Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

19/02/21

Lectura fácil

 Andei detrás desta moza para que colaborase coas súas lecturas, que son moitas, pero nunca se me animou. Ata agora, impulsada por unha lectura que quere compartir convosco. Trátase de Lectura fácil, de Cristina Morales, publicada por Anagrama.

Grazas, Lara.



Lectura fácil para min é un libro imprescindible porque remove. A súa escrita fascina, o control da linguaxe que ten Cristina Morales provoca en quen a le un pracer desmedido; cada frase, cada enunciado, cada subordinada, ten unha carga semántica tal que fai que a súa lectura sexa inesgotable. É, ademais, unha novela heteroxénea, cambiante, con narracións diversas e estilos diferentes que se van adaptando ás personaxes. Ou será ao revés?

Sobre todo, Lectura fácil é política, é compromiso, é ideoloxía. Coonverte en visíbel a discapacidade intelectual ou, como di Morales, visibiliza esa etiqueta aséptica e politicamente correcta das institucións, un feito non novidoso pero si innovador, non só porque as protagonistas sexan mulleres, que tamén, senón porque a autora narra dende as marxes, reflexiona sobre a okupación, sobre a sexualidade, sobre "el yayo Karl"... a través de persoas que socialmente son consideradas residuos humanos, seres inferiores, vermes.

Non só a novela senón a propia Cristina é alguén que paga a pena coñecer. É un ser subversivo, interesante, cun talento innegable para a escrita. A palabra perténcelle de tal xeito que é capaz de crear significados cheos de beleza. A súa linguaxe é forza, é combativa, un exercicio de talento e intelixencia delicioso.

Sen comentarios

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.