Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.
30/05/21
29/05/21
Ódiame
Nadie me mira mal por la calle. Nadie me insulta en las redes. A mí nadie me odia. Soy un hombre blanco occidental. Tú no me odias... Hasta hoy. Estoy aquí para hacerte ver que sólo odias a quien es distinto a ti.
Atoparalo en Dereitos Humanos, Igualdade
27/05/21
Axente X.99
Gianni Rodari sempre e para sempre. Non esquecermos lelo e gozar con cada novo libro.
En Kalandraka, Axente X.99, contos e versos do espazo é unha orixinal colección de textos, contos e versos cheos de imaxinación e revolución ao mesmo tempo, acompañamos a este inesquecible axente X.99, un gardián dun asterooide que percorre diferentes aventuras no seu devir galáctico, sempre empurrado pola curiosidade e a amizade, que nos debuxa un sorriso permanente na face. Poderemos descubrir planetas descoñecidos e os seus habitantes ou tentaremos recuperar algún cadáver entre asteroides.
No mesmo volume, "Poemas para rir": si, poesía riseira chea de humor e xogos lingüísticos que nos lembran o pracer de contar, de recitar, de ler.
E, como non, xeniais ilustracións de Federico Delicado que imprimen maior valor ao volume.
Atoparalo en Kalandraka, Lectura, Libros, Recomendamos
24/05/21
Chin Ban Bum!
Outro libro de Frédérick Stehr cos mesmos protagonistas e o mesmo formato publicado por Kalandraka: Chin Ban Bum! é pura música, que podería ser ruído pero que se transforma con esta lectura en marabilla acústica. Con estes personaxes queremos participar nós tamén nese xogo ruidoso de experimentación de accesorios domésticos, porque non cómpren instrumentos para crear unha banda.
Malo será que mañá non topemos outro xogo divertido para compartir cos amigos e amigas!
Atoparalo en Infancia, Kalandraka, Libros, Recomendamos
23/05/21
O día das apertas
Unha historia para o primeiro lectorado cheo de tenrura. Quen son os protagonistas? Cinco aves de diferentes razas que nos amosan canto se queren. E que mellor maneira para demostralo que unha boa aperta? Iso é a amizade: amor sen fisuras. Unha historia sinxela que nos fala de inocencia infantil e delicadeza. As ilustracións resaltan o valor dos personaxes co seu fondo branco.
Frédérick Stehr, autor de O día das apertas, publicado por Kalandraka en cartoné duro e redondeado, é perfecto para comezar a lectura, e marchará de viaxe a Xapón, inevitablemente.
Atoparalo en Infancia, Kalandraka, Libros, Recomendamos
20/05/21
Especial #Nakba73
Atoparalo en Palestina
18/05/21
Nus
Sorprendeume Manuel Gago con este libro, xa que agardaba algo ben diferente. Aínda así, debo dicir que Nus, publicado por Xerais, é unha lectura amena que fai uso da ironía, da retranca e do humor para pasearnos pola Galicia da chegada da democracia e por un acontecemento verdadeiro e abraiante: a reivindicación nudista galega de 1983. Dende este feito, o autor aborda como é a burguesía (unhas poucas familias de sempre: trescentas) quen colle a dirección do noso país coa chegada da democracia a o nacemento das institucións autonómicas. E farano sen interese ningún pola Autoonomía, senón polo control perpetuo e histórico que mantiveron e seguirán -ou deben seguir- mantendo. Esta é a parte que ofrece a crítica social (adobiada asemade coa necesaria referencia á cultura do pelotazo urbanístico que encheu de cemento as nosas costas), xa que a partir do personaxe principal, collendo como base aqueles actos reivindicativos do nudismo, o protagonista burgués recréanos as súas peripecias amatorias e sexuais dos seus anos mozos: claro que o paso desa mocidade radical á un estadío burgués é o esperado.
Odiamos un pouco a Toño Figueroa (pouco porque así o quere o autor, xa que crea certa complicidade con este individuo), un home que pertence a unha saga poderosa do país, e sábeo. O seu mundo non é o noso, e as súas memorias non as compartimos. Ofrécenos de cando en vez unha loita moral que semella por veces achegada ao mundo real, ao que pertencemos a maior parte da poboación, e outras unha ética propia do seu mundo aristocrático. El, un máis, será unha persoa sen ningún tipo de problemas económicos, por máis que ás veces poida sufrir por un engano familiar que, creo eu, tampouco lle quita demasiado o soño. Un home que desenvolve a masculinidade tradicional sen ningún tipo de dúbida porque é herdeiro de toda a súa parte social.
Atoparalo en Lectura, Letras Galegas, Libros, Xerais
17/05/21
Xela quixo ser Ela
Xela quixo ser Ela está publicado por Xerais.
Atoparalo en Lectura, Letras Galegas, Libros, Recomendamos
16/05/21
15/05/21
A poesía do retrato
A amiga invisible do instituto, que resultou moi visible, agasalloume este precioso libro de fotografías de Xela Arias, retratos realizados por Xulio Gil acompañados polos seus versos, en formato de gran tamaño. Asemade, podemos ler dous prólogos sobre a autora de Xosé Enrique Acuña e Marga do Val. A poesía do retrato está publicado por Engaiolarte.
