Agradezo á editorial Kalandraka a oportunidade coa que me agasallou formando parte deste xurado, resultou ser unha experiencia extraordinaria e esgotadora que deixa un sabor ben doce na miña memoria. Unha gozada contar con Federico Delicado e o seu extraordinario sentido do humor, a súa calidade humana e a súa sabedoría ilustrada; estar ao carón de Victoria Fernández e o seu enorme coñecemento da Literatura Infantil e Xuvenil e aprender con Manuela sobre este mesmo mundo foi impagable.
Recollo do blogue de Kalandraka:
A obra presentada co lema “Y se hizo la luz”, do deseñador e
ilustrador cordobés Miguel Cerro, foi a gañadora do VIII Premio
Internacional Compostela de Álbum Ilustrado. Ao certame presentáronse
340 orixinais procedentes de 20 países, principalmente España, Portugal,
Italia, México, Arxentina, ademais de Rusia, Polonia, Tailandia, Malta
ou Estados Unidos, entre outros. O álbum galardoado será publicado por
KALANDRAKA nas cinco linguas peninsulares e o gañador recibirá 9.000
euros en concepto de adianto polos dereitos de autor.
O xurado destacou que, dende o punto de vista plástico, este traballo
sobresae pola súa “coherencia, o estudo minucioso dos personaxes, o
colorido e a composición”. Este álbum trata sobre “o valor da
solidariedade, daquel que sempre axuda os demais e segue crendo no
colectivo”, así como “o afán de superación e a busca da felicidade
inmaterial”, explicou o xurado, que tamén valorou “as diferentes
interpretacións que resultan da lectura do texto”.
Miguel Cerro dedícase profesionalmente á ilustración e ao deseño
gráfico dende 2008. Realizou numerosos traballos de deseño, publicidade e
ilustración, especializándose en carteles e libros ilustrados. Publicou
máis de 10 obras, algunhas das cales recibiron premios e mencións en
diversos concursos.
O xurado do VIII Internacional Compostela de Álbum Ilustrado tamén
declarou finalista a obra presentada por Ana Rita Pinheiro Marques dos
Reis, de Tomar (Portugal), presentada co lema “Anabela, a pinguim
friorenta”, en formato pop-up ou despregable.
Ademais, recibiu unha
mención especial o traballo “¿Amigos?”, de Anabel Fernández Rey, de Bos
Aires (Arxentina).
O VIII Premio Internacional Compostela de Álbum Ilustrado enmárcase
na XV Campaña Municipal de Animación á Lectura que, co lema “Ler é
voar”, se está celebrando ata o vindeiro 9 de maio na Galería
Sargadelos.
No xurado do certame participaron o ilustrador Federico Delicado,
gañador da sétima edición do Premio Compostela con “Ícaro”; a directora
da revista Cuadernos de Literatura Infantil y Juvenil (CLIJ), Victoria
Fernández; a profesora e especialista en literatura Gracia Santorum;
Manuela Rodríguez, en representación de KALANDRAKA; o xefe do
departamento de Educación do Concello de Santiago, Xosé Manuel
Rodríguez-Abella; e a concelleira de Educación, Teresa Cancelo, xunto
coa técnica de Educación Beatriz Varela, en calidade de secretaria.
Sen comentarios
Publicar un comentario