Tardei uns días en falar del, pero a verdade é que estou ben emocionada. De portada, a miña nena Ana Colmeiro, nunha foto que lle fixera seu pai para me mandar de despedida do club de lectura o curso pasado cando me deron traslado de Silleda. Foi ben difícil marchar dun centro no que deixaba nenas coma esta. Pero a vida é xenerosa e ela e as súas compañeiras seguen comigo, no club de lectura de adultos e adultas da Biblioteca Municipal de Silleda e nas esporádicas ocasións nas que podemos vernos.
Estou a falar de boletín informativo que publica a editorial Kalandraka no que falan do noso club de lectura e no que tiveron a ben recoller algunhas das opinións de distintos integrantes que estes anos pasaron polas nosas lecturas. Unhas opinións que recabei a final do curso pasado cando dende a Asesoría das Bibliotecas me pediron que falase do papel de mediadora na reunión que mantivemos os e as coordinadores dos clubs de lectura dos institutos galegos.
Sen comentarios
Publicar un comentario