The Man who sold the world Un dos clásicos do gran David Bowie
Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.
14/04/09
Nontodovanserlibros (XXXVIII)
The Man who sold the world Un dos clásicos do gran David Bowie
Atoparalo en Música
13/04/09
As cores do galego
O galego non é, nin debe ser, monopolio de ningún partido político, porque é a lingua das galegas e galegos de todas as ideoloxías e mesmo dos que non a teñen ou cren non tela. Porque o galego non ten color política e aínda é a lingua da maioría dos galegos e galegas de todos os partidos. Porque o galego fálano galegos de dereitas e de esquerdas, nacionalistas e non nacionalistas, galegos que se senten máis españois que galegos e galegos que se senten máis galegos que españois. Porque as linguas son patrimonio universal e non son propiedade de ninguén.
Pero despois dunha precampaña electoral tan agresiva contra o proceso de recuperación do galego por parte de xente que utiliza a palabra "bilingüe" para defender o seu monolingüismo militante, chega a resaca post-electoral e Alberto Núñez Feijoo, o que vai ser o noso Presidente durante os próximos catro anos, promete como primeirísima medida derrogar o vixente decreto 124/2007 do galego, que pretende garantir un mínimo do 50% do ensino en galego e que foi redactado en aplicación do Plan Xeral de Normalización Lingüística aprobado no Parlamento de Galicia por unanimidade no 2005, sendo presidente da Xunta Manuel Fraga Iribarne, e promete eliminar a obrigatoriedade do ensino en galego nas materias troncais que defendía o anterior decreto 247/1995, que o seu propio partido apoiara no ano 1995 estando tamén como presidente da Xunta Manuel Fraga, que gobernaba daquela en Galicia con maioría absoluta. Así que nos topamos con que o que se apoiou como protección necesaria
do galego polo PP que lideraba o que fora ministro de Franco do ano 1962 ao 1969, agora é rexeitado como imposición do galego polo PP liderado pola nova cara do PP do século XXI.
Quen o diría? Que o dereito a non aprender galego sexa o primordial para o novo presidente da Xunta de Galicia! Quen o tería imaxinado? Un home que presume de ser un home do seu tempo, defendendo o dereito a ser analfabeto funcional na lingua propia de Galicia e a ser monolingüe en castelán en Galicia.
Bo xeito de comezar unha lexislatura en tempos de crise..., dándolle as costas ás directrices europeas e ao que xa hai tempo que as empresas comezan a recoñecer, que os cidadáns bilingües son máis versátiles, algo indispensable nunha sociedade tan cambiante como a que nos toca vivir.
Pois a verdade é que as grandes empresas por fin recoñecen que o galego vende máis na publicidade, que a atención en galego mellora o rendemento de moitos negocios e á hora de contratar novos traballadores cada vez máis grandes empresas, mesmo multinacionais, esixen aos seus traballadores máis cualificados o coñecemento de, polo menos, unha lingua autonómica, sen falar de que, lonxe de dificultar a aprendizaxe de novas linguas, a inmersión nunha segunda lingua na infancia, facilita a aprendizaxe de novas linguas no futuro e a xente verdadeiramente bilingüe ten máis facilidade para aprender terceiras e cuartas linguas.
Pero nada diso debe ser importante para o señor Feijoo cando se permite defender a lei do máis forte e desprotexer unha lingua desde a súa formación política, prometendo lexislar para un sector minoritario da poboación que non quere coñecer a lingua dos galegos, rompendo así o consenso acadado por todos os partidos políticos no ano 1983 cando se aprobou a Lei de Normalización Lingüística, como desenvolvemento da cooficialidade defendida polo Estatuto
de Autonomía de Galicia aprobado en 1981.
Así que, aínda que o galego non teña cores políticas, podemos dicir sen temor a equivocarnos, que neste momento o ataque á nosa lingua propia si ten cor política, algo dobremente grave se temos en conta que o galego non naceu para enfrontar o pobo que a creou, senón para unilo e vertebralo, igual que todas as linguas do mundo, aínda que haxa quen siga pensando na diversidade lingüística e no plurilingüismo como maldicións no canto de riqueza.
Atoparalo en Artigos de prensa, ENL, Galicia, Linguaxe
Mando a distancia
Zapping from Aritz Aizpurua on Vimeo.
