Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

25/02/13

La isla

Demoledor álbum de Armin Greder publicado por Lóguez, La isla. En realidade, un álbum para adultos, deses que deixan a un sen palabras, tentando fuxir de ser quen somos, seres pouco-humanos. O libro fala do cotián, da xenofobia, do racismo. Pero sen xulgalo, simplemente plantexándoo. Porque somos nós, lectores e lectoras, quen debemos cavilar, se aínda non caemos no abismo ao que nos precipita esta lectura. Porque fala sobre todo do medo cara ao descoñecido, do individualismo, do egoísmo, da dobre moral, do mesquiño que levamos dentro e que sae facilmente nunha sociedade que non está aberta ao diálogo.
Ao pechalo, pensaremos, ¿e nós?. Como somos nós realmente? Porque este álbum crea palabras e crea silencios, sobre todo crea reflexións. Necesarias sempre. Un libro que explora o carácter do ser humano na voz dun cura, un pescador, un comerciante, un mestre... e fixádevos ben nas ilustracións, porque hai uns nenos que reproducen o acontecido. Coma sempre ocorre. Para seguir reflexionando, claro está.
Teatro da crueldade, chaman a atención as ilustracións, grises sobre todo, cadros reais que amosan os acontecementos con todos os seus matices.







A xustiza pola man

Impresionantes traballo o que nos ofrecen dende o CPI de Vedra con este Lipdub:


24/02/13

Nivea francesa

Verdedades

Fermoso álbum de Yolanda Castaño con ilustracións de Xosé Tomás publicado por Biblos: Verdedades, unha aventura poética sobre plantas e aprendizaxe que mira á natureza e trata de recuperar o noso vínculo con ela utilizando metros clásicos a camiño entre o verde e as verdades; herbas aromáticas, infusións, plantas medicinais, especias, xeranios... todo está entre as verdades do mundo vexetal ricamente plasmado por un ilustrador que sabe unificar o texto e realzalo.

"Acompáñannos seguido
cego estás se non o ves:
ter un berce vexetal
ata a páxina que les."
 








Non á violencia contra as mulleres (CCXCVI)

"Queremos que ninguna víctima de violencia sexual se encuentre sola y sin saber a quién acudir. Queremos que ninguna víctima de violación tenga que enfrentarse a mitos e ideas erróneas que le quitan importancia a su sufrimiento o la culpabilizan de lo ocurrido. Queremos que todas las agresiones se denuncien, para impedir que los agresores sigan reincidiendo".



 'Me han violado' sae á rede para informar dunha maneira sinxela e pedagóxica sobre todos os aspectos relacionados coas violacións sexuais.

"Al buscar información sobre las agresiones sexuales en Internet, nos encontramos con que había un enorme número de mitos, estereotipos y falsa información circulando, hasta el punto de hacer muy difícil que las víctimas pudieran obtener la ayuda que necesitaban. Por eso hemos creado esta web", din na súa presentación.

Por iso pretenden difundir información de calidade sobre as agresións sexuais e como actuar ante elas, en función das diversas circunstancias que puideran darse.

En España, unhas 6.500 mulleres e un número descoñecido de homes son vítimas de violencia sexual cada ano. A gran maioría das violacións queda sen denunciar, e os violadores, impunes.


23/02/13

Aperta. Abrazo

Hilos de colores



Elena Ferrándiz, publica en Legua Editorial Hilos de colores, unha historia que chega directa ao corazón e que provoca unha intesa emoción polo que nela se trata: o Alzheimer. E este está fiado con tal delicadeza e amor que medra en nós a sensación de estar ante unha fermosa obra mestra da metáfora. É comparada esta terrible enfermidade coa perda dos fíos de cores que compón o traxe da avoa, é dicir, os momentos máis importantes da súa vida. Ademais, a mensaxe que transmite o texto é de ánimo e de esperanza: quen coida aos enfermos debe sentirse orgulloso do seu labor por prestar lembranzas a quen xa non as ten.
Se o texto é absolutamente delicioso, as ilustracións non o son menos. Con elas recollemos nós eses fíos e quereremos ganduxalos, coselos, telos connosco para que xamais se perdan.



