Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

20/03/22

Dous osiños


 D
elicioso e tenro álbum publicado por Kalandraka, Dous osiños de Cailla Koffler, Ylla, foi publicado inicialmente en 1954 como "fotoliteratura". Resulta que a autora foi un referente na súa época, considerada coma unha das mellores fotógrafas de animais no século XX. Unha historia de dous irmáns osos que saen a descubrir o mundo esquecendo a recomendación da súa nai. O marabilloso deste libro é que está feito a partir de fotografías que fan un percorrido polo bosque e encontrándose con outros animais cos que interaccionan na procura da súa nai.


El afecto del Rey (Sobre series orientais X)

 


V
olvemos cun drama de época, de amores imposibles e intrigas palacegas, que nos lembra o machismo que sempre existiu e máis neses momentos. Nacen xemelgos, un neno e unha nena, e a nena debe morrer para que seu irmán herde o trono sen problemas; pero o amor dunha nai está por riba destas crenzas. A partir de esta premisa inicial, desenvólvese a trama, que atrapa dende o comezo. Ata hai escenas con beixos de amor! algo case impensable nas series coreanas, que só rozarse a man xa semella unha situación erótica última. 

Como me gustan as series de época, esta interesoume moito, asemade porque realiza unha reflexión constante sobre a igualdade da muller e a importancia de derrubar barreiras. Moita acción e ritmo que non decae a pesar da duración da serie.





15/03/22

Diccionario apasionado de la novela negra

 


G
ústame a novela negra. Adoro a Pierre Lemaitre. Así que imaxinade o que me pode gustar este libro que teño nas mans. Un Diccionario apasionado de la novela negra escrito por Lemaitre e publicado por Salamandra: unha marabilla que é unha compilación de autorxs, obras, lecturas e datos históricos. Non coñezo todas as obras e nin sequera todos os autores, pero coñezo moitos, o que me encheu dun íntimo orgullo. Como bo dicionario que é, aprenderei del e procurarei algunhas destas lecturas que Lemaitre nos recomenda. 

Por orde alfabética, e comezando por A sangre fría, poderemos ler sobre libros, películas, retratos dxs creadorxs predilectxs do noso autor, hai tamén reflexións sobre a escrita. E o que hai, sobre todo, unha confesión propia dos seus gustos literarios e da súa propia formación. Unha formación que o levou a ser -para min- a ser un dos grandes.


Crash landing on you (Sobre series orientais IX)


 S
eguramente non pensariades que iades atopar series de amor aquí, pero vouvos sorprender. Porque nesta miña aterraxe nas series orientais, estou a ver de todo. Pero esta que vos traio hoxe é un divertimento total. Que a trama principal é o amor? sen dúbida. Pero o mellor de todo é o humor que transmite a serie e as gargalladas que botei con ela. Así hai que vela: con humor; e é que esta serie cae absolutamente en todos os tópicos, por iso digo que hai que vela así; é dicir, o sur rico moi rico e o norte pobre moi pobre. Todas as situacións son tan tópicas que a ironía que destila é un sorriso constante.

Poderiamos falar de moitas características positivas que nos ofrece a serie, como a fotografía (incluída Suíza), a química entre a parella protagonista, a música... pero é que todos os personaxes tanto principais como secundarios son imbatibles; hai escenas tronchantes cando os do norte visitan o sur, pero tamén cando os do sur non saben como fuxir no norte... en fin, un enredo xenial ás veces imposible que consegue o que queremos ao ver unha serie: evadirnos desta realidade abrumadora que vivimos hoxe en día.

13/03/22

A nota


 E
ste agasallo de Kalandraka é deses que me deixan un sorriso debuxado durante todo o día! Moitísimas grazas por iluminar un día gris! Isto non é un álbum ilustrado... é un despregable! Xa sabedes canto me gustan este tipo de libros... pero é que ademais lelo e chegar a un final tan "riquiñez" superou as miñas expectativas. A nota de Pilar Serrano Burgos e Daniel Montero Galán é un libro ideal para cando vos apeteza ter un detalle a alguén que apreciades e que necesita lembrar que non está só/soa e que debemos sorrir ante a vida porque é o noso don máis prezado.

Unha nota que viaxa de man en man para ledicia de quen a recibe nun barrio moi concurido. E por que non?