Vía Más que Libros
12/04/09
Curtas galegas
Aquí podedes consultar a ficha de cada unha delas.
Non deixedes de velas!. Xa me contaredes cal vos gustou máis.
A última cea (s)
Realizouna Jeremy Barkar, autor do blogue Popped Culture; hai ata 101: alí podes velas todas.
Nós vímolo en Mangas Verdes.
Atoparalo en Arte, Fotografía, Humor, Relixión
Selo Violeta
As regras son:
- Exhibir o Selo Violeta no seu blogue coas regras;
- Indicar cantos blogues consideras que merecen este selo;
- Avisar aos indicados, non te esquezas diso!;
- Escribir dous poderes máxicos que xa imaxinaches ter.
Non, non temos poderes máxicos, aínda que si nos gustarían algúns: o poder da IGUALDADE, sobre todo, o poder da PAZ, o poder da SABEDORÍA... vaia se nos gustaría!!!
Como hai uns días tamén recibimos estoutro agasallo,
e debemos pasalos a outros blogues... pensamos que o primeiro debe ser a un conxunto, aos:
que tanto nos aportan, sorprenden e ensinan cada día.
E como non, a outro conxunto, ao
porque agora máis ca nunca debemos lembrar quen somos e que lingua temos.
E o segundo énos difícil porque moitos escollidos por nós xa o teñen, como Iniciarte, Más que libros ou a Biblioteca Ceip Sant Jordi, así que vai para:
No sólo libros
Bajo el signo de Libra
Brétemas
Caderno de lingua
Lápices para la Paz
Recogedor
Tutoría GLBT
Sexismo publicitario
Repaso de Lengua
Ler para crer
Vaia, que nos quedan moitos por nomear...
Grazas a todos eles por nos aportaren tanto cada día.
Atoparalo en Premios
11/04/09
Peche a caixa de Pandora
O proverbio di que se pilla antes a un mentireiro que a un coxo. Mais o que o proverbio non conta son as veces que na historia a xente confundiu o coxo co mentireiro e foi á súa caza, mentres o mentireiro aínda tiña tempo de rir do aleixado: "Que ben coxea ese cabrón!". Moitas teñen sido as trolas que colaron na Historia. Trolas que fixeron moito dano. Trolas que duraron anos e anos. Que acadaron o rango de grandes verdades instituídas até esvaeceren na nada. Trolas que marcaron a ferro a xeracións enteiras. E aínda a culpa sería do pobre coxo que, como Galileo, tratado de mentireiro durante séculos, ousara afirmar: "E pur si muove!"
O Galilei demostrara que a Terra viraba sobre si e arredor do Sol. Mais o pensamento túzaro da época non estaba para aturar semellante sutileza. Penso que ese sería un bo lema para o futuro do galego nestes tempos de tribulación, no que se anuncia a derrogación das leis que desenvolvían o mandato da Constitución para acadar unha real cooficialidade. É o intre de que todas as persoas e entidades conscientes da delicada situación na que se atopa o noso máis valioso patrimonio cultural, pronuncien en nome do galego: "Eppur si muove!" (Móvese!).
Por que chegamos a esta situación, impensábel aínda hai ben pouco? Porque se abriu, por oportunismo electoral, a caixa ou xerra de Pandora, a que gardaba as treboadas, tronos e lóstregos. E espallou-se, con total irresponsabilidade, unha consigna envelenada: a da presunta "imposición" lingüística (do galego sobre o castelán!). Hai trolas que, na lembranza, ficarán como trasnadas de campaña, como trapalladas. Mais hai trolas que se espallan como mecha, aniñan nos prexuízos e atoan o entendemento. Non só afecta ao futuro do idioma galego. Cando se produce o triunfo dunha falsidade é toda a sociedade democrática a que padece os efectos. A unha trola pode seguir outra até construír unha imaxe falsa da realidade. E iso só pode traer unha consecuencia: desleixo educativo, empobrecemento cultural e retroceso democrático e no benestar social. Como estamos a ver coa crise da economía global, unha sociedade aberta e próspera só pode cimentarse sobre a verdade das cousas.