"Érase una vez una niña que aprendió a tejer desde pequeña un vestido.
En ese traje empezaron a mezclarse todos los colores
del mundo de su memoria..."

Con Manuel Portas


Este mércores 20 tivemos a visita do autor do libro Un dedo manchado de tinta lido polo alumnado de 1º de Bacharelato, Manuel Portas. Portas falounos do proceso de escritura deste libro, do porqué da súa escolla, explicou algunhas dúbidas que o alumnado lle presentou e, sobre todo, contou a ledicia que provoca o acto de ler e de escribir. Porque a literatura é sobre todo un acto de ensoñación. Animou a escribir e a non agocharse, a gozar coas artes e explicou como a mestura destas é o camiño que seguimos. De aí a presenza con el de Clara Pino, quen nos deleitou con dous temas e que deixou ao alumnado impresionado. Foi o momento máis emotivo do encontro!
Se algo ten de bo a visita dos escritores e escritoras ao centro, é que a visión da lectura cambia. Neste caso algúns comentaban que o libro, agora, gustáballes máis.
Moitas grazas a ambos por virdes.






22/02/13

Fresh Guacamole

Curta de animación nominada aos Óscar:



O carballo con botas

Un libro para os máis pequenos e pequenas, un conto ben fermoso de Anxo Moure con ilustracións de Cristina Ouro publicado por Sotelo Blanco: O carballo con botas fala da importancia de coidar o medio ambiente, da fascinación da natureza e do perigo dos incendios, que destrúen todo canto é de noso. Pero un libro que tamén afonda na crueza da guerra e da soidade. E sobre todo, no medio da destrución, do lixo, do vello... sempre xorde a esperanza, a vida, o futuro. E se os bosques teñen árbores, nós teremos contos. Que sería do ser humano sen os contos? Por iso, este libriño convértese nun imprescindible para que a rapazallada entenda certos valores que nunca, nunca, debemos esquecer.

Quíxente tanto!

Seguimos con Rosalía de Castro. Desta volta, cun poema musicado que o noso prezado alumno César Castillo, recén chegado de terras foráneas, ofreceunos. Sei do seu esforzo, pola lingua e pola timidez, así que o meu agradecemento é dobre. Mañá interpretará este tema para todo o alumnado. Nós ofrecémolo en primicia!

21/02/13

Queremos a Rosalía!

Andamos toda a semana a preparar para mañá o Día de Rosalía no IES. Pancartas, fotografías, murais, versos soltos, ilustracións de poemas, gravación dun poema para colaborar coa iniciativa da AELG... Mañá contaremos cunha actuación de excepción, o noso alumno recén chegado ao centro de fóra de Galicia, César Castillo, vai interpretar coa súa guitarra o poema "Quíxente tanto, meniña", mentres que o resto da súa aula, 1º BH, recitará o poema "Eu ben vin estar o moucho". Poema que constituíu a colaboración do recitado conxunto de Cantares Gallegos de centros de Galicia promovido pola AELG.






E Anxo realizou esta montaxe para algúns dos seus poemas, que tamén adornan os corredores do centro:

Un grupo de escritoras galegas quixo unirse para continuar dando vida a Rosalía. Así, organizándose espontaneamente a través das redes sociais, decidiron colaborar na gravación dun vídeo colectivo no que teñen cabida escritoras e non escritoras, nenas, mozas e vellas, feministas, transfeministas, actrices, vendedoras, estudantes, afectadas polas preferentes, libreiras, mulleres contra o maltrato, mestras, profesoras, persoal sanitario, ecoloxistas... Mulleres falando de mulleres, e ao tempo, falando de todos, falando dos que aquí e agora sofren. Este vídeo coral pretende seguir o exemplo de conciencia e rebeldía da grande escritora ao recitar os seus versos desde o presente.

