Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

30/04/20

O xogo das cadeiras

Hugin e Munin publica na nosa lingua O xogo das cadeiras de Uxue Alberdi. Tres mulleres en tres épocas diferentes da vida: infancia, xuventude e vellice. As cadeiras como metáfora da vida, un xogo que consiste en que de cada vez alguén quedará sen sitio e terá que marchar do xogo. Pois iso. Así, nunha novela fragmentada, como é tamén a nosa memoria, pululan o amor, a guerra, a liberdade, as esperanzas rotas, e as gretas da memoria. Porque de memoria e dignidade está construído libro, sobre todo, un libro no que admiramos a esta mulleres fortes, valentes, independentes, que nos transmiten a súa historia de xeito singular, que nos falan de sufrimento e de violencia, que lembran o peor episodio vivido, a Guerra Civil. Un libro para a nosa propia memoria, onde non existen heroínas para lembar, senón que, coma a nosa existencia, presenta un monllo de vivencias, do día a día, con todo o que iso supón. Pero tamén, e neste momento máis ca nunca, dá voz á vellice, esa voz que tantas veces non escoitamos, e -tamén agora- esa voz que por miles deixamos de escoitar para sempre.

 

rfg_confinamento episodio1

29/04/20

Poesía cromática

Andei a colocar os andeis estes días (algúns, menos dos que pensaba e quería) e topei xoias coma esta, da que non falara aínda no blogue. Poesía cromática, de Antonio G. Teijeiro e Xulio G. Rivas, publicado por Belagua, é un deses libros aos que che gusta acudir de cando en vez para lle botar unha ollada, para ler un verso, para ulilo, para admirar un cadro. A curiosidade do libro é a arte que pecha en si mesmo debido á interacción que supón unha composición poética xunta a unha acuarela, ambas espontáneas e sen correccións posteriores. Un libro totalmente sorprende e diferente que dá unha aperta á beleza, á sensibilidade, ao simbolismo... das palabras, e ás cores, á natureza... da pintura.


La Cour

28/04/20

La casa grande

Recoñezo que non estou eu moi lectora de poesía, pero este libro con esa portada chama... eses ollos están a che dicir que tes que achegarte a este libro. É inevitable. Rosana Acquaroni publica en Bartleby La casa grande, unha colleita froito de amor e tributo á memoria da nai. A autora constrúe neste poemario unha casa, un lugar que visitar onde a linguaxe pode facernos pernoctar, pode procurar a sororidade, a dignidade, pode achegarnos a un modo de ser, a facernos comprender como ser muller no medio da amargura ou da soidade. Construír unha casa non é doado, e menos sendo unha casa poética que pretende comprender, expoñer e converter a historia íntima nunha historia maior, unha historia calada nunha historia con palabras, unha historia falsa nunha real: esa que só a desmontaxe do patriarcado pode construír.


“la belleza que esconden los naufragios, 
Todo está en ellos
flotando
en la balanza 
de las olas, 
la pérdida y la ganancia, 
el faro y el abismo, 
el bálsamo y la herida.
 
También tu tempestad
está conmigo". 


LLEVO ALOJADA EN EL CORAZÓN
una bala de plata.
La misma que mi madre
no supo disparar.

Abducido

27/04/20

¡Y todavía dibujan!

 Chamoume a atención a publicación deste libro no seu momento e foi arestora cando volvín a el (en realidade, agora podo achegarme a un montón de libros mercados e esquecidos). Este libro compila unha serie de debuxos de nenos e nenas españolxs que sufriron a Guerra Civil e que debuxaron para Aldous Huxley, un libro que el publicou en Esgados Unidos para apoiar a República, ademais de ser un libro pioneiro en terapias psicolóxicas sobre traumas bélicos. Este libro, publicado por La Uña Rota, conta con prólogo, tradución e notas de Leticia Fernández-Fontecha. ¡Y todavía dibujan! amosan a indefensión, a vulnerabilidade, a desprotección ante a guerra. A nenez mira a masacre, e trata de se protexer. Pero nada está a salvo dunha guerra fratricida: nin as casas, nin as familias, nin a natureza: as bombas e o lume arrasan todo.
E o peor, é saber que non aprendemos.