Nestes últimos meses tenme cadrado falar con diferentes persoas totalmente convencidas de que nos centros de ensino de Galicia, mesmo na Coruña, onde moramos, os rapaces só poden estudar castelán na clase de lingua e literatura castelá. E aínda máis. ¡Había centros que se converteran nunha especie de campos de concentración onde os rapaces só podían expresarse en castelán nos recreos e aínda así eran vixiados! Quen me contaba iso eran persoas correntes. E non só no ensino público. Tamén nos concertados ou privados había a "imposición"! Preguntei se nos centros onde ían os seus fillos pasaba tal cousa. Responderon que non, por suposto. Preguntei entón o nome dalgún centro onde se dera ese estado de "imposición" totalitaria, que mesmo levaba á persecución dos nenos no tempo de lecer. Os institutos públicos? Os Xesuítas? A Grande Obra? A Compañía de María? Talvez nos colexios do Opus se estaba a impoñer o galego e nós sen sabelo. Non. As respostas eran sempre as mesmas. Dis que por aí... E o por aí sempre é outro sitio, a cada vez máis afastado. Primeiro, Corcoesto. Logo, Coirós. Logo, Irixoa. Logo... Talvez na Galitzia, en Polonia. É dicir, un lugar imaxinario. Na auténtica realidade, na realidade que estaba diante nosa, a gran maioría dos centros non acadaba os mínimos da cooficialidade bilingüe.
O presunto estado de "imposición" funcionou e funciona como unha lenda urbana. Todo o mundo preocupado por unha "imposición" inexistente, mentres o que ocorre na realidade é un proceso cada vez máis acelerado que pode levar ao border line da extinción. O mundo do revés. O que ocorreu e está a ocorrer con este asunto lembroume a inesquecíbel lección de xornalismo que deu Le Monde cando publicou unha reportaxe no municipio de Francia onde a dereita bruta de Le Pen acadara maioría absoluta, que era na área próxima á fronteira con Alemaña. Un lugar moi tranquilo, mesmo bucólico. A maioría dos seus habitantes eran maiores, na vellez ou camiño dela. Os xornalistas foron preguntando o por qué apoiaran esa opción extrema e todos os entrevistados coincidían: para frear a inmigración. Mais ocorría unha cousa curiosa: nese municipio era no que menos inmigrantes había e os que había dedicábanse, precisamente, a coidar as persoas anciás en condicións salariais que os franceses de toda a vida non aceptarían nin a tiros. Así que a realidade era ben surrealista: vellos coidados por inmigrantes que daban o seu voto a unha formación política que quería botar fóra os emigrantes. Tíralle do aire!
Mais volvendo ao noso marabilloso caso, está claro que a lenda urbana da "imposición" funcionou porque a dereita mudou a súa posición histórica (a mantida dende 1983) e adoptou as teses extremistas, talvez para cegar o paso a Rosa Díez, que foi tan axiña upada como será desprezada cando xa non sexa útil. O outro factor foi que en medios importantes, e tradicionalmente prudentes, a verdadeira información foi substituída pola maquinaria pesada da propaganda. Tamén sumándose á lenda urbana da "imposición".
Hai algunhas lendas "urbanas" máis, derivadas do pensamento túzaro, que deforman por completo a realidade. Por exemplo, esa ladaíña de que a cultura galega é unha cultura subvencionada. Os máis afeitos a ese retrouso, por suposto, son os profesionais das subvencións, os expertos en chupar da teta. Fronte a esa lenda, cómpre dicir a verdade: non hai cultura menos subvencionada que a galega en toda a contorna do mundo occidental. Na lenda urbana dos túzaros, fálase de continuo de presuntos intelectuais e artistas que viven na gloria subvencionados e agradecidos. Eses seres, por suposto, non existen. Todos, que eu saiba, teñen que compatibilizar o seu mester con outro traballo para tirar adiante. Os que si existen son os ventrílocuos dos medios subvencionados. Ninguén cuestiona as subvencións directas a deportistas, mais non hai nada semellante no eido da cultura. Aquí o que cobrou subvención foi Julio Iglesias, que levou por un día máis que a cultura en todos os tempos, Bella Otero incluída. En serio. O que se destina ao libro e ás bibliotecas galegas segue a ser moi pouco en comparación co resto de España e Europa. E velaí temos o resultado: seis de cada dez galegos afirman que non len nunca (é dicir, nunca!) un libro. Haberá quen diga que os libros son malos. Mais é difícil saber se un libro é malo se non se abre nunca ningún (é dicir, ningún!).