Atoparalo en Letras Galegas, Libros, Poesía, Recomendamos
14/05/21
10/05/21
Intempériome
Atoparalo en Letras Galegas, Música
05/05/21
As pombas de Bastián
María Canosa escribe con extrema sensibilidade As pombas de Bastián, publicado por Xerais con ilustracións de Noemí López. Falamos de sensibilidade, porque Minia, a nosa protagonista, non queda na aparencia e sabe que hai que ir máis alá, que as persoas teñen unha face oculta e non son o que semellan, ou o que a sociedade ve nelas, tan só polo xeito de vestir ou vivir. Por iso, convida ao respecto cara ao diferente. Algo que semella cada vez máis preciso nesta nosa sociedade na que estamos a contemplar indiferentes como ás veces involucionamos para non respectarmos aquilo que por "cortesía social" pode resultar estraño. Tan só se trata de iso: de respectar o diferente. Ollando doutro modo ao que estamos acostumadxs e agardando. Hai un dito que di que "hai que hibernaar a xente para coñecela"; pois si, non nos quedemos en primeiras impresións nin do outro lado da barreira. Compartir soños é posible.
Atoparalo en Lectura, Letras Galegas, Libros, Recomendamos, Xerais
01/05/21
A folla azul
Encantoume este libro de Andrea Maceiras, gañador do Premio Merlín de Literatura Infantil 2020 que outorga a editorial Xerais. A folla azul achéganos, sobre todo, á necesidade de comungar e respectar a natureza. Lémbranos que a vida neste planeta non pode ter futuro se non a coidamos. Con infinita delicadez, a autora lévanos ao encontro coa maxia do afastado, do diferente; con ela, percorreremos a Amazonia fóra de estereotipos e prexuízos para acadar a crenza de que só a nosa fouteza pódenos salvar. E esta fouteza debe vir acompañada, como non, do coñecemento, da cultura, da educación, na súa máis ampla versión. Se non contemplamos todo canto temos ao noso arredor, non poderemos respectalo. Se non ollamos desde a nosa humildade, non poderemos aprender.
Un libro para recomendar unha e mil veces: precisamos libros coma este que nos leven á singularidade de pobos que non coñecemos e precisamos coidar o noso planeta máis ca nunca.
Con ilustracións de Sonia García.
Atoparalo en Lectura, Libros, Premio Xerais, Recomendamos, Xerais
25/04/21
Stella
Sorprendida porque realmente non sabía que ía atopar, así foi o primeiro achegamento a esta lectura, unha obra que me atraeu e me disgustou a un tempo. Obviamente, rematada a lectura, e comprendida a dimensión adquirida, mergulleime na indagación para saber máis. E acabei de comprender. Stella é unha personaxe real e Takis Würger inventa unha historia para achegárnola: el mesmo di que se "inspira" na vida de Stella, pero logo crea unha historia de amor ficticia entre ela e o protagonista, un mozo suízo inocente que tarda en comprender a dimensión do drama humano que supón vivir no medio dunha guerra cruenta. Por iso, esta non é unha novela máis sobre o nazismo.
Cada capítulo comeza cunha rápida información do tempo no que se sitúa e os acontecementos reais daquela. Asemade, en cursiva atopamos anacos de expedientes xudiciais reais -actualmente conservados no arquivo histórico de Berlín- que nun principio nos desconcertan ata que pouco a pouco imos entendendo o que se agocha detrás.
A pesar de que falamos dunha historia de amor entre un mozo e unha moza, hai un terceiro personaxe en discordia, un mozo alemán enigmático que pertence ás SS pero que goza dunha vida pouco ortodoxa segundo os cánons do momento. E que tamén deberá pagar as consecuencias. Porque a novela é dura como a vida mesma. Como a vida da protagonista rela, unha muller xudía colaboradora da SS que delatou a centos de persoas. Pero quen somos nós para xulgar a ninguén? Ela quería salvar a seus pais. Que faría calquera no seu lugar? Independentemente de que a acción que aquí se nos conta sexa ficticia, a novela deixa un pouso de reflexión importante. Por iso a sensación que nos queda é agre e doce a un tempo. Pola disparidade dos dous personaxes, porque a inxenuidade e o amor semellan infinitas, pero tamén o é a maldade.
Atoparalo en Guerras, Lectura, Libros, Recomendamos, Salamandra
23/04/21
Fahrenheit 451
Obviamnete non vos vou falar deste famosísimo e imprescindible libro que todx vós coñecedes de Ray Bradbury, Fahrenheit 451, senón desta edición ilustrada por María Corte que publica Reservoir Books, que me chegou vía unha "amiga visible" o Día do Libro. Non coñecía esta ilustradora nin esta edición, pero paga a pena achegarse a este libro potente e convincente da man desta edición.