Es mío (Mine) (Sobre series orientais VIII)

 


C
oma case todas as series coreanas que vexo esta longa temporada, nada sei delas nin referencias teño. Esta, simplemente, veu porque a miña "filla adoptiva" Lara comentoume que comezara a vela e non tiña mala pinta. Debido a que estou intentando coñecer a sociedade coreana a través das series, esta interesoume a medida que avanzaba por un motivo: a sororidade que presentaba. Dende logo, teño claro que o amor romántico ten feito moito mal en todas as sociedades e as series que vexo "románticas" así mo deixa ver claramente, pero hai apartados que me chaman a atención destas series; xa os irei comentando. Xa volo dixen: esta serie gustoume sobre todo pola sororidade que desenvolve entre as mulleres protagonistas, cando todo parecía que ía ser ao revés. Hai tamén unha historia encuberta de homosexualidade feminina que me chamou a atención... logo comprobei nas outras series que vexo que a homosexualidade é case un tema tabú na sociedade coreana e que non o deben ter fácil.

Unha vez máis, a serie desenvólvese na sociedade alta coreana. Outro detalle: ser rico en Corea non é doado, pero as series presentan xente rica, moi rica, e deixa entrever as grandes diferenzas sociais que existen, pero a maior parte delas non constrúen unha crítica, simplemente pretenden que gocemos véndoas. E canto máis rico, mellor. Ou sexa, o 1% da sociedade.

A serie enfócase en tres mulleres, algo polo que tamén  me chamou a atención, xa que son elas as protagonistas indiscutibles, xunto a outras que tamén andan por alí. Como tamén lles encanta os "flashback" e as repeticións temporais, a serie comeza cun asasinato para seguir presentándonos os 60 días anteriores. Logo, o de sempre nestas vidas luxosas: corrupción, histeria, infidelidade...


Que é violencia de xénero?

Que é violencia de xénero?

09/03/22

El Gabinete de los Ocultistas


 O segundo libro de Armin Öhri tamén publicado por Impedimenta é El Gabinete de los Ocultistas, que creo que gocei máis aínda que o primeiro. Un thriller algo gótico que está escrito, novamente, de xeito moi intelixente. Volvemos contar con Albrecht Krosick e Julius Bentheim, e como telón de fondo a vida amorosa deste e, por suposto, a sociedade berlinesa de mediados do século XIX. Neste pasean personaxes ben interestantes e unha historia que nos convida a visitar a Berlín.

Seguiremos atentas a canto se publique deste autor.



07/03/22

Be a Lady They Said

La musa oscura


G
ustoume esta proposta diferente,  La musa oscura de Armin Öhri publicado por Impedimenta. Un argumento moi diferente e unha época e un lugar pouco habituais: a Prusia de Bismarck. Asemade, vemos como funciona unha ciencia forense que comeza a agromar nesta época, e o uso da fotografía para plasmar os detalles das escenas dos crimes. Asemade, o libro afástase do que hoxe entendemos por novela negra, posto que sabemos quen é o asasino dende o primeiro momeneto pero aínda así o final é bastante sorprendente. Sabendo quen é o asasino dende o principio, a historia non decae en absoluto, ao contraio, e aí radica o mérito desta obra. Diferente tamén é o punto de vista do narrador, que neste caso é o debuxante das escenas dos crimes; tamén servirá para que a subtrama sexa protagonizada precisamente por este mozo e a súa historia amorosa. 

O mellor, que xa temos continuidade deste libro nun segundo publicado pola mesma editorial.

06/03/22

Non á violencia contra as mulleres (DXCII)

"La sociedad aún no entiende lo que es la violencia de género". Marina Marroquí, educadora social

05/03/22

Disfraz - Andrea Pousa

03/03/22

Cultivando Igualdad

02/03/22

The Lies Within (Sobre series orientais VII)


 E
ste é un thriller onde misterio e corrupción van da man. Como podedes comprobar, o tema da corrupción é moi común nas series coreanas, supoño que como espello do que ocorre na sociedade. Asemade, de fondo, outro tema co que flipei e que aparece noutras series: os matrimonios concertados. Aínda existen? Semella que na alta sociedade coreana, si. Por certo, nas series deste país tamén lles encanta retratar ricachos moi ricachos a carón de xente humilde: semella que as clases sociais tamén están moi afastadas entre si. Nun principio, a serie parecía feita para lucimento do protagonista, un heroe actual que debe loitar contra a maldade humana; pero a protagonista feminina, nun principio tan inxenua, vai desenvolvendo un carisma e un liderado importante: é unha personaxe interesante porque evolúe a medida que avanzamos no tempo.

Unha serie que paga a pena, porque sabe manter o ritmo e non avanzar o final.


