Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

02/04/17

Día Internacional do Libro Infantil e Xuvenil




 OEPLI

"Na miña máis tenra infancia gustábame construír casiñas con bloques e todo tipo de xoguetes, adoitaba usar como tellado libros infantís ilustrados; en soños, subía ata o interior da casa, deitábame na cama feita con caixas de mistos e contemplaba as nubes ou o ceo estrelado, todo dependía da imaxe que máis me gustase.

Instintivamente, seguín a lei de vida de todo neno que busca inventarse un ambiente cómodo e seguro, para conseguilo, un libro infantil foi de auténtica axuda.

Despois fíxenme maior e aprendín a ler, na miña imaxinación, un libro comezou a parecerse máis a unha bolboreta ou mesmo un paxaro, que a un tellado. As páxinas do libro eran como ás e besbellos. Era coma se o libro situado na soleira saíse voando inesperadamente pola xanela aberta cara a espazos descoñecidos. Collino, empeceino a ler e o libro tranquilizouse. Despois seguino a través doutros mundos e paraxes, mentres o meu universo imaxinario íase estendendo.

Que alegría ter un novo libro nas miñas mans! Ao principio non sabes de que trata, resistes á tentación de abrilo pola última páxina, e que ben cheira! Non é posible descompoñer o seu cheiro: tinta, cola? Non, non o é. Ten un aroma especial a libro, un excitante e único. As puntas dalgunhas páxinas pegábanse coma se o libro non espertase aínda, esperta cando o empezas a ler.

A medida que vas medrando o mundo ao redor vaise complicando. Enfróntaste a cuestións que mesmo un adulto é incapaz de resolver. Con todo, convén poder compartir as dúbidas e os segredos con alguén, por tanto aquí é cando o libro vén na túa axuda. Probablemente moitos de nós dixemos: eu escribín este libro! E o personaxe favorito de súpeto parece ser coma ti. Vive os mesmos problemas e trátaos con dignidade; outro personaxe non se parece a ti en nada pero queres que sexa como o teu ideal, pretendes ser tan valente e capaz como el.

Faime rir cando un mozo ou unha moza di “non me gusta ler”, non lles creo, seguro que toman xeado, xogan e ven películas moi interesantes. Noutras palabras, gústalles divertirse. A lectura, fronte ao desenvolvemento dos sentimentos e a personalidade, non é unha tarefa tan esgotadora, aínda que, ante todo, é un gran pracer.

Precisamente, esta é a intención dos autores que escriben libros para nenos!

(Escrito por Sergey Makhotini, traducido por Yana Shvedova e Ilustrado por Mikhail Fedorov)

Sen comentarios

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.