Ben. Impúxose a mentira da "imposición". Hai que recoñecelo. O modelo de normalización por consenso foi derrotado. Foi derrotada a herdanza de Ramón Piñeiro e da moderación galeguista. Mentres prosegue a satanización do ex Goberno, co concurso entusiasta dos inevitábeis discípulos de Caín, cómpre lembrar que tanto a Consellería de Educación como a Secretaría de Política Lingüística tiñan por titulares persoas independentes nomeadas polo PSOE, con bo historial, máis que pousadas, moi moderadas, e que levaron a súa función con tanto tento que me fai lembrar aquel verso aforístico de Pereiro: "Escribir con delicadeza na caixa de Pandora".
Mais os que abriron a caixa de Pandora non che estaban para delicadezas.
Os novos mandatarios, a comezar por quen vai presidir a Xunta de Galicia, terán a responsabilidade de ler de novo, polo miúdo, a histórica Lei de Normalización Lingüística (Lei 3/1983), aprobada por unanimidade de todos os grupos, e o decreto que desenvolve o previsto por esa lei no eido do ensino. Esa lexislación acordouse no Parlamento galego, mais é moi importante que non se esqueza que o seu berce está na Constitución democrática, onde se estabelece a especial protección e cooficialidade dos idiomas galego, vasco e catalán nos ámbitos territoriais das nacionalidades históricas. Así o ratificou, xa en varias ocasións, o Tribunal Constitucional. Cómpre lembrar unha vez máis que a Lei de Normalización foi promulgada por un Goberno conservador, sendo presidente o señor Fernández Albor, e que na súa elaboración tivo ese papel nuclear Ramón Piñeiro, a quen o señor Núñez Feijóo sinala sempre como un referente polo seu galeguismo moderado. Desa madeira, a do galeguismo ilustrado e liberal, é tanto a lei como o decreto que a desenvolve no ensino: textos racionais, sensatos e acordes co seu tempo e coa xustiza.
Esa lexislación non foi froito dun delirio. Foi moito tempo meditada. Foi feita por xente que cría na democracia e na autonomía. E no futuro da lingua galega, compartido nun espazo de simpatía co castelán. Pódense derrogar esa lei e ese decreto, mais por que e para que? Neles toma forma, con precisión e xustiza, o espírito da Constitución e do Estatuto de Autonomía.
Ande, señor Feijóo, tape a caixa de Pandora, devólvalla a quen a abriu, e proceda polo ben da Galicia enteira, esquerda e dereita, galeguista ou non, a escribir con delicadeza.
Atoparalo en Artigos de prensa, ENL, Galicia, Linguaxe
Publicidade na biblio
Vía Más que libros
Atoparalo en Publicidade
O soño de Chuang Tzu
Chuang Tzu soñou que era unha bolboreta e logo non sabía se era un home que soñara que era unha bolboreta ou unha bolboreta que soñaba ser home...
Para Bolbor, non podía ser doutro xeito.
Vía Contomundi
Atoparalo en Animación, Escritura, Fotografía
10/04/09
Hai galegos, hai galegas
Hai galegas que soñamos con arrolar aos nosos nenos en galego, en sentirnos normais cando lles falamos no parque e cando mandamos o noso curriculum na nosa lingua.
Hai galegos que soñamos con facer o amor en galego, e poder ver cine na nosa lingua e darlles aos nosos fillos xogos en galego.
Hai galegas que soñamos con volver escoitar nos patios dos colexios “non vale furaaaaar” e mestras que rifen aos meniños por tirarlle terra ao compañeiros.
Hai galegos que soñamos con pais e nais que pidan aos mestres máis clases de galego, non porque sintan que son importes para o futuro máis ben porque son imprescindibles para o presente.
Hai galegas que soñamos con políticos audaces que non utilicen a lingua coma unha mercancía electoral se non coma unha vacina contra o pensamento único e a intolerancia social.
Hai galegos moi sabios que estamos convencidos de que nin os descoñecidos, nin os médicos, nin as avogadas, nin os notarios, nin as empregadas das tendas de moda, nin as nenas do veciño cos que imos no ascensor non nos entenden se falamos na nosa lingua.
