"

Nenos invisibles

Invisible Children é un documental gravado en 2003 baseado nas experiencias de tres estudantes universitarios no norte de Uganda. Alí atoparon a miles de persoas afectadas pola insurrección do Exército da Resistencia (LRA). A historia resultante enfócase nos efectos da guerra sobre os nenos, especialmente nenos soldados.
Miles de nenos ugandeses son secuestrados regularmente pola LRA para ser adestrados como soldados. E os que foxen camiñan lonxe dos seus fogares para atopar refuxio lonxe dos campos rebeldes.
Os cineastas empezaron unha organización non lucrativa relacionada, chamada Invisible Children Inc, deseñada para axudar a limitar o problema. Isto é acadado principalmente mandando a voluntarios a Acholiland, a rexión afectada en Uganda, para axudar aos nenos-soldados na reintegración á vida cívica normal por medio da educación e avaliacións con tratamentos psicolóxicos estensos. Invisible Children está implicada actualmente en distribuír copias do documental en DVD a tantas persoas como sexa posíbel.
Unidos a esta gran causa global, o grupo Fall Out Boy adicou a canción “I'm Like A Lawyer With The Way I'm Always Trying To Get You Off “ a esta problemática. Aquí vos deixamos o videoclip.

11/11/07

Non á violencia contra as mulleres (XIV)

Un vídeo máis, que xa todos e todas coñecemos:


Brooklyn Follies

De cando en vez hai que volver a este xenio. Non é que veña de lela agora mesmo, como fago cando vos falo dun libro, pero de casualidade a miña vista reparou na novela e decidín recomendárvola, sabendo que volverei a Paul Auster en calquera ocasión. Para min, un señor autor, un mago das palabras e das historias. E neste libro organiza un espectáculo cheo de fantasías lucidas: comedia fantástica, soño infantil de quen decide voltar ao vello tobo farto da decepción constante dunha vida que lamina, conto de fadas. A vida é aquilo que sucede mentres un fai proxectos: así transcorre esta novela, onde Paul Auster renova a súa mirada acerca dos temas de sempre: a busca da identidade, a amizade, o azar e o poder da literatura.
Brooklyn Follies é unha novela para rir e para pensar. E Paul Auster é un mestre. Léndoo vemos como a vida se espalla por sobre, entre, debaixo das palabras. A lingua non afoga, senón que enaltece a acción. O autor concéntrase no que pasa, sen buscar esencias máis alá das existencias. O humor non cae na chiscadela, antes ben, demostra a intelixencia do autor.
Ademais, a editorial Galaxia achéganolo en galego. Que máis podemos pedir?


A importancia de saber idiomas

Estes días que ando a "trafegar" nas aulas de 2º de bacharelato coa Sociolingüística, tento que comprendan que a defensa da nosa lingua non garda relación coa verdadeira importancia de saber outros idiomas. A cultura non ocupa lugar, por moito que vos coste aceptalo. Por exemplo, saber chinés, que será o idioma do futuro... o que provocou moitos risos. E falando disto, lembreime dun vídeo moi simpático que viramos en agosto, naquela febre blogueira do verán. E aí volo deixo, para aqueles e aquelas que non puidestes descubrilo daquela. Nel fálanos da necesidade do plurilingüismo con moita graza:

Entreterse na fin de semana

Sabedes o que significa "origami"? Pois non volo vou dicir, pero é fácil de adiviñar despois de ver o vídeo. E é que o outro día chamoume a atención a entrada en Brétemas: "como facer un libro en origami" e como sei que vos gustan as manualidade, aquí volo deixo, a ver se sodes capaces de reescribir O Quixote, por exemplo, para as vosas bibliotecas! Xa me contaredes despois o resultado.


10/11/07

Fame, non esquezamos



Só o dato debería ser suficiente: 25000 persoas morren de fame cada día. E a cifra medra. Cada hora, máis de 1000 persoas pasan a engrosar esta dramática estatística. En menos de cinco anos, a fame pode acabar coa poboación dun país como España.

Os conflitos armados son a principal causa da fame no mundo e máis de 850 millóns de persoas sofren os seus efectos na actualidade. A só 11 anos do Cume Mundial que se propuxo rematar coa fame para o 2015, esta non só non se reduciu, senón que aumentou alarmantemente, sendo os principais prexudicados os nenos e as mulleres. O pasado 14 de outubro, Acción contra el Hambre lembrounos que:
- Cada 4 segundo morre unha persoa por algunha causa relacionada coa fame.
- 852 millóns de persoas pasan fame no mundo.
- A fame acaba cada ano coa vida de seis millóns de nenos.
- 7 de cada 10 persoas con fame son mulleres.

Esta mesma organización lémbranos do deterioro da situación humanitaria pola violencia en Somalia: os enfrontamentos nas rúas da capital somalí impiden o acceso do persoal humanitario aos centros de nutrición. O recrudecemento dos combates entre o Goberno Federal Transitorio e as tropas etíopes dun lado, e as forzas antigobernamentais polo outro ameazan as necesidades básicas da poboación de Mogadiscio.