SonDeSeu OFG en confinamento. Mar de Vigo 2020

Versión de Mar de Vigo, tema arranxado por Rodrigo Romaní presente no 1º CD de SonDeSeu de título homónimo. A gravación foi realizada dende 62 móbiles sen edición de audio posterior agás na ecualización e panoramización. Gravado polas músicas e músicos de SDS na semana do 13 ao 19 de abril. Edición final de vídeo e mestua de audio: Rodrigo Romaní

26/04/20

Kokoro; El corazón de las palabras

Tiña hai tempo este libro onda min para vos falar del. Creo que non hai mellor momento ca este. Quen me coñece, sabe a razón.  Sandra de la Cruz recolle en Kokoro; El corazón de las palabras, publicado por La Galera:

las experiencias y emociones vividas en su viaje a Japón a través de poemas, de pinturas y de 27 conceptos nipones que no tienen traducción en nuestro idioma, como Sakurafubuki, la lluvia de pétalos de flor de cerezo; Iki, que define la sensualidad elegante y sobria; o Kokoro, la unión entre la mente, el espíritu y el corazón. 
La experiencia de un viaje revelador al Japón más ancestral.
 
Un libro con haikus, ilustracións, textos que reflexionan sobre o amor, a tristura... a carón de proverbios xaponeses, de citas que fan referencia a Xapón, de palabras xaponesas sen tradución... Vale, tedes razón, é un libro especial para min... Pero se non vos gusta, dicídemo. Coido que é imposible.
Ollo! As ilustracións poden hipnotizarte!




Comezar de cero. Guezos

25/04/20

Un lume azul

Por fin, puiden coller libros máis grosos aos que durante o curso habitual non podo meterlles o dente. Pedro Feijoo volve con Un lume azul publicado por Xerais á intensidade da escrita e a ternos pegadxs ao libro mentres non rematamos a lectura. Capítulos nos que non é doado sequera respirar, pola súa truculencia (recoñezo que ás veces lin en diagonal ou saltaba algunhas liñas porque non soportaba tanta crueldade na descrición das torturas). 
O libro comeza forte, avisándonos do que vai vir despois: a bestialidade máis núa. Nesta crueza está presente asemade a crítica social, xa que a investigación policial vainos levar non aos baixos fondos, como sucede habitualmente, senón ás partes altas da sociedade, esas que dominan o poder e a corrupción. En Vigo, o seu espazo.
Como é habitual neste tipo de novelas e na man deste autor, a lectura é aditiva e mantén un ritmo trepidante (a pesar das descricións), procurando unha intriga que non descansa. Canda isto, atopamos unha vez máis chiscadelas referentes á actualidade máis actual (personaxes públicos que coñecemos, por exemplo) e unha reflexión ao que vivimos. Esta reflexión vén moi acaída polo camiño que traza a novela, que non é outro que o da maldade máis irracional que non sabemos nin explicar nin entender.
Para min, o peor é o final, un tanto previsible. Iso si, con xustiza poética.

Títulos feministas que contan

Non foi doado facer este vídeo en pleno confinamento, pero non quedaba eu a gusto sen el, despois de facer os anteriores. Se non había un vídeo que convidase a ler libros feministas, onde quedaba unha parte importante do meu traballo e do que eu son? Así que fun polo pan... e ao instituto. 5 minutos para gravar e coller os títulos. Pido perdón porque non está como me gustaría, pero aí vai... con castelanismos por mor dos títulos. Agardo que sexades benévolxs comigo!