Hai galegos que sabemos que o galego non precisa leis para medrar (acaso Celso Emilio tívoas para declararlle o amor a Moraima?) pero que piden que os seus dereitos sexan recoñecidos.
Hai galegas aos que se lles enche a boca de ledicia cando ven que o outro fala galego por primeira vez, sen colocar ben os pronomes pero sabendo que aí comeza unha nova historia de amor.
Hai galegos que sufrimos cando se nos chama impoñedores mentres vemos esmorecer a nosa lingua e aos que nos gusta saber outras linguas igualmente ricas e gozamos cos grandes clásicos da outras culturas pero que a que sentimos coma nosa é a lingua galega.
Hai galegos e galegas que sentimos a lingua como unha alfaia da gran familia galega, moi, moi valiosa que fomos herdando e que non estamos dispostos a deixala perder polo cal...
Manifestamos o noso desexo de darlle mil primaveras máis á lingua galega con decisión, con valentía e con coraxe. Non pararemos ata que a nosa lingua floreza e dea froitos.
Manifestamos que estamos fartos de que a lingua sexa un arma para denunciar, para gañar votos, para perdelos, para falar de imposicións para facer mofa, para impoñer presuntas liberdades.
Manifestamos que calquera galego perde algo se lle cortan a lingua e que os nenos e nenas galegas só poderán falar galego se llo ensinan e só o amarán se o coñecen por usalo.
Polo cal, sabendo que temos na nosa caluga a mirada de todos os nosos devanceiros e cheos de responsabilidade, pedímoslle a pais, nais, avós avoas, mestres e mestras, médicos, avogadas, mozos, mozas, e sobre todo políticos e políticas desta terra a defensa da nosa lingua con valentía e sen partidismos. Que xa está ben de botarnos na cara non-sei-que-cousas sobre bilingüismo, diglosia, imposición, harmonía, conflito, Galiza-Galicia, probable-probabel... que a nosa lingua está viva pero ten síntomas de enfermidade e que os enfermos e os médicos somos nosoutros e nosoutras e que só se nos arremangamos e nos botamos a andar coa nosa lingua por diante seremos quen de botala adiante e se non somos quen iremos ao camposanto das linguas mortas e sen fillos e choraremos por ela.
Una vez
e que está ben, sen máis. Eu creo que mellor que o do neno que mencionei, aínda que me parece que resulta igual de pouco crible que este.A historia en si está ben: un neno que non é quen de asimilar o que está a pasar ao seu arredor. Os nazis son vistos por el como un perigo porque queiman libros, e el ama os libros porque os seus pais son (eran) libreiros. A historia, por tanto, é tenra polo contraste entre a inocencia do neno e a crueldade da realidade. Pero ás veces parece que o neno e os seus amigos medran de súpeto e actúan como maiores. Non sei de que idades estamos a falar no libro, pero volvo a atopar algo que non encaixa, como me sucedera con "O neno do pixama...". Non me acabo de crer os pensamentos e actuacións.
De todos os xeitos, é un libro fácil de ler, para o que tedes que investir pouco tempo... e estou segura de que vos vai gustar. Facede a proba! Ademais, a mensaxe que nos transmite ao final é de esperanza, que é o que máis vos gusta.
Aquí podedes ler o primeiro capítulo. A ver se vos gusta.
Acabo de ver que ten unha segunda parte: "Entonces"
Atoparalo en Guerras, Kailas, Lectura, Libros, Recomendamos
Obama, o bárbaro
mplos. Coa inauguración do próximo Salón do Cómic de Barcelona, Batman vivirá algunhas aventuras na capital catalá. Spiderman presentarase en Cádiz ¡toreando coa bandeira española!!!. Agora, turno para Barack, o Bárbaro. De presidente e líder das redes sociais a superheroe, protagonista dun cómic centrado na vida política norteamericana, pero ambientado en épocas mitolóxicas. Isto será para o verán: Obama, representado como un xigante musculoso, encargarase de salvar América. Iso si, axudado por Hiliara... fácil, non?
Atoparalo en Actualidade, Cómic, Personaxes
09/04/09
Unha lingua sentenciada
Este é un artigo algo longo, síntoo. Pero necesario.
