Agustín Fernández Paz publica na editorial Rodeira - Edebé un libro para pequenos lectores que afonda no trato que os humanos poden ter con animais tan tradicionalmente asquerosos como son os ratos: Amizades secretas. No libro podemos comprender mellor como é a vida dos animaliños, de como senten como nai e pai o mesmo que senten os humanos, de como unha ratiña espelida quere adentrarse en novos mundos e explorar para satisfacer a súa curiosidade... A perspectiva "ratonil" está presente en todo o texto. Pero o autor tamén nos amosa outra perspectiva ben diferente: a dos humanos. Uns humanos que non están dispostos a ter na súa casa ningún tipo de animal nocivo como son ratos, e que fará todo o posible para aniquilalos; aínda que non contan con que a súa filla, quen devece por ter mascota, fará todo o posible para salvar esa ratiña que, intúe, será unha grande amiga.
Así, o libro converte unha amizada que a priori sería imposible nalgo tan fermoso e entrañable como unha nena que agocha segredos a seus pais para dar de comer e de rir e compartir cariños cun rato de andar por casa.
Sen comentarios
Publicar un comentario