24/04/20

Tampoco abras este libro


Tampoco abras este libro jamás é como unha segunda parte de No abras este libro, uns álbums moi divertidos para xogar canda a lectura de Andy Lee que podemos atopar na editorial Bruño. O monstro que nos asalta dende as súas páxinas convídanos mesmo a non ler e ver a tele, mentres loita continuamente por que non sigamos lendo, prohibíndonos pasar cada páxina. 
Un libro xogo xenial.

«ííSUELTA EL LIBRO YA MISMO!! ¿No oyes ladrar a un cachorrito? íVe a ver, corre!
¿No hueles esa PESTE? íPues sale de AQUÍ!
íEh! ¿No tienes deberes, o qué?
íUyyy, qué cara de hambre tienes! íVe a comer algo ENSEGUIDA!
íSe te pueden CAER los ojos de tanto leer! (que lo sepas).
íAnda, mira, una TELE! ¿No te apetece verla un ratito?».

#10 Save Galicia

23/04/20

Títulos da LIX que contan

Pareceume que o feito de facer o outro día o vídeo de Títulos que contan gustaba, xa que varias compañeiras comentaron que tamén o ían facer para o seu alumnado. Tamén pensando no alumnado máis novo e para celebrar o Día do Libro, decidín facer outro semellante pero con títulos da LIX, esa Literatura da que tanto bebemos e da que nos sentimos moi orgullosxs. É unha pequena homenaxe a esta, e, por suposto, quedáronme moitos títulos na mesa sen utilizar que me tería gustado amosar.


22/04/20

Cociñando con Bolboretas no bandullo

Se un título é acaído para estes días de confinamento é este que nos propuxo Xerais hai xa un tempo: Cociñando con bolboretas no bandullo de  Diana Fernández Gómez e David Díaz Díaz. É bo tempo para cociñar en familia e para divertirse mentres se fai, e isto é precisamente o que este libro propón: a diversión na cociña acompañada de poesía ou relato. Mesmo inclue códigos QR para seguir as receitas no seu canle de Youtube. Ou sexa, que non lle falta detalle. 
Eu é que odio cociñar, pero aínda así, mentres o ollaba, sentía ata ganas de me meter a facer lambetadas, que ao final é o que máis me gusta... non sei por que, nestas épocas é o que me apetece!



Educar para a Igualdade

21/04/20

The Rolling Stones perform "You Can't Always Get What You Want"

Todo lo que no te conté

Se queredes que vos recomende un libro sen dubidar, aquí o tedes. Todo lo que no te conté de Celeste Ng publicado por Alba, foi unha aposta dunha amiga, Luz, que sempre acerta. Tíñao na biblioteca do centro, pero non apostara tan forte ata que unha chamada telefónica mo rescatou. Así que, novamente, grazas, Paramio, porque gustoume moito... non, moitísimo. Non sei que vou ler despois desta marabilla! Porque, iso si, a sensación de afogamento familiar aínda me vai durar... A verdade, non comprendo como se pode dicir que este libro é un "thriller": desde o meu punto de vista nada máis afastado da realidade. O libro fala das relacións familiares, das relacións matrimonimais, das relacións filiais... e despois tamén do rexeitamento social se es diferente. Un drama familiar que nos absorbe e nos desgarra, que vai pouco a pouco soltando segredos en continuos flas-back e pasearemos de crequenas entre soidade e frustración para chegar á dor e á desesperanza, aínda que sempre quede, quizais, unha raiola de sol. Emocións contidas e palabras presas nos beizos, sentimentos latentes que non se permite que saian á superficie, dificultades sociais que enganamos co ruído do corazón batente, lugares inesquecibles que se agochan intermitentemente, personaxes nus que permiten que sexa o lectorado quen os xulgue... Xa digo, o libro está agardando por vós. Lédeo, e se vos defrauda, avisádeme, por favor.




20/04/20

Celtas Cortos - 20 de Abril (Versión 2020 Covid-19)

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.