Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

03/04/15

Ladydi

Se Luz Paramio recomenda un libro, cómpre facerlle caso. Éche o que hai. E por iso non tardei en mercar este que hoxe nos ocupa: Ladydi de Jennifer Clement publicado por Lumen.


E por primeira vez, vou publicar o final para que saibades dende o primeiro momento de que vai esta lectura:

Ya estaban besando a mi bebé.
Mi madre dijo: nomás reza para que sea niño.

Case queda todo dito.
Aviso: non é lectura pracenteira. É lectura voraz, tremenda, áxil, tenra, obsesiva, anti-idílica... todo iso e máis. Porque estamos a ler sobre a trata de mulleres en México. Estamos a ler sobre a desgraza de nacer muller en países coma este. Estamos a ler sobre unha situación que non nos resulta estraña. Estamos a ler e estamos a sufrir, porque sabemos certa a historia, porque desexamos que exista esperanza, porque necesitamos combater a realidade.
Que temos? Marihuana, narcotraficantes, papoulas, soidade, montañas, pragas, mulleres, máis soidade, terra, deserto, formigas, bechos, escravitud sexual, desesperación, solidariedade, dignidade... A vida é terrorífica, a natureza é inimiga, a terra non produce máis que desolación, os homes marchan e non volven na maioría das ocasións, a escola é un reflexo malhumorado do estado, e as nenas deben medrar coma nenos para non delatarse. Onde está Deus? Rezar é pedir o que non se quere.
E aínda así, hai amor, amizade, risos entre a miseria, entre o pó que se mete por todas partes. E a vida, continúa. E as desgrazas, tamén. Os erros páganse moi caro. E o que non son erros tamén. O diñeiro é fundamental para saír de onde sexa. Coma sempre, poderoso. E sobre todas estas cousas, planea a violencia. As mulleres deberán converterse en asasinas para combater esa violencia que as aplasta, as viola, as retén, as fere. A violencia enxendra violencia. E entre toda esta violencia é posible que medren as flores en forma de inocencia.
Fixádevos na linguaxe, fermosísima, metafórica, harmónica, deliciosa, poética. No medio do máis feo que pode existir no mundo, dos crimes, dos asasinatos, da violencia máis extrema, hai lugar para a poesía da linguaxe. Que fermosura!
Aínda, aínda, é posible a esperanza.

«Me quedé muy quieta, quieta como cuando hay un alacrán blanco casi transparente en la pared arriba de tu cama. Quieta como cuando ves una culebra enroscada atrás del bote de café. Quieta como cuando esperas que el helicóptero suelte el herbicida ardiente sobre tu cuerpo mientras vas de la escuela a tu casa. Quieta como cuando oyes que una camioneta se desvió de la carretera y casi ruge como un león, aunque nunca has oído rugir un león

Sen comentarios

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.