Título "Unha lingua sentenciada, un país anestesiado", publicado no xornal Galicia Hoxe o 26 de marzo. Autor: Xosé Graña Núñez.
Os erros páganse, e en política os erros estúpidos páganse dobremente, sobre todo se quen os comete é a esquerda. Esta foi a sentenza que o pasado un de marzo ditou a sociedade galega. Galicia, despois dunha paréntese de tres anos e medio, volve ter un presidente do PP: Alberto Núñez Feijóo. ¡¡Felicidades Sr. Presidente!!; oxalá teña vostede sorte para ser ese "Presidente de tódolos galegos"como tantas veces preconizou; pero permítame que lle diga unha cousa : ¡mal empezamos!
Coa que está caendo, con miles de familias galegas bordeando a penuria, cunha situación económica que empeza a ser dramática (e por máis que esa declaración de intencións estea en consonancia coas promesas electorais) resulta abraiante que unha das prioridades do futuro Presidente sexa liquidar as Galescolas e derrogar o Decreto 124/07 de uso e promoción da lingua galega no ensino, decreto que non é máis cá materialización do goberno bipartito do Plan de Normalización Lingüística, aprobado no Parlamento por unanimidade, tendo o PP maioría absoluta, e por suposto co voto favorable do vicepresidente Núñez Feijóo. Decreto ó que lle deron o seu respaldo institucións, organismos e colectivos tan diversos coma : Consello Escolar de Galicia, sindicatos, organizacións estudantís, federación de centros católicos concertados, federación de asociación de pais e nais, movementos de renovación pedagóxica... A que máis consenso se pode aspirar...? Que cambiou dende aquela a agora no PP. Será porque "os da boina" tiñan un peso que xa non teñen...?
Se o presidente in pectore que semella ter un descoñecemento preo- cupante do nivel de implantación do galego no sistema educativo (un de cada cinco cidadáns asegura que a escola influíu en que se expresase en castelán) ten unha decisión tomada que actúe en consecuencia, sen ambigüidade, sen globos sonda nin demagoxias... Como se pode anunciar unha medida que supón un ataque frontal e irresponsable á lingua galega e, a un tempo, declararse un incondicional defensor da mesma, ou pedirlle ó Consello da Cultura Galega "a defensa da identidade galega". Pero que mellor defensa hai da nosa identidade ca defender sen complexos o que é o noso principal trazo de identidade: a lingua. Di tamén o Sr. Feijóo que avoga por sumar o reto do coñecemento do inglés ós da aprendizaxe do galego e o castelán e "elevar a categoría política o que se fai na rúa" . Pero á que rúa se refire, á de Petín (en Ourense) ou á "rúa Real" (en "
Esta polémica decisión (esperemos que nunca chegue a materializarse) tómase en base a dous principios básicos que, cando menos de cara á galería, soan moi ben : "as linguas non se impoñen" e "os pais teñen dereito a elixir a lingua na que educar os seus fillos". Estou completamente de acordo, se estivesemos falando dunha sociedade verdadeiramente bilingüe e lingüisticamente normalizada. Pero ese non é o caso galego. Aquí todos sabemos (incluídos os desa plataforma que se fai chamar, sen ruborizarse, "Galicia bilingüe") cal é dende hai cincocentos anos a lingua marxinada, proscrita, ignorada e mesmo ridiculizada por tantos renegados ó longo da historia. Como se pode falar de imposición dunha lingua que ano tras ano se está desangrando nunha perda de falantes que semella irreversible, como apuntan tódalas enquisas, que serían aínda máis dramáticas se non as maquillasen as xentes do rural e as xeracións máis vellas...? Os datos do último Mapa Sociolingüístico de Galicia realizado pola RAG (resulta sorprendente que teña que ser A Mesa quen os dea a coñecer...) son tan demoledores que apuntan con toda contundencia a que o noso idioma, en canto ó número de falantes, está a vivir o peor momento da súa historia. Como se pode falar de imposición dunha lingua que xa é pouco máis ca unha anécdota na xuventude urbana, dunha lingua que pasou de ser a lingua inicial do 60% da poboación a só selo dun 20%? Como se pode compaxinar que os alumnos ó rematar os estudos medios teñan unha competencia similar nos dous idiomas, se ó galego non se lle permite ser a lingua vehicular nunha porcentaxe similar ó castelán, como se recolle no Decreto 124/07 que agora se pretende derrogar e que, por certo, se incumpriu sistematicamente sen que a Administración do bipartito movese un dedo.Que está pasando nunha sociedade na que moita xente se sorprende de que un neno (urbano) de tres anos fale na lingua vernácula... Quen non escoitou lindezas coma esta : "ay que niño más riquiño...