01/03/22

Es cosa tuya

 A Chirigora Las Madrinas volve a clavalo:



28/02/22

Rookie Historian Goo Hae Ryung (Sobre series orientais VI)

 


Outra desas series de época polas que teño debilidade: esta historia ten lugar en Joseon a principios do século XIX, época na cal as mulleres non deberían saber ler nin escribir. Aquí temos mulleres afoutas que non só puideron acceder á cultura, senón que loitaron ante a sociedade por ela. Por suposto, hai unha historia de amor polo medio, pero o máis importante é para min esta visión da muller que loita pola súa liberdade, pola súa verdadeira paixón, que é a lectura, e que a muller debe escribir a súa propia vida. Esta é a mensaxe máis importante, por moito que nos queiran vender a serie como outra historia de amor imposible; coido que esta queda nun segundo plano e que non ser "a muller perfecta" (aprender a camiñar, ser ama da súa casa, parir...) é o fío verdadeiro da serie. A loita destas mulleres historiadoras permite ademais cambiar o rumbo da historia e a visión dos homes que traballaban no mesmo rol. Son, sen dúbida ningunha, o que fai que esta serie mereza ser vista.


Golpes de luz

 


V
olve Ledicia Costas cunha novela para adultxs e, novamente, non decepciona. Publicada en Xerais, co título Golpes de luz, podemos ler a vida de tres xeracións que viven baixo un segredo e que teñen como tea de fondo o narcotráfico galego pero tamén a violencia de xénero e o mundo dos anciáns. Tres xeracións e tres voces narrativas para ir revelando pouco a pouco a traxedia do ser humano, as luces e sombras dunha vida que merece ser contada. Porque toda vida agocha segredos, quizais non tan grandes como os da nosa vella protagonista, pero estes moitas veces golpean o presente deixándoo demudado; e este que se vive, con agonía e con humor, como demosta Ledicia, ás veces é pouco previsible e outras é un xogo de equilibrio. O narcotráfico deixou un ronsel de precariedades, de hostilidades, de xogos suxos, de vinganzas e de temores; deixou, sobre todo, vítimas, e algunhas destas vítimas serán as que nos leven polo relato. Un relato no que agroma a esperanza, a luz, porque a pesar da dor, o amor que nos permite a vida é o camiño máis espléndido a seguir.

Unhas páxinas para pasear pola soidade, pola loucura, pola impotencia, polo enigma; unha ponte que atravesa xeracións e constrúe un mundo mitolóxico que foxe da violencia a todos os niveis: bullying, violencia de xénero, violencia nas rúas...


27/02/22

E logo por que? Virus e bacterias


 Un deses libros que deben estar en todas as bibliotecas escolares, un libro de ciencia na nosa lingua, sempre tan necesario, e de divulgación sinxela para aprender sobre os virus e as bacterias de xeito ameno e doado, nun formato de preguntas e respostas que de seguro contestan as dúbidas que sempre nos fixemos sobre estes temas. Publícao Xerais  e é de Jordi Font Barris.

 

Iris (Sobre series orientais V)


 E
sta serie, xunto coa anterior da que falei onte, foi unha das que me conquistou para "traballarme" as series coreanas. Realmente, con esta cheguei á conclusión de que xs coreanxs non teñen piedade e poden rematar unha serie así, como fan con esta; afastada de Disney. Claro que logo o tempo non me deu a razón. De todo hai en Corea. As series de amor romántico asolagan o catálogo, pero xa vos falarei delas.

Unha serie de espionaxe que nos leva a Budapest, a Corea do Norte, a Xapón... Moita acción, amizade e inimizade e amor combínanse á perfección en "Iris", un amor que por outra parte -e visto agora dende a perspectiva de ver outras moitas- afástase do habitual nas series coreanas, nas cales darse un bico xa é algo inaudito, tan mexeriqueiros eles. A trama é veloz, algo que tamén se afasta das outras series (encántalles repetir escenas xa vistas) e hai continuas sorpresas. E un final totalmente inesperado que semella que podería dar paso a unha segunda temporada, aínda que sei que é unha serie pechada. Realmente boísima.

26/02/22

Eternity


 T
iña moita curiosidade polo regreso de Xosé Monteagudo, autor da que para min é unha das mellores obras narrativas dos últimos tempos da narrativa galega: Todo canto fomos. Agora chego a Eternity, publicado pola editorial Galaxia e merecente do Premio Narrativa Breve Repsol 2021. 

Monteagudo ten oficio e nótase. Vese na narración que lemos, cun texto ben elaborado. E gustoume a proposta que nos achega neste libro: un lugar en internet que preserve a memoria dxs falecidxs, un cemiterio virtual. Unha idea, por outra parte, ben interesante que nos fai reflexionar sobre a trascendencia do ser humano. Pero o autor, asemade, desenvolve ao mesmo tempo outro fío argumental que nos lembra que ás veces descoñecemos as persoas máis próximas. Ao mesmo tempo, e aínda sendo unha novela curta, hai reflexión ben interesantes sobre o acto da escrita ou da calidade literaria, e mesmo sobre a procura de traballo da xente nova na nosa sociedade.

Unha proposta literaria que non defrauda.




Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.