Atoparalo en Ilustración, Libros, Recomendamos, Reservoir Books
22/04/21
Ética para inversores
Como resistirse a Petros Márkaris? Imposible rachar coa tradición de ler as súas novelas negras adobiadas con crítica social e con humor, ademais dun sentido de humor grego que nos leva a pasear polas rúas da capital grega incrementando a ganase de irmos alá. Ética para inversores, publicada por Tusquets, trata precisamente da falta de ética do mundo actual no que as grandes riquezas aproveitan as crises para enriquecerse aínda máis. Son especuladores, inversores con aparencia beatífica que para nada son filántroopos. Os saqueadores non andan polas rúas, senón que habitan en grandes despachos e nas sombras. Márkaris ten como obxectivo nesta nova entrega a inversión inmobiliaria que acapara bens con fins turísticos aproveitándose da pobreza provocada polas sucesivas crises vividas en Grecia.
Pero ademais desta trama temos o mellor amigo do comisario Jaritos, Lambros, ese vello comunista desencantado, organizando folgas para defender os pobres, eses que ninguén lembra. Vivmos nun mudo globalizado onde a diferenza entre ricos e pobres é cada vez meirande.
E sempre paga a pena ler e reflexionar con estas novelas, negra, pero non tanto. Porque o autor sabe ir máis alá. E desexamos que non pare.
Atoparalo en Lectura, Libros, Novela negra, Recomendamos, Tusquets
19/04/21
El Rey
O malo das triloxías é que pasa demasiado tempo entre a lectura dun libro e outro e aquí tamén fai acto de presenza miña mala memoria. De aí que ao principio me custase tanto situarme na acción de El Rey, terceira parte de No está solo e El Ángel, de Sandrone Dazieri, publicado asemade por Alfaguara, libros que me atraparan de vez: pero, claro, xa pasaron dous anos. Iso si, é imprescindible telas lido para ler este.
Xa pasou ano e medio dende os terribles sucesos acontecidos no anterior libro. A protagonista pretende vivir afastada do mundo, preocupada tan só pola vida do seu amigo. Pero as cousas complícanse. A partir dese momento, o ritmo da novela irá in crescendo, sen descrición superfluas e cun suspense e unha tensión que nos acompañará en cada páxina. Un libro que medra a medida que imos avanzando páxinas e ímonos poñendo en situación. Porque, xa digo, ao principio custa -ou a min custoume-retomar a historia. Por suposto, tal como acontecía nos anteriores libros, o autor sabe manternos co libro aerto, con moitos ángulos e paredes polas que rubir. E cun final que consegue un golpe de efecto. Por suposto, o libro constitúe un broche perfecto, aínda que considero que non é a mellor novela das tres, é moi recomendable se vos gusta a novela negra. Por suposto, ao dúo protagonista, ou ámalo ou non: non hai termo medio.
Atoparalo en Alfaguara, Lectura, Libros, Novela negra, Recomendamos
16/04/21
Dormente
Raquel Castro dá a volta a historia da Bela Durminte, e faino con acerto teatral. Publicada por Galaxia, Dormente fala dunha princesa que dorme (?) por mor dun feitizo e que segundo a lenda só espertará se un príncipe chega para bicala. Pero son os príncipes os donos do destino das mulleres? Hai asemade amores diferentes? A obra achéganos con humor a estes puntos de vista para reescribir a historia dun xeito axeitado para nenos e nenas que poderán representala e entender que xa é hora de que mudemos a historia e os contos que sempre nos contaron onde as mulleres nada tiñan que dicir e os príncipes debían ser valorosos e imprescindibles.
Atoparalo en Galaxia, Igualdade, Lectura, Letras Galegas, Libros, Recomendamos, Teatro
14/04/21
El lunes nos querrán
Gustoume moito esta proposta de Najat El Hachmi, Premio Nadal 2021 que publica Destino: El lunes nos querrán é unha longa carta que a protagonista dirixe á súa mellor amiga, unha carta que de xeito retrospectivo volve á adolescencia, a unha época de sufrimento pola educación recibida e pola cultura e relixión na que se crían. A procura da liberdade e o desexo de rachar coas tradicións que as converten en persoas de segunda, polo feito de seren mulleres, é o eixo sobre o que xira a historia. Unha historia que marca un abismo entre as posibilidades que ten calquera outra moza da súa idade e a delas. Aínda que nos enmarca nunha determinada cultura e relixión, o relato da discriminación de xénero ocupa toda a novela, xa que feminismo e identidade son os grandes temas argumentais que nos levarán a un desasosego profundo a medida que pasamos as páxinas e que comprobamos as dificultades polas que deben pasar as mulleres para loitar polo seu destino e para loitar asemade contra un sentimento de culpa que chega a ser tan grande como o anceio de liberdade.
Un libro que nos marca e que nos leva a reflexionar e caer na conta de que as mulleres non só son mulleres que loitan senón que a raza, a cultura ou a relixión poñen moitas máis pedras no camiño da igualdade. E isto indígnanos dobremente. De feito, a identidade da protagonista non é descuberta ata o final, porque o anonimato das mulleres é un xeito de facelas desaparecer
Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.

