¡que bien habla el gallego!" ? Ata aquí chegamos e este é o país que temos, un país no que o castelán segue sendo a lingua absolutamente hexemónica e privilexiada e, por se isto fose pouco, mimada polos poderes económicos e mediáticos, e por un nacionalismo español, sen escrúpulos que non dubida en patentar un invento como "Galicia bilingüe" para enganar a moita xente de boa fe que, inocentemente, mordeu ese caramelo envelenado, pero cunha etiqueta tan atractiva no envoltorio ("Galicia bilingüe") Que nos expliquen o que entenden eles (curiosamente a maioría castelánfalantes) por "Galicia bilingüe", se é que chegan a entender o que implica o concepto bilingüe, cousa que dubido. Moito me temo que o que pretenden é reducir o galego a un gueto no rural para acabar correndo a mesma sorte que o gaélico, completamente engulido polo inglés...
En relación co outro argumento esgrimido por Núñez Feijóo, o de que "os pais teñen o dereito a elixir a lingua na que educar os seus fillos" eu subscríboo ó cento por cento, pero que se aplique con tódalas consecuencias. Nos últimos trinta anos este dereito, de facto, e salvo casos moi puntuais, só o tiveron os pais que optaron polo castelán. A quen pode molestar que haxa galescolas que garantan ese dereito a elixir, para os pais que así o desexen...? Neste punto cómpre matizar algo que me parece fundamental. Ser libres non é simplemente elixir entre A e B, senón ser plenamente conscientes do que implica cada unha das opcións. Nunha sociedade diglósica como a nosa aínda perduran moreas de prexuízos e complexos ancestrais que minaron a conciencia de moitos cidadáns, incapacitándoos para unha elección verdadeiramente libre e obxectiva. Despois de cincocentos anos de marxinación e de discriminación da lingua vernácula, a ninguén debería escandalizar que reivindiquemos unha discriminación (neste caso positiva) para unha lingua ferida de morte que precisa de coidados intensivos... Menos falar de entelequias como "bilingüismo amable ou harmónico", de que "as linguas non se impoñen senón que se aman.." (hai amores que matan, Sr. Feijóo) e centrémonos na crúa realidade: Galicia arrastra dende hai séculos unha diglosia esquizofrénica, de tal magnitude, que a día de hoxe os cidadáns que optan por "vivir en galego" téñeno moito máis complicado do que o teñen os que optan por "vivir en castelán". Como galegos, deberíanos caer a cara de vergonza de que isto pase na nosa terra, no século XXI...
Agora ben, con todo isto ser absolutamente delirante, un queda, se cabe, aínda máis desconcertado cando constata a apatía e indiferencia dalgúns estamentos sociais que en calquera país, cun mínimo de decencia, saltarían coma un resorte...Aquí, máis ca tocar a arrebato tocou a retirada. Xa se sabe, o que se mova non sae na foto... Alguén é capaz de imaxinar este escenario en Euskadi ou Cataluña; que Basagoiti lle esixa a Patxi López, no pacto de goberno, liquidar as Ikastolas, ou a un PP catalán vitorioso anunciar que vai suprimir os programas de inmersión lingüística en catalán? Pero Galicia é distinta; seguimos sendo ese pobo submiso e resignado ó que lle resulta indiferente que xoguen co máis sagrado da súa identidade.
Onde está a Real Academia Galega que nin se atreve a publicar os datos do último Mapa Sociolingüístico antes do un de marzo, por temor de prexudicar... a quen? Onde está o Consello da Cultura Galega que se reúne con Feijóo sen que ninguén lle afee semellante despropósito. Onde están os departamentos de galego das universidades, a intelectualidade galega, o vello e o novo galeguismo e tantos profesionais ós que lles deu notoriedade este idioma no que tan pouco parecen crer? E que dicir do numeroso colectivo de ensinantes que comemos a conta desta lingua...? E que fan as forzas políticas e sindicais autóctonas e non autóctonas... ? Salvo honrosas e puntuais excepcións (as xeneralizacións sempre son inxustas) a anestesia funcionou e a parálise é case total. Un ten a amarga sensación de que nesta terra galaica sobra tanto "pesebrismo" como falta dignidade.