Non á violencia contra as mulleres (XIII)

Ata aquí chegamos: tentemos convivir en paz e harmonía:

Ciencias versus Letras

É sabido que sempre nos empeñamos en dividir o saber. E así escoitamos entre nós cousas como "que escriba ... que é de Letras e redacta mellor" ou "iso que o explique ... que é de Ciencias". Será tan difícil que a unha mesma persoa lle encante a Literatura e o Medio Ambiente ao mesmo tempo? Ou a Física e a Historia? Non o creo. E para darme a razón, o blog A pie de aula nos agasalla cun vídeo que demostra que Ciencias e Letras non están reñidas, que se pode aprender a táboa periódica con axuda das palabras (logo enterámonos de que este vídeo fíxoo unha alumna de 1º de bacharelato, caramba!!!):



Outro xeito orixinal de acercarse á Ciencia é a través de pequenas obras de arte que recollen con rigor acontecementos de interese xeral: Entra a ver a exposición da Ciencia a través dos sellos de Correos

09/11/07

Un tolo do xadrez

Alexander Alekhine foi un dos grandes campións mundiais de xadrez. Este ruso, coñecido polo seu estilo agresivo e combinativo entre os axedrecístas clásicos, era un auténtico estudoso deste xogo do que pretendía coñecer todos os seus segredos.
O seu primeiro logro notábel foi o triunfo no Torneo de San Petersburgo en 1909, á idade de 17 anos. En 1914, cando acabou terceiro foi nomeado un dos cinco "grandes mestres" orixinais polo zar Nicolás II. En 1921 abandonou la URSS e asentouse en Francia, logrando a cidadanía dese país en 1925.

A carreira axedrecística de Alekhine é demasiado longa e espectacular para resumila aquí. En 1927 gañou o campionato do mundo a Capablanca, con quen evitou volver a xogar, aínda que si que derrotou en dúas ocasións ao seu compatriota Efim Bogoljubow e despois perdeu o título frente ao matemático holandés Max Euwe en 1935. Recuperouno dous anos máis tarde, cunha gran vantaxe no marcador, e mantívoo ata a súa morte en 1946.

A vida de Alekhine non foi nada doada. Sobreviviu ás dúas guerras mundiais (incluso foi acusado de pronazi), arruinouse e tivo unha saúde moi feble. En xullo de 1944 afirma: "A mellor parte da miña vida transcurriu entre as dúas guerras mundiais que devastaron Europa. Ambalas dúas arruináronme, cunha diferenza: ao final da primeira tiña 26 anos e un entusiasmo desenfrenado que xa non posúo. Se algunha vez escribo as miñas memorias, a xente darase conta de que o xadrez foi un factor secundario na miña vida. Doume a oportunidade de ter unha ambición e, ao mesmo tempo, de convencerme da inutilidade da ambición. Hoxe en día sigo xogando ao xadrez porque mantén ocupada a miña mente e alónxame das obsesións e recordos".
Nos últimos anos da súa vida, o xadrez foi unha auténtica obsesión para el. Imaxinaba partidas na súa mente (de feito era un especialista en xogar cos ollos vendados contra os seus opoñentes), estudaba mil e unha xogadas e dise que morreu deprimido por culpa da súa paixón.



Como venres que é, queremos que te apaixones polo xadrez coma este ruso universal. Pero non te obsesiones!! Grazas de novo aos amigos de Nosolomates por "prestarnos" este recurso.


08/11/07

Non á violencia contra as mulleres (XII)

Cando un home deixa de ser home... (a voz pon os pelos de punta!):


É o noso dereito

Hai un ano houbo unha folga de estudantes: aqueles que reclamaban o ensino en galego. Cada día as novas que nos chegan sobre a situación actual da lingua preocúpanos máis, e os comentarios do noso alumnado (xa non digamos do profesorado) tamén. Se isto segue así, perderemos o noso sinal primordial de identidade, e parece que existe pouca xente á quen lle importe. En moitos caso, non se respecta o ensino mínimo de asignaturas que se deben impartir en galego ou cales delas son. Porén, defender o ensino en galego é o noso dereito, ademais do noso deber. Así que para que o galego exista: Dillo a Laura!!!

07/11/07

O reloxo do mundo

Buscando na rede descubrín este particular reloxo que nos convida á reflexión. Baseado en estatísticas que proveñen de organismos como a OMS (Organización Mundial da Saúde) este reloxo ofrécenos datos de como varía a poboación mundial co paso do tempo, a que se deben as mortes, o ritmo da deforestación do planeta ou a produción de petróleo.
Convídote a que premas o botón AHORA para que os marcadores se poñas a cero e vexas por ti mesm@ os cambios que se producen. Despois de facelo, reflexiona. É un bo exercicio.

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.