Agasállanos o
escritor cunha novela de iniciación, de espertar da adolescencia, de espertar á
sexualidade, ao amor, á morte, ao oficio da escrita, de espertar á vida, en fin, con cantos
claroescuros que esta posúe, e tamén con toda a estrañeza que nos provoca este
medrar –ou sobrevivir- día a día, mesmo na idade adulta. E faino ofrecéndonos
un abano de personaxes que poboan o lugar que habita a súa infancia, Xinzo.
Serán estes veciños os que conformarán un xeito de entender o mundo máis
sensible, como é o deles, esa sensibilidade especial que teñen aqueles posuídos
por un vento máxico, o da inocencia perpetua. A carón destes pasea asemade o
escritor Carlos Casares, quen soubo ver en Antón a faísca da Literatura; non só
convertido en personaxe literario (páxina 98 “Sempre pensei…”), senón tamén
homanexeado mesmo no título, “A ferida do vento”, alusión clara a aquel “Vento
ferido”. Un Casares que lle pediu na vida real unha galería de personaxes como
os que agora temos aquí. E serán estes personaxes, coido, os que nos ofrecen -a
pesar de seren “secundarios”- o verdadeiro arrecendo da novela: a sensibilidade
que desprende en cada páxina é froito do respecto, do cariño; xunta esta, un
humor lene, cariñoso, tenro, que fai que a lectura sexa pracenteira e amable.
Temos por tanto
un título homenaxe e un xogo de habilidade con respecto á tolemia que en Xinzo é
provocada polo vento, segundo a teoría do avó de Antón, personaxe tamén
importante na lembranza da iniciación á vida; un avó peculiar que confirma que
a herdanza xenética recibida ten moita importancia nas nosas vidas. Así pois, o
noso escritor realiza unha tripla homenaxe: a Casares, á familia, e a Xinzo,
lugar que xa habitara a súa novela “Casas baratas” e que coido ten un oco ben
grande no seu particular corazón.
Procura Antón
que o libro xire arredor dun amor perdido, unha morte prematura que é unha
escusa, un motor que impulsa, que dá pé
a ese mundo que xira e que non se detén; un mundo que cuestiona a diferenza, e
que o mozo que o mira quere comprender a través dunha ollada marcada por todo
aquilo que ama: a música, a lectura, o cine. Ese motor que nos indica cal é o
tema principal é novamente un artificio literario, un engano -ou un engado da
novela-, posto que o argumento principal vén dado por esa galería de
fascinación permanente que nos ofrecen os personaxes que un crítico literario
chamaría “secundarios”; personaxes que
deixan de selo pola súa humanidade, ou pola súa normalidade, entendida como o
respecto co que o autor os describe. Como non respectar unha persoa que dentro
da súa tolemia decide sementar unha árbore cada vez que hai un nacemento? Que
decide afastarse da morte para celebrar a vida? É marabilloso. É iso estar
tolo? A min paréceme todo o contrario. Eu quedo con este tolo para celebrar a
vida.
Quedo con el e
quedo co avó, personaxe principal que nos envolve coa súa sensibilidade, co seu
xeito de coidar da veciñanza, de ser respectado por todos. A el acode Casares
para coñecer máis sobre esa vida “non formal” da vila e será nese momento cando
o novísimo Antón participe do xeito narrativo que agora nos transmite: as
palabras escollidas para dar forma e cor aos personaxes. Uns personaxes ditados
por ese avó que coida de canto tolo pasea polas rúas de Xinzo.
PÁXINA 28: “Para min, o avó Mauro
tamén é un lugar, un espazo de recreo. Con el nunca existe o fastío. Talvez
polo que lle pasou, ou pola súa humanidade, ten unha paciencia e un punto de
comprensión cos demais, non só cs tolos. E sempre o asiste esa chispa alegre e
un nada alucinada coa que conta as cousas…”
Ou esoutro que
avanza cada día dando as novas mundiais, ancorado nun pasado afastado que cuestiona
o paso do tempo obxectivo que nos afoga coa súa prema; pero tamén hai un
shériff da secreta, cun costurón na meixela, que leva con dignidade a súa
profesión policial… Dignidade é
palabra clave da novela, porque a escrita de Riveiro Coello manifesta constantemente
ese respecto digno cara a toda a galería de personaxes arrolados polo vento
limiao.
Así pois, o que
nun principio semellaba unha novela da memoria da adolescencia, do espertar,
convértese abofé nun escenario polo que pasean devagar diferentes personaxes
que o mundo da cordura na que estamos instalados (que remedio) tilda como
TOLOS; Antón escolle que a súa propia historia, a intrahistoria, se dilúa para
dar paso a aqueles que, de seguro, nunca terían o seu lugar na historia; el
sabe firmemente que si o terá, xa que o seu nome está na nosa historia
literaria; por iso agora prefire
esmorecer e dar voz a aqueloutros que nunca a terían se non fose por el.
E non só a eles, habitantes tolos de Xinzo, senón a aqueloutros que conviviron
en moitos outros lugares do noso país. Estou certa de que a medida que calquera
persoa de mediana idade enfocará a súa vila para lembrar el ou ela tamén
aqueles tolos dos que se falaba na súa casa cos seus alcumes identificativos.
“No pasado
había nas vilas seres que eran recordados por algo senlleiro que os facía
diferentes e inesquencibles, persoas que adoitaban figurar no cadro distintivo
do “tolo común” e que, nos máis dos casos, hoxe pasarían desapercibidos cunha
medicación axeitada”.
Sen comentarios
Publicar un comentario