A traxedia para a nosa lingua é que, a diferenza do que ocorre noutras partes, aquí pode ser atacada impunemente, sen que iso comporte un rédito electoral negativo. Isto os políticos (especialmente os dos partidos estatais) sábeno e xogan en cada momento a baza que máis lles convén. Cando toca españolismo : "no a la imposición del gallego". Cando toca galeguismo (pseudogaleguismo, diría eu) : cámbiase o "chip" e a practicar niso que se chama "diglosia invertida" ou "uso ritualizado do galego". E todos tan felices e contentos. Xa o dixo o xenial Laxeiro : ¡¡Que fermoso país, pero que carallo de xente!!
*Catedrático de Lingua e Literatura Galega no IES Ánxel Fole de Lugo
Atoparalo en Artigos de prensa, ENL, Galicia
Autismo contado por unha nena

Vía Libro de Notas
Atoparalo en Animación, Cine, Infancia, Sociedade, Solidariedade
08/04/09
Pola Convivencia Lingüística
As persoas que promovemos esta chamada queremos manifestar, perante as institucións de autogoberno e como aclaración perante a sociedade galega, o seguinte:
1.- O pobo galego ten dereito a que a súa lingua propia (orixinaria) sexa oficial a todos os efectos no seu ámbito territorial. Os usuarios do galego deben desfrutar no seu territorio do mesmo status legal que o castelán ten no seu.
2.- A situación do galego está moi lonxe de ser así. Non desfrutamos de dereitos lingüísticos plenos para desenvolver a nosa vida diaria con normalidade na nosa lingua na nosa terra. Son os falantes do galego os que resultan discriminados. É o galego o que corre perigo como idioma e os galego falantes os que non son debidamente respectados. Vivimos unha grande inxustiza que é a negación da igualdade e da verdadeira convivencia.
3.- Por iso, resulta realmente preocupante que, desde Madrid, con apoio de importantes medios de comunicación, haxa quen pretenda convencer á opinión pública de que o castelán corre perigo de desaparición e que os seus falantes son discriminados no noso país. Esta inversión da realidade ten como obxectivo que os falantes do galego non teñan dereitos lingüísticos e que os únicos deberes para as Administracións públicas se vinculen ao castelán.
4.- O verdadeiro problema non está na cooficialidade de idiomas como o galego, senón na actitude de quen nega a existencia de pobos e linguas diferentes no Estado español. Esta actitude si é a negación da convivencia e da igualdade. O proceso de normalización de usos do galego foi lento e, até hoxe, insuficiente para garantir o dereito a vivir nesta lingua. O que compre é respectar a legalidade vixente (Estatuto e Lei de Normalización Lingüística) e avanzar con cambios legais na dirección da igualdade e da convivencia. Xustamente a dirección contraria á proposta polos que pretenden a imposición do castelán como único idioma con dereitos e deberes para os cidadáns en todo o territorio do Estado.
5.-. Correspóndelle ao pobo galego, a través das súas institucións representantivas, definir a política lingüística acorde co criterio de cooficialidade e de lingua propia que mesmo o actual Estatuto recoñece para o noso idioma. Esperamos o compromiso das institucións de autogoberno na defensa da igualdade plena de dereitos para o galego e na aplicación de medidas a favor da normalización dos seus usos. Neste labor contarán sempre co noso apoio.
6.- Alertamos á sociedade galega para non se deixar confundir e instámola a cavilar sobre a verdadeira situación do galego no propio país.
Defendemos un dereito humano elemental que nos define, ademais, como pobo diferenciado. Debemos ser firmes rexeitando todo posicionamento que persiga recortar dereitos ou retroceder no cativo camiño andado tanto nas administracións públicas, como na vida social.
Metamoforse
07/04/09
Delivery
Vía Capítulo 0
Atoparalo en Animación, Cine, Medio Ambiente
Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.