Perfeito



vía

Cuervos

Xa sabedes que son lectora fiel de John Connolly, e a pesar do meu pouco tempo deste ano para a lectura, non podía deixar de concederlle un oco para achegarme ao seu último libro, Cuervos, publicado por Tusquets. Cada libro del confírmamo como un dos mellores no seu xénero, facendo que pase o tempo de xeito vertixinoso. De xénero moi negro (nena desaparecida), sórdido, dramático, e sen descoidar esa querencia del por todo o sobrenatural -o que a min menos me gusta- que nesta ocasión non abonda excesivamente, a historia resólvese con mestría, tocando a fibra máis sensible, pois cando falamos de nenas todo se dispara. Semella que a máxima de Connolly é que onde houbo un crime xa non se pode vivir. E sobre esta idea dá voltas a novela. Como vivir tras un asasinato?
Unha nota predominante deste autor é combinar os relatos intropectivos dos personaxes e a penetración nas súas mentes para amosar a personalidade de seres que son instrumentos do mal ou vítimas da depravación. Para entedermos mellor que o ser humano pode ser pouco humano ou pode loitar contra a súa existencia para selo máis, aínda que non sempre o consiga.


En cierta ocasión, Louis me preguntó si creía en Dios después de todo lo que había visto y de todo lo que había sufrido, muy en especial la pérdida de Susan y Jennifer. Le di tres respuestas, probablemente dos más de las que esperaba. Le expliqué que me resultaba más fácil creer en Dios que no creer, porque si no creía en nada, las muertes de Susan y Jennifer carecían de sentido y razón, y prefería albergar la esperanza de que su pérdida formase parte de un designio que yo aún no entendía. Le expliqué que el Dios en quien creía a veces miraba en otra dirección. Era un Dios distraído, un Dios abrumado por nuestras exigencias, y nosotros éramos muy, muy insignificantes y muy, muy numerosos. Le expliqué que entendía que a veces le pasara eso. Mi Dios era como un padre que siempre intentaba velar por sus hijos, pero uno no siempre podía estar al lado de sus hijos, por más que se esforzara. Yo no estuve al lado de Jennifer cuando más me necesitó, y me resistía a culpar a mi Dios de eso.

20/02/13

Los pájaros prohibidos

Novamente, recollo de Mar:
"...En una cárcel llamada Libertad..." Poderán encadearnos, aillarnos, prohibirnos isto e aquilo; mais non poderán impedirnos pensar e soñar. Por un mundo libre, esta curta de Eduardo Galeano. Que ninguén , nunca, acabe cos nosos soños.

El secreto del amor

Seguimos con álbums sen palabras: El secreto del amor de Sarah Emmanuelle Burg, publicado por Malsinet Editor, é un pequeno e fermoso álbum que fala precisamente diso, do Amor. Ou do cariño, ou da Amizade. Dous nenos que teñen que aprender a convivir e a repartir, nunha lección de vida. Porque o amor, ou a amizade, pode ser triste,  pero tamén tenro e divertido.





Bos días, creatividade

19/02/13

Tenía que decírtelo

Videoclip oficial do noveno disco de Quique González: "Delantera mítica" que sae hoxe.

El lápiz

Este pequeno e fermoso álbum de Paula Bossio, El lápiz, publicado por Fondo de Cultura Económica, é toda unha homenaxe ao xogo e ao debuxo, así como ás súas múltiples posibilidades, convertendo cada páxina nunha nova sorpresa. Unha nena que interactúa coas posibilidades que un simple lapis ofrece. .
"Lo que me gusta de este libro es que tiene una gran carga emocional y así mismo de creatividad mostrada en pocas páginas y un par de trazos" afirma a autora.


Un día de pesca

Xa nos namorara Ladrón de gallinas e La revancha del gallo. Agora continúa a saga con Un día de pesca, os tres de Béatrice Rodriguez publicados por Libros del Zorro Rojo. É imposible que estes libros non nos arrinquen un sorriso. Neste caso temos as peripecias desta familia tan heteroxénea para poder comer. Cantas aventuras e sensabores ten que sortear unha mamá para dar de comer as súas crías!!!
Tráiovos as imaxes da editorial:















Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.