Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

01/10/13

Pan, Educación, Libertad

Xa andaba eu depre este comezo de curso con todo o que acontece ao noso arredor, co país, cos incendios, coa lingua, co estado, coa corrupción... e Petros Márkaris acaba de fundirme totalmente. Porque o panorama que presenta é totalmente desolador. Pan, Educación, Libertad, a terceira entrega da súa Triloxía da crise (despois de Con el agua al cuello y Liquidación final) publicada por Tusquets, amosa unha Grecia que non ten outro destino có abismo insondable. Non é a trama policíaca a que nos atrapa, que tamén, senón ese retrato dun país que sofre e vive unha situación caótica que se estende polos países do sur de Europa. 
Comeza a novela coa volta ao dracma, así como en España se volve á peseta. Nesta situación, sábese que non sei va cobrar en tres meses. E toca sobrevivir. Nesta supervivencia ten un apartado exquisito a muller de Jaritos, Adrianí, que con cada novela nos caerá mellor. Por suposto, hai asasinatos que serán resoltos, pero, como digo, o acerto deste autor que pronto virá a Santiago, agardamos, é facernos ver a extrema corrupción da sociedade helena que, temo, non está afastada da española. 
Será así o noso futuro? Como digo, resulta realmente espeluznante. Porque tal como afirma o autor, o único ficticio é a trama.
Vaia, que a levamos clara.
Non a perdades!




Sen comentarios

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.